 |
Panel-esquema e debuxos de Moncho Boga, 2026. |
Xa ía sendo hora de adicar unha nova entrada á fabulosa necrópole do Monte Penide, xa ía sendo hora de revisitar, coas ferramentas que nos proporciona a modernidade, as fantásticas e megalíticas terras de Vigo. Sempre será un pracer, sempre será un lecer, paponear polas súas increíbles paisaxes, as súas praias e o seu infinito mar océano. Neste caso, viaxo ao Concello de Redondela, onde se asenta a necrópole obxecto desta entrada, que se pode considerar unha prolongación ou un inicio, segundo se mire, das necrópoles viguesas do Monte Vixiador con Candeán, A Madroa...
 |
Contexto xeográfico da Chan da Cruz. De google maps. |
E o acicate, o motivo, a razón que me impulsou a este novo percorrido, foron as fotografías do blogue de Alex Negreira (megaliticiablogspot.com) onde aparecen unha xeira de boas fotografías dos restos de estruturas megalíticas ou cámaras que eu non coñecía, malia saber que existían. A limpeza e desbroce das mámoas e do monte que as rodeaba permitiu que os restos que quedan das antas sairan á superficie e poideran ser fotografiados, ser admirados, ser contemplados. Tan só coñecía a Mámoa do Rei e restos dalgún outro esteo que atopei polo camiño no medio dun espeso exército de piñeiros, aló pola década de 1990. Pois ben, esta necrópole estudada por Mergelina, García Alén, Xosé Couñago, Filgueira Valverde, Peña Santos, Álvarez Limeses, Torres Goberna, Patiño Gómez e outros, pódese caracterizar como unha das mais salientables de Galicia, sobre todo en canto á fenomenal densidade de mámoas.
 |
Mapa de Moncho Boga, unha das varias alternativas para chegar á Chan da Cruz, 2012. |
Para chegar ábrense varias perspectivas. En primeiro lugar, si imos pola Autoestrada, hai que sair en Chapela e, despois de salvar unha ponte que cruza por enriba da Autoestrada e, ao chegar ao Alto da Encarnación, seguiremos a estrada á dereita que sube a San Vicenzo de Trasmañó. Unha vez pasada a igrexa parroquial de San Vicenzo, debemos dirixirnos cara ao Campo de Fútbol: despois de percorrer ao redor de dous quilómetros, chegaremos a un cruzamento no que se asenta a Anta número 1 deste percorrido a saber, a Mámoa do Rei.
 |
Situación das antas da Rota. Google earth. |
A outra posibilidade é sair da Vila de Redondela e introducirmonos na estrada N-550 que leva ao aeroporto de Peinador. A uns catro quilómetros será absolutamente necesario coller á dereita e seguir polo Camiño da Milixosa: preto de catrocentos metros despois, seguimos á esquerda e continuamos polo Camiño do Campiño. Cando pasamos o Cemiterio de Cabeiro (a uns catrocentos metros) hai que xirar á esquerda e transitar cerca de novecentos metros polo Camiño do Soutiño, Camiño da Fonte e a estrada de Cabeiro a Trasmañó. É entón cando deberiamos chegar a un cruzamento no que hai que coller á dereita. A uns trescentos metros atópase a espléndida Mámoa do Rei, a anta mellor conservada e mais coñecida de toda a necrópole a saber, o punto de partida da Ruta.
 |
Panel da Rota existente que engade outros moitos recursos prehistóricos. Fotografía, megaliticiablogspot.com |
Posiblemente estas descricións, que a min me entreteñen moito, non sirvan para nada. É así que recomendo encarecidamente facerlle caso ao XPS e, si non é posible, levade un bo mapa, que tamén axuda moito.
 |
Mapa-Croquis da Chan da Cruz por Xosé Couñago. |
O Monte Penide-Mirallo, conforma un poderoso macizo montañoso que se eleva a uns catrocentos cincoenta metros por enriba do nivel do mar no seu punto mais alto. Emprázase no Concello de Redondela e abrangue as elevacións montañosas do extremo suroeste do concello, ocupando as parroquias de Cedeira, Trasmañó, Negros e Cabeiro. A gran necrópole tamén é coñecida como Chan da Cruz, Chan das Formigas ou Chan da Pedra do Couto, que é, este último, o nome con que as estudara e escavara Mergelina. A necrópole chegou a estar composta por unhas oitenta e cinco mámoas pero debido ás numerosas obras coma as do tendido eléctrico, as labouras agrarias e incluso a construción do Aeroporto de Peinador, posibilitaron ou foron a causa da destrución dunha boa morea delas.
 |
Anta II da Chan da Pedra do Couto, escavada por Mergelina. Foto-captura de "Notas de Arqueología Gallega", ver bibl. |
Este paradigmático conxunto megalítico desenvólvese cuns límites perfectamente definidos: a elevación coñecida como Coto Darca, e cara ao oeste o Castro Ferreiro, a partires do que se van sucedendo as mámoas ata a penechaira que remata nas estribacións do Monte Penide. Como curiosidade salientable dicir que na bisbarra as mámoas e as súas antas coñecíanse co nome de "Cortellos dos Mouros".
 |
Mapa da Chan da Cruz, por Mergelina, ver bibl. |
Malia que neste blogue ocúpome sobre todo e case exclusivamente das cámaras megalíticas ou antas, o Monte Penide conforma un complexo arqueolóxico de fabulosas dimensións, de primeiro orde, dentro dun "ranking" imaxinario na arqueoloxía galega. En efecto, aparte da gran concentración de mámoas, a chaira está repleta de numerosos paneis de petróglifos, castros, penas lexendarias, sacras..., ao que hai que engadir unhas impresionantes vistas panorámicas da Ría de Vigo. Cabe sinalar que foi no ano 2013 cando se inaugurou unha ruta para visitar e protexer estes elementos baixo o título xenérico de "Ruta Arqueolóxica de Monte Penide-Monte Mirallo."
 |
Mapa da Chan da Cruz, versión de Moncho Boga a partires do de Mergelina, 2012. |
É absolutamente necesario subliñar e recomendar o interesantísimo blogue montepenide.wordpress.com, onde o investigador Xosé Couñago propón dúas rutas arqueolóxicas que, pouco mais ou menos, conforman este inmenso conxunto: un total de trinta e cinco mámoas e cuxo número vai incrementándose a medida que se fan novos descubrimentos. Tan necesario como o blogue anterior, é o de Torres Goberna denominado oestrymnioblogspot.com, que adica numerosas entradas a esta senlleira área megalítica. Considera que o Monte Penide constitúe unha das áreas arqueolóxicas galegas que agocha o meirande número de evidencias da actividade humana en Galicia, sobre todo no período que abrangue o Neolítico ata o final da Idade de Bronce.
 |
Paisaxe da Chan da Cruz na década de 1930 segundo foto de Mergelina, ver bibl. |
Seguindo a Xosé Couñago (blogue montepenide.wordpress.com), a primeira ruta para coñecer as mámoas do Monte Mirallo é a que se atopa entre a Mámoa do Rei e o Campo de Fútbol de Trasmañó.
 |
Versión propia da Anta VII da Chan da Pedra do Couto segundo debuxo de Mergelina na década de 1930. |
A segunda ruta tamén parte da Mámoa do Rei e engade todo o conxunto da Chan da Cruz. Esta é a parte na que eu comenzo a perxeñar e que numero como me parece, non sin clarexar que seguindo calquera das rutas propostas, sexan oficiais ou non, pódense detectar perfectamemte as antas que estou a propoñer. Nesta área da Chan da Cruz están catalogadas vinteseis mámoas e hai que destacar que algunha delas foi destruída nos derradeiros anos. A área pertence á Comunidade de Montes de Trasmañó. Todas as antas e as mámoas (tamén os petróglifos e os castros) foron estudadas pormenorizadamente por Couñago no seu estupendo blogue.
 |
Alzado da Anta da Chan da Pedra do Couto XI segundo Mergelina, ver bibl. Versión Moncho Boga. |
Dicía antes que a gran necrópole Monte Penide-Monte Mirallo foi investigada mais ou menos pormenorizadamente desde a década de 1930 e, pouco a pouco, converteuse nun dos grandes referentes do megalitismo galego, sobre todo pola colosal Anta Mámoa do Rei, denominada tamén Anta da Pedra do Couto I.
 |
Plantas das Antas escavadas por Mergelina (ver bibl.), versión de Moncho Boga, 2026. |
Esta parte da gran necrópole megalítica do Monte Penide foi a área onde Mergelina afondou mais nas súas investigacións de finais da década de 1930, deixando uns debuxos, croquis e planos de singular importancia para coñecer a evolución tanto da paisaxe como da situación das mámoas ao longo dos tempos. Moitas das mámoas que escavou xa non conservan os esteos e outras siguen no mesmo lugar case sen variacións, como a gran Mámoa do Rei.
 |
Petróglifo da Chan da Pedra do Couto. Fotografía de Hidalgo Couñago. |
Como dicía mais enriba, a necrópole protagonista desta ruta, cuxo punto de saída é a Mámoa do Rei, percorre oito mámoas con algún resto da súa primitiva estrutura arquitectónica ou cámara. Esta pequena andaina, tamén se pode completar coa visita a unha boa cantidade de paneis de petróglifos. Así mesmo axudará a coñecer a Ría de Vigo desde unha perspectiva diferente: desde as alturas. A visita á Vila de Redondela é tamén unha etapa obrigatoria desta viaxe.
 |
Vistas da ría de Vigo desde o mirados do Coto da Fonteira no Monte Penide. Fotografía da web Galicia Máxica. |
Nos últimos anos a Comunidade de Montes de Negros sumouse e apoiou o proxecto da Asociación Cultural Alén Nós para a creación dun parque arqueolóxico no Monte Penide. Nos traballos de catalogación do ano 2013 atopáronse cinco novas mámoas así como un ídolo pedrafita con gravuras posiblemente da Idade do Bronce, preto do Castro de Negros. Todas estas actuacións realizáronse grazas tanto á Comunidade de Montes, á Asociación devandita como ao Concello de Redondela.
LENDAS E TRADICIÓNS DO MONTE PENIDE
Interesante e significativa é a traidición, hoxe perdida, de parar diante da Mámoa do Rei os séquitos mortuorios para rezar responsos. Talvez o mais salientable deste ríto é que posiblemente os veciños xa non souberan que a mámoa era un túmulo funerario. Trátase sen dúbida dun bo síntoma de respeto hacia as mámoas froito dunha tradición que se alonga no lonxano pasado.
 |
Castro de Negros. Fotografía de Xosé Couñago. Do blogue montepenide.wordpress.com |
Os Mouros son os habitantes perpétuos e máxicos do Monte Penide: nin morreron, nin marcharon, e viven nesta zona chea de restos arqueolóxicos que foron construidos por eles coma o seu lugar de residencia, coma o seu fogar. Pero tamén as covas e as casas dos mouros neste monte son o emprazamento onde esconden os seus grandes tesouros. Os mouros treman diante dun cristiano, pero en caso de doenza ou enfermidade non dubidan en pedirlles axuda. As mouras son extremadamente fermosas (os seus conxéneres masculinos son ás veces negros), son loiras e lávanse e peiteanse continuamente, moitas veces con peites de ouro. A tarefa á que adican a maior parte da súa existencia é a de vixiar e protexer os seus fabulosos tesouros que, como dicía, gardan baixo terra, nas mámoas e nos castros ou nas minas, e deféndenos con velenos ou con encantamentos tomando a forma dunha serpe.
 |
Cadeira da Moura. Fotografía de Xosé Couñago. Do blogue montepenide.wordpress.com |
No Monte Mirallo, por exemplo, vive a Moura do Castro de Negros, no interior dunha cativa cova que hai no castro: a Igrexa da Petra. A nosa moura, pola noite convértese nunha serpe e polo día amosa un espléndido corpo de muller loira que toma o sol e acompana aos camiñantes que transitan por estes agrestes lares.
 |
A Cama dos Nenos. Fotografía de Xosé Couñago. Do blogue montepenide.wordpress.com |
Outras moitas lendas, vencelladas sobre todo ao Castro de Negros, como a dita lenda da Igrexa de Preta, rituais de encantos e encantamentos-desencantamentos, a Casa da Moura, a Cama dos Nenos ou o ignoto río subterráneo do devandito Castro.
E PARA IR CONCLUINDO ESTE LIMIAR...
Para rematar, o Concello de Redondela ten moitos e variados recursos turísticos que non se poden nin se deben esquecer: aos seus numerosos recursos histórico-artístico e naturais hai que engadir unha xeira de roteiros e festas de interese turístico que ben merecen unha visita.
 |
Vistas desde o Monte Penide. Fotografía extraída de sanvicentedetrasmano.wordpress.com |
Por destacar algúns, a Festa da Coca, Festa do Choco, a Ruta das Pedras Agudas, a Ruta da Senda da Auga... É convinte tamén visitar a árbore senlleira denominada a Sobreira da Peneda. Pero sen dúbida recomendo descubrir, como auténticos aventureiros, os lugares insólitos que aínda agocha esta fermosa vila da Ría de Vigo, que irán aparecendo coma por ensalmo.
EN SIGRÁS, NO MES DO SAN XOÁN, 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!
BIBLIOGRAFÍA E ENLACES VARIOS
https://megaliticia.blogspot.com/2025/12/Necropole-Monte-Penide.html
José Manuel
Hidalgo Couñago e Fernando Javier Costas Goberna, “El gran conjunto megalítico
de Monte Penide, Redondela-Pontevedra.” El Museo de Pontevedra, XXXIV, 1980
Cayetano Mergelina, “Notas sobre arqueología gallega. Las
mámoas de Chan da Pedra do Couto y de San Colmado.” Boletín del Seminario de
Arte y Arqueología, Tomo 4,1º., curso de 1935-36. Valladolid, 1936.
Patiño Gómez, R.: “La necrópolis megalítica de Monte Penide – Vixiador”. Traballos de Arqueoloxía, 1992. Publicación do grupo de arqueoloxía Alfredo García Alén.
Filgueira Valverde y García Alén, “Inventario de monumentos
megalíticos de la provincia de Pontevedra.” El Museo de Pontevedra, XXXI.
Pontevedra 1977.
R. Fábregas Valcarce, X. Carballo Arceo y V. Villoch Vázquez. Petroglifos y Asentamientos: El caso de Monte Penide (Redondela Pontevedra).
Antonio Martínez Cortizas, Ramón Fábregas Valcarce, Susana Franco Maside. Evolución del paisaje y actividad humana en el área de Monte Penide (Redondela Pontevedra).
Ramón Boga Moscoso, “Guía de dólmenes de Galicia.” Bahía 1997.
Baños Rodríguez et al, “Antas e pedraditas de Galicia.” Asociación de Amigos do Museu Arqueolóxico A Coruña, 1996.
https://montepenide.wordpress.com/
https://oestrymnio.blogspot.com/2013/03/monte-penide-necropolis-megalitica-y.html
https://gl.wikiloc.com/rutas-outdoor/mamoa-inedita-1-das-pedras-do-picos-cabeiro-o-vixiador-2633234
https://web.archive.org/web/20140111003856/http://www.acitania.com/Visita_Guiada_MontePenide-ACITANIA.pdf
https://turismoriasbaixas.com/es/search/museo-virtual-monte-penide-prehistorico
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-dos-tumulos-de-monte-penide-monte-mirallo-redondela-45986051
https://www.galiciamaxica.eu/galicia/mirador-de-coto-fenteira/
https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=56&id=2345
https://sanvicentedetrasmano.wordpress.com/2013/01/28/ruta-de-los-misterios-y-las-leyendas/
https://montepenide.wordpress.com/category/castro-de-negros/
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de_9.html
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/o-castro-de-negros.html
https://redondela.gal/categoria/turismo-redondela/que-ver/
https://espanaviajar.com/pontevedra/pueblos/redondela/
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/monte-penide-roteiro-prehistorico-9144743
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2013/05/06/redondela-musealizara-mayor-yacimiento-mamoas-galicia/0003_201305V6C3991.htm
https://sanvicentedetrasmano.wordpress.com/2013/01/28/que-ver/
Ningún comentario:
Publicar un comentario