venres, 12 de setembro de 2025

ANTA-DOLMEN CHAN DE ARMADA 1. Santo Tomé de Piñeiro, Marín.

ANTA-DOLMEN CHAN DE ARMADA 1

SENDA DAS MÁMOAS DE MARÍN VII

"Todo lo que hay ha existido siempre. Nada puede surgir de la nada. Y algo que existe, tampoco se puede convertir en nada." 

Parménides de Elea



Debuxo de Moncho Boga, 2025.

A primeira vez que viaxei á Península do Morrazo na busca das increíbles antas que aínda se conservan na súa penechaira, esa primeira vez, dicía, buscaba unha anta denominada Chan de Armada que posuía unha gran cámara, unha pedra cobertora poderosa e un corredor desenvolvido. Isto foi en setembro do ano 1991. Dúas pistas segaban a mámoa por varias zonas, malia iso, a anta era dunha beleza  extraordinaria, un prototipo dolménico, un paradigma dentro do horizonte megalítico galego.



Versión de Moncho Boga a partir de Fernando Carrera Ramírez.

A segunda vez debeu ser nos primeiros anos do século XXI, e a anta estivera a sufrir cambios sustanciales en canto ao desenvolvemento de traballos de acondicionamento e posta en valor que duraron varios anos e que consistiron no acodicionamento arqueolóxico e ambiental dentro do desenvolvemento dunha Ruta de Mámoas do Morrazo. Creo recordar que por aquilas datas todavía conservaba a tampa que se supoñía  postiza.



Sección da anta  Chan de Armada 1.

A terceira vez que me acheguei por estes fermosos recunchos das Rías Baixas, foi nunha escursión de varios días, a finais da década de 2010. Por suposto, achegueime a contemplar de novo, unha vez mais, os cambios que se viñeran producindo ao longo dos anos, tanto nas mámoas como na contorna natural. Neses tempos a mámoa 1 da Chan de Armada xa amosaba a imaxe que hoxe podemos contemplar e admirar e, por suposto, sen tampa ou pedra cobertora, que daquila sospeitábase que non era a orixinal. Xa veremos como esa consideración trocou co discorrir do tempo.



Fotografía de Moncho Boga, setembro de 1991.

Noutro orde de cousas, a presente anta-dolmen mámoa 1 da Chan de Armada emprázase no arrinque meridional do paso natural da Chan de Armada, case no tramo final da aba norte de Outeiro ddos Loureiros.

Para chegar débese coller a estrada PO-313 Marín-Moaña ata chegar ao alto da Cruz de Maceiras, logo de percorrer uns nove quilómetros e medio. De seguido, coller a estrada CF-401 á esquerda e, despois de pouco mais de tres quilómetros, aparece a intersección na que hai que coller outra vez á esquerda ata chegar ao lugar da Chan de Armada, a uns quinientos metros.  Á dereita, a preto de sesenta metros, atópase a Anta.

Outra versión de como chegar do ano 1997: desde a Lagoa de Castiñeiras tómase a pista forestal que vai a Domaio. Aos oito quilómetros hai que coller o camiño que segue á esquerda. A anta atópase a uns cincuenta metros. Malia a "seguridade" para chegar que aseguran estás descricións, recomendó encarecidamente enoregar o XPS.



Fotografía de Moncho Boga, setembro de 1991. Pódese
apreciar a tremenda pista forestal que pasaba á beira xusto da 
cámara, ocultando totalmente a mámoa por esa parte do norte.

A mámoa, como se pode constatar polas fotografías do ano 1991, estaba prácticamente sepultada polo paso das pistas forestais, necesarias en efecto, pero que ben podían respectar un elemento arqueolóxico sobradamente coñecido,  e separala uns cantos metros. A cámara, á vista, foi descuberta ou destapada polas escavacións arqueolóxicas de Sobrino Lorenzo-Ruza na década de 1950.



Escavacións do ano 2008 a cargo de J. C. Castro Carrera.

A estrutura arquitectónica megalítica ou anta atópase inserida na mámoa e desenvólvese a través dunha cámara adscrita á tipoloxía do tipo poligonal con corredor de acceso desenvolvido e orientado. Está composta por trece chantos e unha particularidade significativa é que os esteos non son de granito, senon de xisto, feito se cara vencellado ao predominio da rocha metamórfica propia do complexo xeolóxico Vigo-Pontevedra.



Fotografía do blogue ahoradosmouros.blogspot.com, 2012.
Nestas datas aínda estaban sen limpar as pintadas vandálicas.

Os trece chantos que está a conservar (probablemente non falta ningún da estrutura orixinal) destribúense do seguinte xeito: nove conforman a cámara poligonal, catro desenvolven o corredor de entrada (orientado ao suleste, como adoita ser habitual) e unha na cuberta que, ata agora, supoñíase engadida tras a escavación de Sobrino, como elemento alleo á estrutura orixinal.

Os esteos-chantos-ortostatos eríxense imbricados e apoiados uns cos outros, a partir do gran chanto da cabeceira, cunha altura decrecente desde o oeste (entre un metro e noventa centímetro e os dous metros) cara ao leste, cunha altura dun metro e medio.



No ano 2015 a prensa denunciaba o estado de abandono da anta.
Fotografía, La Voz de Galicia.

Malia que gran parte da masa tumular quedou totalmente arrasada e/ou sepultada debido á apertura da pista forestal que levaba ao Outeiro dos Loureiros, sabemos hoxe que a mámoa era e é un túmulo de grandes proporcións: o diámetro do eixo leste-oeste medía ao redor de vintecinco metros e vinte metros para o eixo norte-sul. A altura máxima non sobrepasaba o metro e oitenta centímetros. No lado do norte a pista forestal que pasaba por enriba, como estaba a dicir antes, alterou a súa fisonomía considerable e dramáticamente.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

Desde aquí é complicado establecer unha cronoloxía sobre as intervencións arqueolóxicas desenvolvidas desde a década de 1980 (segundo puiden contrastar, tamén Antonio de la Peña e Rodríguez Casal estudaron a anta no ano 1975. Non puiden saber si executaron algún tipo de actuación arqueolóxica). Aínda así, puiden determinar varias intervencións (ademais da consabida de Sobrino na década de 1950) a saber: no ano 1983 lévase a cabo unha intervención arqueolóxica da que non sei absolutamente nada; no ano 1999 desenvolvéronse actividades de acondicionamento e posta en valor. A continuación, no 2004 volvéronse a realizar traballos de acondicionamento arqueolóxico e ambiental dentro do proxecto dunha ruta de mámoas do Morrazo. O arqueólogo J.C. Castro Carrera dirixiu no ano 2008 unha intervención arqueolóxica que consistiu sobre todo nunha sondaxe para a definición das estruturas da anta, así como mais traballos de acondicionamento da contorna.



De Páxinas Galegas, 2022

Nas devanditas intervencións de Castro Carrera puidose constatar que a tampa ou cobertora da cámara era a orixinal. Sen embargo decidiuse non voltar a colocala no seu lugar primixenio de cubrición do dolmen debido a que se atopaba moi deteriorada e a propia composición metamórfica-xistosa da pedra podería provocar a súa rotura e subsiguente caída no interior da cámara.



Fotografía de: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/2024

Logo das intervencións de Castro Carrera, no ano 2009, a prensa facíase eco de diversos actos vandálicos na anta: pintadas e grafitis "decoraron" a meirande parte dos esteos da cámara e, debido outra vez á propia composición da rocha, amosábanse de moi dificultosa restitución. As pintadas aínda non se limparan no ano 2012.

No ano 2017 unha nova actuación arqueolóxica dirixida tamén por Castro Carrera consistiu na realización de traballos centrados no estudo permenorizado dos esteos, a reposición do estado orixinal destes dentro do posible e a súa consolidación, sobre todo debido ás fisuras que se foron producindo en moitos deles. Precisamente un dos esteos da cámara tivo que ser sustituido (non foi posible a súa restauración) por outro de granito, necesario para consolidar a estrutura da cámara.



Fotografía de: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/2024

Nas escavacións arqueolóxcias da década de 1950 levadas a cabo por Sobrino Lorenzo-Ruza, recuperouse un enxoval que hoxe se atopa custodiado no Museo de Pontevedra, a saber: catorce puntas de frecha  de sílex e de arenisca; dous coitelos de sílex; dúas machadas de anfibolita; catro bolas de diorita, arxila e mármore; un percutor de rocha metamórfica esquistosa, así como diversos anacos de cerámica.



Hoxe en día, eliminadas as pistas forestais e consolidada a estrutura arquitectónica, podemos contemplar e admirar un dos exemplares de arquitectura megalítica mais impresionantes da terra galega.


En Sigrás, noutro insidioso día de 2025.

Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES E BIBLIOGRAFÍA

https://arqueologia-patinho.blogspot.com/2008/07/chan-de-armada-desvela-sus-secretos.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/marin/2015/09/16/zarzas-asfixian-area-mamoa-chan-armada/0003_201509P16C8995.htm

https://historiaymitos.blogspot.com/2009/04/mamoas-bajo-asedio-en-o-morrazo.html

https://ahoradosmouros.blogspot.com/2012/01/duas-lousas-da-mamoa-do-chan-da-armada.html

F. Carrera Ramírez e R. Fábregas Valcarce: "Arte parietal megalítico en le Noroeste Penínsular". Tórculo Edicións, 2006.

SOBRINO LORENZO-RUZA, Ramón. “Prospecciones arqueológicas en Morrazo”. El Museo de Pontevedra. Pontevedra. 1956.

https://patrimoniogalego.net/index.php/4681/2011/09/mamoa-de-chan-da-armada-1/

https://megaliticia.blogspot.com/2024/07/Senda-mamoas-Marin.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-das-mamoas-de-marin-219310977/photo-132766529

https://cousasdecarragal.blogspot.com/2025/03/marin-la-recomendada-ruta-das-mamoas.html

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/o-morrazo/ruta-pasada-auga-estrear-senda-das-mamoas/202406162121471308969.html

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/o-morrazo/nueva-senda-das-mamoas-marin-podra-realizarse-proximo-2-junio/202405011229341302690.html

https://www.carriola.es/index.php/noticias-de-marin-by-julio-santos/7174-el-concello-inaugura-el-proximo-domingo-la-ruta-das-mamoas-con-una-andaina-desde-el-lago-de-castineiras

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/2024-roteiro-das-mamoas-de-marin-otonal-noviembre-desde-lago-castineiras-a-lagocheiras-192112111/photo-118661999

https://nl.wikiloc.com/routes-wandelen/ruta-das-mamoas-de-marin-circular-desde-lago-castineiras-jmc-mamoas-192531087

https://it.wikiloc.com/percorsi-escursionismo/vilaboa-lago-de-castineiras-y-rio-maior-204892555

https://pt.wikiloc.com/trilhas-trekking/ruta-das-mamoas-de-marin-circular-desde-lago-castineiras-jmc-mamoas-192531087

Ningún comentario:

Publicar un comentario