jueves, 28 de junio de 2012

ANTAS-OLMENES DA COMARCA DE TERRA CHA, Lugo.


UNHA PEQUENA INTRODUCIÓN

A tamén chamada "Chaira Luguesa" e, aínda que topográficamente caracterízase pola planicie, as zonas periféricas no norte e do sueste son montesiías.

Trátase dunha cas comarcas galegas máis diferenciadas e peculiares pola configuración xeográfica, polas características do chan, do clima, da produtividade gandeira, etc.

Ofrece o aspecto dunha basta llanura lixeiramente ondeada, xulgada xeolóxicamente como un amplo anaco da principal superficie de erosión de Galicia.

Non amosa uns límites precisos pero, pouco máis ou menos, abrangue os concellos de Guitiriz, Begonte, Outeiro de Rei, Rábade, Vilalba, Xermade, Abadín, A Pastoriza e Cospeito.

Con respecto á outra historia da bisbarra, gústame sobre todo o suposto altar de sacrificios no Castelo da Portela en Fanoi que, ao dicir dalgúns, é un monumento megalítico escavado na pedra. O nome de Moncelos na Costa (Abadín) provén de que Santiago, desde o Monte Argán, espetou: "Este é o monte do Ceo". 

Na mámoa de Amenido en Pacios, aparece na noite de San Xoán un feixe de galiñas e pitos, segundo se sabe e se dí por alí. A tradición dos enfeitizamentos tamén permanece en Lousada e, no pantano de Boedo, en Guitiriz, dise que está asolagada a cidade romana de Caronicum. No Monte da Braña hai novas dalgúns outros asolagamentos. 

O tema das cidades asolagadas non é alleo, como se ve, na Terra Cha, o mesmo que no resto de Galicia, posto que non hai lagoa, lago ou charquiña nos que a tradición popular non  sitúe unha cidade asolagada nas profundidades das escuras augas: a cidade de Vilaverde, ubicua onde as haxa, na Lagoa de Sistaio, permanece no fondo das augas porque os seus moradores negáronlle esmola á Virxe (por suposto, ignoraban que se trataba da santa intercesora). No Buriz, dúas cidades, nada menos, asolagadas esperan que alguén as atope; e en Boedo, tamén en Guitiriz, había unha cidade pola que pasou a Sagrada Familia pedindo comida e, ao negárenlla, asolagaron a cidade cos avariciosos habitantes dentro. Na cidade da Veira (Vilalba) aínda se pode escoitar o lánguido tañer dos campás. A súa destrución foi motivada polo culto dos Balouros, célebre raza maldita sacerdotal galega, moradores das montañas Balouras.

Con respecto ao horizonte megalítico, tamén son abondosas e correntes as lendas: as mámoas construíronas os mouros deixando minas de ouro, e o motivo polo que estas míticas xentes se fosen foi debido a unha invasión, de xeito que na súa precipitada fuxida, deixaron os tesouros tapados no interior das mámoas, medoñas, medorras, modias...

ANTA-DOLMEN DE MOLLAFARIÑA. San Xulián de Cazás. Xermade

Para chegar. Si collemos a estrada que vai de Vilalba a Xermade, en Cazás, debemos coller a estrada á esquerda e, antes de cruzar unha ponte, a dous quilómetros de Cazás, unha estrada á dereita leva á anta, que está a un quilómetro e catrocentos metros.

Forma parte dunha necrópole conformada por cinco mámoas.




Planta segundo versión de Moncho Boga


Estamos diante dun megalito con cámara e posiblemente con corredor. Os restos que quedan apareceron cando se desfixo a mámoa para adecentar a leira na que está, con motivo das conseguintes labores agrarias. Nos arredores apareceron restos de cerámica campaniforme, unha aixola pequena e unha ficha de xisto.



Fotografía do ano 2008. Autor Ramón Boga


Hoxe en día podemos ver seis esteos da cámara perfectamente fincados e un deles tirado cara ao interior mentres que o resto atópase ciscallado polas inmediacións. 

A mámoa atópase prácticamente desfeita polas devanditas labores agrarias. Aínda así, é posible levar a cabo unha identificación da contorna: conserva algo do alzado polo oeste e mide aproximadamente, de diámetros máximos, 28 por 33 petros. Non sobresae máis de 50 cms. Calcúlase que a perda da masa tumular acada o setenta e seis por cento.



Fotografía do ano 2008, Ramón Boga

A cámara é das do tipo poligonal con posible corredor, aínda que é moi difícil a súa adscripción tipolóxica precisamente debido á desfeita que se fixo no xacemento. Destaca polo gran número de esteos: seis deles están fincados  e forman parte da cámara, e outros espallados que seguramente pertencen tamén a estrutura arquitectónica. Precisamente pola gran abundancia de esteos e pedras no contorno próximo aos restos do xacemento, fan pensar na posible existencia do corredor.



Fotografía do ano 2008, Ramón Boga


Tamén podemos ollar a existencia dun sistema de cuñas ou contraforte dos esteos que se poden ver a carón dalgún dos esteos. A interpretación complícase posto que a uns dous metros cara ao SO atopouse unha enorme pedra que polas súas características e dimensións podería ser a pedra cobertora.





Fotografías realizadas no ano 1994. Ramón Boga.



Un dos esteos que permanece caído no chan, no interior de cámara, amosa once cazoliñas das que unha é alongada e as outras son esféricas.




É posible que esta pedra, situada a uns dous ms da Anta, sexa a pedra cobertora, aínda que a espesa vexetación fixo imposible a toma de medidas e unha análise minuciosa. Nos últimos tempos atopáronse evidencias de pintura parietal.


Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 2008.



CISTA DO CUBILLÓN. San Xulián de Cazás, Xermade.

Atopábase no lugar do Cubillón, parroquia de Cazás, concello de Xermade, Lugo, moi preto da necrópole de Mollafariña.

Ao realizarse traballos agrícolos nunha leira situada a cincuenta metros ao norte do Cubillón, descubriuse unha cista rectangular feita de lousas de pizarra con chan enlousado, cuberta por unha cobertora tamén de pizarra, que contiña ósos humáns e unha ola de barro.



Planta da Cista do Cubillón, segundo versión de Ramón Boga, 1997
 .

O lado maior, orientado ao leste, formábase por unha lousa sinxela de pizarra de sete centímetros de grosor, mentres que os outros tres lados conformábanse con un doble bloque de pizarra de forma regular. Dicía que estaba cuberta cunha gran lousa plana de pizarra dun medro e cincuenta  cms de lonxitude e un metro e dez cms de ancho.


ANTA-DOLMEN DE CHAO DE MAZÓS. Santa Baia de Pena, Begonte

Para chegar. Unha vez chegados a Santabaia, nun cruzamento no que se atopa un bar, hai que coller á esquerda e, despois duns catrocentos ms, un desvío á dereita leva ao alto do monte no que, logo dun quilómetro e medio, está a anta.

Estamos diante dunha anta con cámara poligonal simple. Conserva sete esteos de pequeno tamaño situados na cabeceira e o maior acada unha altura máxima dun metro e doce cms, setenta e sete de ancho e vinte cms de grosor. No eixo L-O mide dous metros e medio e, no eixo N-S a lonxitude é de dous metros. O eixo máis cativo mide un metro sesenta cms. Presenta cono de violación central que se abre cara ao SE. Non se aprecian restos do corredor de entrada.



Anta Chao de Mazós no ano 1994, Ramón Boga


A mámoa é das do tipo medio pequeno pero que conserva bastante altura. Está cuberta de monte baixo. Unha parte tamén está cortada por un camiño. Forma parte dunha necrópole composta de catro mámoas das que a que nos ocupa está numerada co nº 1.  Sen embargo esta é a única das catro que conserva cámara.


Planta de Chao de Mazós segundo versión de Ramón Boga



No mesmo concello, no lugar da Gándara, parroquia de Santa María de Castro, foi escavada a mámoa de Monte Campelos. O enxoval exhumado estaba composto por unha doble machaca con perforación central, dous ciceis, unha aixola, tres anacos de cerámica e dez prismas de cuarzo. Non conservaba cámara megalítica. Posiblemente conserve restos de pintura parietal, segundo diversas noticias.



Anta Chao de Mazós no ano 2008. Foto de Ramón Boga



NECRÓPOLE DO BURIZ. Monte Pelreo, Guitiriz


Fotografía da mámoa nº 5.


Trátase dunha necrópole formada por sete mámoas. Dúas desas mámoas foron escavadas por Fermín Bouza Brey (as sinaladas cos números cinco e dous). Esta necrópole é coñecida tamén co nome de Modias da Pena da Cata.

A mámoa número cinco acadaba os vinte metros de diámetro e contiña unha anta de cámara poligonal con corredor, debuxando unha forma xeral en "V". A mámoa número dous amosaba a presenza dun nicho circular adosado á pedra cabeceira da cámara. O enxoval da mámoa número dous foi o seguinte: unha lasca de sílex, dous discos perforados, unha machada de xisto, cerámica lisa e anacos de campaniforme.

Na mámoa número cinco atopouse un vaso de forma acampanada e un recipente tetralobulado con decoración simbólica, hoxe en día desaparecido.



Enxoval da M-5. O Buriz.

As mámoas do Buriz foron construidas polos mouros que deixaron minas de ouro. O motivo de que estes seres lexendarios se fosen foi debido a unha invasión, de xeito que na súa precipitada fuxida deixaron os tesouros tapados.



NECRÓPOLE DE LOUSADA. San Andrés de Lousada, Xermade

Trátase dunha gran necrópole formada por dezasete mámoas, das cales tres foron escavadas por don Fermín Bouza Brey no ano 1972.



Fotografía do ano 1991, de Ramón Boga


Das mámoas escavadas por Bouza Brey só se conservan tres chantos da mámoa nº 1, que estaba formada por sete esteos. A anta nº 2 constaba de seis esteso embricados así como a pedra cobertora. A terceira posuía sete esteos tamén imbricados e con pedra cobertora. Permanece unha anta coa cámara ao descuberto de forma rectangular que parece que tamén foi escavada.

Nas escavacións levadas a cabo por Bouza Brey, atopouse un detacable enxoval composto de diversos aparellos de material lítico como puntas de frecha, obxectos fusiformes, ídolos betilo ou pedras de afiar. Tamén apareceu diverso material cerámico como vasos sen decoración e diversos anacos de vasos campaniformes.



Fotografía do ano 1991. Autor, Ramón Boga


Don Fermín Bouza Brey recolleu, ademáis, numerosas informacións ao redor da etnografía destas mámoas: "as medoñas eran dos mouros que nelas tiñan as súas cociñas nas que cociñaban troitas e sardiñas"; "as medorñas as fixeron os mouros que deixaron unha mina de ouro e unha bomba que se se atopa voa todo"; "as medoñas as fixeron os insurrectos e que as mámoas conservan aos insurrectos e que estes taparon todo ao marchar".
A necrópole atópase en moi mal estado e os poucos restos de antas que se albiscan nas mámoas corren un serio risco de desaparición.

Outras fotografías dos restos, moi estropeados, das mámoas da necrópole de Lousada. As fotografías son do ano 1990:






Debuxo e  fotos  de Ramón Boga Moscoso, 1993.



ANTA DA MEDORNA DO PRADO DA FONTE. San Andrés de Lousada, Xermade

Atópase na parroquia de San Andrés de Lousada. Para chegar hai que coller a estrada que leva desde esa parroquia cara a Roupar e está situada no lugar de Abeleira, nunha propiedade denominada Prado da Fonte.

Trátase dunha cámara megalítica que se insire nunha mámaoa que acada os 24 metros e medio no eixo máis longo. A estrutura arquitectónica defínese como unha cámara poligonal con corredor. Amosa unha lonxitude toral de catro metros e setenta centímetros e  a cámara, na planta, acada unhas dimensións aproximadas dun metro e quince centímetros por dous metros con setenta centímetros.

Atópase formando parte dunha necrópole composta por catro mámoas.




Fotografía de Cándido Rico,
na páx. web megalitos.arqueoloxico.com


PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA CHANTADA. Santabaia, Vilalba

Esta rara e fermosa pedrafita está asentada nunha extensa chaira na que se asenta a necrópole do Carrizo, composta por dazanove mámoas. A pedrafita atópase ao principio da necrópole, como fito anunciador do campo de mámoas, como xalón impertérrito e ao mesmo tempo locuaz, parlanchín...

A Pedra Chantada no ano 1993.
Foto de Moncho Boga.


Como tantas outras pedrafitas, posiblemente conservouse pola súa función de marco de termo entre os concellos de Xermade e Vilalba.



Fotografía de Moncho Boga, 1993.


Posúe numerosas cazoliñas, moitas delas talvez ocasionadas pola erosión. A cara oeste parece a máis traballada.

Mide, para a altura, dous metros e e cinco centímetros, e na cara do oeste acada unha anchura máxima de oitenta e dous centímetros.




Fotografías de
Moncho Boga, 1995



Os máis vllos da bisbarra aínda contan que unha moura levou a Pedra Chantada na cachola  ata que, dobrando o pescozo cara o chan, deixou caer a pedra de xeito que ésta ficou chantada tal e como a podemos ver hoxe.


Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.




CHANTO DA MODIA DO RAIRO-PORTO DE BOIS.Vilapedre, Vilalba

Para chegar. De Vilalba a Lanzós e de aí a Bouza, con dirección a Vilapedre. En Bouza, a cinco quilómetros de Lanzós,  hai que coller un desvío á dereita que sinala Costa, despois de circular case un quilómetro. A chanta ou esteo está na eira dunha casa particular á dereita, no lugar de Porto de Bois. Tamén se coñece co alcume de "Chanta dos Millós".



Fotografía do ano 1993, Moncho Boga.


Atopábase nunha mámoa (medoña, na bisbarra) que se desfixo para converter o terreo en pastizais. Mide aproximadamente un metro de altura, cento seis cms de ancho e un grosor medio de vinteun cms. Ao igual que en Mollafariña ou nos Campiños, o esteo atópase decorado con coviñas das que a maioría son circulares e as menos alongadas. As coviñas son un motivo empregado e representado con profusión no megalitismo da Península Ibérica
.


Fotografía do ano 1993, Moncho Boga.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.


ANTA-DOLMEN ROZA DAS MODIAS. San Xoán de Alba, Vilalba

Para chegar. Na parroquia de Alba hai que coller un desvío á esquerda, vindo de Begonte. Outro desvío á esquerda, logo de mil trescentos metros, leva dereito á Anta, que está a un quilómetro e trescentos metros tamén á esquerda da pista, moi cerca dunha nave de bloques.


Fotografía do ano 1993. Foto de Moncho Boga
.
 

A Anta de Roza das Modias forma parte dunha necrópole de sete mámoas ubicada no Val do río Labrada. Atópase no Monte Galde, lugar de Muíño Pequeno.

Estamos diante dunha anta de cámara poligonal con posibles restos do corredor de entrada: a cámara está conformada por oito esteos dos cales o meirande mide para a altura un metro e noventa e tres centímetros, setenta cms para o ancho e sete cms de grosor. Non conserva a pedra cobertora.



Fotografía do ano 1995. Foto de Moncho Boga.


A mámoa que a contén é de boas dimensións e está cuberta de toxos e piñeiros. O especialmente relevante desta anta é que en catro dos esteos da cámara aparecen gravuras con motivos serpentiformes. Segundo as interpretacións máis estendidas, os serpentiformes avalar unha dimensión relixiosa na que os antepasados desempeñan un certo papel e ademais están presentes ideas e crenzas vinculadas ao Sol e as Serpes, coas preocupacións inherentes á reprodución do grupo social que as construiu.



Fotografía do ano 1993.
 Moncho Boga.




Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.


ESTEOS DE VARIAS MÁMOAS DA NECRÓPOLE DE MUÍÑO PEQUENO

Fotografías extraídas da Revista Gallaecia, nº 1, ver bibliografía.

Segundo o autor do artigo, os esteos das fotografías, atópanse hoxe baixo a estrutura tumular de varias mámoas da necrópole de Muíño Pequeno:









BIBLIOGRAFÍA

Ramil Soneira, J; Vázquez Varela, M.; e Vidal Rodríguez, J.: "Tres túmulos megalíticos con grabados en el término municipal de Villalba (Lugo). Gallaecia nº 1. Ediciós do Castro 1976.



ANTA-DOLMEN CAPELA DOS MOUROS. Salgueiriño, Samarugo, Vilalba.

Para chegar. Desde San Simón, hai que coller a estrada de Corvelle con dirección a Candaido. Unha pista á esquerda, antes de chegar a este lugar, leva a anta que os veciños coñecen co nome de Igrexa dos Mouros.


Planta da Capela dos Mouros.


A necrópole onde se insire esta anta está formada por varias mámoas, na aba sul do Monseibane, onde comezan as terras de labradío.



Da cámara megalítica tan só conserva catro enormes esteos e dúas laxes do corredor de entrada moi esnaquizadas. Tipolóxicamente adscríbese ás antas con cámara de forma poligonal pero con forte tendencia ao círculo e co corredor desenvolvido. Falta a pedra cobertora así como diversos esteos da cámara.





Fotogrrafías e debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.



ANTA-DOLMEN DA RIBEIRA, Samarugo.

Atópase nun monte á beira dunha estrada local. Hai anos que foi cortada á metade pola devandita estrada, quedando un gran esteo á vista e algunhas outras pedras de menor tamaño.


Anta da Ribeira 1.
 Fotografía realizada no ano 1990 por Ramón Boga





Alzado e planta da anta da Ribeira 1. Versión propia a partir de Pombo Mosquera.



UNHA MÁMOA en Samarugo

Camiñando polas onduladas e bucólicas, así como amenas, terras de "terra cha", atopamos esta feitiña mámoa cuberta de carballos e por enriba unha "torreta de media tensión" chantada na súa aba. Non habería outro sitio mellor para chantala?. Por suposto, é unha pregunta retórica.



Fotografía realizada no ano 1992.
Ramón Boga Moscoso


ANTA-DOLMEN DE BRAVOS, Outeiro de Rei.

Para chegar. No lugar de Bravos, ao pasar a capela do Rosario, chegamos a unha encrucillada na que se alza un cruceiro. Subimos por unha pista sen asfaltar á beira dunhas edificacións ruinosas de cemento ata que chegamos a uha zona con carballos illados onde hai outro cruzamento. Debemos coller o camiño da dereita e bordear o monte que queda ao frente buscando un carreiro que serpentea en espiral ata o cume do devandito outeiro. A anta está no máis alto dese monte, rodeada de xestas e monte baixo, a uns catrocentos ms dos carballos mencionados antes.



Fotografía da Anta de Bravos. 1993.
Ramón Boga Moscoso


Trátase dunha anta semellante, tipolóxicamente, á anta de Chao de Mazós pero, ao contrario que aquila, conserva o corredor e todos os esteos da cámara. Así, trátase dunha anta con cámara poligonal, tendente ao círculo, con corredor corto e coa forma xeral en "V". A cámara está composta por sete esteos dos que o meirande sobresae un metro e quince centímetros, sesenta e catro centímetros de ancho e dazasete de grosor.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993


No eixo L-O acada un metro e sesenta e catro centímetros de lonxitude por un metro e sesenta e cinco centímetros no eixo N-S. A lonxitude máxima, engadindo o corredor, é de dous metros e sesenta e un centímetros. O corredor acada noventa e sete centímetros de lonxitude e un ancho máximo de sesenta e seis centímetros. A Anta está orientada ao leste e non conserva ningunha das pedras cobertoras. Posiblemente está a conservar restos de pintura parietal.




ANTA-DOLMEN DE PEDRA DEREITA, Outeiro de Rei

Para chegar. Antes do núcleo da aldea de Martul, deixando unha casa nova á esquerda, hai que circular por unha corredoira ou pista forestal que circula polo medio dun monte de espesos piñeiros nórdicos. Debemos camiñar preto de catrocentos metros ata chegar a un muro de pedra onde o camiño describe unha curva. Trinta ms máis atrás hai un carreiro que case non se ve e que se adentra na espesura de fentos, piñeiros, silvas e toxos. A anta está a uns vinte ms e non se pode ver desde o camiño debido á espesura da floresta.



Fotografía da Pedra Dereita de Martul realizada no ano 1993.



A anta que estou a describir atópase enclavada nunha mámoa de dimensións convencionais para o megalitismo galego. Conserva sete esteos: dous deles fóra do súa posición orixinal apoiados na aba da medoña. Posiblemente os outros cinco permanezan in situ.




O esteo que podemos ver na fotografía (o terceiro seguindo as agullas do reloxo) acada considerables dimensións: dous ms e dez cms de altura, un metro e vinte cms de ancho e trinta e sete cms de grosor. O segundo esteo posúe base cadrangular medindo os seus lados vintecinco por trinta e tres cms e, na altura, cincuenta e cinco cms. No estado actual e case imposible a reconstrución tipolóxica da planta, aínda que non se debe desbotar (polas características doutras antas da zona) unha cámara poligonal con corredor.








Fotografías realizadas
por Ramón Boga Moscoso no ano 1993



Debuxo de Ramón Boga Moscoso


Antas aínda non visitadas polo autor no Concello de Outeiro de Rei


ANTA-DOLMEN DA MEDORNA DO PICO

Atópase moi cerca da anta Forno dos Mouros, na cima dun outeiro próximo. Fai de marco de termo entre os concellos de Friol e Outeiro de Rei.


Conserva catro esteos da cámara. Na parte superior dun deles aparece gravado un cadrado, aínda que o debuxo está moi erosionado. No lado oeste da mámoa aparece escavado un dos muros que antiguamente empregábanse para separar os terreos particulares.


ANTA-DOLMEN FORNO DOS MOUROS. Santo Tomé de Gaioso e Vicinte

Trátase da única anta con pedra cobertora no Concello de Outeiro de Rei. A cámara está case completa, a excepción da tampa que se atopa lixeiramente movida da súa posición orixinal. Esto é así porque na década de 1940 quíxose empregar por uns canteiros para a obra dunha casa da veciñanza.



ANTA-DOLMEN DA MEDORRA do Monte Martul.

Estamos diante dunha mámoa moi remexida polos buscarores de tesouros a finais da década de 1980. Deste xeito quedou ao descuberto unha cámara tipo cista de grandes dimensións. No interior había un anaco de esteo que seguramente formaba parte da cuberta da cámara, partida probablemente polos desaprensivos furtivos.




ANTA-DOLMEN OU PEDRAFITA-MENHIR de San Juan de Parada.

Non sei se se trata dunha pedrafita ou do único resto dunha anta. Baños, por exemplo, catalogáa como unha pedrafita. Outras informacións indican que é o único esteo da cámara dunha anta que aínda se conserva.

É probable que os gravados sexan sinais ou marcas de termo que indican a separación entre parroquias.  A mámoa na que se insire tiña un profundo cráter de violación e unha canle cara ao leste. Entre os despoxos atopáronse algúns anacos de cerámica.



En calquera caso trátase dunha pedra de granito que mide uns 45 cms de ancho e non sobresae para a altura máis de 80 cms.

O curioso deste peza é que conserva un gravado antropomorfo: unha figura de 30 cms de longo, formada por un círculo superior de 16 cms debaixo dunha raia vertical de 14 cms así como unha circunferencia que a cruza.

NOTA: Tanto os textos como as fotografías foron extraídos do Boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga, CROA do ano 1995. O artigo titúlase: "Arqueoloxía en Outeiro de Rei: mámoas e outros restos" de Juan F Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela

1 comentario:

  1. Thanks for sharing, nice post! Post really provice useful information!

    FadoExpress là một trong những top công ty chuyển phát nhanh quốc tế hàng đầu chuyên vận chuyển, chuyển phát nhanh siêu tốc đi khắp thế giới, nổi bật là dịch vụ gửi hàng đi nhậtgửi hàng đi pháp và dịch vụ chuyển phát nhanh đi hàn quốc uy tín, giá rẻ

    ResponderEliminar