viernes, 25 de mayo de 2012

Antas-dolmenes da Baixa Limia I

ANTA-DOLMEN A CASIÑA DA MOURA

Desde a preciosa aldea de Maus de Salas, seguindo en dirección da dereita, chégase ás comportas do encoro de Maus de Salas. A Casiña da Moura e a anta primeira que se atopa á beira da comporta do encoro.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1992

Estamos diante dun completo exemplar de anta con cámara poligonal conformada medieante sete esteos que soportan unha pedra cobertora ou tampa monolítica de gran tamaño. Os esteos da cámara están dispostos de xeito que se imbrican entres si debuxando unha cámara que acada os dous metros e sesenta centímetros. Esta completa anta, moi proporcionada e completa, foi posiblemente desprazada da súa posición orixinal con motivo da construción do encoro, de xeito que os ortostatos do que fora o corredor de entrada, están apoiados no interior da cámara, sendo imposible a súa reconstrución. 



Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1992

O enxoval exhumado compoñíase por dúas machadas, das que unha amosa forma globular con fondo plano.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso


ANTA-DOLMEN CASOTA DO FOXO

Atópase ao outro lado da comporta do encoro, nun pequeno outeiro desde o que se divisan unhas espléndidas panorámicas da contorna.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1992


Trátase dunha cámara de tipo poligonal conformada por sete chantos. Nos eixes da cámara as medidas van desde os dous metros e corenta centímetros ata os dous metros e sesenta centímetros. O conxunto arquitectónico atópase coroado por unha poderosa pedra cobertora monolítica que é máis grosa a medida que se achega á entrada da anta. O mesmo que acontece coa Casiña da Moura, no amosa restos visibles do corredor e é probable que tamén fose desprazada do seu asentamento orixinal.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso

O enxoval exhumado nas escavacións arqueolóxicas componse de anacos de vaso campaniforme cunha decoración a xeito de liñas horizontais e puntilladas.


ANTA-DOLMEN DE MUNIXEI

Restos dunha cámara megalítica que se empraza entre uns ríos afluentes do río Salas: atópase nun pequeno espolón ubicado na aba occidental do val do regato de Lobeira.



Fotografía de J.M. Eguileta Franco
.



Saúde e sorte!
En Sigrás, un día calquera dun ano calquera.

No hay comentarios:

Publicar un comentario