viernes, 6 de julio de 2012

Antas-dolmenes do Concello de Agolada

A xeito de introdución e xustificación

Nos últimos anos apareceron, para o mundo arqueolóxico e para o público e xeral, unha serie de elementos megalíticos de gran importancia para o horizonte tumular en Galicia. Trátase de varias necrópoles espalladas polo termo municipal de Agolada, na provincia de Pontevedra. Ata de agora non tiven oportunidade de visitar estes elementos, pero entre a bibliografía especializada e sobre todo grazas ao blog Aquam Latam de Manuel Busto, puiden facerme unha visión xeral de conxunto que espero sirva tamén para a xente que siga o meu blog.

aquamlatam.blogspot.com

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DE FERREIROA

Atópase, segundo descrición de Manuel Busto, ao lado esquerdo da pista da concentración parcelaria que leva a Rebordelos.



Anta da Mámoa de Ferreiroa.
Fotografía de Manuel Busto.

Trátase dunha pequena cámara megalítica que conserva todos os esteos e só lle está a faltar a tampa ou pedra cobertora. A mámoa na que se insire atópase moi rebaixada, seguramente froito das tarefas agrícolas.

ANTAS-DOLMENES DA MÁMOAS DAS CHOUSAS DE ACEDO

Atópanse en Vilanova, parroquia de Borraxeiros. Ubícanse moi preto do antigo camiño que levaba de Borraxeiros a Amance e Basadroa.


Son dúas antas que forman parte dunha necrópole composta por sete mámoas. 

A primeira anta conserva algúns dos esteos da cámara megalítica. Por suposto, a cámara foi violada e o túmulo tamén se atopa moi reducido con respecto ás súas dimensións orixinais.


 Anta 1 das Chousas de Acedo.
 Fotografía de Manuel Busto


A segunda anta, ubicada a uns corenta metros da anterior, consérvase bastante ben e acada cerca dos 30 ms de diámetro. Sobresae uns catro metros. Aínda se poden observar seis esteos que formaban a estrutura arquitectónica.


Anta 2 das Chousas de Acedo. Fotografía de Manuel Busto


ANTAS-DOLMENES DA NECRÓPOLE DAS NAMELAS

Trátase dunha necrópole megalítica situada no monte Turubelo en Axiaz, parroquia de Ventosa. A necrópole está integrada por cinco mámoas. Aquí vou describir
 as coñecidas cos números 1, 2 e 3, que aínda conservan restos da arquitectura monumental.



Mámoa I das Namelas. Fotografía de Manuel Busto


Neste momento non  estou seguro de si a mámoa I conserva restos de esteos, aínda que grazas á amabilidade de Manuel Busto pode amosar unha fotografía da mámoa, na que se poden apreciar os regos profundos para unha repoblación forestal.

Verdadeiramente interesantes para o estudo do horizonte tumular galego son as sinaladas cos números II e III, tanto pola estrutura dolménica como polos restos de gravados que se conservan nalgún dos esteos que conforman a cámara.

A Anta das Namelas II conserva seis esteos da cámara e amosa ademais dous deses esteos con gravados en zigue-zague paralelos.


  
Anta II das Namelas.
Fotografías de Manuel Busto



A Anta das Namelas III conserva catro esteos da cámara. Nun deses esteos aparece gravada unha figura antropomorfa que Ramón Fábregas non dúbida en sinalar como a primeira representación antropomorfa aparecida nun megalito galego.


Planta da Anta das Namelas III, segundo Fábregas-Penedo

Efectivamente, nun pequeno artigo titulado "Antropomorfo grabado en un túmulo megalítico de Agolada (Pontevedra)" Fábregas-Penedo inciden na extraordinaria importancia do antropomorfo das Namelas pola escaseza destas representacións tanto en Galicia como no norte de Portugal.


Anta das Namelas III.
 Fotografía de Manuel Busto


A necrópole, como dicía máis arriba, atópase a unha altitude de entre 570 e 590 ms, e está conformada por cinco mámoas das cales tres delas conteñen restos de cámaras simples: de reducidas dimensións e que amosan gravados en dous casos.




Antropomorfo nun esteo das Namelas III, segundo Fábregas-Penedo

A anta da mámoa das Namelas III presentase nunha mámoa que acada unhas medidas  de 18 ms no eixo N-S e 19,50 ms no eixo L-O. Non sobresae máis de setenta centímetros.

A cámara conserva cinco esteos de granito e fáltalle a pedra cobertora  e, como sinalan Fábregas-Penedo, probablemente tamén lle falta un sexto esteo. A cámara sería das do tipo poligonal con corredor de acceso, aínda que polas súas dimensións sería asimilable ás estruturas tipo "cista". 


O antropomorfo das Namelas III.
Fotografía de Manuel Busto


O esteo gravado non acada máis de sesenta cms de altura e un ancho máximo de corenta cms. O único motivo que se recoñece neste esteo é un antropomorfo colocado nun lugar central sobre a superficie interior do esteo. Consérvase enteiro excepto a cabeza que ten forma trapezoidal incompleta. Consideran estes autores que, pola ubicación nun esteo cerca da entrada e o ocupar súa maior parte, confírelle un certo carácter de estela. 


ANTA-DOLMEN DA CHAIRA DO MEDIO

Conserva catro esteos.


Anta da Chaira do Medio. Fotografía de Manuel Busto

ANTAS-DOLMENES DO COTO DO CORNELLAL

Para chegar. Atópanse na parroquia de Ventosa: saindo de Axiaz cara ao monte Turubelo, cando se chega ao alto da pista, á dereita da estrada, ubícanse as mámoas.

Anta nº 1: Trátase dunha mámoa moi erosionada tanto pola acción antrópica como por motivos naturais propios da erosión. Amosa un gran funil de violación, e mide ao redor de cinco metros de diámetro e unha altura aproximada de tres metros.

Anta nº 2: No interior da mámoa hai unha pequena cámara megalítica formada por cinco esteos e sin pedra cobertora.


Anta do Coto do Cornellal 2.
Fotografía de Manuel Busto


ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DE MUÍÑOS

Atópase cerca do río Ferreiroa, a uns 500 ms da aldea de Bidueiros. Foi descuberta por un veciño da zona e dada a coñecer pola Asociación de Amigos dos Pendellos de Agolada. Eu coñecina a través do blog de Manuel Busto cuia dirección sinalo ao principio deste entrada.


 Planta da Anta dos Muíños

Grazas as labouras de difusión por todos os medios destes veciños especialmente sensibilizados co noso patrimonio, conseguiuse que as institucións tomaran cartas no asunto, de xeito que hoxe a anta foi estudada, catalogada e declararda BIC. Despois dun analise minucioso das pinturas dos esteos da cámara, a anta volveuse a tapar para preservar as devanditas pinturas na espera de tempos mellores para unha axeitada escavación arqueolóxica e a súa presumible posta en valor. Atópase así hoxe en día ben sinalada, con uns bos accesos, postes e carteis indicativos e con información divulgativa ao redor do monumento.


A Anta dos Muíños antes da intervención.
Fotografía de Manuel Busto, 2004


Con respecto á arquitectura megalítica, estamos diante dunha anta con corredor que non se diferencia na planta, pero que aparece moi ben diferenciada no alzado. O monumento confórmase a través de sete esteos na cámara e dous no corredor, polo menos á vista. Conserva "in situ" a lousa que tapa o oco entre a cámara e o corredor, unha das poucas que se conservan no horizonte megalítico galego. Do resto, e en especial das pedras cobertoras ou tampas, parece que hai anacos fragmentados polos arredores.


Anta dos Muíños.
Fotografía de Manuel Busto, 2004


En xeral, aínda que o estado de conservación é bastante bo, pódense ver dous esteos fracturados. Efectivamente, a anta foi obxecto que numerosas agresións vandálicas e pódese constatar que a agresión máis forte prodúxose a través da lousa da cabeceira que se atopa moi esnaquizada.



Anta dos Muíños. Foto de Manuel Busto


A altura media dos esteos da cámara acada un medro e setenta cms. A planta da cámara acada algo maís de catorce metros cadrados e o corredor uns 3 metros cadrados. O corredor, como é habitual nestes casos, atópase orientado cara ao SL.


A Anta dos Muíños entre o monte queimado.
Fotografía de Manuel Busto, 2006

A mámoa na que se acocha atópase moi deteriorada, aínda que se pode estimar para os diámetros entre 27 e 29 metros e unha altura aproximada de dous metros e medio.


Pinturas nun dos esteos da Anto de Muíños.
Fotografía de Manuel Busto


En todas as lousas visibles hai restos de pintura megalítica, afirmando Carrera que existen dúas capas superpostas de pintura con dúas técnicas diferentes. En todos os esteos aparecen grafías verticais ondulantes e predomina a cor roxa. Posteriormente, sobre revoco branco, pintura negra en bandas verticais.



Sinalética da Anta de Muíños.
Fotografía de Manuel Busto

 



Bibliografía

Carrera Ramírez, Fernando: "El dolmen de Os Muíños (Agolada, Pontevedra). Intervención para la documentación y protección de la pintura megalítica consservada". Gallaecia 2008 


CISTA DE COITEMIL. Agolada

Atópase no lugar de Coitemil ou Cinco Mámoas, na parroquia de Ferreiroa, concello de Agolada. Segundo Manuel Busto atopouna Arturo Torreira no ano 1966. Apareceu cando se realizaban laboruas agrícolas: tratábase dunha cista máis ou menos cadrada que contiña un vaso tripede hemiesférico e co bordo voado, hoxe desaparecido.





Consérvase unha lousa con gravuras gardada no Museo de Pontevedra. O esteo conservado amosa unha decoración de seis liñas paralelas sobre as que se desenvolve unha serie de zigue-zagues e, nas liñas inferior e superior, posúe sendas ringleiras de círculos.

1 comentario:

  1. Sabes cómo se pode conseguir un pouco máis de información? Refírome a coordenadas para gps, porque moitas veces nestas parroquias a xente non sabe moito do asunto. Saudos

    ResponderEliminar