jueves, 24 de abril de 2025

ANTA-DOLMEN MEDORRA I DE ACEVEDO. San Pedro de Martul e San Xoán de Parada. Outeiro de Rei.

ANTA- DOLMEN MEDORRA DE ACEVEDO I.

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO 1

"Según la definición de los estoicos, si la sabiduría no es sino guiarse por la razón y, por el contrario, la estulticia dejarse llevar por el arbitrio de las pasiones, Júpiter, para que la vida humana no fuese irremediablemente triste y severa, nos dio más inclinación a las pasiones que a la razón."

Erasmo de Rotterdam: "Elogio de la locura."



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.


Vou a iniciar nesta entrada unha xeira de tres antas integradas nunha case necrópole das frondosas terras de Outeiro de Rei. Son unha serie de medorras (empregando a terminoloxía da zona) ubicadas entre as parroquias de Martul, Aspai e Parada, no lugar de Acebedo, cordal montesío que singulariza orográficamente a bisbarra. Atópanse a unha altitude que oscila entre os 475 e os 507 metros. 



Fotografía: Concello de Outeiro de Rei.

O emprazamento xeral describe unha área penechaira moi ondeada a saber, algunhas atópanse enclavadas na cima do monte, outras en espolóns achairados e as demais en suaves pendentes. Foi e é zona de monte baixo onde tradicionalmente predominou sempre o toxo. En xeral, as oito medorras que conforman o conxunto amosan violacións centrais bastante profundas. Algunhas recentes e outras xa moi antigás.

Dicía antes que este interesante conxunto de medorras megalíticas atópanse espalladas polos montes de Acebedo, desde onde contan cun impresionante dominio visual sobre as terras baixas da contorna. Das oito medorras que conforman este conxunto, sete amosan vestixios da estrutura arquitectónica ou cámara, definindo unha variada tipoloxía: cámaras de corredor, tipo cista...



Fotografía do blogue megaliticiablogspot.com.

Os túmulos son de considerable tamaño, están bastante ben conservados e a maioría deles contan con vestixios da coiraza pétrea.


 
Fotografía: Concello de Outeiro de Rei.

A Medorra do Cordal de Acevedo I xa foi prospectada por Nuñez Jato na publicación tantas veces nomeada neste blogue, no ano 1990. En xuño de 2012, nunha entrada neste mesmo blogue, dubidaba entre si este esteo era unha pedrafita ou o único resto dunha anta: Baños a consideraba unha pedrafita; Juan Núñez e Laura Rodríguez mantiñan que probablemente se tratase dun esteo dun dolmen reempregado como marco de término. Actualmente sabemos sen lugar a dúbidas que se trata do resto dunha anta encravada nun túmulo de grandes proporcións: a mámoa na que se insire tiña un profundo cráter de violación e unha canle cara ao leste. Entre os despoxos atopáronse algúns anacos de cerámica.



Fotografía extraída da revista: 
"Arqueoloxía en Outeiro de Rei: mámoas e outros restos" de Juan F Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela

Os restos arquitectónicos que se están a conservar aparecen chantados no funil de violación dun túmulo de grandes dimensións, acadando no eixo máis longo case os 25 metros. Tamén conserva numerosos vestixios da coiraza pétrea, malia que algunha das pedras que a conforman, polo seu tamaño, podería ser un chanto mais da cámara, desprazado. 



Fotografía do blogue megaliticiablogspot.com.

Á vista aparecen tres non moi grandes esteos de granito que non sobresaen da masa tumular máis de noventa centímetros. O esteo meirande chama a atención porque amosa unha gravura que, logo de moitas cavilacións e interpretacións, hoxe sabemos (grazas ás pescudas de Xabier Moure) que é moderna e está vencellada aos marcos de término. É por iso mais que  probable que os gravados sexan sinais ou marcas de termo que indican a separación entre parroquias. 

O curioso deste peza é que conserva o que semellaba  un gravado antropomorfo: unha figura de 30 cms de longo, formada por un círculo superior de 16 cms debaixo dunha raia vertical de 14 cms, así como unha circunferencia que a cruza.



Hoxe, grazas ás árduas  e teimudas investigacións de Xabier Moure, sabemos sen lugar a dúbidas que se trata dunha marca de término: as gravuras representan a "insignia del Santisimo Sacramento", segundo o expedente de deslinde das parroquias de Aspai, Martul e Parada en 1856. Trátase da representación dunha custodia ou viril onde se coloca a hostia logo de ser consagrada. Outro  dato extraordinario recollido por Moure dun pleito sobre lindes, dise que a custodia gravouse para protexer un lugar pagano e dicir, para continuar coa cristianización dos lugares paganos iniciada por San Martiño de Dumio.


En Sigrás, na primavera de 2025.
Saúde, sorte e libros!!! 


O MEGALÍTICO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI

Xa viñemos aportando recursos culturais para visitar en Outeiro de Rei noutras entradas deste mesmo blogue. E o momento de recomendar un roteiro extraordinario que visita algunha das antas-dólmenes mais interesantes deste término municipal do interior de Lugo. Trátase da Ruta Arqueolóxica de O Acevedo.



Fotografía: Concello de Outeiro de Rei.

Estamos diante dunha ruta circular que discorre polas parroquias de Martul, Aspai e Parada, cunha lonxitude de 10 quilómetros, dificultade media e duración de mais de tres horas.



Fotografía: Concello de Outeiro de Rei.

O punto de partida é a parroquia de Martul, fermosa aldea de pedra bastante ben conservada: pasaremos pola anta de Pena Dereita, os túmulos de Roza das Presas e as medorras de Acevedo VI e VII, a medorra de Acevedo VIII..., ata chegar á fermosísima aldea de Province, onde poderemos contemplar os seguintes elementos: anta de Pico das Mallas, Medorras de Province, Gravado de Galva, Anta de Pena Serrada, Medorras de Acevedo I e II, Medorra de Acevedo III e o túmulo dos Carrís, coa súa anta correspondente.



Fotografía: Concello de Outeiro de Rei.

Desde Os Carrís a ruta comenza a baixar ata a Ponte Colgante de Parada sobre o río Miño. Logo, xa pola estrada, voltaremos ao punto de partida: a parroquia de Martul.



PARA ENRIQUECER O NOSO COÑECEMENTO MOITO MAIS

https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo/

https://megaliticia.blogspot.com/2015/12/mamoas-do-cordal-de-acevedo.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/dolmenes-cordal-de-acevedo-y-pico-das-mallas-20828475

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=outeiro+de+Rei



No hay comentarios:

Publicar un comentario