ANTA-DOLMEN DE PEDRA COBERTORIA. Becerreá, Lugo.
Para chegar.
Fotografía de Ramón Boga Moscoso |
A ubicación desta anta é un valor engadido á súa extraordinaria e fermosa factura. Efectivamente, o exemplar que estades contemplando, supoño que extasiados, atópase nun extremo dunha chaira na parte máis elevada destes montes ancareses, xusto antes de romper a chumbo a penechaira. Desde aí pódense contemplar impresionantes paisaxes de orografía crebada e abondosa vexetación autóctona.
Para chegar, na parroquia de Silvouta, atoparedes unha caseta ou parada dos autobuses: na outra beira da estrada, sube un camiño que se bifurca case inmediatamente de xeito que se debe coller á dereita, por unha corredoira que sube continuamente e que leva, polo medio dunha amena e bucólica paisaxe, ata os mesmos pés da Pena Cobertoira.
Non é unha anta moi grande (de tipo medio pequeno), pero amosa unha sensación de fortaleza, de forza, de gravedade. A prarnta é rectangular sinxela e non se aprecian restos de corredor. A mámoa na que se insire é de tamaño tamén medio pequeno. Conserva tres esteos da cámara e a pedra cobertora ou tampa. A pedra da cabeceira é toda ela de cuarzo branxo, destacando poderosamente no conxunto. As demais son de granito de gran moi groso.
Seguindo as agullas do reloxo, o primeiro esteo sobresae 63 cm da mámoa e mide 99 cm de lonxitude. A pedra da cabeceira acada 81 x 63 e a pedra da dereita ten de lonxitude 94,5 cm e de altura 85,5. O elemento máis sobresainte do conxunto, ademais da cor branca do esteo da cabeceira é, sen dúbida a tampa, polas súas colosais medidas: dous metros e sete cm na parte máis longa e un grosor de 99 cms.
No hay comentarios:
Publicar un comentario