viernes, 28 de febrero de 2025

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA DAS LETRAS. San Mamede do Río, Portomarín.

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA DAS LETRAS.

SOSPEITOSOS HABITUAIS VII

“No puede existir un valor digno de alabanza si no va acompañado por la prudencia. Realmente, todo lo que entre los hombres carece de buen sentido, no puede ser más que maldad e injusticia.”

Jenofonte




Pedrafita A Pedra das Letras, segundo versión
idealizada de Moncho Boga, 2024.

Outro sospeitoso habitual. Esta vez nas Terras do xacobeo Concello de Portomarín: son datos aportados polo estupendo blogue de Xabier Moure a saber, onosopatrimonioblogspot.com. A verdade e que estamos diante doutra misteriosa pedra/esteo que está chantada no medio dun lugar público, talvez desde os comenzos dos tempos. Unha sopeitosa das reclacitrantes, tercas e poderosas pedras que falan co silencio dos milenios, co berro seco e inmaculado que nos leva a pensar nas orixes, nos devanceiros que erixiron estes controvertidos elementos en lugares que foron empregados desde sempre e que se constituiron en elementos respetados por todos desde sempre. En definitiva, lugares máxicos, emprazamentos lexendarios.



Fotografía de Xabier Moure, onosopatrimonioblogspot.com

Esta posible pedrafita atópase na parroquia de San Mamede do Río, no lugar de Vendas de Narón: segundo as informacións, sempre sustanciales, de Xabier Moure, atópase ubicado no centro ou praza do lugar e mide de altura mais dun metro e medio. Conta Moure que no esteo chantado non aparecen letras, como sería propio dunha pedra alcumada "das letras". Sen embargo o que aparece gravado son dúas cruces nas caras do leste e do oeste. Tamén observou o que podería ser unha cazoliña rodeada por un círculo.

Nas súas pescudas, Moure atopou outros marcos na zona, que son marcos de término, entre as parroquias de Ligonde e San Madede do Río:  o Marco da Madalena, a Pena do Rei e a Pena Godón.

O estar nun lugar público desde sempre pode ter que ver coa tradición oral que conta que á beira do marco-pedrafita realizábanse os tratos, os negocios: á hora de realizar calquera transación comercial si unha persoa faltaba á súa palabra, colocábana preto da pedrafita e, para decidir sobre o posible engano, xuntábanse as tres persoas mais vellas do lugar para ditar sentencia. Si a infracción ou engano se producía a mais de cincoenta metros do emprazamento da pedrafita, a persoa infractora quedaba impune, libre de toda culpa.



Fotografía de Xabier Moure, onosopatrimonioblogspot.com

Coincido plenamente con Moure ao considerar este poderoso esteo como unha pedrafita-menhir, un dos nosos sospeitosos habituais, unha pedrafita recoñecida por todos e reutilizada ao longo dos tempos e das horas. Precisamente para fundamentar esta hipótese, Moure sinala que nas proximidades atópase a necrópole megalítica do Monte da Serra, formada por seis mámoas, o túmulo Pena do Rei e o microtopónimo A Medorra. Tamén é unha zona con abondosos paneis de petróglifos, como os da Pena de Ázpara, entroutros que foron destruidos.

Estamos pois e consideramos que este chanto de mais dun metro e medio de altura ben merece pasar a engrosar as filas do cada vez mais grande exército das pedrafitas galegas.


En Sigrás, esperando cousas. Febreiro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


QUE PODEMOS VER EN PORTOMARÍN

Un Concello do Camiño francés, unha capital municipal cambiada de lugar debido á construción do encoro de Belesar, un concello no que ademais doutros moitos recursos turístico-culturais, podo destacar a igrexa-fortaleza de San Xoán e o Castro Castromaior, impresionante recinto castrexo escavado hai algúns anos e que merece a pena visitar. 



Igrexa-fortaleza de San Xoán de Portomarín.
Fotografía de: turismo.ribeirasacra.org

Na páxina web do Concello de Portomarín destácanse como recursos turísticos a Ruta do Río Ferreira e a Ruta ata o Castro de Castromaior. 



Castro Candaz. Fotografía de historiadegalicia.gal

Desde aquí eu tamén recomendo visitar o que se pode considerar o comenzo da Ribeira Sacra de Lugo e, sobre todo, en épocas de seca, onde se poden albiscar moitos dos elementos históricos que quedaron asolagados, como o Castro Candaz.



Castromaior. Foto de castromaior.es/galeria-fotografica

Para min estes son os tres elementos que sempre procuro visitar cando retorno ás Terras de Portomarín.

BIBLIOGRAFÍA BLOGUEIRA


https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/107350/2020/07/a-pedra-das-letras/

https://www.bing.com/search?FORM=SLBRDF&pc=SL16&q=concello%20de%20portomar%C3%ADn

https://concellodeportomarin.es/

https://historiadegalicia.gal/2017/01/o-que-non-se-conta-de-castro-candaz-fortaleza-que-resistiu-os-ataques-de-viquingos/

http://castromaior.es/galeria-fotografica/

https://turismo.ribeirasacra.org/iglesia-san-xoan-san-nicolas

jueves, 27 de febrero de 2025

PEDRAFITA-MENHIR DAS QUINTAS 6. San Salvador deCabreiroá, Verín.

PEDRAFITA-MENHIR DAS QUINTAS 6.

SOSPEITOSOS HABITUAIS 7.

“No te imagines que los demás tienen tanto interés en escucharte como el que tú tienes de hablar.”

Antístenes



Pedrafita-Menhir na contorna do Pozo do Demo, segundo
versión de Moncho Boga, 2024.

Atópase nos arredores do colosal Castro das Quintas, poboado castrexo que semella inexpugnable en canto aos seus elementos defensivos. Pero a importancia deste enclave ou desta zona mídese tamén polas abondosas estacións de arte rupestre, tanto de menhires como de petróglifos, algún deles único en Galicia en canto ao seu aspecto formal e estilístico.

O lugar de As Quintas, no antigo camiño da Baixada a San Xosé, onde atopamos a Veiga de Meás, o Pozo do Demo con seis posibles pedrafitas-menhires abatidas que, xunto aos outros moitos elementos prehistóricos atopados nos últimos anos, caracterizan esta zona como a área de meirande concentración de pedrafitas de toda Galicia, sen ningunha dúbida.



Sendeiro do Poxo do Demo.
Fotografía de https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo


A meirande parte destas pedrafitas, que iremos publicando pouco a pouco, atópanse na contorna inmediata do Pozo do Demo, en pequenas penechairas e orientados cara ao N. Na área, seguindo a Alberte Alonso, atopáronse restos arqueolóxicos que van desde o neolítico ata a Idade Media: círculos líticos, pedrafitas, pedras abaladoiras, petróglifos, trilitos, emprazamentos rupestres, pías, castros e algunha necrópole.  A etnografía, o folclore e a toponimia vencellada con eles danos unha perspectiva do tremendo potencial da Terra de Verín e xeral e desta área en particular.

Malia que algúns investigadores manteñen que este raro esteo é un panel de petróglifos, a miña consideración, desde a distancia, é que semella unha pedrafita abatida, con todas as dificultades inherentes á carecterización pedrafiteira. Desde este pequeno foro, vouna tratar como unha das miñas "sospeitosas habituais".



Fervenza do Pozo do Demo. Fotografía de
 www.queverengalicia.com

Trátase dun gran esteo, monolito, de forma xeral cadrangular aínda que mais picudo no que pode ser a croa. Mide ao redor de dous metros para a altura e un metro na parte mais ancha que coincide co que pode ser a base. Pola súa superficie aparecen un conxunto de coviñas hemiesféricas, polo que talvez poda ser considerado un panel de petróglifos, aínda que pola súa forma eu inclínome pola consideración de pedrafita-menhir, con toda a prudencia que sempre recubren estes singulares elementos prehistóricos.



Pedrafita-menhir das Quintas 6. Fotografía de Rafa Castro.

Ao redor do Pozo do Demo, nome con que se coñece esta gran falla tectónica por onde baixa o torrente do mesmo nome, ata que se converte no regato de Cabreiroá, discorren moitas rutas de sendeirismo, todas elas espectaculares, de certa dificultade, onde se pode desfrutar das millores paisaxes e unha morea de patrimonio esquecido.

O Pozo do Demo é unha gran falla tectónica por onde baixa un torrente que se converte no regato de Cabreiroá: unha espectacular cova onde desauga o regato que serpentea desde a Veiga de Meás, onde forma unha gran poza da que non se ve o fondo. Contan os mais vellos que si botamos unha pedra atada a unha corda longa, vaise afundindo e semella que non chega ao fondo: cando recolles a corda ésta volta negra e queimada, como si voltase dás mesmas portas do Inferno.

Por todas estas notas, podemos considerar e consideramos que a Pedrafita-Menhir das Quintas ben pode pasar a formar parte do impresionante patrimonio pedrafiteiro da nosa terra, como un dos nosos/as "sospeitosos/as habituais".



Croquis de Bruno Rúa.

Xa vai algúns anos (2017), unha nota de prensa anunciaba que o Concello de Verín reordenaría os recursos turísticos que se espallan por toda a área e/ou contorna do Pozo do Demo, informando que sería un auténtico museo natural ao aire libre, mediante a elaboración de seis roteiros temáticos. O plan prevía a recuperación de varios megálitos e a escavación dalgún outro xacemento arqueolóxico. No sei si se concrectaron estas actuacións, pero o que teño claro é que este lugar é moito mais que un enclave natural: é un espazo no que aínda se esconden variados recursos tanto naturais e histórico-artísticos como arqueolóxicos.



Garganta do Pozo do Demo. Foto de José Conxo.

Debo, por último, referirme á colección Taboada Chivite, que foi elaborada polo gran Bruno Rúa: trátase dunha colección que se centra no patrimonio inmoble, abranguindo desde xacementos arqueolóxicos, arquitectura relixiosa e nobiliar, arquitectura industrial e recompilacións etnográficas. O 14 de abril de 2017 presentouse na biblioteca de Verín un libro resumo de toda a colección e o primeito dos dezasete volumes a saber, "Mámoas, estelas e pedrafitas".

Paga a pena perderse nas a veces abruptas terras do Alto Támega. Unha visita e moitas mais son absolutamente recomendables á Terra de Verín-Monterrei.


En Sigrás, moi preto do Entroido de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


BIBLIOGRAFÍA INDISPENSABLE

Sociedade Antropolóxica galega Proxecto Alto Támega. Universidade de Vigo

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/castro-das-quintas-verin-31364.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/verin-comarca-de-verin-ourense-prg-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-22216460

https://patrimoniogalego.net/index.php/70396/2015/03/as-quintas-6/

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://www.queverengalicia.com/2014/06/pr-g-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-verin.html

https://naturalezadiego.wordpress.com/2023/08/18/ruta-pozo-do-demo/

https://gl.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/ruta-do-bufo-do-pozo-do-demo-16786836

https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/sae-luz-estilo-propio-arte-rupestre-alto-tamega

Bruno Rúa Martínez: Aldeas de Tamagania

Bruno Rúa: Mámoas, estelas e pedrafitas. Colección Taboada Chivite.

Garganta de O Pozo do Demo | joseconxo | Flickr

https://www.queverengalicia.com/2014/06/pr-g-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-verin.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/prg-150-sendeiro-de-o-pozo-do-demo-87716142

lunes, 24 de febrero de 2025

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DAS TRES MITRAS. Santa Cruz de Lebozán, Beariz.

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DAS TRES MITRAS

SOSPEITOSOS HABITUAIS XI


"Recuerda que la vida nos depara muchos engaños agradables por la vanidad de la gloria; pues cuando estamos empezando a vivir, entonces estamos muriendo. No hay, pues, cosa más inútil que la ambición."

Teofrasto


O Marco das Tres Mitras segundo versión
idealizada de Moncho Boga, 2024.

Este curioso fito, vestusto, arraigado desde séculos, no lugar de As Antas, segue a estar chantado, facendo de límite de concellos e parroquias, facendo de fronteira desde que foi chantado non se sabe cando, facendo, se cadra, de límite imaxinario e real, como sentinela atávica nos confíns de Terra de Montes. Hoxe límite entre parroquias e Concellos, noutrora límite entre os grandes e poderosos mitrados da nosa terra.

Para chegar, si non dispoñemos de XPS (feito que sería hoxendía moi raro), desde Ourense hai que coller a estrada N-541 que leva a Pontevedra: xusto na beira ou linde municipal de Beariz, á dereita da estrada nacional, localízase o marco.



O Marco das Tres Mitras antes da súa reubicación e escavación
arqueolóxica.

Foi cambiado en varias ocasións de sitio, pero sempre na mesma contorna duns cincocentos metros. Talvez debido a esto, estanlle a faltar os calzos que lle daban unha apariencia de mesa e que posiblemente fose a orixe do seu outro nome, A Mesa dos Tres Bispos. Subliñar que no ano 2005 foi derrubado por un camión e posteriormente recolocado polo Concello de Bearíz, ao que lle serve de mollón liminar. O gran Calros Solla, sempre curioso e incansable, investigador da Terra de Montes, interpreta que os calzos ausentes poideran ser motivo para considerar aquel conxunto como un "trilito". Outros consideran sen mais que simplemente era como unha mesa.

O groso da información ao redor deste marco-pedrafita-menhir, precisamente,  procede dun exhaustivo artigo do investigador Calros Solla publicado na  páxina web tabeirosmontes.



Lugar de As Antas.

Trátase dun marco de término que separaba as xurisdicións de Montes, Deza e Orcellón e dicir, a archidiocese de Compostela e as dioceses de Lugo e Ourense. 

Na década de 1940, segundo as investigacións de Solla, recoñécese e procédese ao amilloramento dos términos municipais de Beariz, Boborás e O Irixo, concellos todos eles da provincia de Ourense. O único marco de término ou mollón no que converxen os tres concellos foi o denominado "Marco das Tres Mitras", que fai alusión ás dignidades arcebispais e bispais debido a esa especie de chapeu que os identifica. Este marco, talvez pedrafita reutilizada, atopábase chantado, significativamente, na aldea de As Antas, denominada ás veces por unha especie de deturpación As Santas. O topónimo rexístrase nos tres concellos: o mesmo, como corresponde a un fito de deslinde inmemorial, reaproveitado como lugar recoñecido por todos desde sempre, desde datas prehistóricas, posiblemente.



O Marco das Tres Mitras. Fotografía de Calros Solla.

A xuizo de Solla, o topónimo As Antas pódese referir, neste caso, tanto a unha necrópole megalítica como a unha pedrafita. Eu inclínome pola interpretación de necrópole, e a pedrafita pódese considerar como estela anunciadora da necrópole ou fito dun camiño prehistórico, como adoita acontecer en outros moitos casos: o antigo camiño real, a existencia de fontes, a ubicación a media ladeira nunha portela..., todos criterios constantes nos asentamentos das pedrafitas en Galicia. No outro lado da estrada aínda se está a conservar unha pequena mámoa moi esmorecida coñecida co nome de Mamoíña das Antas.

A pedrafita-marco-menhir atópase ao carón da estrada N-541, a estrada de Ourense, despois do lugar da Ermida, onde está a aldea de As Antas, o que ben a demostrar talvez a existencia da devandita necrópole megalítica e a íntima conexión co Marco das Tres Mitras. Por iso este marco, no lugar de As Antas, nomeado por vez primeira no século XV, reforza a consideración como lugar de fronteira, tanto de vivos coma de mortos.



O Marco das Tres Mitras. Fotografía de Calros Solla.


Dentro dos moitos datos sustantivos que aporta Solla no seu estudo sobre este Marco, destaca a consulta das actas de amilloramento de 1940, que lle vale para centrarse nun dos marcos de término "mais relevantes da histórica comarca de Terra de Montes do Antigo Reino de Galiza".

Houbo amilloramento no ano 1934 e no ano 1940. O que nos interesa aquí é o de 1934 no que, sen entrar en detalles, faise unha sucinta descrición do Marco por parte do topógrafo destinado a tal fin. Pouco mais ou menos describe a posible pedrafita deste xeito, resumido: trátase dun fito pizarroso con forma paralelepípeda recto e rectangular, cuxas dimensións son duns corenta centímetros para a lonxitude, dezaseis centímetros para a latitude na súa base e noventa centímetros de altura. Ten gravado unha "S" e unha "O" na cara do leste, e, o que a min me parece mais significativo e interesante: "...además de otros signos indescifrables", talvez gravuras prehistóricas. Este mollón, continúa o topógrafo, é coñecido co nome de "Marco de las Tres Mitras" e atópase no lugar de "Las Santas". Desde o Mollón vese ao norte o Monte Coco e ao suroeste o Monte "Marcotín".



O Marco das Tres Mitras. Fotografía de Calros Solla.

No ano 2019 Calros Solla foi na busca do punto de interseción marcado polo visor da web da "Información Xeográfica de Galicia". Nesa converxencia, ao carón da estrada Vella a Ourense (antigo Camiño Real) ao seu paso pola aldea de As Antas e o Regueiro. O Marco, segundo as pescudas de Solla, cambiou de sitio: agora aparece ubicado na beira esquerda da N-541 sentido Ourense, na parroquia de Lebozán, a uns quince metros cara ao sur do vértice interparroquial. Efectivamente, segundo as nosas pescudas (como estaba a dicir mais enriba), o marco foi cambiado varias veces de sitio, pero sempre na mesma contorna duns cincoenta metros. Neste senso, constatar que no ano 2005 foi derrubado por un camión e posteriormente reposto polo Concello de Beariz, o que lle serve de marco demarcatorio, de linde.



Situación física e política da Pedrafita-Menhir Marco das Tres Mitras.

O lugar orixinal foi obxecto dunha intervención por parte da Xunta de Galicia no ano 2017, na que se procedeu á limpeza da parcela, escavación arqueolóxica da contorna, unha sondaxe arqueolóxica co fin de localizar outros posibles restos que formaran parte da Mesa dos Bispos, a limpeza do propio marco, a diagnose do estado de convervación, o asentamento da base do marco por medio do reenchido de area e grava, ata acadar a cota actual e a colocación de madeiros para delimitar a contorna.

Solla explica que o cartel colocado no lugar non explica ben a orientación do marco. Tamén sinala que a fotografía antiga en branco e negro que ilustra o panel informativo tamén testemuña a desaparición dunha das pezas de pedra que formaba parte do marco. Solla conclúe que a Mesa dos Bispos evocaría un "trilito".



Croquis do Marco-pedrafita de Moncho Boga a apartir do 
orixinal de Jorge Lamas e Manuel García.

Tamén incide que na localización nese punto non cadra coa información ofrecida pola web Cartográfica Digital de Galicia que en 1753 a sinalaba a uns catro quilómetros ao norte a intersección das xurisdicións das tres dióceses.

Que na información oficial se asevere que probablemente sexa un marco medieval, non é óbice para resaltar a posibilidade de que a marco, como lugar central, xa existise como pedrafita e que fose reaproveitado na época histórica devandita.

As medidas deste pequena e posible pedrafita no mudaron desde que a mediu o topógrafo de 1935: un metro de longo e 20 centímetros de espesura. Amosa varias letras gravadas en sulco con grafía moderna e unha cruz. As letras, repartidas entra as dúas caras e un lateral, parecen ser as abreviaturas de Ourense e Santiago. Nun lateral a parece a cifra "16??" que probablemente sexa a data de inscrición que se perdeu parcialmente.



Croquis do Marco-pedrafita de Moncho Boga a apartir do 
orixinal de Jorge Lamas e Manuel García.

Como feito tamén moi relevante, Solla indica que o marco localízase a uns 13 quilómetros ao nordés da pedrafita do Marco do Vento no Monte do Seixo, unha das pedrafitas-marco de término mais relevantes da Camarca de Montes: os seus cruciformes non sinalan parroquias, concellos ou xurisdicións. Ademais a pouca distanca que separa estes dous marcos está a reforzar o carácter fronteirizo, a montaña máxica que talvez estableceu a fronteira entre a Gallaecia Lucense da Bracarense, unha fronteira, dicía antes, de vivos e de mortos.

En definitiva, este pequeno fito, como sospeitoso habitual dentro da espúrea consideración das pedrafitas galegas, ben merece un apartado neste lugar, un apartado para incorporala como un fito humilde, pero sereno e estable, no universo pedrafiteiro galego.


En Sigrás, nun día chuvioso e fría de febreiro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



BIBLIOGRAFÍA SEMPRE INTERESANTE E NECESARIA


https://www.tabeirosmontes.com/novas/o-marco-das-tres-mitras

https://www.tabeirosmontes.com/calros-solla.html

Hermela Vázquez, J: "Irixo. Concello Irixo". 1999

Guliás Lamas, X: "Beariz de Montes. Concello de Beariz". 1992.

jueves, 20 de febrero de 2025

ANTA-DOLMEN DA GÁNDARA. Encoro da Fervenza. San Antoíño de Baíñas, Vimianzo.

ANTA-DOLMEN DA GÁNDARA


“Cada bloque de piedra tiene una estatua en su interior y es la tarea del escultor descubrirla.”

Miguel Ángel Buonarrotti.


Versión da Anta  segundo visión idealizada de 
Moncho Boga, 2024.

A parroquia de San Antoíño de Baíñas atópase ao sur do Concello de Vimianzo e limita ao norte coas parroquias de Castrelo, Cambeda e Serramo (Vimianzo), polo leste co Concello de Zas, polo sueste co de Mazaricos, polo suroeste co Concello de Dumbría e polo oeste coa parroquia de Berdoias.



Vista do Encoro da Fervenza, fotografía de Javier Pais.


Pertencente á Terra de Soneira, é unha das comarcas galegas con mais presenza de elementos megalíticos, non tanto en canto á densidade, como á conservación das cámaras ou dolmenes Baíñas amosa tamén unha forte presenza megalítica: a Pedra da Arca fai de marco de término co Concello de Dumbría, pero, ademais, forma parte da extensa necrópole megalítica situada na ribeira dereita do río Xallas e, como veremos, moitas das antas que a conformaban están hoxe baixo as augas do Encoro da Fervenza sobre o río Xallas.



Fotografía de Fidel Méndez.

O Encoro da Fervenza foi construido aló polo ano 1966 no cauce do río Xallas e está ubicado, ou abrangue, os concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas. Ocupa unha superficie de 1.250 hectáreas.

A presa ten unha altura de vintesete metros e centovintesete de lonxitude. O nome procede do Castelo da Fervenza (parroquia de Olveira) que estaba nun dos pequenos outeiros que forman a garganta onde se asentan os cimentos da presa, que se sitúa sobre os límites que separan os concellos de Mazaricos e Dumbría.




Fotografía do blogue megaliticiablogspot.com.

A construción deste encoro cambiou a vida dos habitantes para sempre: a inundación de grandes zonas adicadas tradicionalmente ao cultivo provocou o aumento da humidade, formando grandes bancos de néboa. Tamén quedaron asolagadas algunhas pequenas poboacións.



Fotografía de Fidel Méndez.

Precisamente debido a ese asolagamento e inundación brutal, tamén se anegou a necrópole megalítica que hoxe nos ocupa: baixo as augas deste enorme encoro atópase a Anta da Gándara de Baíñas e só se pode contemplar cando o nivel das augas baixa considerablemente.



Fotografía de patrimoniogalego.net

O movimento das augas foi erosionando tanto a terra que formaba a mámoa ou túmulo, como os esteos que conformaban a estrutura arquitectónica da cámara, que agora se está a conservar como un calco do que fora. Malia todo iso, aínda se pode contemplar nidiamente, cando a seca é extrema, a circunferencia da mámoa, coas pedras que formaban o anel peristalítico. No centro dese círculo resalta un gran esteo vertical moi puntiagudo, único resto  da estrutura arquitectónica da cámara que permanece no seu lugar orixinal: o resto dos esteos aparecen espallados, esnaquizados, e un deles partido pola metade. 



Fotografía de Fidel Méndez.

Como estaba a dicir mais enriba, a Terra de Soneira (e con ela toda a Costa da Morte), é unha das comarcas com maior presenza de dólmenes de Galicia: Pedra da Arca, Arca de Rabós, Casota de Freáns, Arquiña de Vilaseco, Mina de Recesindes, Pedra Cuberta, Pedra da Lebre ou Arca da Piosa, son algúns dos moitos mais dólmenes que salpican toda esta bisbarra. 


OUTRAS MÁMOAS NO ENCORO DA FERVENZA



Fotografía de Fidel Méndez.



Fotografía de Fidel Méndez.




Mapa do Encoro da Fervenza.



COUSAS QUE VISITAR E DISFRUTAR NA TERRA DE SONEIRA


Para non entrar noutros moitos recursos turísticos que abondan nestas terras, voume centrar nunha famosa ruta que desde hai xa anos mantense como un dos principais roteiros culturais desta terra a saber, a Ruta dos Dólmenes. Trátase dun itinerario circular que se pode realizar en automóbil, en motocicleta e/ou en bicicleta. Conecta uns poucos dos moitos exemplares megalíticos da Terra de Soneira.



Ruta dos dólmenes, Concello de Vimianzo




Centro Interpretación do Encoro Fervenza en Baíñas.



En Sigrás, nas previas do Entroido de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!

BREVE BIBLIOGRAFÍA


De Javier Pais from A Baña, España - Embalse da FervenzaUploaded by Igrexas, CC BY 2.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=22539926

http://patrimoniogalego.net/index.php/6649/2011/10/anta-na-gandara-de-bainas/

https://gl.wikipedia.org/wiki/Encoro_da_Fervenza

https://www.vimianzo.gal/turismo/info.php?sec=245&idioma=es

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/perimetral-encoro-da-fervenza-mazaricos-zas-vimianzo-y-dumbria-71781533

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/centro-de-interpretacion-encoro-da-fervenza-vimianzo-24837.html

https://www.turismo.gal/que-facer/birding-in-galicia/onde-ver-aves-en-galicia/aves-e-auga/encoro-de-fervenza-e-bainas?langId=gl_ES

https://www.vimianzo.gal/turismo/info.php?id=645&idioma=es&sec=219






martes, 18 de febrero de 2025

PEDRAFITA-MENHIR DE MUIMENTA. Báscuas, Gondar e Romeáns, Lugo

PEDRAFITA-MENHIR DE MUIMENTA

"1.-Es notorio que ha existido, según se dice, un autómata construido de tal manera que resultaba capaz de replicar a cada jugada de un ajedrecista con otra jugada contraria que le aseguraba ganar la partida. Un muñeco trajeado a la turca, en la boca una pipa de narguile, se sentaba a tablero apoyado sobre una mesa espaciosa. Un sistema de espejos despertaba la ilusión de que esta mesa era transparente por todos sus lados. En realidad se sentaba dentro un enano jorobado que era un maestro en el juego del ajedrez y que guiaba mediante hilos la mano del muñeco. Podemos imaginarnos un equivalente de este aparato en la filosofía."

Walter Benjamin:  "Tesis de la Filosofía de la Historia"



Pedrafita de Muimenta segundo versión de 
Moncho Boga, 2024.



As parroquias que abranguen a situación-ubicación da Pedrafita de Muimenta están todas elas no Concello de Lugo: a de Santa María de Báscuas atópase a nove quilómetros, e por ela discorre o Camiño Primitivo. Nesta parroquia, como veremos, atópase unha canteira de tamaño medio da que se extrae granito a nivel industrial.



Outra vista da Pedrafita de Muimenta.
Debuxo de Moncho Boga, 2024.

As consideracións sobre esta curiosa pedrafita-menhir foron extraídas do blogue de Xabier Moure onosopatrimonio, incansable investigador e divulgador das "cousas" da nosa terra.



Mapa do Concello de Lugo coa situación de Báscuas 
e do Camiño Primitivo.

En primeiro lugar, das súas meticulosas pescudas, descubre un documento de 1783 no que se nomea a "peña de Mouimenta", que estaba chantada ao carón do devandito Camiño Primitivo a Santiago.

Moure descubriu que a veciñanza contaba que no sitio houbo unha pena cunha cruz gravada con toscos trazos e, a pesares dunha intensa búsqueda, ésta sempre resultou tan inútil como infructuosa. Sen embargo, as cousa trocaron cando xa hai algún tempo procedeuse a unha intensiva limpeza da vexetación que estaba a cubrir o afloramento rochoso onde a tradición popular situaba a cruz buscada: e aí apareceu unha curiosa pedra tumbada e medio cuberta pola espesa vexetación, de xeito que non deixaba albiscar as súas especiais características. Sen embargo, ao erixila do chan, as primeiras impresións mudaron radicalmente.



Fotografía de Xabier Moure.

Efectivamente, unha vez colocada verticalmente, puidose concluir que o esteo en cuestión aparecía moi ben traballado, labrado, sen dúbida por man humana. Tamén se puido constatar que nalgún intre estivo chantada, ben nese mesmo lugar, ben nas inmediacións. Ademais, puidose apreciar con certa claridade que o esteo fora cortado por unha das súas caras e que quixeron partilo por mais partes, feito deducido polas marcas para introducir a cuña que empregaban os canteiros para extraer a pedra. Sen embargo por algunha descoñecida razón, non chegaron a esnaquizala por completo.

O que a Moure lle parece evidente é que esta é a Pena de Muimenta, citada no documento de 1783. Hoxe en día no lugar hai unha tremenda canteira (desde os anos da década de 1950 polo menos) e Moure observou no voo americano de 1956-57 que, a pesares das alteracións provocadas pola canteira, o emprazamento do fito permaneceu inalterado no medio do caos destrutivo da canteira, talvez porque o afloramento rochoso que está ao lado atópase á beira da estrada comarcal que aí coincide co vello Camiño Primitivo xacobeo.

A posible pedrafita mide na parte mais ancha, na base, ao redor de cincoenta centímetros e vai estreitándose paseniñamente cara á croa; a altura non acada o metro e medio. En duás das súas caras aparecen cruces gravadas; noutra das caras aparece unha gravura que pode ser unha ferradura ou ben un óvalo. 



Fotografía de Xabier Moure


Segundo as deducións de Moure, a pedrafita, que foi utilizada como marco, funcionou sempre, desde épocas prehistóricas, como un lugar importante, recoñecido por todos, ben como sinalizador de camiño antigo, de necrópole megalítica, como demarcador espacial..., calquera destas funcións semella que se está a cumplir para este fermoso megálito. 

Pero ademais, Moure céntrase na análise do topónimo "Muimenta" e chegou á conclusión (seguindo a Cabeza Quiles e Navaza) que procede de "monumenta", plural de "monumentum" que identifica lugares de interese arqueolóxico e/ou arquitectónico. Tamén podería referirse a antiguos monumentos megalíticos, como sosteñén tanto Ares Vázquez como Cabeza Quiles.

Nese senso Moure sinala que no radio dun quilómetro atopamos a necrópole megalítica do Monte Agüierias; a Medorra de Brea; un círculo ou roda (henge?) duns cincuenta metros de diámetro, así como dous castros... Tamén é probable que a canteira destruise outros moitos restos arqueolóxicos na contorna inmediata.

Con respecto ás toscas cruces, coma sempre, poden interpretarse como un símbolo de cristianización dun lugar pagano, ou ben poden ser as comúns cruces dos marcos de término de época medieval ou moderna.



A pegada do oso ou ferradura?. Fotografía de Xabier Moure

É moi interesante a consideración que Moure fai sobre a ferradura ou o óvalo gravado, a partir dun texto agrimensor do século III d.XC. Pouco mais ou menos o texto relata que si unha pedra ou marco de término ten gravada unha ferradura, trátase dun trifinium a saber, o punto onde converxen tres xurisdiccións ou divisións territoriais. Ese é o caso da Pena de Muimenta, que fai de marco de término das parroquias lucenses de Báscuas, Gondar e Romeán. O texto tamén sinala que debe haber unha fonte: no noso caso, non moi lonxe hai dúas fontes, aínda que tamén é probable a existencia dalgunha outra mais preto da pedrafita, que se cadra foi destruida pola consabida canteira.

Para concluir, Moure pregúntase si en vez de ferradura, fose a pegada dun oso: "Se nun fito divisorio ou nunha pedra natural se representara a pegada dun oso, significa o comezo dun bosque sagrado" (Latinus Togatus). Tal vez por iso poidera ser que a Pena de Muimenta sinalase a porta de acceso a un bosque sagrado, o que ben a aportar unha sublime interpretación da Pedrafita-menhir de Muimenta como umbral de acceso a un nemeth, como un lucus.

En Sigrás, a finais de febreiro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


BIBLIOGRAFÍA BREVE

onosopatrimonioblogspot.com

jueves, 13 de febrero de 2025

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO CAMÍN OU DAS XUNQUIÑAS. Cervantes-Navia de Suarna.

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO CAMÍN OU DAS XUNQUIÑAS

"¿Por qué el ojo ve las cosas más claras en los sueños que en la imaginación cuando nos levantamos?"

Leonardo da Vinci



O Marco Camín segundo versión de Moncho Boga, 2024.

As únicas e inestimables referencias de que dispoño ao redor deste singular marco-pedrafita, proceden do tremendo blogue de Xabier Moure onosopatrimonio.

Trátase dun marco de término, posiblemente unha pedrafita reaproveitada como tal, que divide ou limita os Concellos de Cervantes e Navia de Suarna, nos  grandiosos Ancares galegos.

A súa ubicación, poderosamente chantada, localízase xunto a unha estrada ou pista asfaltada que leva desde a Braña do Brandozo ata o límite coa provincia de León, xa no Bierzo.



Fotografía de Xabier Moure en patrimoniogalego.com

Conta Moure que, seguindo as súas metódicas investigacións, na cartografía figura co nome equivocado de Marco das Xunquiñas ou do Pozo. O topónimo Xunquiñas tamén nomina a un pequeno regato e a un monte, aledaños ou nas cercanías.

No seu meticuloso rastrexo buscando información, descubriu que os veciños de  Murias (Rao-Navia de Suarna), Poso (Pando-Cervantes) e os de Balouta e Suárbol no Bierzo o coñecen co nome de Marco de Camín ou de Xunquiñas: descubriu que os veciños de Poso tamén o denominan como Marco de Xunquiñas ou de Poso, de xeito que é probable que a denominación actual de Pozo sexa unha deturpación do nome deste pequeno núcleo rural galego.

A fermosa pedrafita Marco de Camín  acada unha altura á vista de pouco mais de metro e medio e, afondando na súa función de marco de término, non só separa dous concellos, senón que tamén está a delimitar  desde pretéritos tempos (posiblemente desde a prehistoria) o monte da Cospedosa en Cervantes e o Monte de  Murias en Navia de Suarna.



Nas súas pescudas, ademais de descubrir que o topónimo actual é errado, tanto a partir das testemuñas veciñais, tamén descubriu a orixe deste erro na documentación histórica. Un Veciño de Murias, José Fernández alias Vilarín, aportoulle documentación onde xa se fala do Marco de Xunquiñas, como tamén acontece nos interrogatorios do Catastro da Ensenada.

Moure subliña ademais que o Marco do Pozo era outro moxón situado non moi lonxe, que foi sustituido por un marco de cemento (alcumado así talvez polo lugar coñecido como Pozo do Tesouro) e que delimita hoxe en día as provincias de Lugo e León e ata non hai moito tempo limitaba ou  marcaba os lindeiros das aldeas de Pouso e Moreira no Concello de Cervantes, Murias de Navia de Suarna e Suárbol na provincia de León.



Fotografía de Xabier Moure en patrimoniogalego.com

Como corolario, o Marco de Xunquiñas ou do Pozo, leva hoxe como ostentoso ornato ou anuncio con letras gravadas do coto de caza a saber, "Coto N. de Caza" por unha cara e, pola outra, "Coto de Caza LU 1022...", a pesar de estar prohibido por Lei.

Sinalar, por último, como vimos mantendo ao longo dos anos, a persistencia da utilización das pedrafitas como marcos de término desde as profundidades da historia: os monumentos megalíticos en xeral, e as pedrafitas en particular, desempeñaron desde sempre, entre outras funcións, unha función espacial, como marcos delimitadores de territorio e dicir, un papel socio-territorial. Esa significativa función de estruturación da paisaxe (marcadores do territorio, de espacios habitables, de lugares de tránsito...) foron funcionando de forma recurrente como marcos identificadores en datas históricas. Polo tanto concluimos, seguindo os estudos de Martinón Torres, coa constatación do concepto de CONTINUIDADE como un feito consustancial á existencia do megálito. Dese xeito ábrese o reto de reconstruir a historia, unha histroia que abre unha ventá para comprender a nosa paisaxe e por ende a nosa cultura:

"Es una historia de la que son partícipes los constructores de megalitos, pero también los campesinos, las mouras encantadas, los buscadores de tesoros, los paseantes ilustrados, los canteros desvastadores, los propios prehistoriadores... Todos los que, a la largo de la vida de los monumentos, hemos tenido relación con ellos" (Martinón Torres).


Saúde, sorte e libros!!!
En Sigrás, un día gris de febreiro de 2025.

QUE VER NOS ANCARES?

TODO.


BIBLIOGRAFÍA

https://patrimoniogalego.net/wp-content/files_mf/cache/th_7f48715928dfe0c3d117a6df4d299302_Navia-de-Suarna-Marco-de-Xunqui%C3%B1as5.jpg

https://patrimoniogalego.net/index.php/60473/2014/05/marco-de-xunquinas/

http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com.es/2011/07/toponimia-do-concelo-de-navia-de-suarna.html

http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com.es/2011/01/toponimia-do-concello-de-cervantes_23.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/firmas/2014/07/13/mala-sorte-corren-os-marcos-historicos-ancares/0003_201407L13C10991.htm

Martinón Torres : "Los megalitos de término. Crónica del valor territorial de los monumentos megalíticos a partir de las fuentes escritas". Trabajos de Prehistoria, Santiago 2021.