lunes, 10 de septiembre de 2012

Pedrafita-menir Marco do Seixo. Vilarmaior-Monfero

Pedrafita-menir Marco do Seixo. Vilarmaior-Monfero

Catalogada  no ano 1998. GA15091005

Esta mañá lenvanteime ás 09:30  e prepareime para unha pequena excursión megalítica. Entre unhas cousas e outras non din saído ata as 10:30. Collín a autorestrada do Atlántico, cousa que non recomendo, e, en Guísamo, tomei dirección cara a Ferrol. Pouco despois collín a saída de Miño, onde principiaron unhas interesantes peripecias matutinas.




O destino foi, ou era, un marco de termo que xa visitei hai uns cantos anos e unhas cantas veces. Sen embargo, debido a diversos avatares, sempre misteriosos e inexplicables, acabei perdendo tanto as imaxes fotográficas como os datos técnicos obtidos despois desas visitas. O destino era o Marco do Seixo, sito entre os concellos de Vilarmaior e Monfero.




Para chegar. Desde o centro de Miño hai que coller a estrada que vai a Bemantes e Vilarmaior (AC-1160). Logo de pasar Bemantes, chégase á Feira do Tres: uns trescentos ms máis adiante hai que coller un desvío á esquerda (DP-5004). Despois de percorrer uns catro quilómetros, aparece un cruzamento  (parroquia de Torres) onde ubícase  á dereita o Café Bar Casa Menguxo. Hai que deixar atrás este cruzamento e o bar e, sen desviarse, pasamos cerca da Casa do Concello, do Campo de fútbol municipal e despois á beira doutro campo de fútbol. Un pouco despois (unha vez percorridos uns tres quilómetros desde o bar) aparece unha caseta do autobús á dereita nunha suave baixada: inmediatamente despois, sae unha pista estreita e asfaltada á dereita. Desde aí ata a pedrafita aínda non hai un quilómetro.




A pedrafíta atópase no medio dun cruzamento e fai de marco de termo separador entre dous concellos (Vilarmaior e Monfero) e tres parroquias (Torres, Vilachá e Monfero). Ubícase xusto no cambio de vertente, onde a aba do monte cae a chumbo. Moi preto, nunha aliñación orientada de leste a oeste, atópase unha necrópole megalítica composta por tres ou catro mámoas. Si esta é unha pedrafita, está a comprir algunhas das constantes en canto ao emprazamento que se poden ollar en moitas outras pedrafitas galegas.




Por ese cruzamento serpenteaba o antigo Camiño Real que transitaban os veciños para trasladarse co gando e con todo tipo de mercadurías á Feira da Viña no Concello de Irixoa. Do mesmo xeito, era o lugar de tránsito axeitado que levaba á Feira do Tres en Vilarmaior.
Temos diante un bloque monolítico que acada unha altura máxima de un metro e vinte centímetros, sen contar a parte que queda enterrada. A súa forma xeral é triangular apuntada, sendo a súa superficie traballada e alisada para conferirlle a forma. O lado norte é recto, mentras que o asimétrico ofrece unha certa forma convexa.. No chan, no lado do norte, descansa unha lousa plana e irregular duns cincuenta centímetros de lado: semella facer de calzo da pedrafita.  A forma é tendente ao cilindro, aínda que tamén se pode interpretar con certa tendencia, na planta, ao triángulo. Segundo os seus "catalogadores" a pedrafita foise enterrando co paso do tempo, pois antes de arranxar o Camiño Rela, acadaba unha altura de máis de 1,80 metroe.

En todo caso pódense distinguir catro caras. A cara norte, cuberta de diversos líquens, é lixeiramente abonbada e nela aparecen unha serie de oquedades que ben puideran ser cazoliñas. Na cara do sur aparecen dous cruciformes; na cara do leste debúxanse unha "M" e unha "F" que poden aludir ao concello de Monfero, para sinalar os lí9mites. Por último, a cara do oeste é a máis basta e nela non localicei ningunha gravura de interese. O perímetro da base é de cento doce centímetros e no alto, máis estreito, posto que vai diminuíndo en grosor adoptando unha forma cónica, acada uns noventa centímetros.

Posiblemente boa parte das inscricións que se atopan por todas as súas caras sexan marcas do Couto de Monfero. López Sangil, a partir da documentación medieval, fala do Marco das Lobeiras que posiblemente se refira a esta pedrafita posto que o monte que a rodea chámase Monte das Lobeiras.

Na cara do sur é onde se atopan o maior número de motivos con representacións gráficas como cazoletas, cruces e unhas gravuras lineales que percorren toda a pedrafita. Todos estes motivos posiblemente sexan de adscrición prehistórica. 




Unha vez feitas as medicións que considerei apropiadas, dada a premura de tempo, retrocedín cara ao cruzamento de Torres, onde está a Casa Menguxo. A intención era tomar un café e dapartir cos posibles parroquianos. Tiven sorte.

Efectivamente, no establecemento estaban dous veciños e o dono do bar: dous homes e unha muller. Pouco a pouco fun entrando en conversa e tamén pouco a pouco funos levando cara aos meus intereses megalíticos. Esto foi o que conseguín sacar á luz:

En primeiro lugar contáronme que antes o camiño era unha profunda corredoira. Cando iniciaron o asfaltado a intención era a de eliminar o Marco pero que grazas á teimuda resolución e terquedade dun veciño do lugar do Seixo, en Monfero, decidiuse finalmente que o Marco permanecería no seu lugar de sempre.

A señora (Julia González Sanjurjo) que estaba tomando un café e unha madalena, resultou a máis fecunda relatora ou informadora debido a que se acordaba moi ben dos contos que lle contaba a súa nai xa falecida. Era tamén a máis xoven dos tres contertulios fortuitos.




Contoume, xaquelogo, que  os veciños da bisbarra utilizaban o Marco para curar diversas enfermidades tradicionais, tanto para o gando como para as persoas. O proceso era o seguinte: había que dar nove voltas ao Marco para espantar calquera mal ou meigallo. En cada volta tamén había que tirar  unha moeda de costas á pedrafita. Tamén se tiraban, sempre para atrás, pedras de seixo ou de cuarzo. Si alguien collía as moedas, o meigallo ou a enfermidade podíase volver contra el. Dicir que, aínda así, os cartos sempre desaparecían.
Pero hai máis: Julia conta que nin hai trinta anos aparecían ao redor do Marco moitas follas de diversas árbores que estaban traspasadas por afinetes e/ou agullas, moitas veces dobladas. Sen dúbida eras conxuros de diverso tipo.

Para as enfermidades do gando, por exemplo, si tiñas unha vaca enferma, debías levar un pucheiro con leite de catro tetos e calquera que pasara por alí tíñao que romper para que o rito curativo dira o resultado apetecido.



Tamén se deixaban frascos que contiñan azufre, posiblemente un prodixioso remedio contra o mal de ollo ou contra outras moitas enfermidades humáns ou animais de carácter tradicional.
Era normal que a xente que ía co gando cara a calquera das feiras, procedese a dar as devanditas nove voltas ao redor da  pedrafita coa intención de influir na sorte á hora dos intercambios feirais.

En fin, logo destas suculentas informacións despedínme dos meus inopinados contertulios sobre as 12:30, levando comigo unha agradable sensación de felicidade.

Un último apuntamento refírese á apariencia fálica obtida a través dalgunhas destas instantáneas, aínda que nas informacións anteriores non saira nin unha soa vez alusión algunha acerca dos ritos de fertilidade.

Para rematar, só me queda agradecer senceiramente a Julia González Sanjurjo, a Andrés García e a Jesús García (Suso), a súa paciencia para responder ás miñas teimudas, recalcitrantes e, ás veces, inxenuas  preguntas.










Fotografías realiadas por
Ramón Boga o 10 de setembro de 2012















Fotografías realizadas por
Ramón Boga Moscoso o 16 de setembro de 2008.


1 comentario: