PEDRAFITA-MENHIR CRUZ DE GAIÁN.
SOSPEITOSOS HABITUAIS XIII
"Vale más una tierra con árboles en los montes que un Estado con oro en los bancos..."
Alfonso R. Castelao
Debuxo de Moncho Boga, 2025.
A parroquia de Santa María de Soexo, onde se ubica o lugar de Gaián, pertence ao Concello de Vilalba. Ao norte linda coas parroquias de Alba e Belesar e polo sur unha parte da parroquia pertence ao Concello de Guitiriz. Atópase a uns quince quilómetros de Vilalba.
 |
Google maps |
Para chegar ao lugar de Gaián recomendo partir da estrada N-634 desde Baamonde e coller un desvío á esquerda onde hai unha sinal que dirixe a Casas Novas: hai que cruzar por debaixo da Autoestrada e seguir por unha estreita estrada flanqueada de carballos e extensas pradeiras. Débese seguir a dirección que sinala Soexo e chégase dereitamente a Gaián.
 |
Fotografía de Óscar Franco, patrimoniogalego.net
|
Como vos podedes decatar, hoxe vou dar un salto, unha saída imprevista diante de dous elementos novos para mín (o outro é a Cruz de Gracia) que me fan pensar noutros vierios de investigación e de interpretación encol das pedrafitas galegas. A verdade é que non son opinións novedosas, pero si que son reveladoras de horizontes que estaban aletargados e imprecisos. Tanto Castelao como Cuevillas avanzaron esta hipótese que non foi moi desenvolvida posteriormente...Vou voltar, xa que logo, ás terras de Vilalba, á histórica bisbarra de Terra Cha, esa ben caracterizada comarca galega oculta no corazón da provincia de Lugo. Terras linaxudas, terras de suave orografía, terras altas, agarimosas.
 |
Fotografía de Óscar Franco, patrimoniogalego.net
|
E nestas terras, terras fronteirizas co Concello de Guitiriz, tamén da Terra Cha, aí, perdida nun curruncho da parroquia de Soexo, nun lugar chamado Gaián, atópase este erecto e estilizado esteo de granito que amosa ben ás claras unha total similitude coa Cruz de Gaián. Neste caso, ademais, conserva a cruz de ferro alanceolada coa que foi cristianizada a pedrafita, sempre considerando a veracidade da hipótese.
Atópase nun cruzamento de camiños, nun lugar propio cando se trata de sinalizadores de rutas históricas, talvez prehistóricas. Para min é outro claro exemplo de cristianización dunha pedrafita-menhir, un nidio expoñente da conversión das pedrafitas en cruceiros para acompañar a aquel que camiña tamén polos roteiros da vida. Elemento que cuida os camiños, como as hermae ou os mercurios romanos, elementos que acompañan, que defenden, que protexen, similar aos lares viales que tanto abondan na xeografía arqueolóxica romanizada en Galicia.
 |
Lugar de Gaián, google maps. |
Reaproveitamento..., e dicir, as pedrafitas non desapareceron do territorio galego, as pedrafitas persisten teimudas con gritos de silencio milenario, con outras funcións ou semellantes, pero siguen aí, impertérritas, vigorosas, altivas, silentes. Neste caso, como no da Cruz de Gracia, non estamos diante dun caso de sustitución dunha pedrafita por un cruceiro, senon no feito expeditivo de cristanización directa dunha pedrafita chantándolle directamente unha cruz na croa, na cima.
En definitiva outro sospeitoso habitual na nosa listaxe de pedrafita-menhires que siguen a aparecer na ampla xeografía megalítica galega. Por suposto, esta hipótese será repudiada sen contemplacións no momento no que se manifeste a data exacta da colocación mais ou menos actual desta de momento prehistórica e sospeitosa pedrafita. Á espera de poder visitar estas curiosas e extrañas monimentos megalíticos (casos ben únicos polo rebaixe para colocar a cruz) e analizalas polo miudo, deixarei en suspenso o xuizo e seguirán a ser tremendamente sospeitosas.
En Sigrás, no San Xoán de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
ENLACE
https://patrimoniogalego.net/index.php/112009/2021/11/cruz-de-gaian/
No hay comentarios:
Publicar un comentario