ANTA-DOLMEN PEDRA DEREITA
RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO XIV
"La Tierra se mueve en un círculo alrededor del Sol, causando la evidente reubicación anual del Sol. La Tierra tiene más de un movimiento."
Aristarco de Samos, 310 a.C.
![]() |
Debuxo de Moncho Boga, 1993. |
"Para chegar. Antes do núcleo da aldea de Martul, deixando unha casa nova á esquerda, hai que circular por unha corredoira ou pista forestal que se introduce polo medio dun monte de espesos piñeiros nórdicos. Debemos camiñar preto de catrocentos metros ata chegar a un muro de pedra onde o camiño describe unha curva. Trinta metros máis atrás hai un carreiro que case non se ve e que se adentra na espesura de fentos, piñeiros, silvas e toxos. A anta está a uns vinte ms e non se pode ver desde o camiño debido á impenetrabilidade da floresta." Esta era a descrición do percorrido para chegar hai moitos anos. Non creo que hoxe se recoñeza nada do percorrido que describía daquela.
A anta que estou a ensinar atópase enclavada nunha mámoa de dimensións convencionais para o megalitismo galego. Conserva sete esteos: dous deles fóra da súa posición orixinal apoiados na aba da medoña. Posiblemente os outros cinco permanezan in situ. A mámoa atópase parcialmente cortada no norte e no sul. Hai indicios de violación antiga e sobre a mámoa sobresaen seis chantos (e fragmentos de chantos) deitados, procedentes da cámara. Cando eu a visitei era imposible albiscar mais que os tres que permanecían fincados á vista.
O esteo que podemos ver na fotografía (sinalado coa letra "A") acada considerables dimensións: dous ms e dez cms de altura, un metro e vinte cms de ancho e trinta e sete cms de grosor. O segundo esteo posúe base cadrangular medindo os seus lados vintecinco por trinta e tres cms e, na altura, cincuenta e cinco cms. No estado actual era case imposible a reconstrución tipolóxica da planta, aínda que non se debe desbotar (polas características doutras antas da zona) unha cámara poligonal con corredor, como a que describen e debuxan Pérez Losada e Cano Pan a saber, cámara das do tipo poligonal con probable corredor orientado ao sul-suleste. Algúns dos esteos semellan estar movidos cara a fóra.
Vista da mámoa. Foto:https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2022/11/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-outeiro-de.html. |
Pola aba da mámoa podemos ver ciscallados diversos croios de seixo de tipo medio en canto ao tamaño e, como dicía, ese gran esteo da cabeceira amosa dimensións considerables: diríamos que colosais, sen esaxerar porque esaxerando...
Todo esto era o que escribía eu neste mesmo blogue xa hai uns anos. Agora as cousas foron cambiando: as autoridades fóronse decatando da potencialidade turística que ofrecen os recursos arqueolóxicos, sempre e cando estéan ben coidados, limpos e sinalizados. Sen embargo, cando eu fun por primeira vez a buscar esta anta nos primeiros anos noventa, aínda non sei como cheguei a ela: o que hoxe é un eucaliptal, era entón un espeso bosque de piñeiros nórdicos, piñeiros espesos, piñeiros que xa logo non deixaban pasar a luz do sol.
Daquila a anta estaba completamente colmatada por capas e capas de materia vexetal que non che deixaban ver mais que os tres esteos que eu amosaba naquilas fotografías analóxicas xa ancestrais. Hoxe en día semella que hai vaivéns: unhas veces, segundo as fotografías que me van chegando, está perfectamente desbrozada e outras, sobre todo cando fan tala de árbores, aparece completamente cuberta de rastroxos, pólas...
En calquera caso actualmente é o elemento megalítico mais destacado da Ruta Arqueolóxica de O Acevedo e, malia que poidera formar parte da necrópole do mesmo nome, pola súa monumentalidade e grandeza, adoitase sinalar á parte, como un elemento illado.
Para rematar, unha consideración. No Concello lucense de Outeiro de Rei estánse a conservar e están catalogadas ao redor de cento oitenta mámoas, sendo o seu estado de conservación bastante deficiente, en xeral tirando a malo. É de agradecer que nos últimos anos se levaran a cabo labouras de limpeza de moitos dólmenes, sobre todo ao deseñar a Rota Arqeuolóxica de O Acevedo.
Fotografía Moncho Boga 1993. |
Fotografía Moncho Boga 1993. |
Indicar ademais que esta é a primeira anta que atopamos na Rota Arqueolóxica, moi preto de Martul. Deixeina para o final por cuestións absolutamente anárquicas.
En Sigrás, un día calquera de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
ENLACES SUXESTIVOS
https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo/
https://historiadegalicia.gal/2018/10/en-total-abandono-e-desproteccion-o-dolmen-de-pedra-dereita-un-dos-mais-espectaculares-de-lugo/
https://patrimoniogalego.net/index.php/15773/2012/04/anta-da-pena-dereita/
https://gl.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883/photo-45584001
https://www.wikiloc.com/hiking-trails/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883/photo-45584001
https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2022/11/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-outeiro-de.html
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883
Ningún comentario:
Publicar un comentario