viernes, 27 de julio de 2012

Anta-dolmen Casa da Moura. Queguas, Entrimo

ANTA-DOLMEN DA CASA DA MOURA, Queguas, Entrimo. Ourense

Para chegar. Partindo de Bande, a vinte quilómetros, tendo á vista a cola do encoro de Lindoso, hai que coller o desvío ben sinalado que leva a Entrimo. No lugar da Feira Vella, a cinco quilómetros, debemos seguir a estrada da esquerda que leva a Terracha, capital municipal do Concello de Entrimo. Desde aí, ao pasar a Alameda, hai que seguir o desvío á dereita que leva á aldea de Queguas, a onde chegaremos despois de percorrer sete quilómetros. Unha vez en Queguas, hai que deixar o coche á entrada do pobo e cruzar polas súas vetustas rúas ata chegar ao final onde comeza unha empinada corredoira que é o inicio dunha ruta de sendeirismo que nos levará á anta. Ésta atópase  a uns 1200 ms de altitude e chégase despois de aproximadamente unha hora andando.




A anta aséntase nunha chaira no Alto das Sete Laceiras.

Trátase dunha anta que posúe dimensións colosais, se cadra unha das máis grandes de Galicia que amosa un excelente estado de conservación. A anta atópase no interior dunha mámoa que non conserva a totalidade do seu volume orixinal; consérvase a cámara, o corredor e as pedras cobertoras da cámara e do corredor. A mámoa acada entre 15 e 20 ms de diámetro.



A cámara confórmase mediante seis esteos e o corredor con dous e fáltalle a pedra da cabeceira. Mide nos seus eixos uns dous metros e medio por tres metros. A altura pasa dos dous metros. O corredor está orientado ao suleste e acada unha altura máxima dun metro e medio: a cuberta do corredor mide máis de dous metros de lonxitude.

Tanto a tampa ou pedra cobertora da cámara coma a do corredor conservan cazoletas. Probablemente tamén conserve restos de pintura.


Debuxo de Ramón Boga Moscoso



Estrutura  preto da Casa da Moura

Segundo Miguel Moreno Gallo, moi preto da anta Casa da Moura de Queguas, hai un posible "cromlech", ou se cadra outra construción de dificil adscripción pero vencellada ao fenómeno megalítico. O investigador non esgota que se trate incluso do resto dun muro pertencente a unha construción para o gando. 

Tanto estas consideracións como a fotografía que as acompaña foron realizadas por este autor na páxina megalitos.es.





ANTA-DOLMEN DE OLIN. Entrimo

Anta da que non sabemos outra cousa que o coñecemento visual a través da fotografía de Xabier Moure que aparece no seu blog onosopatrimonio, na que aparece co pé de foto "Anta de Olin, Entrimo":




2 comentarios:

  1. Respecto ao suposto 'cromlech' que cita o gran Miguel Moreno, eu estiven ai este mes e decidín que, na sua visita, o que el atopou foi o segundo dolmen alguns metros mais ao norte, quizais ainda non excavado, e que amosa alguns esteios. Consultando recentemente con el sobre Laboreiro, non creo que poida ser mais exacto sobre a zona; tampouco cita o segundo dolmen na sua paxina.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Gracias por esa información. A min tamén me parece, a partir dos poucos datos que proporciona a fotografía, unha anta, ou os esteos que quedan dela. Saúdos

      Eliminar