CÍRCULO LÍTICO DE LOBEIRA.
Para chegar. Hai dúas opcións básicas: si saímos de Vilagarcía, hai que subir por Cornazo cara ao mirador de Monte Lobeira. Antes de chegar ao mirador, débese xirar á esquerda cara ao mirador de Faro das Lúas. Continúase recto, deixando á dereita o cruzamento que leva ao Mirador. Na primeira curva á esquerda xa se atopa o Círculo. Si saimos de Vilanova hai que subir por András cara ao mirador Monte Lobeira. Andes de chegar ao Mirador do Faro das Lúas, xa se pode ver o Círculo.
Trátase dun Círculo Lítico ben coñecido pola historiografía galega a través, primeiro de Murguía e despois de Obermaier. Non foi ata o ano 2006 que volveu a aparecer, posto que se cría desaparecido. No ano 2010 procedeuse a unha pequena intervención arqueolóxica para determinar tanto a súa naturaleza como a súa adscrición crono-cultural.
Para esta pequena reseña sigo o diario das escavacións publicadas por Beatriz Comendador no seu blog "a pedra do encanto".
A intervención arqueolóxica foi realizada por arqueólogos do CSIC coa colaboración de Beatriz Comendador. O obxectivo da intervención foi minimizar o impacto arqueolóxico obtendo o máximo de información, partindo da base dunha posible relación etre a necrópole megalítica aledaña e o Círculo. Dese xeito, planexáronse dúas sondaxes e, a partir de aí, atopouse o que se determinou como un camiño e ademais certificouse que a estrutura das pedras que forman o Círculo era moi superficial, sen ningún tipo de fosa de cimentación.
A partir destas intervencións, e á espera do traballo de laboratorio, o máis plausible é descartar a súa adscrición prehistórica: efectivamente, considérase que o Círculo é bastante posterior aos túmulos posto que o nivel de ocupación atópase moi por enriba dos da mámoa aledaña.
O Círculo de Lobeira está ubicado nunha chaira onde tamén se asentan tres mámoas orientadas do Leste ao oeste. O Círculo mide ao redor de 18 ms de diámetro e atópase a menos de dous metros dunha das mámoas da necrópole. Compónse de pedras amoreadas de case un metro de ancho e, a cada metro aproximadamente, aparecen fincadas pequenas pedras ou esteos deixando un espazo entre elas cuberto de pedras máis pequenas. Cada esteo amosa a cara plana, máis traballada, cara ao exterior.
Despois das sondaxes arqueolóxicas parece máis que probable, como dicía antes, que o Círculo Lítico de Lobeira adscríbase á época medieval. As similitudes cos círculos líticos de A Mourela en As Pontes de García Rodríguez son evidentes, tanto pola súa proximidade a unha necrópole megalítica como a existencia dun camiño primitivo. A todo iso hai agora que engadir a súa cronoloxía medieval, como xa está probado no caso de A Mourela.
Precisamente esta característica e un dos datos máis interesantes, que vinculos hai entre épocas tan disimilares como o megalitismo e a Idade Media? Est apregunta abre novos camiños e perspectivas para o estudo da sociedade tradicional galega e os seus patróns de ocupamento do territorio. Non cabe a menor dúbida de que as investigacións futuras sobre este tema arroxarán lúcidos e fecundos resultados.
Fotografías extraidas do Blog de Beatriz Comendador apedradoencanto.
En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario