PEDRAFITA-MENHIR A2 DA BAIXADA DE SAN XOSÉ
2. RUTA DAS PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ.
"Igual como los padres en la vida privada enseñan sabiduría a sus hijos, así lo hacen [los poetas] en la vida pública a sus ciudades."
Filón de Alejandría
![]() |
Debuxo de Moncho Boga, Sigrás 2025. |
E prosigo polas tremendas terras de Verín, continúo imaxinando outros mundos, outros seres que seguro non eran tan distintos a nós: cos seus rituais, coas súas crenzas, cos seus santuarios, coas súas rutas sagradas..., supoño e imaxino que estes avezados construtores, ávidos de erixir dólmenes, pedrafitas, rodas e círculos líticos, inundando a xeografía galega destes misteriosos elementos megalíticos, non serían tan distintos a nós polo esaxerado e mesmo desmedido afán construtor.
E prosigo polas terras da parroquia de San Salvador de Cabreiroá, onde a toponimia é como un val florido: Veiga de Meás, Pozo do Demo, Malpaso, Abedes, Rego de Quintas... Prosigo a miña imaxinaria viaxe sen levantarme da cadeira, sen cruzar as fronteiras míticas do imaxinario. E imaxino a Taboada Chivite, a Cuevillas ou a Manciñeira que percorrían o país ao lombo das súas cabalgaduras, polo medio das selvas mais recónditas do país galego. Non sei que pensarían hoxe.
E volto con outro elemento megalítico, outra pedrafita das catalogadas por Rafa Castro na Baixada de San Xosé: a mesma lenda que temos en Cambre e en innumerables lugares de Galicia sobre a fuxida de San Xosé o Neno e a Virxe ao lombo da burra, tentando burlar a persecución homicida de Herodes. Baixada flanqueada de petróglifos, de cazoliñas (como a cama da Virxe en Cambre, a Pena da Nosa Señora), flanqueada dun tipo de insculturas que habería que saber ler, que nos queren falar e que talvez non entendamos a súa pétrea linguaxe de milenios. Se cadra berran palabras de anguria, talvez, impertérritos, nos queiran transmitir unha mensaxe sideral, unha mensaxe que nunca saberemos traducir, unha mensaxe da que descoñecemos o código. Por iso mesmo é necesario conservar, protexer e mimar estes inanimados e mudos seres que habitan a nosa terra.
A pedrafita A2, considerada polo amigo Alberte Alonso dentro dunha categoría indeterminada (outras funcións) talvez nela se manifesten unha ou todas as categorías polas que podemos constatar que unha pedra chantada é unha pedrafita-menhir: de observación astronómica, fálicas... Por outra banda, formalmente, seguindo a tipoloxía proposta por Rafa Castro, esta pedrafita habería que encadrala morfolóxicamente no apartado das do tipo A e dicir, sección rectangular con catro caras, a punta ou croa moi afiada e supera os dous metros e noventa centímetros de lonxitude. Unha constante que se pode vislumbrar é o contexto do camiño prehistórico, tantas veces nomeados e tantas veces consustanciais á colocación de pedrafitas ou de necrópoles megalíticas.
Marcadores espaciais desde sempre, fitos referentes para as mulleres e os homes de todas as épocas ata que, nalgunha momento da nosa historia, deixaron de ter importancia, deixaron de existir: os tempos e os costumes requerían outros referentes. Como mantén Alberte Alonso, esta é unha área profusamente sacralizada, transformada posteriormente con outras crenzas, outros ritos, de xeito que ese tremendo espazo plagado de petróglifos, de pedrafitas, de lagares prehistóricos, de penas abaladoras..., foron borrados do mapa mental e imaxinario das xentes da bisbarra ata chagar a un esquecemento total e absoluto.
A enorme pedrafita A2, felizmente, saiu do esquecemento milenario grazas as meticulosas e teimudas pescudas do gran Rafa Castro.
-Coordenadas da Pedrafita A2: Lat 41º 55´0,99´´ N Lon 7º 24´ 2,87´´ O 549 m.s.n.m.
ALGO DE ETNOGRAFÍA, ALGO DE LENDAS, ALGO DA VERDADEIRA REALIDADE
Seguindo os prolíficos e sistemáticos estudos de Rafa Castro, os relatos lexendarios que vencellan o Pozo do Demo co lume poderían proceder dos rituais que acontecen en Galicia, e na zona de Verín, que teñen que ver coa celebración dos solsticios, celebrados na bisbarra até hai ben pouco tempo: por exemplo, na Ermida de San antón en Abedes aínda se está a celebrar (atópase próxima ao Pozo do Demo) o acendido de lumeiras no monte, onde asan diversos viandas.
Ademais desta interesante constatación da relación do lume coas festas solsticiais a carón do Pozo do Demo, tamén conta a verídica nova que no fondo do Pozo vive o Demo que neste caso reviste a forma dun sapo.
Xa Taboada Chivite mantivera que a denominación do Pozo do Demo remite inexorablemente aos nomes populares dos elementos megalíticos, de xeito que o inxente panteón mítico asociado a esta zona, viría a reforzar a demostración da devandita sacralidade que se proxecta desde a profundidade da noite dos tempos e cuxos ecos retumban silenciosamente por toda a bisbarra, por toda Galicia.
En Sigrás, no outono de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL
Taboada Chivite, X.: "Folklore de Verín". Ourense, La Región.
Taboada Chivite, X.: "O Culto ás Pedras no Noroeste Peninsular". Vigo, Real Academia Galega, 1966.
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html
https://www.diariodotamega.es/articulo/verin/verin-quere-facer-do-pozo-do-demo-maior-museo-natural-do-sur-galicia/20220214204758021561.html
ttps://www.laregion.es/comarca-de-monterrei/verin-recuperara-ruta-menhires-milenarios_1_20220223-2278229.html
https://osil.info/verin-proxecta-desenvolver-no-pozo-do-demo-o-maior-atractor-turistico-do-sur-de-galicia-cos-next-generation/
https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/15/verin-quiere-convertir-pozo-do-demo-museo-aire-libre-referente-turismo-galicia/0003_202202O15C4991.htm
https://www.farodevigo.es/ourense/2021/02/27/denuncian-abandono-yacimiento-arqueologico-o-35760402.html
O_Bouzadoiro_un_xacemento_romano_unico_e.pdf
https://www.gciencia.com/retro/localizan-en-verin-o-castelo-medieval-de-cabreira/
https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2013/03/pozo-do-demo.html
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/verin-comarca-de-verin-ourense-prg-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-22216460/photo-14031936
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/punto-geodesico-de-montemaior-44984183/photo-29545613
https://verin.es/turismo/
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/pozo-do-demo-banco-con-vistas-a-verin-82126178/photo-53159527
https://www.galiciamaxica.eu/galicia/ourense/lagar-rupestre-y-capilla-de-san-anton-de-abedes/
.jpg)



Ningún comentario:
Publicar un comentario