ANTA-DOLMEN DE FERREIRÚAS
"Es de sabios prestar oídos no a mí, sino a la palabra ("logos") , y reconocer que todas las cosas son una."Heráclito de Éfeso
Debuxo de Moncho Boga, 2024. |
Segundo relataba nunha entrada, neste mesmo blogue (3 de xuño de 2012), adicada ás Antas-dólmenes de Fonsagrada, para chegar, hai que ir, explicaba, pola estrada que leva a Becerreá indo pola Tambeadoira. A anta está á esquerda desa estrada, no lugar de Ferreirúas ou de Montefrío. Coido, hoxe, desde aquí, que con estas indicacións case é imposible chegar, pero non teño outras. O amigo Xabier Moure, sen embargo, clarexa un pouquiño mais o xeito de chegar: atópase ubicada á man dereita da estrada que vai ao Alto do Restelo á Tambeadoira. Sexa como sexa, con estas indicacións é pouco probable chegar..., o mellor é ir ben equipados co XPS ou acudir a un veciño da zona.
Voltei a este necrópole, a esta anta, pola necesidade de actualizar os diversos datos da anterior entrada: a anta está en Navia de Suarna, non na Fonsagrada, por exemplo. Ata aquí, nada mais que actualizar. É mais, segundo as investigacións de Moure, a descrición xeral da mámoa e da anta seguen a ser prácticamente as mesmas que eu describía nesa entrada e que foron recollidas da publicación de Enrique Fernández López do ano 1992.
A Anta-dolmen de Ferreirúas forma parte dunha necrópole situada no alto de Campa das Penas e, segundo o investigador que a deu a coñecer, a anta, que se acubilla nunha gran mámoa de mais de trinta metros de diámetro, describe unha planta das da tipoloxía poligonal (con posible corredor desenvolvido) conformada a través de sete grandes ortostatos compostos de lousa e cuarcita. O esteo da cabeceira, o meirande de toda a estrutura, acada unha medidas dun metro e medio de alto. A tampa ou pedra cobertora atópase un pouco desprazada e a súa composición é de pizarra: acada unhas medidas dun metro e noventa centímetros de longo por un metro e trinta centímetros no ancho. O resto dos esteos son un pouco mais pequechos que a pedra da cabeceira. A cámara megalítica, no interior, mide, no eixo N-S un metro e cincoenta centímetros na base e noventa centímetros de altura. No eixo L-O, na base é dun metro e sesenta centímetros e, na parte de arriba ou superior, un metro e trinta centímetros. A entrada e o posible corredor de acceso semella que están orientados ao S-L.
Segundo Xabier Moure, nunha visita á anta a primeiros da década de 2020, corroboraron a descrición xeral de Fernández López e, ademais, constataron unha agresión á pedra cobertora que foi esnaquizada pola metade.
Logo das denuncias e comunicados ao Concello e ao Servizo de Patrimonio Cultural por parte do Colectivo Patrimonio dos Ancares, a primeiros do ano 2021, a necrópole foi sinalizada pola Deputación Provincial de Lugo a través da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses.
EN SIGRÁS, SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!
ENLACES E BIBLIOGRAFÍA IMPRESCINDIBLES
https://patrimoniogalego.net/index.php/31681/2013/01/anta-de-ferreiruas/
https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/mamoas-petroglifos-e-castros-navia-de.html
Vázquez Seijas, M. "Monumentos megalíticos. A Casía da Arquela" Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo. Tomo 1, nº 2. 1942.
Vazquez Seijas, M. "Lugo en los tiempos prehistóricos" Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, 1943.
Vazquez Seijas, M. "Lugo en los tiempos prehistóricos" Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, 1943.
López Fernández, Enrique. "Megalitos y mámoas en el ayuntamiento de Fonsagrada" Boletín do Museo Provincial de Lugo, 1992.
Ningún comentario:
Publicar un comentario