lunes, 20 de enero de 2025

ANTA-DOLMEN DE ADAI. Santa María Madalena de Adai, Lugo

ANTA-DOLMEN DE ADAI


"El conocimiento de la verdad no es sino una preocupación por lo verdadero, como el conocimiento del error no es sino una preocupación por lo falso."

Baruch de Spinoza: "Ética". Editora Nacional.



Anta-dolmen de Adai,
segundo debuxo de Moncho Boga, 2024.

Hoxe dispóñome a viaxar virtualmente, desde a comodidade que me dá o meu despacho, polas extraordinarias terras do Concello de Lugo, ao núcleo da provincia, preto das murallas romanas patrimonio da humanidade. Viaxarei polas inextricables, misteriosas e inexplicables ondas de internet ás terras onde o río Miño, pai e nai dos ríos galegos, serpentea con maxestuosidade unhas veces e soliviantado outras. 

 

Mapa orientativo do complexo arqueolóxico
do Prado das Cancelas, Adai.

Nesas verdes terras do Concello de Lugo, na ribeira dereita do río Miño, atópase a parroquia de Santa María Madalena de Adai: aí, no Prado das Cancelas, está encravada a Necrópole megalítica de Adai, nunhas paraxes que gardan en poucos metros varios xacementos arqueolóxicos o que lle confire unha caracterización inaudita dentro das paraxes máxicas do territorio galego. Estamos, xaquelogo, diante dunha auténtica Montaña Máxica, diante dun Outeiro que garda con esmero de milenios a memoria arqueolóxica de todo un pobo.



Fotografía de Rafa Quintía, asombradebouzapanza.

Localízase no extremo leste da estribación oriental da dorsal meridiana galega, que comunica co  Val do río Miño ao leste e coa Serra do Careón ao oeste. Topográficamente trátase dun sector cunha lixeira caída cara ao sul que acada unha altitude de 535 m.s.n.m.



Planta da Anta de Adai, segundo versión de Moncho Boga
a partir de Meijide Comeselle.


Para chegar, aparte do necesario XPS, desde o lugar de Cancelas hai unha pista de terra que conduce dereitamente aos montes da divisoria de Carrís. Aproximadamente a unhs setecentos metros, outra pista á esquerda leva ao lugar de Penas do Castrillón. A Anta e a necrópole de Adai atópanse pouco antes de chegar ás devanditas Penas do Castrillón, na beira dereita do camiño. Este emprazamento ocupa a aba meridional do monte entre pradeiras e plantacións de piñeiros.



Anta-dolmen de Adai, 2019.

Desde as Penas do Castrillón, aba abaixo, a uns douscentos once metros ao sueste, localízase temén a cámara megalítica Anta-Dolmen de Adai, coñecida tamén como Mámoa do Prado das Cancelas ou Mámoa de Portanavello. Esta pequena anta, que non está a conservar resto algún da presumible e necesaria masa túmular, desenvólvese como unha cámara megalítica de relativamente cativas dimensións, que tampouco conserva a pedra cobertora nin se aprecia resto algún dunha posible coiraza.



https://alrededoresdelugo.es/arqueologico-dolmen-adai.html

Foi obxecto dunha pequena intervención arqueolóxica no ano 1990 dirixida polo arqueólogo lucense Gonzalo Meijide Cameselle: nesa escavación, como parte do enxoval, foron recuperados unha lámina de sílex e unha machada de pedra puída. Estruturalmente a anta desenvólvese a través dunha planta poligonal composta por sete esteos de granito que probablemente están na súa posición primixenia, así coma un corredor corto do que fican dous pequenos chantos. As dimensións da cámara non sobrepasan no eixo meirande un metro e setenta centímetros e, no eixo mais corto, o metro e vinte centímetros. 



Escavación da Anta de Adai, Meijide 1990.

En definitiva, o estado de conservación, malia que é bastante bo, semella que empeora pouco a pouco e paseniñamente; sen embargo, paga a pena visitala desde todos os puntos de vista, pero tamén por ser un dos poucos xacementos megalíticos que conserva o romano Concello de Lugo.


 
Foto de Xandlinathry en Patrimonio Galego.

O emprazamento da Necrópole de Adai denomínase Prado das Cancelas e nesta senlleira área consérvanse os seguintes xacementos arqueolóxicos, abranguindo unha ampla serie temporal: o recinto circular ou roda denominado O Castrillón (Corro dos Mouros), escavado nos últimos anos por Pilar Prieto; os petróglifos das Penas do Castrillón, a necrópole de Adai (formada por cinco medoñas), as brúxulas da Pena do Rei; a Pena Fita (trátase dun posible fondo de cabana que se asenta encima dunha gran roca de relevo plano. A configuración ten unha forma elíptica, cunhas dimensións de 10 metros por 5 metros. Os 18 buracos atópanse escavados nesta roca granítica, probablemente para a suxeición dos postes desa posible cabana), e a probable pedrafita-menhir de Penela. As medorras da necrópole de Adai  foron salvadas por Núñez Jato e Alejo Arias López, da Casa das Cancelas. Só en tres destas mámoas ou medorras se está a conservar restos da estrutura arquitectónica, as outras dúas están case completamente arrasadas.



https://alrededoresdelugo.es/arqueologico-dolmen-adai.html

NOTA: Neste mesmo blogue xa publiquei unha entrada sobre a Anta, Roda, Altar e Pedrafita de Adai o 28 de xullo de 2012.


ELEMENTOS ARQUEOLÓXICOS FUNDAMENTAIS DO PRADO DAS CANCELAS, NA MONTAÑA MÁXICA DE ADAI:


-A RODA DO CASTRILLÓN OU CORRO DOS MOUROS


Fotografía La Voz de Galicia, 2024


-A PENA FITA


Fotografía Galicia Máxica


-PETRÓGLIFOS


Fotografía de megaliticia.blogspot.com


-PEDRAFITA-MENHIR DA PENELA



Posible Pedrafita-Menhir da Penela.
Fotografía de Rafa Quintía.


En Sigrás, serpenteando coa vida, 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


PARA SABER MOITO MAIS

Vázquez Seijas, M.: "Mansión céltica en tierras lucenses". B.C.P.M.L, T. VII 1955.

Núñez, J. e Rodríguez, L.: "El dolmen de Castrillón". El Progreso, 7 xaneiro de 1989.

Meijide Cameselle, G.: "Informe sobre a intervención de urxencia na mámoa de Portanavello (Adai, Lugo)" Delegación Provincial da Consellería de Cultura e Xuventude de Lugo.

Pablo Vázquez Liz, Mª Pilar Prieto-Martínez,Juan Francisco Núñez Jato El pasado olvidado: El sitio del II y I Milenio BC de Pena Fita (Adai, Lugo) en el contexto de las ‘longhouses’ del NW peninsular.GALLÆCIA 34: 9-56, 2015.

www.manuelgago.org/blog, de Manuel Gago

asombradebouzapanza.wordexpress.com, de Rafael Quintía

https://alrededoresdelugo.es/arqueologico-dolmen-adai.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/12276/2012/01/dolmen-de-adai/

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/dolmen-de-adai.html

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2018/08/dolmen-de-adai-lugo.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/medorras-de-adai-188653904

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/altar-de-adai/

https://alrededoresdelugo.es/arqueologico-dolmen-adai.html

https://www.blogger.com/blog/post/edit/8441542851340460340/1876898375559315583


No hay comentarios:

Publicar un comentario