PEDRAFITA-MENHIR A LAPA DE GARGANTÁNS. 
Para chegar. Partiremos de Moraña con dirección a Campo Lameiro e, a un quilómetro aproximadamente, debemos coller o desvío que leva ao santuario dos Milagres de Amil. A poucos metros deste desvío xa podemos ver a sinalización deste monumento.
|  | 
| Fotografía do ano 1991, Ramón Boga. | 
Ata hai pouco tempo a Lapa era considerada pola maior parte dos prehistoriadores galegos como a única pedrafita existente en Galicia, feito que hoxe xa non se pode manter. 
Pénsase que a pedrafita foi trasladada do seu lugar orixinal ata o novo emprazamento posto que a base atópase cortada polo que tamén debía ser máis alta. Atópase nunha zona arqueolóxica con numerosos xacementos prehistóricos. Foi descuberta no ano 1958.
|  | 
| Fotografía do ano 1991. Ramón Boga. | 
Así, antes de ser cortada acadaba os dous metros e corenta cms de altura e, logo da súa restauración e novo emprazamento, a altura chega a un metro e noventa e dous centímetros.  Posúe forma cónica coa base cadrada e os lados curvos. Todas as superficies das súas caras foron moi traballadas posto que podemos aprecier zonas pulidas, un total de vinte cazoliñas e algunhas ferraduras. 
|  | 
| Debuxo versión dos gravados da Lapa de Gargantáns. | 
Esta senlleira pedrafita permaneceu tirada no chan ata que os arqueólogos do Museu de Pontevedra restaurarona axeitadamente e voltaron a erguela ao seu presumible estado e lugar orixinal.  Calcúlase que data no neolítico final, aproximadamente entre o 2.500 e o 2.000 a XC. Hoxe en día a Lapa aínda está a servir como lindeiro ou pedra de termo entre dúas parroquias, feito que puido ser decisivo para que chegara ata a actualidade.
Aparece como enseña no escudo municipal do Concello de Moraña.
En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

 
Ningún comentario:
Publicar un comentario