jueves, 26 de julio de 2012

Antas-dolmenes da Baixa Limia IV

Desde a parroquia de Bangueses, no concello de Verea, parte un roteiro arqueolóxico que permitirá albiscar algúns dos elementos máis significativos do megalitismo galego. 

O lugar de partida é o Outeiro das Catro Augas e desde aí ata a Portela do Pau, diversas pistas forestais (restos tamén de Camiños seguramente vencellados ás necrópoles megalíticas), son varios quilómetros que nos permitirán contemplar algúns dos máis extraordinarios exemplares do megalitismo galego.

As diversas necrópoles que se asentan na Serra do Leboreiro, xusto na fronteira entre Galicia e Portugal, suman ao redor de centro trinta mámoas das que 100 atópanse en territorio portugueés.

Entre estas necrópoles destacan as de Outeiro de Ferro Penagache e a de Motas de Peneda da Canteira, conservando exemplares que non se diferencian dos doutros lugares de Galicia, sobre todo dos da Costa da Morte.

MARCO DAS CATRO CRUCES. Bangueses de Abaixo, Verea

Trátase dunha pedrafita que fixo de marco de termo ou marco divisorio entre as parrqouias de Calvos e Corvelle (Bande), Cexo e Bangueses (Verea).

Amosa sección cadrangular que se vai esvaecendo da base á cume, onde xa vai debuxando unha forma máis redondeada, debuxando unha especie de remate de báculo. Unha escotadura pouco antes da cima fai que, segundo a perspectiva en que a vexamos, adquira forma antropomorfa ou incluso fálica.


Fotografía realizada por Daviddexordos
.


A MOTA GRANDE DE VEREA ou Anta 1 de Ferro Penagache

Atópase ubicada nunha gran necrópole tamén coñecida como o conxunto megalítico de Portela do Pau. As mámoas desta gran necrópole exténdense nunha superficie duns 50 quilómetros cadrados cunha concentración dunhas cen mámoas na zona portuguesa e unhas trinta na zona galega. 


Fotografía da Mota Grande realizada por J.M. Eguileta Franco.


O conxunto integrado pola Mota Grande de Verea é un dos máis importantes e está integrado por nove mámoas. A mámoa foi obxecto dunha escavación de urxencia debido a unha salvaxe profanación realizada no ano 1994.

Entre as características formais máis interesantes hai que subliñar a forma xeralmente circular de grandes dimensións, con coirazas formadas por soportes imbricados. Tamén destacan polos corredores que adoitan non ser moi desenvolvidos.

Trátase así da maior mámoa da necrópole e de toda a chaira. Destácase nítida e claramente de todas as demáis mámoas adquirindo dese xeito un carácter intencional. A Mota Grande sirve de fito fronteirizo entre Galicia e Portugal.


Fotografía da Mota Grande realizada por Julio Anta.


A Mota Grande é unha gran mámoa composta de terra ben compactada que aparece moi ben consolidada na parte superior por unha coiraza de pedras imbricadas entre sí. 

Despois da violación consumada na década de 1980, quedaron in situ cinco esteos, pero lixeiramente descolocados polo empuxe da pedra cobertora que quedou un pouco esnaquizada. Pódese adscribir ás cámaras de tipo poligonal alongada e amosa polo menos dous esteos gravados, á esquerda da pedra da cabeceira.

No primeiro esteo, á dereita da entrada, hai unha serie de gravuras con sulcos moi finos que cubren toda a súa superficie externa. Sen embargo o que individualiza sen dúbida este esteo é que aparece unha pigmentación realizada antes das gravuras e que permiten o seu resalte, creando unha ilusión escénica. O motivo central destas gravuras son catro círculos concéntricos combinados. Á súa veira aparecen dúas formas circulares simples e imperfectas; por debaixo destes  vanse resaltando as clásicas liñas ondeadas e liñas crebadas en zigue-zague.



Esquema das gravuras do esteo C1 da Mota Grande de Verea


Estamos diante dunha composición xeometrizante cuio significado sigue sendo unha incógnita. Sen embargo, segundo os seus escavadores, é evidente que hai unha ordenación intencional do espazo gravado, centrado en dúas figuras emblemáticas e desenvolvéndose cada unha delas cos motivos ondulantes, como facendo de molduras, enmarcándoos.

Esteo nº C2 da Mota Grande de Verea


No outro esteo, de grao fino, aparece unha coloración amarelada con manchas de óxido. Este esteo está parcialmente partido na parte superior, tendo o anaco partido tirado na parte de atrás.  Parece bastante probable que estea a conservar restos de pintura.





PEDRAFITA-MENHIR DA MOTA GRANDE

Curiosa pedrafita tirada ao outro lado da pista que a separa da Mota Grande, por iso pódese aseverar que a mámoa atópase asociada á pedrafita: trátase dunha gran pedra monolítica claramente artificial que se atopou tumbada á beira da base da mámoa. Segundo os escavadores da Mota, esta pedrafita probablemente fose removida do seu lugar orixinal nos traballos para o arranxo da pista.



Pedrafita da Mota Grande.
Fotografía realizada por J.M. Eguileta Franco.




Posiblemente a pedrafita estivo emprazada nunha zona entre estas grandes mámoas cerca da súa localización actual. A hipótese da súa ubicación tería que ver, como en outras pedrafitas galegas, coa función de fito sinalizador: colocado no cambio de vertente, nunha zona na que a Mota non pode verse, faría de fito anunciador, a xeito de estela, como sinalando o inicio da necrópole.



Fotografía realizada por Julio Anta
.



Pedrafita da Mota Grande.
Fotografía realizada por Davidexordos
.
 


ANTA-DOLMEN 5 DE OUTEIRO DE FERRO PENAGACHE

Trátase dun gran monumento funerario que está conformado por unha gran mámoa recuberta por unha coiraza de pedra. No interior da mámoa acóchase unha anta de planta poligonal simple sen corredor. Os sete esteos da cámara miden máis de dous metros de altura e algúns deles están moi decorados: repítense os motivos ondulados e en zigue-zague. Non sabemos si a pedra cobertora é a orixinal.












Fotografías realizadas por Julio Anta


Foi obxecto dunha intervención arqueolóxica na década de 1990, a cal puxo ao descuberto a estrutura arquitectónica que hoxe podemos contemplar, así comoa os gravados prehistóricos.

As datacións obtidas nas escavacións arroxan unha datación dacabalo entre o V e o IV milenio a.C.



ANTA-DOLMEN 8 DO OUTEIRO DE FERRO PENAGACHE



Fotografía realizada por J.M. Eguileta Franco


Anta con forma poligonal e corredor pouco desenvolvido. Componse con sete esteos. Atópase entre os marcos fronteirizos 23 e 25. Nove das mámoas desta necrópole alíñanse na dirección oeste-leste e atópanse moi preto do Camiño "Ruta das Feiras" que ía de Lobeira a Milmanda, moi transitada na Idade Media.

Non sabemos, persoalmente, si esta anta se atopa en Galicia ou en Portugal. Non obstante próximamente farei unha incursión por estas fermosas terras.





ANTA-DOLMEN 11 do Outeiro de Ferro Penagache




Fotografía realizada por J.M. Eguileta Franco
.






ANTAS-DOLMENES da Serra das Motas. A Fraga, Lobeira

Trátase de dez mámoas que se emprazan nunha das abas occidentais da Serra de Leboreiro. Segundo Eguileta, o monumento M1 (Mota da Meda) foi erixido nunha das cumes máis altas da Serra. As restantes nove mámoas distribúense de xeito lineal ao longo da dorsal.

Nun dos esteos da M10 hai pinturas "xuguiformes".



ANTA DO OUTEIRO DAS MOS. A Fraga, Lobeira

Atópase facendo conxunto con outra mámoa na parexe coñecida como Outeiro das Mos, nunha das abas máis septentrionais da Serra das motas.

A coñecida co nome de M1 desenvólvese no interior dunha mámoa e está rodeada dun círculo lítico que é máis que un anel perimetral. Segundo Eguileta, está formado por auténticos esteos semellantes aos conservados para as cámaras megalíticas. Tres deses grandes esteos estaban in situ e alineados, e algúns outros estaban tirados na superficie da masa tumular así como no contorno máis inmediato.



Fotografía de J.M. Eguileta Franco, 1999.





BIBLIOGRAFÍA

Eguileta Franco, J.M.: A Baixa Limia Galega na Prehistoria Recente. Deputación de Ourense, 1999.

Carrera Ramírez e Fábregas Valcarce: "Arte parietal megalítico en el noroeste penínsular". Tórculo Edicións.

Enlaces de interese: Julio Anta, Sudando Botas, o noso patrimonio, patrimonio galego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario