PEDRAFITA-MENHIR DE ABOLDRÓN.
Sapo y Sepo estaban leyendo juntos un libro.
"Los personajes de este libro son valientes", dijo Sepo.
"Luchan contra dragones y gigantes, y nunca tienen miedo."
"Yo no sé si nosotros seremos valientes", dijo Sapo.
Sapo y Sepo se miraron en un espejo.
"Parecemos valientes", dijo Sapo.
"Si, pero ¿lo somos?", preguntó Sepo.
Sapo y Sepo salieron de casa.
"Intentaremos escalar este montaña", dijo Sapo.
"Así sabremos si somos valientes."
Arnold Lobel: "Sapo y Sepo, inseparables". Ed. Alfaguara, 1980.
Debuxo da pedrafita segundo versión idealizada de Moncho Boga, 2024. |
Non sei si seremos valentes, como dín Sapo e Sepo, pero si sei que somos ousados: ás veces arriscamos e tirámonos sen paracaídas nos formidables mundos megalíticos. Esta que vou amosar hoxe e outra das problemáticas ou problemáticos esteos megalíticos que veñen sendo sospeitosos de adscribirse ao proceloso catálogo e/ou universo das pedrafitas-menhires galegas. Teño que confesar que a hipótese parte da consideración de que está esenta, aínda que arrimada ou encaixada nun valo, e sobre todo a presenza abondosa de cazoliñas ou coviñas hemiesféricas, polo menos nunha das súas caras. Este foi un dos criterios, durante moitos anos, para considerar que un esteo fose unha pedrafita megalítica. A forma tamén me leva, nos brazos da musas, da memoria, a considerar esta sospeitosa habitual como unha auténtica pedrafita.
Esta hipotética pedrafita atópase no Concello de Rodeiro: desde a capital municipal hai que chegar ata o lugar de Aboldrón (en automóbil...) e logo hai que ir andando ata o esteo. Creo e recomendo achegarse mediante o emprego do XPS. Segundo explica no seu facebook A Tulla de Fafián (de onde extraín o groso da información e algunhas das fotografías) o acceso comenza no lugar de Aboldrón collendo o camiño de Cova de Barro. Este camiño, desde a entrada da aldea, vai bordeando o castro e leva ás limítrofes terras de Val de Camba. O que o autor denomina menhir-dolmen atópase na entrada deste camiño.
As primeiras novas ao redor deste raro exemplar proceden dun veciño do lugar chamado Manuel Hermida. Os incansables investigadores González Alén e Alex Negreira estudárono e o fotografiaron constatando que se trata dun dos seis únicos vestixios de petroglífos atopados ata o de agora no Concello de Rodeiro e dicir, califícano como un panel de petróglifos, non como unha pedrafita.
Esta hipotética pedrafita, que ben pode ser un panel de petróglifos ou un chanto dunha anta desaparecida, ten forma case triangular na base e vaise estreitando paseniñamente ata chegar á croa, que é moi picuda. Acada unha altura de case dous metros e amosa mais de dezasete coviñas, sen ningún outro tipo de gravura.
Segundo A Tulla de Fafían, podería tratarse, efectivamente, do resto dunha cámara megalítica, ao constatar que nos arredores existía unha anta da que este esteo formaría parte, feito que parece recordar o veciño que deu noticia deste elemento.
Como outros moitos exemplares deste tipo, si estivesemos diante dunha pedrafita, esta puido funcionar como elemento sinalizador dunha desaparecida necrópole megalítica, ou ben, si está nun camiño tradicional, talvez prehistórico, como elemento consustancial, como unha hermae que reflicte os medos daquel que camiña por territorios inhóspitos.
Evidentemente, ao estar decorado só con cazoliñas, é moi aventurado decidir a súa cronoloxía: podería ser (seguindo moitos paralelos) un panel da Idade do Bronce, un elemento castrexo e incluso da Idade Media.
![]() |
Fotografía do blogue A Tulla de Fafián. |
Camiño tradicional talvez prehistórico que serpenteaba á beira do castro, necrópole megalítica desaparecida, cazoliñas..., todos eles criterios, aínda que non definitivos, si son moi relevantes á hora de considerar a súa adscrición ao megalitismo.
Con estes pouquiños datos, como dicía ao principio desta entrada, desde aquí, avogamos pola consideración de pedrafita-menhir, con méritos dabondo, para ser engadida como unha mais das nosas sospeitosos habituais, como candidata a formar parte das hostes cada vez mais numerosas dos nosos/as grandes esquecidos: a pedrafita-menhir.
Aproveito desde aquí para facerme eco das palabras do autor de A Tulla de Fafían cando conclue no seu muro de facebbook:
"Abondo para pedir a protección e conservación deste enclave que hoxe fica ameazado pola sorprendente distribución da Parcelaria Val de Camba que os deixa fora da masa comunitaria."
En Sigrás, no Entroido de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
UNS POUCOS ENLACES
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html
https://megaliticia.blogspot.com/2022/03/Petroglifos-de-Aboldron.html
https://www.facebook.com/photo?fbid=210479238170709&set=pcb.210481514837148
https://www.facebook.com/profile.php?id=100076259029945
https://www.facebook.com/photo?fbid=210479238170709&set=pcb.210481514837148
https://www.facebook.com/profile.php?id=100076259029945
noptSserdom10t f959a3gg22d0eo43e11r6i22br01 eeg00mf3lfdl uu
No hay comentarios:
Publicar un comentario