miércoles, 30 de mayo de 2012

Antas-dolmenes da Madroa e Candeán. Vigo

Esta sobranceira necrópole atópase a unha altitude de 313 ms no barrio da Devesa, da parroquia de San Cristovo de Candeán. Ubícase nunha dorsal e está composta por catro mámoas.


ANTAS-DOLMENES DA NECRÓPOLE DE CHAN DOS TOUCIÓS, Candeán.


ANTA-DOLMEN nº 1

Para chegar debemos dirixirnos cara ao local da A.VV. deixando atrás a encrucillada que vai pola dereita ao Zoo. Cincuenta metros máis adiante hai outro cruzamento do que se colle  dirección á Protectora de Animais. Antes de chegar a ese cruzamento, nun monte de piñeiros e eucaliptos, atópanse as dúas mámoas, á dereita. Dicir tamén que están sinalizadas. O cemiterio está á beira.



Ramón Boga, 1993

A mámoa na que se insire mide ao redor de 16 por 18 ms nos seus eixes. A altura aproximada é de 1,5 ms. Atópase en bastante boas condicións a pesar das diversas alteracións.

Aprécianse algunhas pedras que poderían formar parte da estrutura tumular, así como a cámara con corredor. No corredor de entrada pódese ver un dos esteos da cuberta e outro chanto máis caído cara ao sul do funil de violación. A cámara é de tipo poligonal composta por cinco esteos e un pequeno corredor con dous esteors orientado ao leste. A altura máxima dos esteos é dun metro e trinta e cinco cms.

Esta pequena anta foi obxecto de varias escavacións furtivas.




Ramón Boga, 1993



ANTA-DOLMEN nº 2

Sitúase a uns trinta ms da anterior cara ao sudoeste, no mesmo piñeiral que a anterior, pero á beira da estrada. Tamén está bastante esnaquizada posto que foi escavada clandestinamente.



Ramón Boga, 1993


O túmulo mide 16  por 14 ms no seu eixo máis longo, e unha altura de ao redor dun metro e medio. Amosa un gran funil de violación.



Ramón Boga, 1993


En canto á cámara, quedou ao descuberto unha cámara poligonal con nove esteos e un corredor máis desenvolvido que o da anta anterior, conservando unha pequena pedra cobertora. Esta tampa acada os dous metros de longo e os setenta e cinco cms de ancho. O esteo máis grande da cámara ten, para a altura, un metro e setenta cms. 



Ramón Boga, 1993



Dicíase que conserva nove ortostatos da cámara: oito deles están fincados. Outros tres corresponden ao corredor. Aprécianse numerosas pedras espalladas que poderían formar parte da estrutura tumular.


ANTA-DOLMEN nº 4

Está parcialmente destruída pola construción do cemiterio, e  estaba formada por once esteos.




Hai uns anos que a Comunidade de Montes, en colaboración co Concello de Vigo, puxo en valor esta necrópole. Publicitouse en diversos foros e sinaláronse os principais elementos megalíticos, todo elo acompañado por unha senda peatonal.





ANTAS-DOLMENES DA NECRÓPOLE MEGALÍTICA DA COSTA DA FREIRÍA-FERRADOURO. 

ANTA-DOLMEN DE HERMINDE

Ao pasar Herminde, un pouquiño antes dunha casa illada á dereita, hai unha corredoira de monte á esquerda que vai sair á mesma estrada preto de medio quilómetro máis enriba, pouco antes de chegar ao Monte Vixiador.



Ramón Boga, 1993

Trátase dunha construción megalítica formada por unha mámoa pquena á que lle falta a parte superior, quedando ao descuberto unha sinxela cámara poligonal formada por sete esteos de moi pequeno tamaño. A mámoa acada 12 por 13 metros no eixo máis grande e atópase bastante arrasada. Na parte occidental está moi alterada debido ao paso dun camiño antigo. Consérvanse nove pequenos esteos da cámara que conforman unha planta poligonal.



Ramón Boga, 1993



ANTA-DOLMEN Nº 1 DA COSTA DA FREIRÍA. San Cristovo de Candeán

Polo mesmo camiño forestal, ou bordeando pola estrada que leva ao Monte Vixiador, cento cincoenta ms antes de chegar á estrada principal, seguindo unha ruta sinalada, vanse atopando ás mámoas desta necrópole.

A primeira vez que estiven nesta anta, estaba oculta por unha espesa vexetación de acacias e era moi dificil de atopar. Hoxe a anta foi escavada e restaurada e atópase moi fácilmente.



Fotografía da anta 1 no ano 1993, por Ramón Boga.

A mámoa na que se acocha a anta mmide ao redor de 16 ms de diámetro (N-S) e 16,5 no diámetro E/O, cunha altura aproximada de 1,80 ms. Estaba, antes da escavación arqueolóxica, bastante alterada polo lado do leste e amosaba un amplo funil de violación debido ás actuacións furtivas. Dentro acocha unha cámara con corredor que conserva 10 esteos, oito da cámara e dous do corredor.

Seguramente esta é unha das antas escavadas polo matrimonio Leisner nos anos 50.







ANTA-DOLMEN Nº 2 DA COSTA DA FREIRÍA

Esta pequena mámoa mide 10 ms no eixo N-S e 13,70 no eixo L-O, acadando unha altura de medio metro, aproximadamente. Da mámoa sobresaen varios esteos de moi pequeno tamaño.




ANTA-DOLMEN Nº 3 DA COSTA DA FREIRÍA

A mámoa na que se acocha esta pequena anta, mide 17 ms no eixo N-S e 17 ms no L-O, cunha altura aproximada dun metro. A mámoa está alterada polo leste. 

Ao redor desta estrutura tumular pódense observar varias pedras que probablemente pertenzan ao recubrimento tumular. En canto á estrutura arquitectónica da anta, confórmase a través de sete ortostatos dos cales tres están desprazados fóra do seu lugar orixinal.





ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO MONTE VIXIADOR. Candeán, Vigo

Atópase formando parte dunha necrópole composta de once mámoas ubicadas no alto do Monte Vixiador, nun curuto a 430 m.s.n.m., e foi escavada por Santiago Vázquez Collazo da empresa Tomos Conservación-Restauración S.L no ano 2007.

A mámoa acada unhas medidas máximas de entre 23 metros e medio por 25. Sobresae en altura ao redor de metro e medio. No centro aparecía un profundo funil de violación de máis de seis metros de diámetro e un metro de profundidade.



Fotografía de Santiago Vázquez Collazo, 2007


A cámara non ocupaba o centro da mámoa e só conservaba in situ dous esteos e outros dous fóra da súa posición orixinal. Puidose definir a tipoloxía da anta grazas ás improntas e á situación de dous esteos do corredor: así conseguiuse fixar a posición exacta de nove esteos, de xeito que se definiu unha cámara composta por nove esteos e catro mais nun corredor corto de dous tramos. Estamos así diante dunha cámara poligonal con corredor pouco desenvolvido e tamén pouco diferenciado en planta, pero si no alzado. Atinxe unha altura total de catro metros e a pedra da cabeceira mide 2,70 ms de lonxitude e 1,20 de longo.

Froito da escavación arqueolóxica exhumáronse 145 fragmentos de cerámica, 82 líticos e 55 obxectos metálicos.

Sen embargo un dos descubrimentos máis importantes consistiu nos restos de pintura, tanto pola calidade como pola cantidade conservada: trazos vermellos discontinuos e liñas ondulantes horizontais, sobre todo. Tamén apareceron, noutro esteo, gravados de liñas ondulantes verticais recubertos de pintura branca.

A mámoa foi finalmente retumulada. Só quedou á vista unha pequena parte do extremo superior de catro dos esteos da cámara.


BIBLIOGRAFÍA

Vázquez Collazo, S.: "Intervención arqueolóxica no túmulo do Monte Vixiador, Candeán, Vigo (Pontevedra)" Actuacións Arqueolóxicas. Ano 2007. Xunta de Galicia 2009.























No hay comentarios:

Publicar un comentario