xoves, 5 de marzo de 2026

ANTA-DOLMEN DE MORUXOSA. San Martiño de Cotá, Friol.

ANTA-DOLMEN DE MORUXOSA

"Con la guerra aumentan las propiedades de los hacendados, aumenta la miseria de los miserables, aumentan los discursos del general, y crece el silencio de los hombres."

Bertolt Brech


Debuxos versión de Moncho Boga.

O Concello de Friol, ao que volto e retorno sempre que podo, é  un enorme concello ubicado na extremeira occidental da provincia de Lugo, lindando coa provincia de A Coruña. Está conformado por trinta e dúas parroquias e mais de trescentas entidades de poboación (lugares, barrios), moitos deles lamentablemente abandonadoa hoxe en día, nun proceso paulatino de despoboación do territorio rural.

O motivo de subir outra entrada sobre a Anta da Moruxosa (xa publicada neste blogue o 13 de xuño de 2012) débese a dous motivos fundamentais: a nostalxia das primeiras veces a finais do século XX, a participación no minucioso traballo de campo de "Prospección arqueolóxica cara á Delimitación e Declaración de Ben de Interese Cultural de Xacementos Megalíticos das Provincias de A Coruña e Lugo", da man do arqueólogo Fidel Méndez, Begoña e Jose, que estivemos traballando arreo en varios xacementos megalíticos do Concello de Friol e, finalmente, pola visita que fixen no ano 2025 acompañado de Meli e Constante. Todos estes factores retrotaéronme a datas que xa non voltaran e das que necesito deixar constancia.
 

Fotografía do ano 2008.

Orográficamente pódese dicir que a área central do Concello ocupa unha superficie relativamente  chaira  salpicada cunha xeira de alturas que o delimitan, coma un bordo: polo noroeste atópase a Serra da Cova da Serpe, polo norleste o Cordal de Ousá e polo oeste e suroeste a Serra do Careón. 

Dous ríos  principais caracterízan a súa rede hidrolóxica con pequenos regatos que salpican todo o territorio: os ríos Parga e Narla. Este último serpentea polo centro da capital municipal e nace nas vertentes do Corno do Boi.


Como chegar imaxe google maps.

A anta que nos oucupa (denominada de Moruxosa e tamén localmente Capilla do Vieiro) atópase indo pola estrada que leva de Friol a Lugo, a uns seis quilómetros no territorio da parroquia de Cotá, onde hai unha casa á esquerda, illada, tradicional e hoxe en día restaurada, a carón da que parte, pola súa esquerda, un camiño que leva á devandita anta, a uns douscentos metros. A casa  e o lugar coñéncense co nome de Moruxosa.



Panta da Anta da Moruxosa.

Dicía que se atopa á beira dun camiño, dunha corredoira, dun vieiro, "Camiño Real" que atravesa desde tempos inmemoriais todo o Concello e que era a ruta de unión entre o Camiño Primitivo e o Camiño do Norte, uníndoos desde Lugo até Sobrado dos Monxes. O Camiño leva ao Río Narla e, nambas as dúa beiras, ubícase a necrópole megalítica da Moruxosa.


Fotografía do ano 1995.

Unha destas mámoas, que denominamos de Moruxosa ou Capilla do Vieiro, é dun tamaño considerable, malia que só se aprecia por unha das beiras; está en bo estado de conservación e amosa unha grande altura en relación ao seu diámetro. Na súa superficie non se aprecian restos da coiraza e está cortada polo lado do sul por un valo de pedra que a separa do camiño así coma por un cómaro, o que limita a visualización do conxunto. A desproporción entre a altura e o diámetro probablemente se debe á cercanía do río Narla (ao norte) o que debeu provocar a erosión da masa tumular por ese lado.



Fotografía do ano 1993.

No centro (dentro do funil de violación) eríxese unha das antas mais fermosas de Galicia, unha das relativamente poucas antas galegas, ademais, que está a conservar a tampa ou pedra cobertora na súa posición orixinal.



Fotografía do ano 1995.

A cámara ou estrutura arquitectónica distribúese ao redor de cinco esteos debuxando unha planta poligonal tendente a circular así coma un sexto esteo apoiado na tampa e sobrepasándoa. Pódese deducir que debido a esa colocación  excepcional, o chanto non se atopa na súa posición orixinal. En principio semella que carece de corredor de entrada, aínda que non debería desbotarse esa posibilidade. A altura vai desde un metro ata o metro e medio, dependendo da perspectiva. A adscrición tipolóxica da cámara semella en principio cun aspecto de cista, talvez debido á falta dalgún dos seus chantos. Sen embargo é mais que probable que se trqate dunha cámara poligonal moi simétrica e de escasas dimensións.



Fotografía do ano 2008.

Como sabemos, para o estudo do horizonte megalítico galego, é xa un paradigma a relación entre as necrópoles megalíticas e as rutas prehistóricas, como semella acontecer neste caso. Temos que engadir aquí a presenza dunha posible pedrafita que, si esa é a súa naturaleza, pode funcionar como fito anunciador da necrópole, como auténtico cartaz que sinala o camiño e o emprazamento dun lugar sagrado.



Fotografía 2008.

O topónimo Camiño do Vieiro é moi interesante posto que se refire ao dolmen vencellado a un camiño cuxa orixe se perde no noite dos tempos, da prehistoria. Noutros países, como Portugal e Francia algunhas antas foron empregadas como capelas... En Galicia conservamos os topónimos Capela dos Mouros (Samarugo, Vilalba) e, si a hipótese de Dolores de la Peña é certa, os dolmens de Grises Vellas que fai derivar de igrexa a saber: Grises Vellas = Ecclesias Vetulas.



Fotografía 2008.

Reflexionando sobre as rutas de tránsito prehistóricas, como é o caso (posterior Camiño Real) non podo deixar de remarcar a tradicional interpretación da construciónn de moreas de necrópoles megalíticas á beira destes camiños, destes "vieiros", desta Capilla do Vieiro ou Anta da Moruxosa: visibles a longa distancia, visibles desde estes camiños, moitas veces facendo de auténticos marcadores espaciais, reforzando a memoria mítica. Estes vieiros, ancestrais, prehistóricos, son moitas veces camiños naturais que se adaptan ás divisorias das augas, que unen necrópoles megalíticas..., son camiños que outras veces se converteron en vías romanas, en camiños medievais (ruta xacobea), vencellados míticamente aos mouros e ás lendas dos seus fabulosos tesouros. 



Fotografía 2008.

Por outra banda, temos o topónimo Moruxosa. Trátase dun topónimo relativamente abondoso para denominar a áreas megalíticas en xeral e a antas en particular. No Concello de Toques a anta Forno dos Mouros atópase na Moruxosa. 



Fotografía 2025.

O topónimo pode e débese interpretar etimolóxicamente en relación íntima coa paisaxe megalítica galega. Malia iso semella claro que procede de "muruxa" (unha herba silvestre) de xeito que o lugar e a anta tomaron o nome dos terreos onde se asenta a anta. Por outro lado, sen dúbida débese vencellar tamén cos nosos seres míticos e lexendarios: os mouros, eses extraordinarios, máxicos e mitolóxicos seres  habitantes de Galicia antes que os cristiáns, magníficos e sobrenaturais construtores de antas, castros e penas sacras; gardiáns de tesouros fabulosos, ocultos, seres misteriosos, o alter ego da idiosincrasia galega.



Fotografía 2025.

Por iso Moruxosa pode ser un topónimo reinterpretado pola etimoloxía popular: a explicación das construcións artificiais, recoñecidas pola sociedade tradicional galega como non naturais, a tradición popular os asocia cos mouros integrándoos no imaxinario mítico para xenerar relatos de encantamentos, tesouros, etc. Polo tanto, lingüísticamente procede da planta "muruxa", co sufixo abundancial -osa: a conexión do topónimo cos mouros é cultural e simbólica, non lingüística.



Fotografía 2025.

Outra liña de investigación lévanos a unha raiceira atlántica europea, indoeuropea talvez, de xeito que a raíz de Moruxosa sería "mor-/mur-" que significa ou nomea elevacións, montículos, acumulacións de pedra e de terra..., que resaltan na paisaxe circundante. Poderíamos concluir considerando que a similitude fonética entre mor e mouro posibilitou a asimilación ou asociación mítica, ficando integrado no universo mitolóxico galego de construtores sobrenaturais. O interesante e sorprendente desta interpretación estriba en que o nome do lugar está a conservar unha memoria lingüística anterior á propia anta.



Fotografía 2025.

En suma, a pesar de ter sido declarada Ben de Interese Cultural, a anta coa súa mámoa atópanse en terreos privados, feito que se debería solucionar por parte das autoridades competentes. Malia iso, o conxunto megalítico atópase en bo estado de conservación e os danos que se detectan son sobre todo debido ao corte mencionado antes debido a un valo e polo norte causados pola erosión. Tamén cabe incidir en que a cámara perdeu algúns esteos e as lousas que se conservan amosan un proceso de degradación que está a provocar perdas da masa nalgún dos soportes e na tampa.

Foi un pracer voltar, como dicía, a Friol, voltar á Moruxosa. 


En Sigrás, nun aciago día para a botánica de Cambre do ano 2026.
Saúde, sorte e libros!!!


NON Á GUERRA.

EN SIGRÁS, NOS ACIAGOS E BELICOSOS DÍAS  DA INFERNAL INVASIÓN. 2026.

SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


BIBLIOGRAFÍA

Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela: "Prospeccións no Concello de Friol I: mámoas e folclore arqueolóxico". Rev. Croa nº 6, 1996.

VV.AA.: "Antas e pedrafitas de Galicia. (Guía para a súa localización)". Asociación de Amigos do Museu Arqueolóxico de A Coruña, 1996.

Ramón Boga Moscoso: "Dólmenes de Galicia. Arquitectura das grandes pedras". Bahía Edicións, A Coruña 1997.

 https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Grises+vellas