jueves, 31 de enero de 2013

Pedra da Serpe. Gondomil, Corme. Ponteceso

Pedra da Serpe. Gondomil, Corme. Ponteceso

Este impresionante monumento, de controvertidas e contrapostas interpretacións, atópase emprazado nunha encrucillada de tres camiños. Trátase dun gran penedo que amosa esculpida nunha das caras unha enorme serpe con ás que acada unha lonxitude aproximada dun metro e vintecinco centímetros. Está feito en case bulto redondo e no ancho acada unhas medidas de entre quince e vinte centímetros. O conxunto aparece doroado cunha cruz de pedra, acostumado intento de cristianización do monumento.


Debuxo de Ramón Boga Moscoso

Estamos diante dun caso á parte dentro do megalitismo e, aínda que se coincide en que este relevo pode ser de tradición prehistórica, no estilo parece ser "provincial romano" ou posterior. Maila que o tema sexa prerromano, tanto tema coma estilo puideron transmitírense ata a Idade Media, pero conservando un estilo artístico e unha tradición relixiosa anterior, vencellada se cadra ao culto ofiolátrico, corrente aínda hoxe en día en toda a terra de Bergantiños.

Interpretacións lexendarias e míticas falan dunha gran serpe mitolóxica, deidade das tribos ártabras, relacionada coa non menos mítica Ophiusa, aludindo a unha terra poboada de serpes na que vivían as tribos que a consideraban o símbolo da súa estirpe, da súa raza. San Adrián, santo de estendida devoción e advocación na bisbarra, foi o causante do estado pétreo da nosa serpe: cando estaba a predicar por terras bergantiñáns, soubo da invasión das serpes polo que, dando un forte golpe co pé no chan, as serpes ficaron enfeitizadas debaixo ou dentro do penedo.


Cuevillas e Bouza Brey, por último, coinciden naquila interpretación ao afirmar que o significado está máis preto da prehistoria que dos tempos históricos, aínda que se pode encadrar dentro da arte provincial romana, cun tema e estilo transmitidos ata a Idade Media.

No hay comentarios:

Publicar un comentario