sábado, 28 de julio de 2012

Anta-dolmen de Adai, Lugo

ANTA-DOLMEN DE ADAI, Lugo.

Atópase na parroquia de Santa María Madalena de Adai,  pertencente ao Concello de Lugo.

Trátase dunha anta non moi grande que se desenvolve a través dunha cámara poligonal  con corredor corto. Confórmase a través de cinco esteos para a cámara e dous para o corredor. Conserva a pedra cobertora caída no interior da anta.

Forma parte dunha necrópole megalítica da que non sabemos o número total de mámoas de que se compón.


Fotografía de Xabier Moure. Blog onosopatrimonio
.



Fotografía  de Xandlinatrhry. Páxina: patrimoniogalego.net
.



PEDRAFITA-MENHIR DE ADAI. Lugo

No mesmo lugar no que se atopa a Anta de Adai, aparece un complexo arqueolóxico ubicado na ladeira do nacente do Monte da Pena do Rei: a chaira está situada a media altura e é o lugar que recibe o nome de Pedra Fita.

Para esta descrición vou seguir o artigo de Manuel Santos Estévez publicado na revista TAPA nun artigo titulado "Petrofligos y paisaje social en la prehistoria reciente del noroeste de la península ibérica". Para conseguir este artigo (pódese baixar a versión en pdf) debedes acceder á páxina do CSIC, digital.csic.es.

Xa hai varias interpretacións para este lugar que o relacionan cunha estrutura de control viario romano (Felipe Arias) ou ben coa cercana cidade de Lucus Augusti (Marco García Quintela). Á parte das posibles interpretacións, o certo que este é un lugar onde se reúnen unha boa enchenta de elementos que o fan susceptible tanto de numerosas interpretacións como da súa necesaria conservación e proteción.

A cámara megalítica que describíamos máis arriba atópase nas inmediacións, a un nivel máis baixo; tamén, segundo Estévez, na cima aparece unha mámoa de grandes proporcións e un recinto pequeno circular que mide uns 20 ms de diámetro, ubicado nun emprazamento pouco destacado: ten pequena muralla e un foxo perimetral. Trátase do elemento coñecido como O Castrillón. Aínda que está catalogado como Castro, nin as súas dimensións nin as posibles estruturas defensivas permiten adscribilo a un asentamento defensivo da Idade do Ferro.


O Castrillón. Fonte Manuel Gago, http://maps.google.com


No lugar coñecido como A Penela, no límite nororiental da chaira, aparece unha pedra chantada que mide un metro e sesenta centímetros de altura, un metro e ochenta centímetros de ancho e de grosor un 38 centímetros. Segundo Estévez, parece que  foi fincada intencionadamente e por iso pode ser considerada unha pedrafita: non é un marco demarcatorio de fincas nin tampouco fai de marco de termo parroquial. Por iso é plausible que estea vencellada co conxunto da pedrafita. Segundo a nosa tipoloxía con respecto ás pedrafitas, debido ao seu tosco deseño e ás formas angulosas, podémola adscribir seguramente ao final da Idade do Bronce e incluso aos momentos iniciais da 1ª Idade do Ferro.


Pedrafita A Lamela, fotografía de Rafael Quintía Pereira,
 asombradebouzapanza.blog


Ademáis das estruturas con gravados rupestres ben estudadas por Estévez, aquí o que nos interesa é a estrutura central, ubicada no centro da Chaira.



Fotografías de Manuel Gago


Trátase dun gran bloque ou laxe plana que mide de longo 10 metros e de ancho 6,25; os extremos desta pedra son redondeados, dándolle unha forma navicular. Amosa 17 ocos rectangulares que se destribúen  polo contorno exterior rodeándoa. Entre cada un dos ocos hai pequenos rebaixes e, no centro xeométrico, dúas pías, unha de sección cilíndrica e a outra alongada. Os ocos poderían ter sido para colocar postes, e xunto cos rebaixes, servirían para colocar algún tipo de muro perimetral.

A interpretación non é doada nin pode ser, no momento actual das investigacións, pechada. Evidentemente este conxunto pode ser interpretado como un círculo lítico feito de materiais perecedeiros (troncos de madeira) con un central, elementos ben estudados nas Illas Británicas; tamén pode ser considerado coma un templo.

O Castrillón pódese interpretar como unha castronela medieval; desde logo, ao meu xuizo, e vistos só as fotografías aéreas, nunca coma un castro. Efectivamente, semella máis un henge británico que unha estrutura defensiva castrexa, tanto polas súas proporcións físicas como pola súa forma. Outra liña de investigación centraríase en consideralo un círculo lítico semellante aos do País Vasco e Navarra que se vencellan crononóxicamente á 1ª Idade do Ferro (Vegas, 2001; Calado, Manuel).


BIBLIOGRAFÍA

Santos Estévez, Manuel: "Petrofligos y paisaje social en la prehistoria reciente del noroeste de la península ibérica" TAPA, CSIC

Calado, Manuel: "Menires da Península Ibérica"

Vegas, J: "Cromlech de Mendiluce (Sierra de Encia-Álava)" Euxkoneus-Media, 2001

www.manuelgago.org/blog, de Manuel Gago

asombradebouzapanza.wordexpress.com, de Rafael Quintía

No hay comentarios:

Publicar un comentario