domingo, 13 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN DAS RIPAS. San Tirso de Vilanova de Santiso, Malpica.

ANTA-DOLMEN DAS RIPAS

"El imperativo práctico será por lo tanto éste: obra de tal modo que uses a la humanidad, tanto en tu persona como en la persona de cualquier otro, siempre al mismo tiempo como fin y nunca simplemente como medio."

Inmanuel Kan: "Fundamentación de la metafísica de las costumbres".



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

A Anta-dolmen das Ripas atópase ubicada en Vilanova de Santiso, e tranquilamente podería pasar a formar parte do futuro Parque do Megalitismo da Costa da Morte. Desde hai anos, malia que está inventariada, é practicamente descoñecida para o público en xeral, sobre todo porque se atopa escondida no medio dun piñeiral cuberto de espesa vexetación durante boa parte do ano. A limpeza ía engadida á que os donos facían e fan regularmente todos os anos, cousa que se relataba nunha noticia de La Voz de Galicia onde se facía fincapé en que era o propietario da finca José María Lista o que se encarga de desbrozar os fentos e os toxos que prosperan no monte con proverbial rapidez.



Fotos extraídas do vídeo de Xosé Manuel Varela Varela en youtube: 
https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi

A área onde se ubica é coñecida desde sempre pola alta densidade de mámoas, unhas todavía visibles e outras lamentablemente destruídas: Pedra da Arca, Mámoa do Marco, Taraío (berce da cista do mesmo nome custoidada no Museu Arqueolóxico de San Antón na Coruña)as mámoas do Marco 1 e 2 que  desapareceron (Taraio) e, despois de Limiñoa, a mámoa das Lagoas de Cachón. Logo aparecen as mámoas do Quente 1 e 2, ata chegar á mámoa das Ripas 1 e 2.



Fotos extraídas do vídeo de Xosé Manuel Varela Varela en youtube: 
https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi

A Anta-dolmen Mámoa das Ripas atópase cara  a Vilanova de Santiso desde Pedra da Arca e probablemente sexa o segundo monumento megalítico mais importante que se está a conservar en Malpica, despois de Pedra da Arca, por suposto. Xosé Manuel Varela opina que algún dos esteos  da cámara atópanse formando parte da entrada da finca e outros están enfoscados nos muros perimetrais.



Fotos extraídas do vídeo de Xosé Manuel Varela Varela en youtube: 
https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi

O que hoxe podemos contemplar da estrutura arquitectónica megalítica son dous esteos que se conservan completos e a metade dun terceiro chanto tamén in situ. En canto á estrutura tumular ou mámoa constatar que é de grandes dimensións (mais de 20 metros de diámetro) e amosa un enorme funil de violación de onde arrincan os tres esteos que se están a conservar.



Fotografía de La Voz de Galicia.

Cando observo as fotografías destes pequechos restos, non podo deixar de pensar no furibundo traballo dos buscadores de tesouros e dos canteiros que aproveitaban estes grandes esteos para que os seus quefaceres fosen mais doados: os esteos xa estaban ben desbastados, regularizados. Os buscadores de tesouros, ao profundizar no interior da cámara, talvez lles facilitaron o traballo de extracción. Tampouco podo deixar de pensar en que a cercana Pedra da Arca, que  conserva todos os chantos da estrutura arquitectónica (incluso a tampa), tamén foi obxecto dese menesteroso traballo dos canteiros posto que aínda podemos albiscar o resto do  furado para esnaquizar a pedra cobertora.



Fotos extraídas do vídeo de Xosé Manuel Varela Varela en youtube: 
https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi

Tampouco podo deixar de pensar en que moitos monumentos megalíticos hoxe estanse a conservar e pódense visitar grazas ao labor dos propietarios das fincas nas que se acubillan. Malia que sexa unha laboura que farían si non houbese unha anta, hai que agradecer eses traballos que non acometen nin vixilan as administracións competentes.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ENLACES

https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi
https://www.facebook.com/culxeo/posts/en-malpica-hay-un-dolmen-muy-conocido-y-otro-situado-en-vilanova-de-santiso-en-p/835320824679653/

Ningún comentario:

Publicar un comentario