lunes, 24 de febrero de 2025

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DAS TRES MITRAS. Santa Cruz de Lebozán, Beariz.

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DAS TRES MITRAS

SOSPEITOSOS HABITUAIS XI


"Recuerda que la vida nos depara muchos engaños agradables por la vanidad de la gloria; pues cuando estamos empezando a vivir, entonces estamos muriendo. No hay, pues, cosa más inútil que la ambición."

Teofrasto


O Marco das Tres Mitras segundo versión
idealizada de Moncho Boga, 2024.

Este curioso fito, vestusto, arraigado desde séculos, no lugar de As Antas, segue a estar chantado, facendo de límite de concellos e parroquias, facendo de fronteira desde que foi chantado non se sabe cando, facendo, se cadra, de límite imaxinario e real, como sentinela atávica nos confíns de Terra de Montes. Hoxe límite entre parroquias e Concellos, noutrora límite entre os grandes e poderosos mitrados da nosa terra.

Para chegar, si non dispoñemos de XPS (feito que sería hoxendía moi raro), desde Ourense hai que coller a estrada N-541 que leva a Pontevedra: xusto na beira ou linde municipal de Beariz, á dereita da estrada nacional, localízase o marco.



O Marco das Tres Mitras antes da súa reubicación e escavación
arqueolóxica.

Foi cambiado en varias ocasións de sitio, pero sempre na mesma contorna duns cincocentos metros. Talvez debido a esto, estanlle a faltar os calzos que lle daban unha apariencia de mesa e que posiblemente fose a orixe do seu outro nome, A Mesa dos Tres Bispos. Subliñar que no ano 2005 foi derrubado por un camión e posteriormente recolocado polo Concello de Bearíz, ao que lle serve de mollón liminar. O gran Calros Solla, sempre curioso e incansable, investigador da Terra de Montes, interpreta que os calzos ausentes poideran ser motivo para considerar aquel conxunto como un "trilito". Outros consideran sen mais que simplemente era como unha mesa.

O groso da información ao redor deste marco-pedrafita-menhir, precisamente,  procede dun exhaustivo artigo do investigador Calros Solla publicado na  páxina web tabeirosmontes.



Lugar de As Antas.

Trátase dun marco de término que separaba as xurisdicións de Montes, Deza e Orcellón e dicir, a archidiocese de Compostela e as dioceses de Lugo e Ourense. 

Na década de 1940, segundo as investigacións de Solla, recoñécese e procédese ao amilloramento dos términos municipais de Beariz, Boborás e O Irixo, concellos todos eles da provincia de Ourense. O único marco de término ou mollón no que converxen os tres concellos foi o denominado "Marco das Tres Mitras", que fai alusión ás dignidades arcebispais e bispais debido a esa especie de chapeu que os identifica. Este marco, talvez pedrafita reutilizada, atopábase chantado, significativamente, na aldea de As Antas, denominada ás veces por unha especie de deturpación As Santas. O topónimo rexístrase nos tres concellos: o mesmo, como corresponde a un fito de deslinde inmemorial, reaproveitado como lugar recoñecido por todos desde sempre, desde datas prehistóricas, posiblemente.



O Marco das Tres Mitras. Fotografía de Calros Solla.

A xuizo de Solla, o topónimo As Antas pódese referir, neste caso, tanto a unha necrópole megalítica como a unha pedrafita. Eu inclínome pola interpretación de necrópole, e a pedrafita pódese considerar como estela anunciadora da necrópole ou fito dun camiño prehistórico, como adoita acontecer en outros moitos casos: o antigo camiño real, a existencia de fontes, a ubicación a media ladeira nunha portela..., todos criterios constantes nos asentamentos das pedrafitas en Galicia. No outro lado da estrada aínda se está a conservar unha pequena mámoa moi esmorecida coñecida co nome de Mamoíña das Antas.

A pedrafita-marco-menhir atópase ao carón da estrada N-541, a estrada de Ourense, despois do lugar da Ermida, onde está a aldea de As Antas, o que ben a demostrar talvez a existencia da devandita necrópole megalítica e a íntima conexión co Marco das Tres Mitras. Por iso este marco, no lugar de As Antas, nomeado por vez primeira no século XV, reforza a consideración como lugar de fronteira, tanto de vivos coma de mortos.



O Marco das Tres Mitras. Fotografía de Calros Solla.


Dentro dos moitos datos sustantivos que aporta Solla no seu estudo sobre este Marco, destaca a consulta das actas de amilloramento de 1940, que lle vale para centrarse nun dos marcos de término "mais relevantes da histórica comarca de Terra de Montes do Antigo Reino de Galiza".

Houbo amilloramento no ano 1934 e no ano 1940. O que nos interesa aquí é o de 1934 no que, sen entrar en detalles, faise unha sucinta descrición do Marco por parte do topógrafo destinado a tal fin. Pouco mais ou menos describe a posible pedrafita deste xeito, resumido: trátase dun fito pizarroso con forma paralelepípeda recto e rectangular, cuxas dimensións son duns corenta centímetros para a lonxitude, dezaseis centímetros para a latitude na súa base e noventa centímetros de altura. Ten gravado unha "S" e unha "O" na cara do leste, e, o que a min me parece mais significativo e interesante: "...además de otros signos indescifrables", talvez gravuras prehistóricas. Este mollón, continúa o topógrafo, é coñecido co nome de "Marco de las Tres Mitras" e atópase no lugar de "Las Santas". Desde o Mollón vese ao norte o Monte Coco e ao suroeste o Monte "Marcotín".



O Marco das Tres Mitras. Fotografía de Calros Solla.

No ano 2019 Calros Solla foi na busca do punto de interseción marcado polo visor da web da "Información Xeográfica de Galicia". Nesa converxencia, ao carón da estrada Vella a Ourense (antigo Camiño Real) ao seu paso pola aldea de As Antas e o Regueiro. O Marco, segundo as pescudas de Solla, cambiou de sitio: agora aparece ubicado na beira esquerda da N-541 sentido Ourense, na parroquia de Lebozán, a uns quince metros cara ao sur do vértice interparroquial. Efectivamente, segundo as nosas pescudas (como estaba a dicir mais enriba), o marco foi cambiado varias veces de sitio, pero sempre na mesma contorna duns cincoenta metros. Neste senso, constatar que no ano 2005 foi derrubado por un camión e posteriormente reposto polo Concello de Beariz, o que lle serve de marco demarcatorio, de linde.



Situación física e política da Pedrafita-Menhir Marco das Tres Mitras.

O lugar orixinal foi obxecto dunha intervención por parte da Xunta de Galicia no ano 2017, na que se procedeu á limpeza da parcela, escavación arqueolóxica da contorna, unha sondaxe arqueolóxica co fin de localizar outros posibles restos que formaran parte da Mesa dos Bispos, a limpeza do propio marco, a diagnose do estado de convervación, o asentamento da base do marco por medio do reenchido de area e grava, ata acadar a cota actual e a colocación de madeiros para delimitar a contorna.

Solla explica que o cartel colocado no lugar non explica ben a orientación do marco. Tamén sinala que a fotografía antiga en branco e negro que ilustra o panel informativo tamén testemuña a desaparición dunha das pezas de pedra que formaba parte do marco. Solla conclúe que a Mesa dos Bispos evocaría un "trilito".



Croquis do Marco-pedrafita de Moncho Boga a apartir do 
orixinal de Jorge Lamas e Manuel García.

Tamén incide que na localización nese punto non cadra coa información ofrecida pola web Cartográfica Digital de Galicia que en 1753 a sinalaba a uns catro quilómetros ao norte a intersección das xurisdicións das tres dióceses.

Que na información oficial se asevere que probablemente sexa un marco medieval, non é óbice para resaltar a posibilidade de que a marco, como lugar central, xa existise como pedrafita e que fose reaproveitado na época histórica devandita.

As medidas deste pequena e posible pedrafita no mudaron desde que a mediu o topógrafo de 1935: un metro de longo e 20 centímetros de espesura. Amosa varias letras gravadas en sulco con grafía moderna e unha cruz. As letras, repartidas entra as dúas caras e un lateral, parecen ser as abreviaturas de Ourense e Santiago. Nun lateral a parece a cifra "16??" que probablemente sexa a data de inscrición que se perdeu parcialmente.



Croquis do Marco-pedrafita de Moncho Boga a apartir do 
orixinal de Jorge Lamas e Manuel García.

Como feito tamén moi relevante, Solla indica que o marco localízase a uns 13 quilómetros ao nordés da pedrafita do Marco do Vento no Monte do Seixo, unha das pedrafitas-marco de término mais relevantes da Camarca de Montes: os seus cruciformes non sinalan parroquias, concellos ou xurisdicións. Ademais a pouca distanca que separa estes dous marcos está a reforzar o carácter fronteirizo, a montaña máxica que talvez estableceu a fronteira entre a Gallaecia Lucense da Bracarense, unha fronteira, dicía antes, de vivos e de mortos.

En definitiva, este pequeno fito, como sospeitoso habitual dentro da espúrea consideración das pedrafitas galegas, ben merece un apartado neste lugar, un apartado para incorporala como un fito humilde, pero sereno e estable, no universo pedrafiteiro galego.


En Sigrás, nun día chuvioso e fría de febreiro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



BIBLIOGRAFÍA SEMPRE INTERESANTE E NECESARIA


https://www.tabeirosmontes.com/novas/o-marco-das-tres-mitras

https://www.tabeirosmontes.com/calros-solla.html

Hermela Vázquez, J: "Irixo. Concello Irixo". 1999

Guliás Lamas, X: "Beariz de Montes. Concello de Beariz". 1992.

No hay comentarios:

Publicar un comentario