PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO DE FONTE SALGUEIRAS. Carral-Cambre, A Coruña
Na parte superior pódese observar unha "L" gravada. |
Para chegar. Atópase detrás da empresa El Corte Inglés en Altamira (Anceis-Cambre) preto da estrada N-550, á beira dunha antiga corredoira hoxe en desuso. A primeira noticia que tiven deste pequeno marco de termo procede do meu amigo, ilustre coñecedor das cousas de Carral e de Culleredo, Xosé Lois Vilar Hermida.
O pequeno cipo que estou a ensinar atópase no lugar de Salgueiras, rodeado de monte e cerca dalgunhas novas pradeiras. O seu nome procede da cercanía da Fonte Salgueiras. Na parroquia de Sueiro (concello de Culleredo) coñécese, sen embargo, co nome de Marco da Fonte das Meigas, fonte máxica onde as haxa, segundo os veciños.
O marco fai de límite (marco de termo) entre tres concellos (Cambre, Carral e Culleredo) e tres parroquias: Anceis, Tabeaio, Castelo e Sueiro.
A pretendida pedrafita está labrada en pedra de esquisto pizarrosa, propia da zona, e acada unha lonxitude de un metro e quince centímetros.
A súa naturaleza megalítica vén dada non polas súas proporcións nin pola presenza de gravuras, senón pola súa situación contextual. Efectivamente, atópase ao final dunha penechaira onde rompe a vertente e onde a situación de visibilidade desde o norte é extraordinaria. A chaira onde se asenta contén unha necrópole megalítica da que aínda se conservan cando menos tres mámoas, seguindo unha orientación lineal N-S, desde o Marco. A última mámoa desta necrópole está situaca ao sul e coñécese co nome de Mámoa de Arteaga que conserva un poderoso chanto da cámara que mide 1,52 ms de lonxitude, 85 cmes de anchura máxima e 59 cms de grosor medio. Esta mámoa é de tipo medio cun diámetro de 22,6 ms no eixe N-S. O burato de violación acada unha lonxitude, no mesmo eixe, duns oito metros.
Esteo da Mámoa de Arteaga. Tabeaio, Carral. |
En definitiva, a situación estratéxica do Marco na zona máis visible, puido actuar como xalón indicativo da presenza da necrópole en época megalítica, como ocorre con outras moitas pedrafitas. Ademais a súa ubicación á beira da corredoira, lugar moi transitado, seguramente unha variante do antigo Camiño Inglés ou de Faro, compre con outra das constantes típicas do vencellamento entre necrópoles megalíticas e rotas terrestres, testemuñada en outros moitos casos.
Fotografías realizadas por Ramón Boga Moscoso, 2010. |
Seguireite Moncho. Saúdos des INICIARTE:
ResponderEliminarhttp://artenoafonsox.blogspot.com.es/
Gracias Antonio, un saúdo desde Cambre.
ResponderEliminar