ANTA-DOLMEN DE SANTO TOMÉ, O Valadouro.
Para chegar. Desde Ferreira do Valadouro, capital municipal, debemos preguntar por Santo Tomé-Rapa das Bestas, lugar ao que se chega sen ningún problema, logo de pasar o Vía Crucis e a Igrexa de Santo Tomé de Recaré. É unha subida con fortes pendentes pola que chegaremos ata unha cancela de ferro. No interior celébrase a rapa das bestas en agosto. Unha vez aquí, hai que seguir subindo e, a uns cen metros á dereita, veremos un cercado de arame fóra do recinto da rapa, que está repoboado de eucaliptos. A menos de 30 ms, no interor dese cercado, atópase a anta.
Planta da Anta de Santo Tomé, segundo Fidel Méndez. |
A mámoa na que se insire o túmulo está composta por moitas pedras que cubren a superficie. Estas pedras parecen formar parte do primeiro nivel da coiraza, que iría seguido dun segundo nivel de terra de cor marrón. As medidas, de NO-S acadan os 25 ms e no eixo SO-NL os 8 ms.
O alzado pérdese cara ao NL e N baixo unha frondosa capa de vexetación de monte baixo. Un valo de pedras construiuse empregando pedras da devandita coiraza. A mámoa presenta signos de ter sido transitada por maquinaria agrícula, provocando perdas de masa tumular cara ao SSL. A violacíon reduciuse á práctica dun acceso á camara, sen sobreescavar as lousas polo exterior.
A anta estaría totalmente cuberta pola masa tumular antes da súa violación. Trátase dunha cámara de pequenas dimensións das do tipo "cista megalítica" con forma rectangular. Catro esteos son os que dan forma á cámara que está selada por unha gran pedra cobertora. Constátase a existencia dun correor, do que só se conserva o lado esquerdo. Os meirandes esteos da cámara non sobresaen máis dun metro e cincuenta cms.
Fotografías de Ramón Boga Moscoso, 1993. |
Esta anta colécese tamén como anta do Chan do Padorno ou Mámoa do Curro e incluso O Caselo do Couso, por que está situada no Cortello do Couso.
Din os paisano da zona que en "Santomé contaban que os mouros tiñan un encanto e un escano de pedra. O lugar onde está a cámara tamén se coñece, por si fora pouco, coma "A Torez". Recentemente atopáronse restos de pintura.
Debuxo de Ramón Boga Moscoso |
CÍRCULO LÍTICO DE PRADO DAS CHANTAS.
Atópase nunha chaira ben delimitada por esteos que teñen unha distancia de separación de 25 cms. Polo que ollamos ao pé do xacemento así como na ortofoto, a tipoloxía do peche non é continua senón que presenta sectores ben diferenciados. No lado N e L amosa ocos que semellan accesos. Na parte O presenta restos dunha estrutura cadrangular pétera de 9x10 ms aproximadamente. Tanto pola súa forma en planta como pola topografía do terreo, parece que en orixe este círculo posuía forma oval orientada L-O e que posteriormente foi ampliada cara ao sur. A súa cronoloxía é dificil de precisar, pero non sería extrano que a construción orixinal fose prehistórica posto que algúns dos esteos do sector NO e N aparecen traballadas de xeito semellante aos esteos das cámaras megalíticas. A ampliación podería ser moderna ou contemporánea.
Fotografías de Fidel Méndez e Moncho Boga, 2008. |
MÁMOAS E ALIÑAMENTO DO CHAN DO PADORNO
Na mesma chaira na que se atopan estas dúas mámoas, que presentan cono de violación e algún resto de esteos que poden ser da estrutura arquitectónica ou da coiraza pétrea, aparece un perfecto aliñamento de pedras que non sobresaen máis de medio metro de altura. A súa situación á beira da necrópole fai pensar nunha estrutura prehistórica, peron non podemos precisar si o é ou non. Simplemente quero deixar constancia aquí da súa existencia.
O aliñamento coa mámoa ao fondo á esquerda. 2008.
Dúas fotografías do posible aliñamento. 2008. |
OUTRAS COUSAS DOS CHANS DO PADORNO
CÍRCULO LÍTICO DAS PEDRAGOSAS
Para chegar. Chégase por unha pista que sube ao Chao do Lamoso, entre as parroquias do Cadramón e Frexulfe. Descuberta en 2004 por Xesús Pisón.
Este curioso elemento foime amosado por Xesús Pisón, un apaixoado e xa experto coñecedor dos xacementos prehistóricos do Valadouro. Pisón envioume un correo cunha foto espectacular e rara dentro do contexto megalítico de Galicia. Solicitábame a miña opinión sobre a súa adscrición crono-cultura.
Contábame que desde que descubrira esa extraña estrutura, amosoulla a José María Bello, a Manuel Lestón a a outros arqueólogos. As opinións foron dispares e a estrutura foi catalogada como unha mámoa. A xuizo de Pisón, presenta unhas características que non encaixan nas características tipo dunha mámoa, consideración coa que estou completamente de acordo. Describiáa así, pouco máis ou menos: dous círculos concéntricos feitos con seixos amoreados, algún de maior tamaño fincado no chan. O círculo maior está pechado e ten de diámatros 9,3 ms no eixo N-S e 9,5 no eixo L-O. O círculo mento acada 3,8 ms no eixo N-S e 4,2 no eixo L-O e presenta unha abertura oirentada cara ao leste na que se aprecina deitadas dúas pedras rectangulares de 60 cms aproximadamente de lonxitude. No centro xeométrico do círculo hai unha pedra plana de 115 cms de lonxitude, 78 cm de ancho e uns 20 cms de esperor.
Para mín que se trata dun círculo de pedra prehistórico. Podería ser o esqueleto dunha mámoa: os círculos de pedras poderían ser os aneis perimetrais dunha mámoa. Si esto fose así, a erosión nesta zona tivo que ser tremenda, non quedando pegada ningunha da mámoa na que se inserían os aneis. Sinalar que a estrutura máis semellante que atopei en Galicia atápase no illote do Guidoiro Areoso, concello da Illa de Arousa, que se amosa tamén neste blogg.
Círculo lítico das Pedragosas. Fotografía de Xesús Pisón. |
ANTA-DOLMEN ARCA DE SINÁS, O Cadramón.
Está emprazada á beira do Camiño Vello a San Andrés de Teixido. Como tantas outras necrópoles galegas, sempre vencelladas a rotas prehistóricas.
Son dúas mámoas das que a que aquí vemos conserva a posible pedra cobertora apoiada nos esteos da cámara megalítica. Espalladas por enriba da mámoa, unha gran morea de pedras miudas. Como se pode observar na fotografía, amosa planta cadrangular composta por tres esteos. Podemos dicir que, tipolóxicamente, adscríbese ao tipo de monumentos denominados "cistas megalíticas".
OUTROS ELEMENTOS NON COMPROBADOS NIN VISITADOS. Tamén son de problemática adscrición. Curiosidades do Padorno.
O PAU DA VELLA.
Atópase na Serra do Buio, sinalando o límite entre os concellos de Viveiro, Xove, Cervo e O Valadouro.
Trátase dunha cruz exenta de feitura moi tosca, elaborada nunha soa peza case plana e cos brazos apenas esbozados. Semella unha cruz grega.
Esta cruz ou estela antropomorfa xa foi publicada por Castelao (1959) e é moi semellante a algunhas estelas descubertas no interior dalgunhas antas. Si Pau da Vella é sinónimo de "Fuso da Bruxa" ou "Fuso da Moura", é probable que se trate dun elemento prehistórico tipo pedrafita, posto que estes topónimos designan en Galicia a estes elementos megalíticos (Pisón).
Acada unha altura dun metro e cinco centímetros; o largo dos brazos é de sesenta e cinco cms e o largo no corpo é de trinta e cinco cms. Está feita de granito e ubícase a 705 ms sobre o nivel do mar.
Xesús Pisón reproduce unha lenda que se repite en moitos currunchos de Galicia: "Algún tempo os curas do Valadouro, de Cervo, de Viveiro e de Xove ían unha vez no ano ao Pau da Vella e xantaban sentados en roda arreodor da cruz". Eu engado, cada un na súa parroquia.
CÍRCULO LÍTICO DO PRADO DO XESTO
Información de Xesús Pisón: Sitúase so pé da cabeceira da Fraga das Leiras que delimita as parroquias de Frexulfe e O Cadramón, no territorio natural desta última. O período cronolóxico é impreciso e non se pode determinar.
Trátase dun círculo de pedras de forma ovoidal, pechado con plantas e arames. Actualmente funciona como cercado para o gando.
Parece que se pode ver desde a estrada que sobe ao respaldo dos Penidos, douscentos ms antes do rampla que leva ao Penido Vello; tamén desde a pista do Chao de Lamoso.
Esta é a única fotografía que puiden conseguir do Prado do Xesto: apréciase perfectamente a súa forma oval.
PEDRAFITA-MENHIR DE A VEIGA MOL.
Trátase, segundo a fotografía, dun gran bloque de granito con forma cadrangular tendendo ao círculo, do que descoñecemos case todo: as medidas, se ten algún tipo de gravado, etc. Sen embargo, pola feitura que se aprecia na probe fotografía de que dispoñemos, case con toda seguridade podemos afirmar que se trata dunha peza traballada polas mans do home.
Fotografías de Manolo Camba. |
PEDRAFITA-MENHIR DE A ESQUEIRA.
Está ubicada á beira do Camiño Vello do Mosteiro. O mesmo que para case todos estes elementos, non temos case ningún elemento para a análise desta pedra situada á beira do camiño.
Fotografía de Manolo Camba. |
GRAN PEDRAFITA-MENHIR.
Prado, Altitude 671 ms.
Atópase "no centro dunha pista circular eólica á
beira da estrada". Parece que mide 10 ms de longo e está partida pola base.
Fotografía de Manolo Camba. |
PEDRAFITA-MENHIR DA SERPE.
Atópase a 510 ms de altitude. Está á beira do "Camiño Real cara ao Grande
Asentamento".
"Podería tratarse do
marco de “situación” do Grande Asentamento. Fica a 15 ms da ponte. Amosa por unha das súas
caras dous trazos (L-O)".
PEDRAFITA-MENHIR DO OUTEIRO DAS PARAÑOAS.
Sen ninguha outra información.
ASENTAMENTO.
Manolo Camba: "Este asentamento poderíamolo clasificar como de privilexiado, pois a súa situación fica nun dos descansos da Veiga Mol, a un paso da forte aba do Lombo da Camposa, dominando toda a extensa área da Chaira. Nestas dúas fotos ollamos a súa parte traseira, con estas penas chantadas xunto cós montículos de terra que fican na súa beira. As fortes penas que forman o asentamento forman uns acougos, no que atopamos unhas cazoletas de bo tamaño. Na súa bisbarra, os grupos pétreos fican un pouco alonxados desta construción".
Gran pedrafita moi cercana ao círculo lítico. Segundo Manolo Camba, "Aínda que podería ser un dos esteos dunha anta, a súa posición e orientación podería ter unha lectura distinta". O amigo Manolo considera que esta é unha pedrafita; para min probablemente é un elemento prehistórico, pero sempre coas dúbidas razonables con respecto a esa consideración.
SEGUNDA PEDRAFITA-MENHIR CADRANGULAR.
Fotografías de Manolo Camba. |
A 2ª pedrafita cadrangular fica na aba da Veiga Mol, a uns metros por enriba do camiño que atravesaba a Veiga preto do cercado. Ten a mesma forma que a anterior e distan entre sí uns setecentos cincuenta metros.
As fotografías foron escaneadas da publicación "O Prado das Chantas" Boletín mensual do Conxunto Etnográfico e Arqueolóxico de Santo Tomé-Os Penidos da Liga Céltica Galaica. As fotografías en cor fóronme enviadas por Manolo Camba.
No hay comentarios:
Publicar un comentario