PEDRAFITA-MENHIR DO COUTO MIXTO II
"Aí, vindo de Randín para aquí, hai un montiño ao que lle chaman A Picoña, onde houbo un castelo. Nese lugar era onde dicía a xente que estivera exiliado o rei que había aquí, ou o xefe. Que enriba, mesmo no alto, hai coma se fose unha pía ou bañeira feita na pedra, da que contan que era onde se lavaba o rei."
RODRÍGUEZ CRUZ, José (2006). «O Couto Mixto: Lendas de tradición oral», en Lethes: Cadernos Culturais do Limia, nº. 7
Pedrafita-menhir do Couto Mixto, segundo versión de Moncho Boga, 2024. |
Como relataba na entrada anterior, o Camiño Privilexiado constituía unha auténtica autopista libre de peaxes, por onde circulaban mercadurías exentas de impostos para os habitantes do Couto Mixto, nos actuais concellos de Calvos de Randín e Baltar.
O Camiño Privilexiado cruzaba as tres aldeas do Couto Mixto, sulcaba o territorio de Randín, bordeaba o Castelo da Piconha, introducíase sinuoso nas terras portuguesas e remataba na vila lusa de Tourém. Como xa dixera, o Camiño estaba marcado con diversas sinais, como a pedrafita I, que ten unha gran cruz gravada nunha das súas caras.
Como curiosidade hai que contar que os documentos do Couto Mixto recollíanse e gardábanse nunha gran Arca que tiña tres pechaduras: para abrila realizábase unha cerimonia na que tiñan que estar o xuíz e os tres posuidores das chaves, a saber os Homes do Acordo.
Mapa do Couto Mixto e do Camiño Privilexiado. De: https://es.slideshare.net/slideshow/a-historia-do-couto-mixto/57970413 |
Finalmento o Couto Mixto foi abolido tras longas e supoño que árduas negociacións entre Portugal e España: a súa mesma existencia era coma un gran molesto para ambos os dous países. Como resultado das negociacións, os tres pobos do Couto Mixto pasaron a pertencer a España, e Portugal quedaríase cos tres pobos promiscuos de Cambedo, Souteliño e Lama de Arcos. Con este acordo en 1864 (Convenio de Lisboa) desapareceu o Couto Mixto para sempre, e con él todos os seus privilexios: desapareceu ata na memoria e os seus habitantes nin siquiera foron consultados.
Fotografía: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/couto-mixto-camino-privilexiado-y-regreso-por-paradela-126226818/photo-80625695 |
Hoxe en día, desde finais do século XX, recuperouse o arcón (a documentación perdeuse) e toda a memoria que se ven recuperando gárdase nel, como se fixera sempre. Os tres "Homes do Acordo" posúen as tres chaves e o primeiro sábado de xullo, todos os anos, celébrase un acto cerimonial na igrexa de Santiago de Rubiás onde se elixen diversas personalidades como Xuíces Honorarios do Couto Mixto.
Fotografía de Elixio Vieites |
A Pedrafita-Menhir Marco II do Camiño Privilexiado preséntase con forma xeral tirando ao cilindro, algo abombada por veces, sobre todo na parte central; insinua certa forma cadrangular na base e vai diminuindo paseniñamente ata chegar á croa. Trátase dunha poderosa pedrafita-menhir feita de granito e atópase chantada nunha suave pendente, á beira do Camiño, non moi lonxe do Río Salas.
A Pedrafita-Menhir Marco II. Foto de: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/calvos-de-randin-comarca-da-limia-ourense-camino-privilexiado-63522178/photo-42182201 |
Entre microtoponimia da zona podemos destacar O torgal, As Míllaras, As Filgueiras, A Cruz, A Lama Grande, A Rocha...
En definitiva, e para rematar, é recomendable e necesaria unha visita a estas recónditas terras, cuxos poucos habitantes están a loitar denodadamente por recuperar un sono cercenado e unha historia que os identificou durante séculos cunha propia idiosincrasia sen paralelismos en ningunha outra das terras de Europa.
Unha vista do Camiño Privilexiado. Fotografía: http://www.calvosderandin.com/gl/content/o-couto-mixto |
En Sigrás, nos últimos días dunha imaxinaria e gran costa, 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
Latitude: 41.9110562877
Lonxitude: -7.83956989646
865 m.s.n.m.
POR SI QUEREDES PROFUNDIZAR
Barros, Carlos (1994). " O Couto Mixto. Unha república esquecida". Medievalismo.
Cairo, Heriberto; Godinho, Paula (2013). «El tratado de Lisboa de 1864: la demarcación de la frontera y las identificaciones nacionales». Historia y política: Ideas, procesos y movimientos sociales (30).
Brandón, Delfín Modesto (1907)."Interesante Historieta del Coto Mixto: con una digresión político-social-religiosa". A Coruña: Tierra Gallega.
García Mañá, L. M. (2005) Couto Mixto, unha república esquecida. Ed. Xerais.
López Mira, A. X. (2008) O Couto Mixto: Autogoberno, fronteiras e soberanías distantes. U. Vigo, Madrygal.
Rodríguez Cruz, José (2006). «O Couto Mixto: Lendas de tradición oral», en Lethes: Cadernos Culturais do Limia, nº. 7
https://proxectopiconha.wordpress.com/
https://vialethes.es/picona-fortaleza-couto-mixto
https://patrimoniogalego.net/index.php/74493/2015/04/marco-no-camino-privilexiado-do-couto-mixto-ii/
https://patrimoniogalego.net/index.php/74493/2015/04/marco-no-camino-privilexiado-do-couto-mixto-ii/
https://patrimoniogalego.net/index.php/74484/2015/04/marco-no-camino-privilexiado-do-couto-mixto/
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/05/pedrafitas-do-medievo.html
http://www.calvosderandin.com/webjoomla/index.php/es/coutomixtoesp/historia2
http://www.calvosderandin.com/gl/content/o-couto-mixto
https://www.talesofawanderer.com/blog/2015/02/08/couto-mixto/
http://www.calvosderandin.com/webjoomla/index.php/es/turismoesp/rutas-senderismo
https://patrimoniogalego.net/index.php/67469/2015/01/camino-privilexiado/
http://www.calvosderandin.com/webjoomla/index.php/es/coutomixtoesp/historia2
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/calvos-de-randin-comarca-da-limia-ourense-camino-privilexiado-63522178/photo-42182201
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/couto-mixto-camino-privilexiado-y-regreso-por-paradela-126226818/photo-80625687
https://www.talesofawanderer.com/blog/2015/02/08/couto-mixto/
https://fronteiraesquecida.eu/fichas/couto-mixto-meaus/
https://galeguizargalicia.gal/espana-fascinante-couto-mixto-el-estado-gallego-que-fue-independiente-700-anos/
DGMP 1085 La Raya Seca (Desde Galicia para el Mundo) https://youtu.be/-VmRjHO4F50
O Couto Misto/O Couto Mixto-(Galicia, Cruce de Miradas) TVG) https://youtu.be/DZ-ScGjMc7k
No hay comentarios:
Publicar un comentario