viernes, 20 de junio de 2025

PEDRAFITA-MENHIR CRUZ DE GRACIA. Santa María de Tardade, Vilalba.

PEDRAFITA-MENHIR CRUZ DE GRACIA.

SOSPEITOSOS HABITUAIS XII.

"Porque encender velas junto a las piedras y a los  árboles y a las fuentes y en las encrucijadas, ¿qué otra cosa es sino culto al diablo? Observar la adivinación y los agüeros, así como los días de los ídolos, ¿qué otra cosa es sino culto al diablo?."

San Martiño de Dumio, "De Correctione Rusticorum".



Debuxo do anverso da Cruz de Gracia.
Moncho Boga, 2024.



Debuxo do reverso da Cruz de Gracia.
Moncho Boga, 2024.

A insospeitada pedrafita-menhir-cruceiro de Gracia ubícase nun cruzamento nos arredores do lugar Cruz de Gracia, pertencente á parroquia vilalbesa de  Tardade. Trátase dunh gran esteo de granito chantado no chan. Ao seu carón sae unha corredoira primitiva flanqueada de carballos e, aos seus pés, unha poderosa pedra de granito tirada no chan. Un pouco mais preto da estrada asfaltada, eríxese un fito chantado moito mais pequeno e de diferente feitura. En fronte, do outro lado da estrada, dúas fermosas casas tradicionais, unha delas en estado ruinoso e a  outra ben restaurada: aprécianse todos os elementos adxetivos que caracterizan unha casa tradicional galega. Desde A Capela da Ascensión, por unha pequena estrada que leva á parroquial de Santa María de Tardade, a pouco mais de trescentos metros, atópase a nosa sospeitosa pedrafita.



Fotografía de Óscar Franco, en partimoniogalego.net

Mantiña Castelao, no seu monumental traballo "As Cruces de Pedra na Galiza", que os megálitos bretóns e os británicos talvez non existan en Galiza; sen embargo, matizaba pouco logo, que é probable que antigamente existiran, e tamén consideraba necesario falar deles posto que a gran abundancia de "cruces outas"  que motean os países celtas "proveñen do menhir" e tamén teñen a súa orixe no chamado culto ás pedras ou litolátrico.



Fotografía de Óscar Franco.

Conta Castelao que os peregrinos xacobitas usaron as estradas romanas e deduce que os miliarios serviron de soporte ás primerias cruces. Sinala varios miliarios cristianizados que semellan padróns coroados por cruces que amosan a feitura do "lech" bretón (megalito hemiesférico ou oblongo empregado cunha finalidade ritual ou conmemorativa). O prototipo, segundo Castelao, pode ser a pedrafita cristianizaza das Portillas, idéntica a moitas pedrafitas da Bretaña francesa, da que falaremos nunha vindeira entrada.



Fotografía de Óscar Franco, facebook.

Estamos nun caso extraordinario, como hai outros moitos, dentro da ampla tipoloxía de pedrafitas que van aparecendo pouco a pouco en Galiza. Castelao estaría abraiado: na súa época simplemente non existían porque non se vían, non se miraban ou non se atopaban. O egrexio sabio de Rianxo consideraba que os menhires foran sustituidos polos milleiros de cruceiros que xalonan a xeografía galega e, sobre todo, os camiños. Os cruceiros en principio serían como sinais de direción, logo de proteción e, por último, elementos representativos da devoción popular.



Fotografía de Óscar Franco, facebook.

Sen embargo non é este o lugar onde me propoño analizar si a cuestión dos cruceiros é ou non un sustituto das pedrafitas, mais, sin que sirva de regla, semella que nalgúns casos podemos atopar reaproveitamentos, a utilización de vellas pedrafitas como elementos cristianizados a xeito de cruceiros. Poucos casos pero significativamente paradigmáticos que, por suposto, non constitúen unha regla (como dícía antes) no infinito universo das pedrafitas galegas.Trátase de dous vetustos esteos de granito pizarroso ergueitos en terras de Vilalba.



Fotografía de Óscar Franco, facebook.

Unha suxerente liña de investigación proposta por Dolores González de la Peña no seu blogue arqueotoponimia sinala  que en Galicia non houbo unha sustitución dos "mercurios" ou postes sinalizadores nos camiños por cruces, senon que houbo unha continuidade dun elemento prerromano cruciforme ata que finalmente foi adoptado polo cristianismo e dicir, Cristo no seu papel de pastor, de guía, ben podía sustituir aos lares viais romanos. A chave da interpretación atópase nos rituais relacionados con elas: acender velas nas encrucilladas, deixar moreas de pedras, elaborar conxuros, enterrar aos nenos que nacína sen bautizar, realizar ritos curativos de enfermidades tradicionais...



Fotografía de Óscar Franco, facebook.

Sexa como sexa, hoxe en día sabemos que as pedrafitas en Galicia non desapareceron, sempre estiveron aí: ou ben físicamente, agachadas entre o bosque remoto, ou ben a súa presenza podíase explicar pola pegada invisible da súa ausencia. Cruces, penedos, culto aos lares viales, sinalizadores de camiños, de necrópoles, presenza de lendas, de culto as pedras, símbolos fálicos, observatorios astronómicos, marcos de término, reutilización en antas, reutilización en construcións adxetivas tradicionais, marcadores de mananciais... As pedrafitas sempre estiveron aí, aquí, mimetizadas no espazo-tempo, reutilizadas tamén como cruceiros, como símbolos que a sociedade tradicional galega sempre soubo recoñecer. Cambio de tempos, de usos, pero similar importancia, sacralidade e omnipresencia.



Fotografía extraída de Google Maps.

A Cruz de Gracia, ubicada na parroquia de Santa María de Tardade, no lugar do seu mesmo nome, é un bloque de pedra moi estilizado que amosa na croa un un perfecto rebaixe rectangular feito para colocar unha cruz de ferro ou de madeira. Un posible exemplo de reutilización das pedrafitas que xalonaron os nosos camiños prehistóricos. Un sospeitoso habitual mais dentro do acervo pedrafiteiro galego.


En Sigrás, chegando ao verán do ano 2025.

Saúde, sorte e libros!!!


BIBLIOGRAFÍA E ENLACES


Afonso R. Castelao: "As cruces de pedra na Galiza" Ed. Akal.

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=menhires

https://www.academia.edu/32335741/Mart%C3%ADn_de_Braga_De_Correctione_Rusticorum_574_1

https://www.facebook.com/groups/CruceirosGalicia/posts/1856591354524332/

http://patrimoniogalego.net/index.php/112013/2021/11/cruz-de-gracia/?

fbclid=IwY2xjawLAtEZleHRuA2FlbQIxMAABHtF1niC6cz17BHBvuQcnh14sn22BmhfTj8jEsCuaBZrNlbf00xn-QLIbpHOX_aem_CRKyG-dmmTurjN0oC1sVvw

No hay comentarios:

Publicar un comentario