martes, 17 de junio de 2025

ANTA-DOLMEN DE BORRAXEIROS, NECRÓPOLE DAS DEVESIÑAS. San Cristovo de Borraxeiros, Agolada.

ANTA-DOLMEN DE BORRAXEIROS

"Algunos libros deben ser probados, otros son para ser tragados y algunos son para ser masticados y digeridos."

Francis Bacon

 


 Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Hoxe volto ás extraordinarias Terras de Agolada, esas terras que me siguen atraendo coma un imán. Unha viaxe marabillosa, malia que só sexa coa imaxinación e, por suposto, con internet. Unha viaxe marabillosa ás dezanas terras de Agolada: desde Melide, xa sabedes, transitamos pola AC-840 e logo de cruzar a Ponte do Arcediago, que salva as augas do río Ulla, xa entramos na provincia de Pontevedra pola estrada PO-840. Un fermoso tramo ata a capital municipal.



Fotografía de 
https://www.wikiloc.com/outdoor-trails/
necropole-das-devesinas-15922205

Agolada é un concello que xa se constitúe nunha das principais estacións megalíticas de Galicia, tanto pola cantidade de antas e dolmenes como pola súa calidade. Hoxe imos incrementar a cantidade e a calidade cun novo exemplar que se atopou no ano 2016 na parroquia de Borraxeiros.

Pois ben, nalgún lugar da parroquia de San Cristovo de Borraxeiros, atópase a anta do mesmo nome, dada a coñecer polo lalinense García Alén, como dicía antes, no ano 2016. A min chegoume por unha nova no xornal La Voz de Galicia. 



Fotografía de García Alén, de Patrimonio Galego.net

En efecto, a anta, ata ese momento, non estaba catalogada e, por suposto, era un elemento megalítico descoñecido tanto pola comunidade megaliteira como polas autoridades encargadas de velar pola integridade, conservación e catalogación destes grandes monumentos.

A Anta, segundo relataba García Alén na nova do xornal, forma parte dunha necrópole que quedou ao descuberto cando se procedeu ao desbroce dun piñeiral. O lugar de emprazamento desta pequena necrópole coñécese co nome de As Devesiñas e está nós lindeiros entre os concellos de Agolada e Antas de Ulla. Componse de tres mámoas e están, entre a primeira e a terceira, a unha distancia duns cen metros. O seu descubridor destaca unha delas, a situada mais ao sur, polas súas dimensións, posto que acada os vinteseis metros de diámetro e está a conservar dous chantos da cámara megalítica así como outra enorme lousa tirada no chan que mide mais de dous metros e medio. 


Fotografía megaliticia.blogspot.com


A uns corenta e cinco metros ao suroeste, aparece a segunda mámoa que mide dezaoito metros de diámetro moi esnaquizadaa e con evidencias dunha violación para extraer os chantos da cámara: debido a esto, a altura non sobrepasa o metro. A terceira mámoa atópase a menos de corenta metros da anterior e amosa unhas medidas semellantes.

 

Fotografía megaliticia.blogspot.com

Entre estas dúas mámoas, que non conservan á vista ningún resto da cámara, pódense observar diversos esteos que probablemente formasen parte das súas estruturas arquitectónicas. Nas fotografías que  puidemos contemplar, podense albiscar os restos da coiraza pétrea.



EN BORRAXEIROS HAI MAIS

Xa que estamos nesta fermosa parroquia, e por non achegármonos ás Mámoas do Acedo, imos recomendar dous recursos histórico-artísticos que é necesario visitar baixo calquera punto de vista a saber, o Castelo-Pazo de Borraxeiros e a igrexa de San Cristovo do mesmo nome.


Igrexa de San Cristovo de Borraxeiros. 

De orixe románico do século XII con reformas posteriores. Aínda así conserva a porta occidental que se desenvolve a través de dúas arquivoltas con catro columnas acodilladas nas xambas, que rematan con capiteis labrados con motivos xeométricos e vexetais. 



Portada occidental da Igrexa de San Cristovo de Borraxeiros
Foto: Concello de Agolada.

As arquivoltas, no extremo mais alonxado, coroan cunha moldura axedrezada e logo deistribúense a través de mediascanas e boceis, nos que se insiren bolas equidistantes. O tímpano, bordeado con arquiños de ferradura cegos, e unha cruz grega no centro xeométrico.

Fortaleza-pazo de Borraxeiros.

Nunha descrición do século XVIII descríbense as poderosas murallas ameadas, as pedras armeiras dos Salgado así como, cara ao oeste, a cimentación dunha torre; cara ao leste un foxo e un contrafoxo cheos de auga.  Hoxe en día a fisonomía do que fora unha poderosa fortaleza medieval, adoptou a imaxe dunha residencia pacega señorial.
 


Fotaleza-pazo de Borraxeiros.
Fotografía: www.paxinasgalegas.es

A fortaleza, antes da súa restauración-reconstrución, posuía poderosas murallas ameadas, torre da homenaxe así como foxo  e contrafoxo. O primitivo castelo figura na relación dos derrubados polos Irmandiños feita polo licenciado Molina. En definitiva, unha extraordinaria construción ubicada nunha tamén extraordinaria ubicación. É necesario visitala sen mais ningún tipo de disculpa.


En Sigrás, nun día chuvioso e húmido de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


COUSAS MOI INTERESANTES

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de_9.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2016/10/20/roza-dejo-descubierto-necropolis-borraxeiros/0003_201610D20C4993.htm

lhttps://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2016/10/20/roza-dejo-descubierto-necropolis-borraxeiros/0003_201610D20C4993.htm

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/pazo-de-borraxeiros-agolada-17947.html

https://www.wikiloc.com/outdoor-trails/necropole-das-devesinas-15922205

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/dolmenes-pontevedra.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/89989/2016/10/necropole-da-devesina/

No hay comentarios:

Publicar un comentario