ANTA-DOLMEN DO OUTEIRO DAS AUGAS
"La filosofía está escrita en este grandísimo libro que continuamente se abre ante nuestros ojos, el universo, pero no se puede entender si antes no se aprende a entender la lengua y a conocer los caracteres en que está escrito. Está escrito en lengua matemática, y sus caracteres son triángulos, círculos y otras figuras geométricas, sin las cuales es imposible humanamente entender una sola palabra de ella, sin la cual se deambula en vano por un oscuro laberinto."
Galileo Galilei
![]() |
Debuxo versión de Moncho Boga, 2024. |
A Anta-dolmen do Outeiro das Augas atópase no territorio da parroquia de Santiago de Calvos, pertencente ao Concello de Bande, no lugar de Aldea de Arriba. Está a 1040 metros de altitude no monte denominado Alto do Outeiro das Augas: Calvos de Bande, nun dorso ocupando tres portelas consecutivas.
Desde Bande hai que ir en automóbil para a continuación camiñar uns douscentos metros ata a anta: o acceso é bastante complicado, por non dicir que perigoso. Será necesario levar o XPS.
![]() |
O Alto de Outeiro das Augas é un porto de montaña que fai de lindeiro entre os concellos de Bande e Verea, e ademais é unha das moitas portas de acceso á mítica e lexendaria Serra do Laboreiro.
Fotografía extraída de megaliticiablogspot.com |
Como xa vin contando noutras entradas deste blogue, na Serra do Laboreiro, a raia seca, límite natural entre Galiza e Portugal, aparecen espalladas unhas extensas necrópoles megalíticas que xuntan entre todas mais de trescentas mámoas. A densidade destes monumentos na serra é de 4 por quilómetro cadrado. Segundo o xa tan nomeado e incansable profesor Eguileta Franco, a explicación desta enorme densidade pódese determinar pola na abundancia de auga: este feito permitiría o desenvolvemento da gandeiría, beneficiada polo uso do lume para renovar o solo, coa cinsa como abono para crear novos pastizais. Esto tivo que facilitar ou favorecer o asentamento de comunidades neolíticas que deixaron a súa pegada en forma de mámoas. Éstas ademais puideron funcionar como delimitadores espaciais e/ou tamén como marcos de referencia, de término, como aínda están a facer hoxe en día como marcos fronteirizos entre Galicia e Portugal.
A necrópole do Outeiro das Augas, como estaba a dicir antes, atópase a uns 1040 metros sobre o nivel do mar e está conformada por once mámoas, moi preto da estrada que leva de Bande a Grou. Todas as mámoas son de cativas dimensións, agás dúas que acadan un tamaño medio.
A Anta-dolmen que me ocupa nesta entrada é a número 4 da necrópole e a mámoa na que se acubilla acada uns quince metros de diámetro. Do funil de violación sobresae unha pequena cámara de estrutura poligonal formada por sete esteos e non está a conservar a pedra covertora. Na mámoa número seis tamén se están a conservar tres esteos, un deles tumbado, fóra do seu sitio.
O percorrido megalítico por esta excepcional serra, pódese iniciar no Outeiro das Augas, desde o vértice xeodésico e, pouco a pouco introducirse no increíble planalto da Serra do Laboreiro.
E COMO NON SÓ VIVIMOS DO MEGALITISMO...
Noutras entradas deste mesmo blogue incidín de xeito explícito (talvez perentorio) na necesidade vital de visitar estas terras do sul mais sul do país galego. Neste caso, Bande. Que se pode dicir mais destas asombrosas terras? Que visitar?
Non sei por onde empezar, porque calquera curruncho, calquera fraga, regato, encoro, fraga, monumento natural..., ou calquera lugar que se albisque desde as estradas que sucan o territorio, é susceptible de ser visitado, e non quedaremos defraudados.
Por ser un pouco tópico, hai que recomendar -por suposto- a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande e a aledaña de San Pedro. Aquis Querquennis, campamento romano, co seu centro de interpretación Aquae Querqennae-Vía Nova, unha das Portas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés; e por suposto as antigas Caldas e a Mansión Romana. Tanto dun lado da fronteira con Portugal coma do outro ides atopar lugares, espazos, currunchos, que desde logo non vos deixarán indiferentes.
Pero como estamos en Bande, debedes visitar e percorrer o Parque Arrqueolóxico do Monte Grande, nas aforas desta vila, preto do Alto do Vieiro.
En Sigrás, preto de incertos acontecementos, no inverno de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
SOMERA BIBLIOGRAFÍA E ALGÚN ENLACE
J.M. Eguileta Franco: “El volumen de los monumentos megalíticos: aportación a los patrones de emplazamiento en la comarca de A Baixa Limia (Ourense, Galicia)”
http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/2013/11/mamoas-e-antas-de-galiza-ii.html
http://megalitos.arqueoloxico.com/fichasou/32006005.html
https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2017/12/vieiro-das-mamoas-outeiro-de-augas.html
https://photos.google.com/share/AF1QipNb9eOejciHUt11UsJGdgyvCvKYzJ4t40OUwHy_M9D0a4003MteJulAzabZ3a7sUw/photo/AF1QipNE0yVUCdHehv9S0hQKAgLusfj4bVZmMKNpmBUD?key=LU1zaHlVTldjTGRnUXZ5YWxqakswR3FKcG9ZZmxB
http://megalitos.arqueoloxico.com/fichasou/32006005.html
https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2017/12/vieiro-das-mamoas-outeiro-de-augas.html
https://photos.google.com/share/AF1QipNb9eOejciHUt11UsJGdgyvCvKYzJ4t40OUwHy_M9D0a4003MteJulAzabZ3a7sUw/photo/AF1QipNE0yVUCdHehv9S0hQKAgLusfj4bVZmMKNpmBUD?key=LU1zaHlVTldjTGRnUXZ5YWxqakswR3FKcG9ZZmxB
https://megaliticia.blogspot.com/2022/12/Mamoas-Outeiro-Agua.html
https://concellobande.com/es_es/museos/
https://concellobande.com/gl/lugares-para-descubrir/
https://outermal.depourense.es/concello-de-bande/
https://patrimonionatural.xunta.gal/gl/baixa-limia-serra-xures
https://patrimonionatural.xunta.gal/gl/node/133
No hay comentarios:
Publicar un comentario