xoves, 15 de xaneiro de 2026

ANTA-DOLMEN FORNO DOS MOUROS. Santa María de Vicinte, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN FORNO DOS MOUROS


"Nunca moriría por mis creencias porque podría estar equivocado."

Bertrand Russell


 Debuxo de Moncho Boga, 2024
.

Desde Vicinte pódese chegar en automóbil e os últimos cen metros non queda mais remedio que achegarse camiñando. O acceso é bastante complicado polo que se se dispón de XPS será moito mais doado chegar. 



Anta Forno dos Mouros no ano 1989.
Fotografía de Núñez Jato.

Retorno ás terras do marabilloso Concello de Outeiro de Rei para completar a información da Anta Forno dos Mouros que considero ficou inconclusa na entrada que lle adiquei no contexto da Terra Cha o 28 de xuño de 2012. Por iso volto ao noso agarimoso oeste. Debo recoñecer que lle teño unha especial querencia aos concellos de Outeiro de Rei e Friol.



Forno dos Mouros no ano 2017.

No ano 1997 esta fermosa anta non estaba catalogada, malia ser coñecida e publicada na Revista Croa: Núñez Jato e Laura Roríguez documentárana nunha prospeción realizada no ano 1989. Os resultados resumidos desta prospeción foron publicados no ano 1995 nun artigo da revista Croa (Boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga). Finalmente foi catalogada, grazas a insistencia do multifacético investigador Xabier Moure diante das autoridades competentes.



Vista da mámoa no ano 2017

Atópase no Lugar de Ínsua, na parroquia de Vicinte e emprázase nunha aba de suave pendente, e toda a zona aparece moteada con vexetación autóctona: as repoboacións de eucaliptos van gañando terreo lamentablemente. Polo de agora esta repoboación non afecta directamente ao xacemento arqueolóxico.



A Anta Forno dos Mouros no ano 2017.

Trátase dunha mámoa-medorra ou túmulo de forma obvia e taxativamente hemiesférica moi achanzada e dicir, non está a conservar moita altura (ao redor dun metro); sen embargo o seu diámetro sobrepasa os catorce metros no eixo norte-sul e os dezaseis metros no eixo leste-oeste. A mámoa, en apariencia, atópase en bo estado de conservación. 



Fotografía de megaliticiablogspot.com.

Tampouco se observan a simple vista alteracións significaticas (antrópicas e/ou naturais) da anta con respecto ao estudo de Núñez Jato: un cono ou funil de violación que se abre no lado do sul e mide aproximadamente uns catro metros de diámetro.



Fotografía de megaliticiablogspot.com.

No centro da mámoa erixese a estrutura arquitectónica ou anta, único espécimen con pedra cobertora ou tampa no Concello de Outeiro de Rei. Esta cámara megalítica desenvólvese estruturalmente por medio de catro esteos que soportan unha tampa ou pedra cobertora que mide uns dous metros de lonxitude. Tamén se poden ollar diversas outras pedras ou esteos: algunha podería formar parte dun hipotético corredor de entrada. A tampa atópase lixeiramente inclinada, movida da súa posición orixinal,  na direción do sueste. Núñez Jato descubriu, entrevistando aos veciños, que esa inclinación da tampa debeuse a que no ano 1940, ao construirse unha casa no lugar de Ínsua, os canteiros ían empregala como material de obra. Afortunadamente rexeitaron a gran pedra debido a que era demasiado dura para o seu uso construtivo.



Fotografía de megaliticiablogspot.com.

Nas súas pescudas Núñez Jato relata que o dono da finca estivolle a contar que o cura párroco de Vicinte, acompañado de varios homes da bisbarra, escarbaron na zona do corredor de entrada, supoño que na busca dos sempiternos e inexistentes tesouros.

Estou seguro que voltarei a estas fantásticas terras luguesas, que voltarei para describir novos monumentos megalíticos; novos achádegos que inexcusablemente pasarán a formar parte do meu particular espíritu coleccionista, coleccionista mental das elementais cousas de antes.


En Sigrás, sin saber que nos deparará o futuro, 2026.
Saúde, sorte e libros!!!



ENLACES E BIBLIOGRAFÍA NECESARIAS 

Juan F. Jato Núñez-Laura Rodríguez Varela: "Arqueoloxía en Outeiro de Rei: Mámoas e outros restos" Revista Croa, Boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga, 1995.

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/dolmen-forno-dos-mouros.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://www.facebook.com/GustameOuteiroDeRei/posts/forno-dos-mouros-o-%C3%BAnico-con-tampa-cobertoira-de-todo-outeiro-de-rei-cerca-de-a-/265051187563950/

Ningún comentario:

Publicar un comentario