jueves, 24 de mayo de 2012

Presentación "Dolmens e demais familia"

AS PEDRAS EN GALICIA

"Todas las cosas están en el Universo, y el Universo está en todas las cosas: nosotros estamos en él, y él está en nosotros; de esta forma todo coincide en perfecta unidad." Giordano Bruno.


As pedras son o berce da alma. Non dunha alma calquera, senón da alma galega. De pedra e na pedra están gravadas todas as nosas inquedanzas, toda a nosa historia. Canteiros desde sempre, canteiros para sempre.



Reconstrución romántica dunha anta nos montes
de Obre a cargo de
 Ramón Barros Silvelo en 1875


Galicia está feita na pedra, é de pedra:  de granito, de esquisto, de seixo, de mármore... A pedra, coa súa dureza, garda os secretos de nós, os secretos do que somos e do que fumos. A esencia, a sustancia, o que é, gárdase oculto na hierática presenza das pedras galegas. As pedras falan, as pedras berran con gritos de angustia: correspóndenos a nós facer de intermediarios, e dicir, facer que falen, interpretar a súa angustia de sempre, a súa angustia pétrea, o seu silencio de milenios. O eco do seu silencio escoitase, síntese, pálpase. Os ecos dos seus silenciosos berros poden ser interpretados e comunicados. O misterio da súa presenza garda sorpresas e ofrece coñecemento, un coñecemento seguro que inconcluso, pero sempre fecundo.




Dolmen natural A Pedra dos Namorados, Salveterra de Miño. https://terrasdepontevedra.org/es/imprescindibles/ruta-literaria-la-puerta-manel-loureiro/



As manifestacións culturais ocultas nas pedras pódense rastrexar ao longo da nosa historia: desde os bifaces do paleolítico, toscamente tallados en duras pedras de seixo, ata as pesadas e miudas machadas do neolítico, primorosamente puídas. Atopamos misterio pétreo aló por onde vaiamos: dolmens, petroglifos, castros, mosteiros, igrexas, catedrais, fontes, casas tradicionais, pazos, castelos, etc, etc. Aló por onde vaiamos os muros de pedra falan doutra organización social; a situación dos cruceiros falánnos de olvidados ritos paganos; os lugares de romaría amosan pedras máxicas, pedras curativas, pedras medicinais... Todas esas innumerables pedras están dispostas a falarnos, a dicirnos o que son e para que son, o seu elocuente silencio envíanos susurros doutras épocas, susurros petrificados pero que subsistiron ao longo da noite dos tempos.



O Marco do Vento, pedrafita natural.
https://www.galiciamaxica.eu/blog/10-penedos-magicos-alucinantes-pontevedra/


-COUSAS XERAIS SOBRE ARQUEOLOXÍA E PREHISTORIA.

Os humanos posuimos unha curiosidade inherente con respecto ás nosas orixes e ao desenvolvemento da vida do home en sociedade. Así, a Prehistoria é unha "ciencia histórica" que pretende  a reconstrución  hipotética da humanidade a partir dor vestixios mateirais. O soporte básico da prehistoria é a Arqueoloxía que se pode definir ou constituir como aquela discipolina que busca a reconstrución histórica partindo da cultura material e do seu contexto; neste senso, actúa como disciplina auxiliar da Prehistoria, pero cunha particularidade: pode ser empregada tanto no estudo das sociedades anteriores á historia coma no estudo  das sociedades posteriores á aparición das fontes escritas.

En xeral, o ceñecemento que se ten da Prehistoria baséase nos restos de enterramentos, nos útiles atopados e nos asentamentos ou hábitats. Por iso a Cencia Arqueolóxica ten como obxectivo o estudo desas pegadas, ao tempo que se constitúe no seu dominio principal.



Círculo lítico con pedrafita central. Reguengos de Monçaraz, Évora.
Debuxo de Ramón Boga Moscoso


Nese senso xeral a Prehistoria relaciónase necesariamente con outras Cencias Humanas como a Antropoloxía Cultural porque tende á reconstrución cultural do desenvolvemento humano anterior á Historia Escrita. É necesario partir -por iso- dun concepto integrador da cultura co obxectivo de coñecer os modelos de comportamento das poboacións prehistóricas espacio-tempralmente, no senso da especificación das relacións variables entra es poboacións prehistóricas e os seus correspondentes territorios.

A evolución cintífica da Arqueoloxía a partir das novas técnicas, motivou unha auténtica revolución no coñecemento que ata de agora se tiña do pasado prehistórico: por exemplo, os últimos métodos científicos desenvolvidos para fixar a idade dos vestixios prehistóricos e arqueolóxicos en xeral, permitiron testemuñar a antigüidade real de asentamentos e útiles.



Dolmen de Pierres Plates en Locmariaquer, Golfo de Morbihan. Carnac.
A pedrafita situada á beira da entrada da anta.
Gerard Bailloud et alii.: "Carnac. Les premières architectures de pierre" CNRS EDITIONS 1995.

Maila que a transformación radical, debida a estas técnicas científicas, produce un salto caulitativo e cuantitativo en canto ás datacións, o obxectivo da arqueoloxía permanece invariable: o estudo da diversidade cultural, social e económica do home desde os primeiros tempos. Así a tarefa do arqueólogo tórnase nunha actividade interpretativa do pasado a través do estudo sistemático do desenvolvemento social, cultural e económico, de aí a necesidade de métodos fiables de datación.



Círculo lítico no Monte das Fachas.
Recreación a cargo de Villa-Amil y Castro, 1873

A pesar dos avances científicos, o rasgo que define ao arqueólogo (a interpretación) tórnase dramático debido a que ten que incidir na lectura dos vivos a partir do necesario escudriñamento do mundo dos mortos, dun mundo que non só xa non é, seno que nunca máis voltará a ser.


-COUSAS XERAIS SOBRE O MEGALITISMO

O período de tempo deste época prehistórica abrangue se cadra desde o Neolítico ata a Idade de Bronce e, seguramente, algúns dos elementos publicados neste blog, pódense encadrar xa na 1ª Idade do Ferro.



Carnac segundo unha visión romántica con druidas no primeiro termo.
Gerard Bailloud et alii.: "Carnac. Les premières architectures de pierre" CNRS EDITIONS 1995.

O Neolítico defínese xeralmente como o período no que eclosiona un xeito diferente de produción: o paso dunha economía baseada na caza e na recolleita (paleolítico-mesolítico) ata un sistema económico no que predomina a agricultura e a gandeiría (mesolítico-neolítico). A extensión da agricultura por toda Europa efectúase seguindo un proceso gradual, posto que o anterior éxito da vida centrada na caza e na recolleita facía que o cultivo intensivo fose unha alternativa pouco beneficiosa. Sen embargo ao medrar a poboación dun xeito cuantitativo, as comunidades das terras baixas e fértiles de Europa Occidental comezaron a adoptar o sistema agrícola sedentario. A súa implantación paulatina vaille permitir á humanidade desfacerse paseniñamente dos condicionantes do medio e impor as novas técnicas de produción e supervivencia de xeito que será posible a acumulación de excedentes, o aumento da densidade da poboación e o tamaño das unidades sociais, ao tempo que favorecerá unha relación co espacio aínda non ben estudada ou definida a saber,  a sedentarización.



Reconstrución dun poboamento do Neolítico en Sacedo, Pontevedra.
https://www.galiciamaxica.eu/blog/pronto-la-inauguracion-de-una-aldea-neolitica-en-galicia/

O clima, estabilizado logo da última glaciación, contribuirá non só ao desenvolvemento da agricultura, senón que   permitirá tamén a evolución das técnicas artesanais e a utilización da pedra experimentará unha abondosa diversificación tipolóxica. É por iso que este período coñécese tamén co nome de Idade da Pedra Puída, confeccionándose machadas, mazos, aixolas e sachos... A consecuencia máis ou menos inmediata maniféstase na tendencia á xerarquización e á estratificación das funcións. Talvez moitas estensións de bosques fosen taladas, co que as comunidades agrícolas fóronse extendendo ata zonas marxinais.

Tumbas xigantescas foron construídas por aquilas comunidades: no espazo de mil cincocentos anos erixíronse máis que uns cantos milleiros en Galicia, polo que constitúen o legado senlleiro deste período e seguramente un dos máis impresionantes de calquera época no noso país.

Hoxe en día, debido aos avances das técnicas arqueolóxicas nas escavacións, nas prospeccións e nos métodos de datación, é posible coñecer mellor a súa complexidade cultural, funcional e cronolóxica. Deste xeito pódense dilucidar outras moitas posibles perspectivas que se acochan detrás do horizonte tumular.



Excavación arqueolóxica do xacemento megalítico Altar do Sol. Lalín
.https://www.xunta.gal/hemeroteca/-/nova/134604/xunta-recuperara-forma-original-del-dolmen-altar-sol-lalin-tiempos-neoliticos?langId=es_ES 


Actualmente considérase que o significado tradicional restrinxe o fenómeno a unha simple cualificación construtiva, cando o movimento abrangue outros aspectos, tanto desde o punto de vista formal como desde o punto de vista funcional. O mesmo acontece coa  voz "dolmen", unha das realizacións concretas do megalitismo que, sendo un dos termos máis difundidos na literatura especializada e, aínda que no horizonte tumular aparecen outros monumentos relacionados dalgún xeito con ela, pola necesidade de facerse comprender e pola forza da tradición, explícase en boa medida a súa vixencia.



Medorras do Monteirón, Friol.
Fotografía de Moncho Boga

As pedrafitas ("menhires"), distribuídas en círculos ou aliñadas en fiadas, constitúen outra das manifestacións senlleiras e máis impresionantes do Noroeste Europeo, sendo a súa naturaleza e propósito obxecto de especulacións constantes.



Cista no Chan de Castiñeiras
excavada por Ramón Sobrino a mediados do Século XX.

Os monumentos principais asociados coas primeiras comunidades agrícolas son os túmulos alongados e as tumbas megalíticas, empregados para os enterramentos e rituais relacionados coa morte. Este tipo de monumentos continuaron ata o terceiro milenio pero, sobre o 3200 a.C. adquiriron unha orientación distinta co xurdimento de varias estruturas de pedra que, debido á orientación cara as alturas, parece que xa non se relacionan dunha maneira directa cos rituais funerarios. Monumentos destas características son as pedrafitas, os círculos de pedra (cromlech), formados por un anel de grandes rochas, e as aliñacións, que se forman con varias fiadas de pedrafitas.

Outra das perspectivas que acadou un espectacular desenvolvemento nos últimos anos está sendo o descubrimento e escavación de diversos poboados neolíticos por toda a xeografía galega. Este será obxecto de estudo proximamente neste blog.



Foto Lidar extraída de: "La Necrópolis del Monte de Santa Mariña revisitada:
aportaciones del Lidar aéreo para la cartografía megalítica de Galicia".
GALLAECIA 33: 39-57, 2014

O período megalítico péchase, aínda que non de xeito radical, co desenvolvemento da actividade metalúrxica. Os círculos de pedra, os aliñamentos e as pedrafitas caeron en desuso e no seu lugar comezaron a estenderse os depósitos rituais de armas de bronce nos ríos, lagoas e encoros, o que suxire e amosa un novo tipo de enterramentos e a aparición de crenzas máxico-relixiosas centradas nas deidades da agua e da terra.

Os monumentos que xorden no período seguinte son de pequenas dimensións, cistas, nos que se está a perder a idea ou dimensión de monumentalidade. O período vai desde a Idade do Bronce ata o comenzo da Idade do Ferro. Tipolóxicamente caracterízase pola aparición de novos modelos metálicos e polo descubrimento do ouro e da prata.


-UN EXCURSUS ETNOGRÁFICO: os mouros e a mourindade na cultura popular galega

A enorme riqueza arqueolóxica do País Galego -gran dispersión e densidade de mámoas, antas, castros, petrógligos, etc- posibilitou que esta terra atesourara un importantísimo legado etnográfico, sendo as lendas de temática moura talvez as máis abondosas. A polisemia deste temo refírese tanto á antigüidade como ao enigma ou ao misteiro: o folclore conforma a antigüidade vivente, polo que cáseque sempre representa un intento de racionalización de mitos anteriores. Neste senso a nosa cultura tradicional emprega o "imaxinario" como algo que é diferente do real, pero tamén como unha parte do real. O imaxinario popular debe ter unha equivalencia coa mitoloxía aínda que, debido a un proceso paulatino de descomposición, non permanece en Galicia como un sistema completo de mitos.




Dos estudos que hai publicados sobre o tema, pódense extraer dúas conclusións que serven de punto de partida: por unha banda, a mitoloxía ao redor dos mouros amósase uniformemente por todo o territorio sen excepción; pola outra, as lendas atópanse relacionadas directamente con lugares de gran potencialidade arqueolóxica.



Círculo lítico segundo Saralegui y Medina. Os círculos líticos galegos
eran os lugares onde as mouras e/ou as meigas realizaban as súas 
misteriosas e secretas cerimonias.


O universo particular dos mouros constitúese coma un mundo de seres de distinta naturaleza que a dos homes, un mundo separado do labrego. Por iso na cultura popular distínguese entre o espazo natural e o espazo artificial ou cultural: os restos arqueolóxicos representan un terceiro mundo, como un espazo discontinuo dentro do natural, pois todo resto humano descoñecido polos nosos paisanos supón unha perturbación para a comunidade. Cando o resto arqueolóxico pode adscribirse a certos coñecementos históricos, percíbese como obra dos devanceiros. Nos xacementos nos que isto non ocorre, prodúcese a ruptura entre os homes actuais e os seres que construiron os monumentos pero que, a pesar diso, son percibidos como restos culturais (mámoas, petróglifos, castros...). Os responsables da construción destes monumentos acostuman ser os mouros, que forman un grupo distinto do humano e que teñen como notas dominantes e distintivas o paganismo e estar en posesión de cualidades máxicas.



A Moura construtora de megalitos.

Imaxe extraída de: https://recreacionhistoria.com/mouros-y-mouras-seres-mitologicos-gallegos/#Quienes_eran_los_mouros

Como todo universo mitolóxico, os mouros posúen un espazo de vivenda propio e diferenciado, desenvolven diversas actividades e non se relacionan cos cristianos. Para  a nosa cultura popular, os mouros nin morreron nin marcharon de Galicia: vivían e viven nos montes, penechairas e vales onde se atopan os restos arqueolóxicos ou  os elementos da paisaxe que, sen ser naturais, tampouco son propios dos humanos (pías, pedras oscilantes, figuras natropomorfas naturais, etc). Por iso os restos arqueolóxicos foron construídos polos mouros para vivir neles: a meirande parte  dos munumentos megalíticos galegos teñen isa propiedade derivada da devandita función por exemplo, "Cova da Moura", "Casa dos Mouros", "Casiña dos Mouros"... Dise que os mouros, normalmente vivían en minas (mámoas), covas de pedra (tanto naturais como as que se refiren ás antas), nas chairas e penechairas, etc. Así, cóntase nunha lenda de Redondela que "as minas son as casas subterráneas dos mouros", e na mecrópole megalítica de A Mourela en As Pontes, relátase que unha columna de fume sinala o lugar do tesouro e por ende da vivenda dos mouros.


Anta-dolmen Casa dos Mouros. Fotografía de Moncho Boga.

É obvio que nas mámoas viven xentes estrañas ao mundo campesiño e rural e incluso aparece un certo simbolismo máxico como excusa para afirmar o xeito de como os mouros erixiron as antas: tanto estas como algunhas pedrafitas (Pedra Chantada, p.e.) foron construidas por unha vella que, mentres voaba cos esteos enriba da cabeza, dáballe de mamar a un meniño pequeno e ao mesmo tempo fiaba nunha roca ou tecía (Fuso da Moura), acababa doblando o pescozo para deixar caer as pedras que terminan indefectiblemente fincadas no chan tal como se poden ven aínda hoxe en día (Axeitos, Pedra Moura, Cabaleiros ou Pedra da Arca, entre outros moitos). Noutros casos as mouras son novas e fermosas e levan as pedras ben na cabeza, ben no dedo pequeno, aínda que sempre van fiando.



Pedrafita-menhir Fuso da Moura. Fotografía de Moncho Boga

A meirande parte das lendas de mouros fan referencia aos tesouros que acochan gardándoos debaixo da terra ou tapándoos con grandes pedras. Por iso a  misión máis importante dos mouros tórnase na vixianza e proteción deses tesouros que defenden unhas veces con enfeitizamentos e outras con veleno. Gárdanse en "covas", "casiñas" ou "minas" (Chan do Tesouro, Cova do Ouro, Mina Parxubeira, Pedra da Mina...): os mouros que quedaron na nosa terra na espera do retorno, gardan con precaución e intelixencia isas riquezas (en Roupar cóntase que as medoñas fixéronas os mouros que deixaron unha mina de ouro alí escondida cunha bomba que, si se atopa, fai voar toda a contorna).


Anta-dolmen Mina Parxubeira. Fotografía de Moncho Boga.

Ise ouro máxico que gardan os mouros foi o responsable das numerosas violacións e escavacións clandestinas das mámoas, pero que adoitaron acabar en fracaso, non pola ausencia do teosuro -segundo a opinión popular- senón pola transgresión dalgunha prohibición como falar de Deus, ter medo da moura gardián transformada en cóbrega ou a existenca de veleno que  impide facerse coas riquezas acochadas. Si ben a razón do fracaso pode ter que ver co feito da valoración negativa que se fai da riqueza acadada sen traballo, tamén é certo que nas comunidades antigas o tema mítico do tesouro representa a imaxe do sagrado e da inmortalidade.

Ao redor de moitas mámoas consérvanse lendas sobre "galiñas e pitos de ouro" que saen ou aparecen coincidindo co solsticio na noite do San Xoán, noite máxica onde as haxa.  Esta lenda posúe unha notable calidade mítica e entronca co mesmo tema do tesouro como símbolo que confire poder, vida e omnisciencia.

Niste punto estamos en condicións de debuxar as características xerais tanto físicas como sociais que definen a mourindade: os mouros son de raza negra, viven debaixo da terra, son moi limpos (as mouras, moi fermosas, son loiras e peitéanse con peites de ouro) e, ademais, son xente pacífica xa que non se pelexan entre  si nin cos cristianos; son grandes construtores, gardan tesouros moi celosamente, cociñan, lavan, crían galiñas, fían e tecen, mallan e moen o grán, venden o seu gando na feira e cantan, sendo moi festexeiros. Xeralmente os útiles e animais que empregan en todas as súas actividades son de ouro: grade, bois, soliña, arado, xugo, aixolas...



 A Moura. Debuxo de Eva Merlán.

En definitiva, as actividades do mouro son as mesmas que as do campesiño. Efectivamente, os mouros empréganse no imaxinario popular para expresar simbólicamente conceptos que preocupan á nosa sociedade tradicional: son o doble simbólico dos campesiños e utilizan ideas como as de "humanidade" (o mouro é non humano), a idea da muller (a moura é fermosa e rica, pero, pola contra, é moi perigosa), a valoración positiva do traballo para mellorar en contraposición ao tesouro atopado sen traballo...

Como conclusión podemos resumir definindo o concepto de "mouro" como un termo que expresa o que é máis peculiar e preocupante pero  tamén conflitivo.



-Esquema básico e hipotético de construción dun túmulo megalítico con cámara.

A construción dos megalitos require sen dúbida unha organización de tipo xerárquico ou comunitario para coordinar os traballos de erección dos monumentos. A estracción das pedras das canteiras que xa entón facíase con cuñas de madeira empapadas en auga, o transporte, para o que facían rolar os esteos sobre toros de madeira e, para finalizar, a elección do lugar de asentamento dos esteos no chan.



Esquema da construción dun dolmen en Antequera. De:https://oa.upm.es/53207/1/ANTEQUERA_NEOLITICA_2.pdf

Despois de chantar os esteos nunha fosa escavada a tal fin, a que posuía un lado inclinado, cubrían o conxunto de terra e pedras ficando cunha forma semiesférica: a tampa colocábase empregando toros de madeira que ían rolando ata quedar asentada a xeito de cuberta. A construción de todo o monumento ficaba co recubremento total do conxunto. As operacións de extracción, transporte e colocación das pedras e os enxovais depositados nas antas, supoñían un enorme esforzo laboral, o que indica a gran importancia do culto aos mortos na cultura megalítica.



Como construir un dolmen. De: https://blogsaverroes.juntadeandalucia.es/centroadultospalmete/files/2023/07/MEGALITISMO-cuaderno_alumnos_eso.pd

Por todo isto supónse que a sociedade megalítica estaba estruturada en pequenos grupos que habitaban o territorio de forma dispersa, como parece demostrar o espallamento das mámoas e necrópoles, cun carácter máis ben pacífico e capaces de erixir as pequenas e sinxelas tumbas da cultura megalítica galega.


A.-Construción dos foxos e minería


B.-Arrastre dos esteos para construir a anta


C.-Elevación dos esteos



D.-Apuntalamento dos esteos



E.-Colocación apuntalada de todos os esteos imbricados entre sí




F.-Cubrición da cámara con terra limpa ou misturada con pedras. A aba do montículo resultante (mámoa) emprégase para o arrastre da pedra cobertora, co que se culmina o proceso construtivo.




G.-Sección do conxunto unha vez rematado


Debuxos realizados por Ramón Boga Moscoso no ano 1997.


-O FENÓMENO TUMULAR: mámoas, antas, pedrafitas e círculos de pedra.


Aínda que na práctica pódese empregar a expresión "sepultura megalítica" como termo xenérico, o idioma galego posue unha terminoloxía propia con gran riqueza semántica para referírmonos aos monumentos integrantes do universo tumular: cando se fala da cámara empregase sobre todo o termo "anta", pero tamén "arca", "arqueta", "forno", "fornela", "cova", "mina", etc. Cando nos referimos ao túmulo emprégase "mámoa", "medorra", "modia", "medoña" ...



Mámoa na Necrópole do Monteirón, Gándaras de Narla.
O tumulo, a pesar do rebaixe polas labouras agrarias, mide, no seu
eixo mais longo, ao redor de 70 metros.
Foto Ramón Boga.



As antas están recubertas por unha masa tumular que cumpre non só a función de soporte das presións do megalito, senón que ten tamén a finalidade ritual de ocultar o enterramento. As mámoas, que posúen forma semiesférica, están compostas por capas de terra que ás veces mestúrase con pedra miúda. Noutros casos recóbrese con unha coiraza pétrea ou rodéase con aneis periféricos tamén de pedra. A forma máis usual das mámoas é circular ou tendente ao óvalo, con medidas para o diámetro de entre dez e trinta metros e, en xeral, non sobresaen máis de cinco metros. No centro da cámara atópase a anta que adoita ter forma poligonal con ou sen corredor de entrada, construída con grandes lousas verticais (esteos) ou inclinados cara ao interior, soportanto unha cobertora case sempre dunha soa peza.


-AS PEDRAFITAS, OS ALIÑAMENTOS E OS CÍRCULOS DE PEDRA.

Asociado ao fenómeno tumular aparecen as pedrafitas, consideradas un elemento construtivo de controvertida interpretación. É lugar común considerar que a súa erección puido realizarse ben debido a inquedanzas cultuais, ben con finalidade conmemorativa e incluso como fitos xeográficos.  A pedrafita é un tipo de monumento composto únicamente por unha pedra chantada verticalmente no chan.



Pedrafitas de tipo fálico en Córcega.
Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1996.


Os primeiros ecos das pedrafitas en Galicia proveñen das crónicas de Estrabón. As "petra ficta" ou pedrafitas que figuran en documentos desde o século VIII, que son rexistradas como pedras de termo ou fitos xeográficos, quizais sexan ás veces auténticas pedrafitas. Algúns estudosos do tema consideran que as pedrafitas foron abondosas na Terra Galega, pero que debido ao seu pequeno tamaño confundíanse fácilmente cos fitos xeográficos, de xeito que ata hai ben pouco, só se consideraban auténticas as que amosan gravuras, puidos ou cazoletas. Hoxe en día estas consideracións xa están quedando en desuso.

As interpretacións son diversas e denotan o escuro e dubitativo coñecemento en todo o que atinxe a estes monumentos. Así considéranse ás veces como obxectos icónicos de culto, precursores da estatua, indicadores da tumba, a xeito das estelas das tumbas históricas, neste caso complemento das tumbas megalíticas. É así que a pedrafita pódese tomar como un símbolo fálico do misteiro da xeneración ao ser o símbolo da existencia e da forza, co que se troca na morada provisional das almas dos mortos.
 


Debuxo da Pedrafita de Cristal. Ribeira.
Autor Ramón Boga Moscoso, 1996


Si se acepta que as pedrafitas adquiren sentido asociadas ás antas e ás mámoas, como explicar o tremendo contraste entre a cantidade inxente de mámoas e a rídicula e case testemuñal presenza de pedrafitas en todo o territorio a pesar da persistencia do topónimo e do insistente culto secular ás pedras? Unha primeira interpretación pódese derivar precisamente a través dun traspaso do culto das pedrafitas ás pedras naturais. Contra ese culto atávico e ancestral nada puideron os "concilios, homilías e excomuñóns", chegando a chantar cruceiros enriba delas para "cristianizar un culto que chegou ata nós vencellado á relixión triunfadora". A segunda interpretación é atractiva polo suxerente: os milleiros de cruceiros que asolan todos os currunchos da xeografía galega nacerían da cruz chantada, primeiro enriba das pedrafitas e despois por entriba dos miliarios romanos.

Desde aquí consideramos que probablemente nalgún dos casos sinalados antes as cousas ben poideron acontecer así. Sen embargo, a nosa resposta é outra: as pedrafitas todavía están aí, unhas todavía de pé, outras tiradas  e outras  escondidas debaixo da terrra. Só o medo a consideralas tales para a arqueoloxía oficial posibilitou ese olvido secular. Unha das misións máis importantes deste blogue é precisamente dar a coñecer estes olvidados monumentos do megalitismo galego.

Círculo lítico pequeno de As Pontes,
hoxe catalogado como medieval.
Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1996.


As últimas investigacións sobre as pedrafitas suxiren que a aparición de moitos círculos de pedra e pedrafitas coincide co desenvolvemento das comunidades mesolíticas. Sostense que as primeiras formas do megalitismo tradúcense en pedrafitas de pequeno tamaño atopadas en "hábitats" nos que se descoñecen outras edificacións de carácter monumental.

Como veño dicindo, en toda a Península Ibérica, as pedrafitas son os grandes e ilustres descoñecidos dentro do contexto do megalitismo. As causas deste descoñecemento e abandono por parte dos prehistoriadores poden ser diversas: o ser movidas do seu sitio en épocas antigas, o non estar asociadas a outros monumentos da época, a non existencia dun sustrato arqueolóxico escavable ... Únicamente na segunda metade do século XX comezan a darse a coñecer e a estudar as pedrafitas, sobre todo as mellor conservadas. Só desde estes intres comézase a ter unha perspectiva da importancia e da idiosincrasia propia destes senlleiros elementos. En Galicia xa sabemos que a situación todavía é máis dramática.

Seguindo un espléndido traballo ao redor das pedrafitas do investigador portugués Manuel Calado, podemos establecer as seguintes conclusións:

-É indudable que as pedrafitas da península ibérica correspóndese a momentos e movimentos diferentes. No Algarve, ao sul de Portugal -unha das maiores concentracións de pedrafitas da Península- as pedrafitas aparecen asociadas a poboados neolíticos, nunca a enclaves funerarios. No Alentexo, a orientación ao nacente das pedrafitas relacionáas con fenómenos astronómicos elementais.



Menir de Padrao, Faro, Portugal.
 Fotografía extraída da páx. web: www.megalithic.co.uk

-A orixe do fenómeno megalítico europeo sempre se estudou no contexto do megalitismo funerario; só nos últimos anos estase a diferenciar cada vez máis do xurdimento da arquitectura das pedrafitas.



Menir da Meada. Castelo de Vide, Portugal.
Mide 9,5 ms de altura, senfo o máis
alto da Península Ibérica

-Como hipótese da antigüidade de moitas pedrafitas está a súa reutilización en contextos megalíticos.

-Constantes observacións demostran a orientación astronómica de moitas pedrafitas: as pausas maiores ou menores da Lúa, os nacentes e ocasos solsticiais e equinociais, etc.

-A forma e dimensión das pedrafitas pode ter implicacións tanto cronolóxicas como culturais. Na pedrafitas antigas son máis raras as formas angulosas, dominando os perfís redondeados; as tardías teñen formas máis angulosas e bastas.



Pedrafita dos Almendres en Évora, Portugal.
Fotografía de Ramón Boga Moscoso


Seguindo estas pautas podemos concluir que en Galicia temos unha variada gama de pedrafitas, atendendo á súa forma, tamaño e lugar de emprazamento:

 -pedrafitas dentro do contexto tumular, a xeito de fitos ou estelas anunciadoras da necrópole, situadas en lugares visibles, normalmente no cambio de vertente, no lugar máis alto.

-pedrafitas astronómicas. Non están vencelladas, normalmente, a necrópoles megalíticas.

-pedrafitas fálico-fecundadoras, que poden estar vencelladas a necrópoles megalíticas. Un dos criterios podería ser a forma fálica.

-A estas tres posibles dimensións temos que engadir a das estelas e a das estatuas antropomorfas, xa dunha época serodia, en moitos casos da Idade do Bronce.

-Círculos líticos, de difícil adscripción cronolóxico-cultural.

A existencia de gravuras ou cazoletas non pode ser o único criterio de autenticidade dunha pedrafita, nin tampouco a súa situación espacial en contextos funerarios como se veu facendo ata de agora en Galicia.



Pedrafita a Pena Alta, Xinzo de Limia.
Debuxo de Ramóm Boga Moscoso, 1996.

Para concluir é necesario incidir na hipótesis ben fundada de que a aparición de moitos círculos de pedra e a erección de moitas pedrafitas coincide co desenvolvemento das comunidades mesolíticas. Así, por tanto, as primeiras formas do megalitismo tradúcense en pedrafitas de pequeno tamaño atopadas en "hábitats" nos que se descoñecen outras construcións ou edificacións de carácter monumental, como diciamos máis arriba.



Pedrafita-menhir do Cuadrilátero de Manio
Carnac.
Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 2023


A pesar de que os coñecementos sobre as crenzas relixiosas que inspiraron a construción dos monumentos megalíticos son moi escasos, parece que non cabe dúbida da directa realación de moitos destes elementos cos acontecementos astronómicos e coas estacións: en New Grange, Irlanda, a luz do Sol incide na cámara central con corredor (inserida nun círculo de pedra) só durante o solsticio do inverno; a pedrafita central da aliñación de Ballchroy en Escocia, define o punto sobre o horizonte onde se pon o Sol no verán, etc. Os resultados da arqueoastronomía amosan conclusións suxerentes sobre todo ao considerar que os círculos de pedra son observatorios ou lugares cunha estreita relación cos movementos astrais (algúns investigadores, por exemplo, sosteñen que os aneis de pedra, moitos dos cales son círculos perfectos, distribuíronse segundo os triángulos pitagóricos).

Nos últimos tempos tamén estase a estudar a relación cos acontecementos astronómicos das antas, relación que abordaremos noutro momento.



Esquema dos aliñamentos de Kerlescan en Carnac: localización das direccións astronómicas principais do sol vistas por un observador situado na zona delimitada polo recinto (enceinte).
De: Bailloud, Gérard et all: "Carnac. Les premières architectures de pierre". CNRS Editions, 1995.

Tanto na construción das cámaras megalíticas como na dos círculos de pedra máis pequenos, o traballo desenvolvido foi considerable: a escavación de fosas e a minería, o transporte e a elevación das pedras só puido ser posible por medio da colaboración de distintas comunidades. O famoso Grand Menhir Brisè (que alcanza ao redor dos vinte metros de altura) e os aliñamentos de Carnac, forman parte dun grupo de elementos con importancia semellante que só puideron ser erixidos coa colaboración e xerarquización de tarefas dun importante conxunto humán.



Penas de Rodas, Outeiro de Rei.
A disposición e a evidencia das pegadas de manipulación  humana no conxunto, fan pensar 
nunha montaxe artificial debido á precisa orientación cara á posta
do sol no solsticio de verán e á saída solar no solsticio de inverno.
Foto Colectivo "O bosque sagrado"

Sen embargo para as sociedades tradicionais, a construción destas moles de pedra débese a persoeiros mitolóxicos, tanto cando se fala de pedrafitas como de antas: as pedrafitas son consideradas os restos de xigantes convertidos en pedra mentres danzaban; en Carnac, os milleiros de pedrafitas aliñados son os restos dos perseguedores de San Cornelio convertedos tamén en pedra cando ían atrapar ao santo; ou como restos de centros druídicos, pegadas de máxicas relixións célticas extinguidas... En Galicia as meigas, e sobre todo as mouras/os, teñen unha boa parte de responsabilidade nesas construcións: non hai mámoa, anta ou pedrafita que non teña a súa conseguinte lenda, ou que non quede reflexado no nome que se lle deu tradicionalmente. Esta situación repítese en toda Galicia sen excepción e en todo o norte de Portugal.


Cromeleque dos Almendres en Évora, Portugal.
Fotografía de Ramón Boga Moscoso.

En Galicia precisamente debido a estas consideracións, a sociedade tradicional recoñecía estas construción como non naturais, e dicir, eran froito da actividade humán, sendo por iso unha das causas da súa conservación ao longo dos séculos.

En todo caso, como sostiña máis enriba, estes recintos están a ser considerados hoxe en día como lugares sacros, do tipo que sexa, en relación moi preta co aspecto astronómico.

Entre os círculos de pedra europeos sobresae polo seu colosalismo e perfección técnica o monumento de Stonehege en Wessex, Gran Bretaña; os aliñamentos de Carnac en Francia ou o Cromeleque dos Almendres en Évora, Portugal, conformado por máis de noventa pedrafitas desenvolvidas en dous círculos pegados.


ALGUNHAS NOTAS SOBRE ARQUEOASTRONOMÍA

Considérase que a "arqueoastronomía" aplicada aos monumentos megalíticos naceu no século XIX. Foi nese momento cando a un enxeñeiro escocés, A. Thorndouselle,  deuselle por estudar eses monumentos nas Illas Británicas e en Francia. Este investigador mantiña que os cromeleques constituían a representación dos puntos desde os que se podía facer unha observación exacta dos solsticios e incluso das posicións extremas lunares. Si se coñecían estas posicións, mantiña, podíanse predecir os eclipses solares e lunares.



Nos tres chantos que conforman a Castota de Berdoias, aparecen
diversas gravuras cuxa distribución levou a considerar a hipótese
de que se tratase dun mapa do ceo na noite, dun mapa
estelar.
Foto do Colectivo A Rula

Diversas investigacións recentes apuntan a que a maior parte das mámoas da Península Ibérica e as do oeste de Francia oriéntanse cara á saída do sol. Pero, como se orienta un monumento megalítico? "A súa orientación ven dada polo seu eixe de simetría: o que se ve desde o interior a través da entrada, e dicir,  o esteo do fondo da cámara  sempre "mira" á entrada. A orientación correspóndese, polo tanto, co "azimuth" desta liña recta, e dicir, o ángulo formado entre a liña axial da construción e o Polo Norte celestial, medido no sentido das agullas do reloxo".

O obxecto da cencia arqueoastronómica é o estudo das orientacións dos monumentos e dos sitios arqueolóxicos. É polo tanto unha cencia estatística; só se poden acadar conclusións cando o número de sitios ou construcións estudadas permite establecer argumentos estatísticos.

Nas construcións megalíticas as orientacións non son aleatorias; sempre se rixen por unha tradición ou pola costume. De aí non se pode deducir que a motivación sexa sempre astronómica.



Pedrafita do Toco das Cabras, Verín-Ourense
Fotografía de Rafa Castro, extraída do Blogue 
catalogaciondepedrafitas de Alberte Alonso.
No solpor do solsticio de verán,  21 de xuño.


No megalitismo da Europa Occidental son os rangos das orientacións, e non as orientacións particulares, as que predominan de forma case universal. É neste momento cando o noso investigador mantén unha sorprendente evidencia: si as antas se orientaban ao orto solar o día en que se comezaba a súa construción, a medición da orientación de cada anta permitiría coñecer a semana do ano en que comezou a súa construción.



Anta-dolmen de Dombate en Cabana de Bergantiños.
Debuxo de Ramón Boga, 1994.
A Anta de Dombate, como a meirande parte das antas galegas,
teñen umbrais de acceso orientados ao sueste: 
parece probable que se construiran cara á saída do sol no 
solsticio de inverno.

Semella claro que a orientación astronómica é ao sol e non á lúa: a preponderancia das antas orientadas un pouco ao sueste explícase máis fácilmente en termos da orientación cara á saída do sol no outono e no inverno.

A pesar de que as construcións megalíticas non aparecen regularmente distribuidas ao longo desta ampla rexión, a pesar de que as formas dos munumentos son moi diversas e, a pesar de que os tamaños son tamén diferentes, as orientacións, sen embargo, son claramente discernibles: a inmensa maioría dos megalitos do noroeste oriéntanse cara ao orto solar.

Polo tanto as orientacións dos monumentos megalíticos na Europa Occidental debe ter predominantemente unha motivación astronómica.

Conclusións mantidas por Michael Hoskin en "El estudio científico de los megalitos. La Arqueoastronomía".


O HORIZONTE TUMULAR EN GALICIA

No País Galego o fenómeno megalítico atópase rodeado de moitos problemas, non tanto en canto ao estado das investigacións, como en canto aos aspectos xeolóxicos, edafolóxicos -os chans ácidos non permiten a conservación dos restos orgánicos- e sociais, o que repercute na conservación de moitos monumentos que se atopan nun estado de conservación penoso.

A destrución dos megalitos amosa unha intensidade inquietante debido moitas veces ás novas maquinarias agrícolas, á ilusoria procura de tesouros inexistentes por imaxinarios ou ao aproveitamento das lousas e esteos...



A Arca do Barbanza, Chans do Oroite, Terra do Barbanza.
Fotografía de Ramón Boga, 1994.


En Galicia as mámoas (túmulos) cóntanse por varios milleiros, ciscalladas por todos os currunchos do territorio e, aínda que nos derradeiros anos estase a desenvolver unha laboura destacada no eido da catalogación, aínda está por rematarse en amplas zonas do país.

Os elementos megalíticos en xeral, esténdense  desde as Illas e o litoral occidental ata a alta montaña do Oriente (barrendo o país de oeste ao leste e viceversa), onde se asentan nos lugares montesíos e altos. Polo xeral emprázanse en zonas da paisaxe onde son visibles a longa distancia, existindo unha boa gama de variantes de  acordo coa extensa cronoloxía que abranguen e o lugar no que se asentan.


Dolmenes galegos segundo a visión romántica de 
Barros Silvelo.

As primeiras novas sobre o feito megalítico na bibliografía galega apareceron co Padre Martín Sarmiento no século XVIII que describe as mámoas do Barbanza e do Salnés. No século XIX, unha importante xeneración de escritores influenciados polos ideais pancélticos da época, desenvolven unha destacable laboura de información sobre as mámoas, as antas, as pedrafitas e os círculos de pedra: Verea y Aguiar, Villaamil y Castro, Barros Silvelo ou Manuel Murguía. A principios do século XX sobresae a ilustre figura do insigne autodidacta D. Federico Maciñeira y Pardo de Lama que executa incansable unha inxente actividade de catalogación das estacións prehistóricos da Serra da Capelada, da Serra da Faladoira e da Cubeta das Pontes. Estas catalogacións estánse a corroborar sistemáticamente polas modernas prospecións. Saralegui y Medina, no século XX, fixo interesantes referencias ao redor dos megalitos galegos e, Obermaier na década de 1930, sintetizou moitos dos traballos anteriores no seu impresionante traballo en forma de libro titulado "Impresiones de un viaje prehistórico por Galicia". Son xa clásicas as investigacións de Florentino López Cuevillas, Fermín Bouza Brey e Gerog Leisner, que foron continuadas na década de 1970 polo Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e, na década de 1980, por investigadores do Colectivo "Vázquez de Orxás" do departamento de Historia-1 da Universidade de Santiago de Compostela.


Anta-dolmen de Dombate
De Pérez Bustamante, ano 1925


Nun primeiro instante das investigacións partíase das excavacións sistemáticas dos monumentos, tomando como chave a organización en necrópoles e, máis adiante, os traballos íanse centrar na temática da arqueoloxía espacial aplicada ao megalitismo: destaca o Proxecto de Estudio da Serra de O Bocelo e o Val do río Furelos, dirixida polo profesor Felipe Criado Boado nos anos 1987, 88 e 89. O proxecto Bocelo-Furelos foi, se cadra, a primeira investigación integral de acción territorial que se realizou en Galicia, amosando unha perspectiva xeral do Patrimonio Arqueolóxico a partir de todas as etapas da Prehistoria e da  Historia Antiga. En liñas xerais o proxecto amosa unha panorámica completa englobando a paisaxe na que se eirixiron os monumentos que a conformaron. 

No que respecta ao fenómeno megalítico e tumular, o punto de partido consistiu en recoñecer a racionalidade que subxace na elección do lugar de emprazamento do monumento megalítico como conformador dun complexo de construción da súa monumentalidade. Nisto consistiu, xaquelogo, o paradigma no que se moveu o equipo de investigación: a monumentalización do megalito acádase a través da interacción de varios recursos de carácter espacial, a saber, o emprazamento, a arquitectura tumular, a arquitectura da cámara, os umbrais de acceso e, por último, a representación desenvolvida pola propia cultura material. Por iste motivo, e coa procura das regularidades, os termos "megalito" ou "fenómeno megalítico" son abandonados para pasar a falar dun posible "fenómeno tumular", posto que fronte a unhas cámaras que non sempre aparecen e, que si aparecen, non sempre son o elemento que predomina, o recurso que inequivocamente identifica a monumentalidade da construción é a mámoa ou túmulo.


Debuxo de dúas pedrafitas segundo Paratcha, 
que atopou en Moraña. Ano 1958.

Á parte dos seus traballos de investigación e escavación, cabe destacar as publicacións de divulgación dos profesores Vázquez Varela e Rodríguez Casal, tanto en magníficas monografías sobre o megalitismo, centrándose sobre todo no eido da sistematización de moitos materiais ata eses intres dispersos, como en intelixentes e amenos estudos sobre aspectos concretos do neolítico en Galicia. Así é necesario destacar, ademais dos traballos sinalados, as colaboracións na Enciclopedia Galega e noutras publicacións de carácter eminentemente divulgador, nos que nunca se perde de vista o necesario rigor científico.

A finais da década de 1990 apareceron dúas publicacións fundamentadas  na divulgación e na localización dos exemplares megalíticos con cámara de Galicia, a saber, "Antas e pedrafitas de Galicia" (Baños et all.) e Dólmenes de Galicia (Ramón Boga Moscoso).






2 comentarios:

  1. Marabilloso, verbas que merecen ser talladas na pedra e non ficar nas pantallas.

    Unha aperta Moncho!!

    ResponderEliminar
  2. Gracias; moi bo comenzo para quen queremos 'entrar no asunto'.

    ResponderEliminar