PEDRAFITAS-MENHIRES AS PEDRAS CAMPAÍÑAS
"Toda la tierra está al alcance del sabio, ya que la patria de un alma elevada es el universo."Demócrito de Abdera
Debuxo de Moncho Boga, 2026. |
E voltei ás Pedras Campaíñas do Monte Xalo, como me empracei na entrada do 17 de abril. El voltei cos extraordinarios compañeiros de inquedanzas megaliteiras, etnográficas, históricas..., Lois Vilar e Manuel Ruibal, ambos os dous exploradores da memoria. Grazas a eles o Monte Xalo xa non permanecerá en silencio a pesares de todas as desfeitas que se levan realizando impunemente nos últimos tempos.
Pois ben, as Pedras Campaíñas ubicadas nas prehistóricas terras do Monte Xalo, poden enmarcarse dentro da categoría que Almagro e Alonso Romero denominan "Penas Sonoras": son aquilas que teñen propiedades acústicas especiais cando son golpeadas cun obxecto metálico ou ben por causa do vento amplifican o seu son por todo o contorno. Estes sons amplificados son considerados pola sociedade tradicional galega como "sons máxicos, sobrenaturais". Por iso son clasificadas entre as "Penas Sacras", debido ás debanditas propiedades sobrenaturais.
Entre as penas sacras-sonoras, as mais abondosas no noso país, son as penas naturais, moi poucas artificiais teñen esta cualidade ou calificación. Por iso, dentro da materia que a min me interesa, teñen especial relevancia as pedrafitas ou penas artificiais con esta especial propiedade acústica. Xa falei da Pedra da Campana de Muros; agora tócalle a estas tres excepcionais pedrafitas sonoras que vou considerar como un conxunto, como formando parte dun todo hoxe desaparecido.
A pertinencia de consideralas en conxunto ben dada por varias circunstancias: non son nin foron nunca marcos de termo, atópanse moi preto entre elas, xalonan unha ruto probablemente prehistórica e participan da mesma natureza acústica.
Efectivamente, as tres Pedrafitas Pedras Campaíñas atópanse chantadas nun camiño prehistórico, nunha suave pendente limitando o monte chamado Monte das Pedras Campaíñas. Segundo as informacións recollidas por Manuel Ruibal nas súas detectivescas andanzas e pacientes pescudas por estas impresionantes paraxes, os veciños entrevistados falaron de moitas mais pedrafitas hoxe desaparecidas: tanto este vello camiño como o camiño do Xalo estaban flanqueados por este tipo de marcos en ambas as dúas beiras. A suave curva na que están emprazadas as tres pedrafitas, que inopinadamente aínda sobreviven, así como as novas doutras mais circunvalando toda a especie de chaira que conforma o Monte das Pedras Campaíñas, fanme pensar nun gran Círculo Lítico, mais que nun aliñamento.
Manuel Ruibal recabou informacións de diversos veciños que lembraban cando petaban cos gabillos nas pedrafitas para facelas "cantar". Pero, tamén na mesma área do Monte das Pedras Campaíñas, recolleu a lenda da ubicua galiña cos pitos de ouro, lenda que se repite por toda a bisbarra.
A Pedrafita Pedra Campaíña número 1 é a mais alta das tres que se están a conservar. Emprázase nun valo da corredoira, no linde dese ancestral camiño e co monte mais elevado. Amosa sección case triangular e a cara mais ancha que mira ao camiño atópase perfectamente regularizada e é lixeiramente abombada: mide, para o ancho (nese fronte) ao redor dun metro e vinte centímetros e sobresae case dous metros desde a rasante do camiño.
A Pedrafita Pedra Campaíña 2 tamén describe a sección lixeiramente triangular e a súa altura desde a rasante é un pouco menor que a da predafita 1. A Pedrafita 3 sobresae desde o cómaro un metro e corenta centímetros amosando unha fisonomía cónica coa superficie moi ben regularizada. Ningunha destas tres pedrafitas funcionaron como marcos de termo, como dicía mais enriba.
Si a hipótese do incerto gran Círculo Lítico poidese ser verificada, estaríamos diante dun lugar único dentro do universo megalítico galego: ao imitar o son das campanas ao seren golpeadas cun trebello metálico calquera , estas emitirían un son que se oiría desde lugares distantes, ao xeito das campanas das igrexas, e o seu significado sería recoñecible para quen soubese interpretar o seu código. Almagro e Alonso manteñen a hipótese de que é posible que na Prehistoria poderíanse empregar estes sons non só para transmitir mensaxes aos vivos, senon que tamén estas mensaxes as poderían oir os deuses e os antepasados.
A todo o impresionante conxunto de pedras con poderes máxicos de que está cuberta toda a superficie do Monte Xalo, hai que engadirlle as sobrenaturais propiedades musicais das Pedrafitas Pedras Campaíñas. Unha pequena diferenza entre a Penaquetanxe, dada a coñecer por Carlos Solla nas terras de Cerdido-Cotobade, é que esta é unha pena natural, un penedo que escorrenta tormentas, tronos, lóstregos... Pero é unha diferenza non tanto en canto á función (pois das nosas non a sabemos, non hai relato tradicional), da que poderían participar, senon en canto ao aspecto formal ou construtivo.
Seguindo a Almagro e Alonso, coincido plenamente cando consideran que para entender mellor a linguaxe sonora das pedras sonoras que se espallan por todo o territorio galego, é necesario reconstruir a súa paisaxe sonora, a paisaxe sagrada de que forman parte.
Dentro dunha posible tipoloxía das pedras sonoras, Feijoo Ares indica varios tipos en función de onde proceda o son a saber, debido ao aire, ao eco, por percusión cunha pedra, un pao ou un obxecto metálico, ou "por un ser lexendario que habita dentro da rocha". Neste senso Dolores de la Peña (seguindo a Alonso Romero, ver bibl) profundiza na grande probabilidade de que estas pedras, que emiten un son vibrante ao seren golpeadas, tamén fosen interpretadas como sínais de bo ou mal agorio. É interesante a súa consideración de que estes sons (resultado de prehistóricos cultos litolátricos) fosen cristianizados edificando campanarios ao identificar aquel son co dunha campá, para converterse no símbolo por antonomasia da nova relixión mesiánica.
![]() |
Nun Altar Rupestre descuberto por Manuel Ruibal con pías naturais, canles, cazoliñas... Foto de Lois Vilar Hermida. |
Para rematar, debo, quero e é absolutamente necesario e indispensable destacar a inxente laboura de Lois Vilar Hermida e de Manuel Ruibal (entre outros) na tremenda laboura de recuperación dunha morea de lendas ao redor do Monte Xalo, considerando que cada vez que desaparece un conto dos nosos veciños, desaparece tamén unha importantísima parte da nosa indentidade, do noso pasado e da nosa historia.
EN SIGRÁS, NO MES DOS MAIOS, 2026
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!
BIBLIOGRAFÍA, ENLACES E DEMAIS FAMILIA
SOLLA, Calros: "As pedras que saben de nós (e II): Escolma de penedos selleiros que, en Cerdedo, arrollan outras tantas redomas de saber popular." Nº 21. (2025) En https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=17&id=3227:
Lois Vilar: "O Monte Xalo. Patrimonio cultural e tradición oral dun monte máxico". Edita: Undodez Producións S.L. 2025.
Fernando Alonso Romero: "Cultos y creencias en torno a los megalitos del área atlántica europea". Ed. Andavira, 2012.
https://www.facebook.com/manuel.ruibalr/
https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Campa%C3%AD%C3%B1as
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/circular-desde-bornalle-rio-rateira-muros-182064569
https://themurostimes.com/2015/02/27/pedra-das-cruces-do-campo-da-ermida/
Vicente Feijoo Ares: "Las motivaciones de los nombres de las piedras en Galicia. Cultos, ritos y leyendas." DOI: 10.2436/15.8040.01.116
Martín Almagro-Gorbea, Fernando Alonso Romero: "Peñas Sacras de Galicia". Fundación Monteagudo, Betanzos MMXXII.
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/rio-rateira-abelleira-174647428/photo-108953309
https://patrimoniogalego.net/index.php/62958/2014/08/pedra-das-cruces-do-campo-da-ermida/
https://historiadegalicia.gal/2017/12/as-pedras-maxicas-pedregal-de-esteiro-pequeno-pindo-de-galicia/
https://patrimoniogalego.net/index.php/781/2011/05/pedra-das-pias/
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/circular-desde-bornalle-rio-rateira-muros-182064569
https://themurostimes.com/2015/02/27/pedra-das-cruces-do-campo-da-ermida/
Vicente Feijoo Ares: "Las motivaciones de los nombres de las piedras en Galicia. Cultos, ritos y leyendas." DOI: 10.2436/15.8040.01.116
Martín Almagro-Gorbea, Fernando Alonso Romero: "Peñas Sacras de Galicia". Fundación Monteagudo, Betanzos MMXXII.
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/rio-rateira-abelleira-174647428/photo-108953309
https://patrimoniogalego.net/index.php/62958/2014/08/pedra-das-cruces-do-campo-da-ermida/
https://historiadegalicia.gal/2017/12/as-pedras-maxicas-pedregal-de-esteiro-pequeno-pindo-de-galicia/
https://patrimoniogalego.net/index.php/781/2011/05/pedra-das-pias/
facebook_1776271612107_7450223127750355273
https://turismoculleredo.gal/es/project/monte-xalo/
https://historiadegalicia.gal/2021/05/un-parque-eolico-esnaquizara-penaquetanxe-a-rocha-que-esconxura-tormentas-e-nubeiros/








.jpg)
.jpg)
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario