viernes, 9 de mayo de 2025

ANTA-DOLMEN PICO DAS PALLAS. San Cibrao de Aspai, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN PICO DAS PALLAS

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO V

"La vanidad nos persigue hasta en el lecho de la muerte. La soportamos con entereza porque deseamos superar su terrible grandeza y cautivar la admiración de los espectadores."

Santiago Ramón y Cajal

 


Debuxo de Moncho Boga, 2024.

E sigo coa miña ruta particular, ruta dos sonos, dos megalitos que me levan a épocas ignotas perdidas nas brumas dos tempos, pouco coñecidas, das que non facemos mais que imaxinar, que construir un mundo que seguramente non se acerca nin de lexos á mais remota realidade. Pero atrae coma un imán, atrae sen compasión, sen deixar acougo, estimulando unha imaxinación que talvez non sexa lexítima, pero que sen dúbida constitúe todo un placer.



Fotografía de Núñez Jato.

A Anta-dolmen do Pico das Mallas atópase encravada no Coto de Province, na parroquia de Aspai, nun alto con amplo dominio visual sobre toda a contorna. Foi documentado na memoria de prospección realizada por Núñez Jato no ano 1990, onde aclaraba que o seu emprazamento estaba moi próximo á Anta Forno dos Mouros, na cima dun outeiro moi próximo. Tamén clarexaba que o Pico das Mallas facía de marco de termo entre os concellos de Friol e Outeiro de Rei.



Foto Ruta Arqueolóxica do Acevedo. 
Concello de Outeiro de Rei.

Segundo o ubicuo e incansable investigador Xabier Moure, foi documentada por el mesmo en outubro de 2016. Sen embargo Núñez Jato no ano 1990, como dicía antes, xa definia e documentaba esta cámara megalítica do seguinte xeito, pouco mais ou menos: conserva catro esteos da cámara, e na parte superior dun deles aparecía gravado un cadrado, aínda que o debuxo estaba moi erosionado. No lado oeste da mámoa aparece escavado un dos muros que antiguamente empregábanse para separar os terreos particulares.



Fotogarafía do blogue megaliticia.

Sexa como sexa, a anta-dolmen Pico das Mallas atópase a case quinientos cincoenta metros de altitude e está inserida nunha mámoa que mide ao redor de catorce metros de diámetro por uns dous metros de altura. 



Planta da anta Pico das Mallas.

En calquera caso e en definitiva, o conxunto componse a través dun túmulo de forma hemiésferica  apreciándose en toda a súa superficie abondosas pedras que, con seguridade, formaban a coiraza pétrea. Na parte superior ou croa destaca o funil de violación que está a acubillar a cámara que conserva tres chantos da súa estrutura arquitectónica. A mámoa  acada nos eixos meirandes ao redor de dezaseis metros e a altura non chega aos dous metros.



Foto Ruta Arqueolóxica do Acevedo. 
Concello de Outeiro de Rei.

Parece ser que non se aprecian alteracións significativas con respecto á descrición de Núñez Jato nin do informe realizado no ano 2016 por G. Meijide e J. Senín.



Foto Ruta Arqueolóxica do Acevedo. 
Concello de Outeiro de Rei.

Moure cóntanos que  non moi lonxe da anta do Pico das Mallás aparecen ao redor dunha ducia de túmulos e algúns petroglifos que él mesmo localizou o mesmo día do ano 2016.



Fotografía do blogue megaliticia.

Semella que no ano 2016, segundo Moure, non estaba catalogada; sen embargo, a día de hoxe a anta   denominada Pico das Mallas I, está catalogada en Patrimonio da Xunta de Galicia co códico GA27039087, despois da comunicación de  Moure a Patrimonio.


En Sigrás, nos mes dos maios e das frores, 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


INFORMACIÓN MOI ÚTIL

https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo
https://patrimoniogalego.net/index.php/90099/2016/11/mamoa-do-pico-das-mallas/
https://megaliticia.blogspot.com/2015/12/mamoa-do-pico-das-mallas.html
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883#lb-embed
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html



No hay comentarios:

Publicar un comentario