martes, 6 de agosto de 2013

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DE VILOUTA. Becerreá, Lugo

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DE VILOUTA. Becerreá, Lugo


Na fermosa estrada Becerreá-Sarria, na parroquia de Vilouta, a uns cinco quilómetros de Becerreá, atópase a Anta Pedra Cobertoira, da que xa falei aquí a través dunha entrada de maio de 2012. De feito, foi a primeira anta que describín neste blogue. Hoxe, ano e pico despois, recibín un e-mail de Xabier Moure que me alegrou un día gris. O correo comenza así: "Boa noite, Moncho: Achégoche información sobre o Marco de Vilouta, en Becerreá do que me falaran hai algún tempo e que hoxe visitei".

A continuación describe a situación da pedrafita e unha información "preciosa" sobre os distintos elementos que definen esta pedrafita como un exemplar singular.

A pedrafita de Vilouta atópase inscrustada entre os castros de Vilouta de Abaixo e de Arriba e -feito de extraordinaria importancia- moi preto da anta Pedra Cobertoria. Probablemente, como ben subraia Moure, conservouse grazas a que foi reaprobeitado como marco de termo, separador territorial das dúas aldeas mencionadas, pertencentes na Idade Media ao Mosteiro de Penamaior.





A Pedrafita está feita ou composta de xisto e cuarzo, amosa sección cadrada moi regular coas caras moi bastas, sen labrar. As medidas no ancho das caras acadan os vintecinto centímetros en cadansúa; a altura non vai máis aló dun metro. Segundo os informantes de Moure, a pedrafita foi derrubada e mutilada de xeito que, antes desa profanación, sobresaía máis dun metro e medio.

O traballo de Moure (gran coñecedor e divulgador da Comarca dos Ancares) complétase cunha valiosa laboura etnográfica, recollendo as lendas que adxetivan estes senlleiros elementos da nosa xeografía física e sentimental. Efectivamente, cóntase na bisbarra que a pedrafita de Vilouta foi erixida por unha moura; ademais, os mouros que viven no túnel que comunica os castros de Vilouta amarraban as súas cabalgaduras na nosa Pedrafita.



Tamén, para concluir, a responsable da finalización ou remate da veciña Anta de Pedra Cobertoira foi unha Moura que deixou caer a enorme tampa ou pedra cobertora sobre os tres poderosos esteos que aínda hoxe conserva a anta. A Moura troixo a pedra desde un monte situado a dous quilómetros en liña recta que curiosamente se denomina A Moura.

Para máis información o blogue de Xabier Moure Salgado onosopatrimonio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario