sábado, 26 de abril de 2025

ANTA-DOLMEN MEDORRA VIII DE ACEVEDO. San Pedro de Martul, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN MEDORRA VIII DE ACEVEDO.

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO IV.

"Las que conducen y arrastran al mundo no son las máquinas, sino las ideas."

Victor Hugo



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.

Redundando no que escribía nunha entrada anterior sobre a Ruta Arqueolóxica de O Acevedo, as medorras en cuestión emprázanse xeneralmente en zonas penechairas con suaves ondulacións, na cume dos montes, en espolóns suavemente achairados ou incluso en abas moi suaves ou rebaixadas. A medorra VIII de O Acevedo atópase nunha destas suaves abas, nun rechán a un costado de Trala Seara, na divisoria do Cordal. Atópase nun monte Comunal pertencente á parroquia de Martul.



Planta da Medorra VIII, versión de Moncho Boga a 
partir do orixinal de Núñez Jato.

O enclave no monte acada uns catrocentos oitenta e cinco metros de altitude e a mámoa-túmulo, na que se acubilla a anta, é bastante pequena. Tamén se pode ollar unha violación central presumiblemente antiga, pouco profunda e escasamente perceptible sobre o terreno.



Fotografía: rutasdesendeirismoblogspot.com

Núñez Jato xa a menciona no ano 1990 como un interesante túmulo coa cámara prácticamente visible na súa totalidade. Na croa ou cima da mámoa aínda está a conservar unha apreciable altura e unha boa parte da masa tumular é orixinal. Tamén, un pouco separada, aparece unha grande lousa que ben puido formar parte da tampa ou pedra cobertora: amosa as sinais das típicas cuñas feitas polos canteiros para proceder a partila. Sen embargo, por razóns inexcrutables, desistiron de proceder ao esnaquizamento da gran pedra.



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.

A un lado da mámoa aproveitouse para construir un muro tradicional de pedra para separar a parcela adxacente. Por outra banda, espalladas pola mámoa, pódense ollar unha boa xeira de pedras de diversos tamaños que seguramente forman parte da coiraza pétrea.



Fotografía extraída do blogue megaliticiablogspot.com

Hoxe en día, en canto á estrutura arquitectónica ou anta, estanse a conservar nove esteos, sen que poida concluir cales pertencen á cámara e cales ao corredor, a teor dos debuxos e fotografías de que dispoño. Aínda así, podo colexir que se trata dunha cámara pertencente á tipoloxía de cámaras poligonais con corredor corto ou pouco desenvolvido.



Fotografía: rutasdesendeirismoblogspot.com

As medidas da medorra, pouco mais ou menos, son as seguintes: no eixo N-S acada os 16,50 metros e no eixo L-O os 17. A Altura mámima da mámoa-medorra é de un metro e noventa centímetros.

En definitiva, e se queremos chegar sen maiores contratempos, será tan necesario como convinte levar o XPS.


En Sigrás, nun día calquera da primavera de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



UNHA POUCA MAIS INFORMACIÓN

Páxina Web do Concello de Outeiro de Rei

https://megaliticia.blogspot.com/2021/04/Medorra-de-Acevedo-8.html


https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2022/11/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-outeiro-de.html

Juan F. Núñez Jato, Laura Rodríguez Varela: "Arqueoloxía en Outeiro de Rei: mámoas e outros restos". BOLETÍN CROA Nº 5. 1995 páx. 16. Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga.


No hay comentarios:

Publicar un comentario