sábado, 10 de xaneiro de 2026

PEDRAFITA-MENHIR TOCO DAS CABRAS. Sal Salvador de Cabreiroá, Verín

PEDRAFITA-MENHIR TOCO DAS CABRAS

10. RUTA DAS PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ.


"Lo que distingue las mentes verdaderamente originales no es que sean la primeras en ver algo nuevo, sino que son capaces de ver como nuevo lo que es viejo, conocido, visto y menospreciado por todos."

Friedrich Nietzsche



Debuxo de Moncho Boga, Sigrás 2025.



E sigo con contumaz e impenitente terquedade oteando e investigando desde a lonxanía estes especiais exemplares do noso megalitismo, dos nosos esquecidos espécimens espallados polas terras de Verín, nun reducido espazo xeográfico e por iso de extraordinaria densidade pedrafiteira.

A pedrafita-menhir Toco das Cabras atópase in situ, erecta, no seu lugar primixenio, no emprazamento no que foi chantado. Debe o seu nome ao lugar Toco das Cabras, no contorno do Pozo do Demo e ubícase á beira dun dos primitivos camiños que leva á Veiga de Meás, na ribeira esquerda dun regato tributario do Rego das Quintas. A pedrafita é probable que fose feita manipulando o propio penedo sobre o que se asenta, nun outeiro totalmente granítico.

Seguindo os concienzudos traballos do meu compañeiro de inquedanzas Alberte Alonso, esta pedrafita abre unha orixinal perspectiva e novos horizontes para a súa comprensión. Dentro do que vimos denominando clasificación das pedrafitas galegas, un novo tipo de pedrafitas vai engrosar o xa extenso catálogo: malia que pode e debe encadrarse nas do tipo de observación astronómica, tamén se debe encadrar na tipoloxía novedosa de pedrafitas zoomorfas, abríndose un novo campo na xa extensa tipoloxía das nosas pedrafitas. 



Fotografía de Rafa Castro.

Sigo a considerar que moitas das  pedrafitas participan en varios dos criterios a saber, que sexan fitos anunciadores,  que sexan de tipo fálico e incluso de observación astronómica ao mesmo tempo. A existencia de gravuras do tipo que sexan non pode ser o único criterio para autentificar unha pedrafita nin tampouco a súa situación espacial en contextos funerarios, como se viña facendo ata ben pouco. 

Alberte Alonso, en perfecta harmonía simbiótica coas tamén miñas consideracións, debuxa un infinito mundo de penas, cons e penedos nas abas, pendentes, recháns, chairas, regos, mananciais, cumios, camiños prehistóricos..., que, por medio do retoque e manipulación da croa, permiten confirmar o encaixe do sol no axexadoiro ou croa da pedrafita. Neste senso as súas investigacións permitíronlle constatar que nalgunhas pedrafitas  e noutros penedos as súas croas atópanse manipuladas coa intención de provocar os encaixes no solsticio do verán.



Pedrafita Toco das Cabras no solsticio do verán, o 21 de xuño.
Fotografía de Rafa Castro.

É así que, considerando que a pedrafita é "o espíritu personificado en pedra que xera vida" e atendendo ás formas, Alonso constata a existencia de "pedrafitas de observación astronómica na modalidade zoomórfica". Resaltan en Galicia dous novedosos exemplos que dan pé a esta nova clasificación: a do Agro do Castro en Friol (con forma de cabra) e o Toco das Cabras, paradóxicamente con forma de oso. Efectivamente, a pedrafita Toco das Cabras amosa esculpida na croa as fauces e a imaxe xeral da cabeza dun oso: a fisonomía do fuciño atópase incrustada no axexadoiro que é a concavidade central da pedrafita. Do mesmo xeito o solpor do sosticio do verán o 21 de xuño encaixa simétricamente no fuciño do animal, debuxado na croa. Segundo Alonso trátase dunha representación zoomórfica da morte e do renacemento, símbolo indiscutible dunha nova vida: o  oso é solar. Por iso a pedrafita convertese no espítiru personificado en pedra que xera vida.



Fotografía de Rafa Castro.

Efectivamente, o oso nas sociedades tradicionais, e por suposto nas prehistóricas, representa o renacemento, a nova vida, despois dun tempo na oscuridade da caverna, onde a vida permanece en suspenso temporalmente. O oso é tamén un ser psicopompo para algunhas sociedades: é aquel que acompaña aos defuntos ao alén. Por iso é un animal do mundo do alén, do inframundo, posto que pasa unha boa parte da súa vida na cova, nas profundidades, en contacto coas poderosas forzas telúricas.

Polo tanto é un símbolo de resurrección, de xeito que representa a nova vida, a iniciación, vencellándose así mesmo cos ritos de paso. En definitiva, na mitoloxía heroica o oso é solar e o seu poder é sobrenatural; é a forza, a fortaleza.

Para rematar, nada mellor que as conclusións de Alberte Alonso no tan nomeado blogue catalogaciondepedrafitasdegaliciablogspot.com:

"Partindo do concepto desta premisa, espírito personificado en pedra que xera vida, e atendendo ás diversas formas onde a pedrafita manifesta fisionomías, trazos e tipos diferentes que poden concibir: demandas, confirmacións, homenaxes-conmemoracións, cultos-adoracións, ritos, demarcacións, etc... Imos centrar o noso interese nas pedrafitas de observación astronómica, dentro da nova modalidade, hoxe (2 de xullo 2016) chega a proposta de nome:
Pedrafitas de observación astronómica modalidade zoomorfa."

Coordenadas:

Lat 41º 55´25,27´´ 
Lon 7º 24´19,18´´ O

464 m.s.n.m.

En Sigrás, nun día do ano 2026 de nefastos e imprevisibles acontecementos para a humanidade. 
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES E BIBLIOGRAFÍA ESENCIAIS

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

Rafael Castro Vaamonde: "Novas exploracións no contorno do Pozo do Demo e das Fragas de Abedes." Traballo inédito.

Taboada Chivite, X.: "Folklore de Verín". Ourense, La Región.

Taboada Chivite, X.: "O Culto ás Pedras no Noroeste Peninsular". Vigo, Real Academia Galega, 1966.

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://www.diariodotamega.es/articulo/verin/verin-quere-facer-do-pozo-do-demo-maior-museo-natural-do-sur-galicia/20220214204758021561.html

ttps://www.laregion.es/comarca-de-monterrei/verin-recuperara-ruta-menhires-milenarios_1_20220223-2278229.html

https://osil.info/verin-proxecta-desenvolver-no-pozo-do-demo-o-maior-atractor-turistico-do-sur-de-galicia-cos-next-generation/

https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/15/verin-quiere-convertir-pozo-do-demo-museo-aire-libre-referente-turismo-galicia/0003_202202O15C4991.htm

https://www.farodevigo.es/ourense/2021/02/27/denuncian-abandono-yacimiento-arqueologico-o-35760402.html

O_Bouzadoiro_un_xacemento_romano_unico_e.pdf

https://www.gciencia.com/retro/localizan-en-verin-o-castelo-medieval-de-cabreira/

https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2013/03/pozo-do-demo.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/verin-comarca-de-verin-ourense-prg-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-22216460/photo-14031936

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/punto-geodesico-de-montemaior-44984183/photo-29545613

https://verin.es/turismo/

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/pozo-do-demo-banco-con-vistas-a-verin-82126178/photo-53159527

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/ourense/lagar-rupestre-y-capilla-de-san-anton-de-abedes/

https://fontesmediae.hypotheses.org/4506

https://nosvolveremosaver.com/pozo-do-demo/