xoves, 24 de setembro de 2026

ANTA-MÁMOA DA MINA DA BOUZA DO PRIM. Santa María de Cobas, Cea

ANTA-MÁMOA DA MINA DA BOUZA DO PRIM

"Lo maravilloso de la guerra es que cada jefe de asesinos hace bendecir sus banderas e invocar solemnemente a Dios antes de lanzarse a exterminar a su prójimo."

Voltaire


Debuxo de Moncho Boga, 2026.

No ano 2013, unha nova no xornal Faro de Vigo daba conta do achádego dunha inédita anta en Terras do Carballiño, no Concello de Cea. Informaba que a anta fora descuberta polo arqueólogo Jorge Lamas Bértolo e mais polo historiador Juanjo Álvarez, ambos os dous membros do Grupo Ecoloxista e do Centro de Estudos Chamoso Lamas. Despois disa nova e da fotografía que a acompañaba cos dous descubridores, pasou un tempo ata que souben algo mais: foi a través do extraordinario blogue de Alex Negreira megaliticia.blogspot.com xa hai uns anos. As fotos que amosa son extraordinarias; tamén se pode escudriñar a súa entrada de sendeirismo en wilkiloc que reseño nos enlaces ao final.


Debuxo de Moncho Boga, 2026.

Sen embargo, a Anta da Mina da Bouza do Prim, en realidade foi redescuberta por estes dous extraordinarios pesquisidores das nosa arqueoloxía e historia, non descuberta posto que a mámoa está catalogada  desde o ano 1995, co número de rexistro GA32076010. 


Plano de situación. Google maps.

Para chegar como xa sabedes, é posible que a descrición que vou realizar non vos leve a ningures; non obstante eu o paso ben con estas descricións. É necesario por iso levar o XPS. Aí vai: chegaremos a Cea e collemos a estrada OU-901 de Porto Amieiro. Logo de pasar o cruzamento de A Martiña, a uns setecentos metros despois dunha curva á esquerda, hai que coller o camiño á dereita con direción norleste-leste. A partires de aquí o camiño vai entre pradeiras ata que chegamos a un poderoso e senlleiro carballo desde o que sae un carreiro á dereita que segue parello ao anterior camiño: a direción é cara ao sul. A uns cen metros a anta aparece, entre a vexetación frondosa, á esquerda. En xeral, desde Cea iremos en automóbil e despois hai que camiñar case un quilómetro.


Fotografía de Fidel Méndez, 2026

A Anta e Mámoa da Mina da Bouza do Prim emprázase a unha altitude de seiscentos vinte metros nunha área baixa que debuxa unha pequena cubeta; a contorna e a mesma mámoa están cubertan de monte baixo (xesta, toxo, carqueixa, fentos) así como algúns pinos e algúns carballos. 


Planta de Moncho Boga.

A mámoa é de grandes dimensións (uns trinta e cinco metros de diámetro) e amosa o consabido funil do minucioso espolio que afecta á zona da cámara. Esta estrutura arquitectónica talvez estea menos escangallada debido á tupida vexetación que a estivo a cubrir. O estado de conservación polo tanto é bastante bó, aceptable incluso: a pesares do tremendo espolio e o desprazamento dalgún esteo, parte da estrutura orixinal da anta aínda se está a conservar. 


Fotografía de Alex Negreira en megalaiticia.blogspot.com

Dicía antes que a estrutura arquitectónica eríxese na parte central ou croa da mámoa: os restos cífranse en nove esteos coa súa correspondente tampa ou pedra cobertora. É probable que a disposición xeral dos esteos fose alterada, como non, no intre do espolio e a lousa da cabeceira semella que é unha enorme, a de maior tamaño, que permanece orientada ao sueste.


Fotografía de Fidel Méndez, 2026.

Todo o conxunto arquitectónico organiza un espazo interno duns tres metros e medio por tres metros nos seus eixos grande e pequeno. Ao longo do tempo, contan, foi empregada como refuxio diante das inclemencias metereolóxicas, feito que se pode constatar polas pequenas pedras que pechan os ocos entre os chantos da anta. O interior da cámara mide ao redor dun metro de altura e as pegadas do lume tamén son evidentes no interior.


Fotografía de Alex Negreira en megalaiticia.blogspot.com

O estado de conservación, por último, é bastante aceptable, si esceptuamos o desprazamento dalgún esteo. Malia iso, gran parte da estrutura orixinal é probable que se estea a conservar. Polos arredores inmediatos e pola superficie da mámoa aparecen ciscalladas moitas pedras de tamaño mediano que sen dúbida forman ou formaron a coiraza pétrea.


Mosteiro de Oseira. 
Fotografía da páxina web do Concello de Cea.

Sempre é unha ledicia, un pracer e unha marabillosa experiencia camiñar polas antigas Terras do Carballiño: Cea ofrece sen lugar a dúbidas unhas extraordinarias paisaxes de naturaleza e arte que se misturan de xeito absolutamente fermoso e harmonioso. Visitar Cea é inexcusable.

EN SIGRÁS, ACHEGÁNDONOS AO OUTONO DE 2026.

SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


ENLACES E BIBLIOGRAFÍA NECESARIOS

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/dolmen-mina-da-bouza-do-prim-245243896

https://megaliticia.blogspot.com/2025/12/Mina-da-Bouza-do-Prim.html

https://www.farodevigo.es/ourense/2013/12/31/outeiro-demuestra-o-carballino-comarcas-17308384.html

PARA CHEGAR, UN ENLACE PARA UN VÍDEO DE ALEX NEGREIRA: https://www.instagram.com/p/DYzrB33iPeRZ8A7R2b232SLBjj_JmeZFT3FzQI0/?stkn=d3V0aHB1bHlqa2xh

https://www.concellodecea.com/web/es/turismo-es

Ningún comentario:

Publicar un comentario