viernes, 21 de junio de 2013

Anta-dolmen de Pedras Negras. Montemuíño, San Pedro de Baroña

Anta-dolmen de Pedras Negras. Montemuíño, San Pedro de Baroña. Porto do Son


Hose vou amosar un exemplo paradigmático de destrución do patrimonio, en poucos anos. Un exemplo dunha espléndida cámara megalítica catalogada polo arqueólogo Tito Concheiro no ano 1996.

Contanos Tito Concheiro que se trataba dun extraordinario xacemento arqueolóxico coñecido tamén co nome de Anta da Enxa, emprazado a 440 ms de altitude sobre a dorsal de Pedras Negras, entre os Montes Enxa e Graialde. Está nunha chaira que domina visualmente todo o curso alto do río Sieira. O lugar no que se atopa denomínase Montemuíño e pertence á parroquia de San Pedro de Baroña. Para Concheiro este era o monumento megalítico máis importante do Concello de Porto do Son.



Como dicía mais arriba, descubriuno no ano 1996 e a estrutura arquitectónica atopábase inserida nunha pequena mámoa de ao redor de doce metros de diámetro e un para a altura. Toda a superficie da mámoa aparecía recuberta por unha potente coiraza composta de pedras imbricadas que se podía ver en boa parte da estrutura tumular externa.




Na zona central debuxábase o cansabido funil de violación no que se podían albiscar os restos dunha "magnífica cámara funeraria": conformábase a través de seis esteos graníticos. Algúns estaban desprazados e outros aínda se erixían no seu lugar orixinal. Os esteos 2, 4 e 6 describían unha típica cámara poligonal. O esteo número cinco estaba lixeiramente desprazado polo que podería indicar a existencia dun corredor.




As dimensións dos esteos eran (no ano 1996) as seguintes:

Esteo nº 1: 32 x 70 x 14 cms
Esteo nº 2: 55 x 70 x 14
Esteo nº 3: 123 x 36 x 11
Esteo nº 4: 117 x 52 x 16
Esteo nº 5: 45 x 5 x 15
Esteo nº 6: 48 x 37 x 9

Atópase identificada co código GA15071031




Anos despois (2012) Concheiro voltou ao xacemento e atopouse cunha desfeita tremenda, cunha paisaxe despois da batalla: unha repoboación forestal destrozou gravemente a coiraza e moveu todos os esteos. Tamén desapareceu algún deles, pois agora só conserva cinco.




Como podedes comprobar, si non se pon remedio, a destrución do patrimonio continua ante a desidia mais absoluta das autoriadades competentes.

Fotografías e información proporcionadas por Ángel Concheiro.

3 comentarios:

  1. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  2. Déixasme de pedra!
    As mesmas "autoridades" que encárganse do esquilmo son as que non poñen capataces capaces de recoñecer unha pedra dunha mamoa. Esa é a merda de sempre, a iñoranza duns e dotros o a neglixenza dos máis derradeiros a pe de obra, no eido.
    Unha pena :|´
    Breves saúdos

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ás veces son os propios administradores os enimigos máis perigosos: ata hai pouco tempo os nosos paisanos foron os auténticos gardas e custodios destes extraordinarios elementos do noso megalitismo. Saúdos.

      Eliminar