sábado, 2 de agosto de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA DOS CARRÍS 2. San Xoán de Parada, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DOS CARRÍS 2

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO VIII

"Haec vocatur scientia experimentalis, quae negligit argumenta, quoniam non certificant, quantumcunque sint fortia, nisi simul adsit experientia conclusionis. Et ideo haec docet experiri conclusiones nobiles omnium scientiarum, quae in aliis scientiis aut probantur per argumenta, aut investigantur per experientias naturales et imperfectas..."

"Esto se llama ciencia experimental, la cual ignora los argumentos, pues no son certidumbres, por muy sólidos que sean, a menos que esté presente la experiencia de la conclusión. Y por eso enseña a experimentar conclusiones nobles de todas las ciencias, que en otras ciencias se demuestran mediante argumentos, o se investigan a través de experiencias naturales e imperfectas..."

Roger Bacon: Opus Tertium



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

En todas as mámoas da necrópole dos Carrís hai, en maior ou menor medida, restos de cámara megalítica. Como neste caso, que aparece un gran esteo asomando entre o funil de saqueo (que formaría parte da estrutura arquitectónica) e algunhas pedras de mediano tamaño que probablemente constitúen os restos á vista da coiraza pétrea. A necrópole dos Carrís consta de cinco mámoas.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

Despois da especie de penechaira que cae cara ao río dos ríos, a Ruta Arqueolóxica de O Acevedo vai descorrir cara á Ponte Colgante de Parada e, pouco a pouco, voltará a achegarse á parroquia de Martul, lugar do punto de partida. Non obstante, non vou adiantar acontecementos, aínda fican dúas entradas da necrópole dos Carrís...



Fotografía de megaliticiablogspot.com

A mámoa-túmulo 2 dos Carrís adoita amosarse cuberta de vexetación consistente sobre todo en monte baixo. Desde que se deseñou a Ruta Arqueolóxica de O Acevedo, semella que ven sendo desbrozada en toda a súa masa tumular e en boa parte do seu perímetro. As medidas da mámoa van desde os dezanove metros para o eixo N-S, ata os vintedous metros para o eixo L-O. 


En Sigrás, a finais do mes das festas da miña parroquia.

Saúde, sorte e libros!!!


OUTRAS COUSAS QUE VER EN OUTEIRO DE REI

Se vos gosta a arquitectura militar medieval (castelos) no Concello podedes atopar polo menos os restos de dúas torres medievais, aínda que en bastante mal estado de conservación. Malia esa mágoa, todavía podemos imaxinar o pasado poderío militar da nobleza rancia da Idade Media galega. Destacan con personalidade de seu a Torre de Taboi e a Torre de Sobrada de Aguiar.



Fotografía páxinasgalegas.es


Fotografía de Eugenio Otero en historiadegalicia.gal


ENLACES

https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo/

https://megaliticia.blogspot.com/2021/04/Tumulos-dos-Carris.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/castillo-torre-de-sobrada-de-aguiar-outeiro-de-rei-34203.html

https://historiadegalicia.gal/2017/02/unha-torre-medieval-dos-pardo-de-cela-corre-serio-risco-de-derrube-desde-hai-anos/

Ramón Boga Moscoso: "Guía dos Castelos medievais de Galicia" Ed. Xerais, 2003.

domingo, 27 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA DOS CARRÍS 1. San Xoán de Parada, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DOS CARRÍS 1

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO VII

"Su principio es el Yo: El Ser para nosotros (objeto) es posible solo bajo la condición de la Conciencia (del sujeto). Y esta solo bajo la condición de la Autoconciencia. La conciencia es el fundamento del Ser. El principio de la ciencia es, también, el de la identidad A=A."

Johann Gottlieb Fichte


Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

A  mámoa que vou amosar hoxe acada unhas medidas no eixo N-S duns quince metros e, no eixo L-O, ao redor dos dezaseis metros. Estamos por tanto diante dunha mámoa das do  tipo medio pequeno. 



Fotografía de megaliticiablogspot.com

Foi prospectada e catalogada por Núñez Jato no ano 1990 e debuxa un pequeno funil de saqueo por onde asoman tres esteos de non moi grande tamaño.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

Forma parte da Necrópole dos Carrís que está composta por seis mámoas con poucos restos da estrutura arquitectónica megalítica ou dolmen.



Planta a partir de Núñez Jato, 1990.


En Sigrás, no día da Patria Galega e, por suposto, nas festas da miña parroquia.
Saúde, sorte e libros!!!

ENLACES

https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo/

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883

https://megaliticia.blogspot.com/2021/04/Tumulos-dos-Carris.html

xoves, 24 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN DE FERREIRÚAS. Santa María de Cabanela, Navia de Suarna.

ANTA-DOLMEN DE FERREIRÚAS

"Es de sabios prestar oídos no a mí, sino a la palabra ("logos") , y reconocer que todas las cosas son una."

Heráclito de Éfeso



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Segundo relataba nunha entrada, neste mesmo blogue (3 de xuño de 2012), adicada ás Antas-dólmenes de Fonsagrada, para chegar, hai que ir, explicaba, pola estrada que leva a Becerreá indo pola Tambeadoira. A anta está á esquerda desa estrada, no lugar de Ferreirúas ou de Montefrío. Coido, hoxe, desde aquí, que con estas indicacións case é imposible chegar, pero non teño outras. O amigo Xabier Moure, sen embargo, clarexa un pouquiño mais o xeito de chegar: atópase ubicada á man dereita da estrada que vai ao Alto do Restelo á Tambeadoira. Sexa como sexa, con estas indicacións é pouco probable chegar..., o mellor é ir ben equipados co XPS ou acudir a un veciño da zona.



Fotografía da década de 1980. Autor: Enrique López Fernández.

Voltei a este necrópole, a esta anta, pola necesidade de actualizar os diversos datos da anterior entrada: a anta está en Navia de Suarna, non na Fonsagrada, por exemplo. Ata aquí, nada mais que actualizar. É mais, segundo as investigacións de Moure, a descrición xeral da mámoa e da anta seguen a ser prácticamente as mesmas que eu describía nesa entrada e que foron recollidas da publicación de Enrique Fernández López  do ano 1992.



Fotografía da década de 2020. Autor: Xabier Moure.

A Anta-dolmen de Ferreirúas forma parte dunha necrópole situada no alto de Campa das Penas e, segundo o investigador que a deu a coñecer, a anta, que se acubilla nunha gran mámoa de mais de trinta metros de diámetro, describe unha planta das da tipoloxía poligonal (con posible corredor desenvolvido) conformada a través de sete grandes ortostatos compostos de lousa e cuarcita. O esteo da cabeceira, o meirande de toda a estrutura, acada unha medidas dun metro e medio de alto. A tampa ou pedra cobertora atópase un pouco desprazada e a súa composición é de pizarra: acada unhas medidas dun metro e noventa centímetros de longo por un metro e trinta centímetros no ancho. O resto dos esteos son un pouco mais pequechos que a pedra da cabeceira. A cámara megalítica, no interior, mide, no eixo N-S un metro e cincoenta centímetros na base e noventa centímetros de altura. No eixo L-O,  na base é dun metro e sesenta centímetros e, na parte de arriba ou superior, un metro e trinta centímetros. A entrada e o posible corredor de acceso semella que están orientados ao S-L.


Fotografía do ano 2016 do Colectivo Patrimonio dos Ancares.

Segundo Xabier Moure, nunha visita á anta a primeiros da década de 2020, corroboraron a descrición xeral de Fernández López e, ademais, constataron unha agresión á pedra cobertora que foi esnaquizada pola metade.



Fotografía da década de 1980. Autor: Enrique López Fernández.

Logo das denuncias e comunicados ao Concello e ao Servizo de Patrimonio Cultural por parte do Colectivo Patrimonio dos Ancares, a primeiros do ano 2021, a necrópole foi sinalizada pola Deputación Provincial de Lugo a través da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses.


EN SIGRÁS, SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!

ENLACES E BIBLIOGRAFÍA IMPRESCINDIBLES

https://patrimoniogalego.net/index.php/31681/2013/01/anta-de-ferreiruas/

https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/mamoas-petroglifos-e-castros-navia-de.html

Vázquez Seijas, M. "Monumentos megalíticos. A Casía da Arquela" Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo. Tomo 1, nº 2. 1942.

Vazquez Seijas, M. "Lugo en los tiempos prehistóricos" Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, 1943.

López Fernández, Enrique. "Megalitos y mámoas en el ayuntamiento de Fonsagrada" Boletín do Museo Provincial de Lugo, 1992.

PEDRAFITA-MENHIR EN LEBOREIRO. A Baixa Limia

PEDRAFITA-MENHIR EN LEBOREIRO

SOSPEITOSOS HABITUAIS IX

"Aunque estés solo, no debes decir ni hacer nada malo. Aprende a avergonzarte más ante ti que ante los demás."

Demócrito de Abdera



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Como tantas outras veces,  sumerxido  nese global mundo internetiano, atopei, nunha ruta desas que deseñan e publican en wilkiloc, unha fotografía dun gran esteo en cuxo pé sinalábase "Pedrafita do Leboreiro". Nada mais sei deste esteo, deste poderoso sospeitoso habitual... O único que podo dicir é que ten forma cilíndrica, que debe medir mais de dous metros de altura e, o mais importante, sitúase na penechaira da Serra do Leboreiro, na Raia Seca, nesa mítica fronteira entre Portugal e España onde se empraza unha das mais grandes concentracións de mámoas de toda a península ibérica, sin esaxerar.



Ruta e mapa extraídos de: 
https://carris-geres.blogspot.com/2020/02/mapa-do-circuito-dolmenico-da-serra-do.html

Lugares míticos xa no imaxinario real megaliteiro, situados nestas terras de fronteira como Outeiro das Augas, Portela do Pau, Penedos da Canteira, Outeiro de Ferro Penagache... Emprazamentos de grandes antas e poderosas mámoas, a mais de mil douscentos metros de altitude, unha gran penechaira nesta insondable Serra do Leboreiro, onde se cadra destaca, polo seu descomunal volume, a Mota Grande de Verea: a impresionante cámara que agocha no interior componse de grandes esteos completamente decorados con gravuras e pinturas case únicas.



Ruta e mapa extraídos de: 
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/circular-serra-do-leboreiro-28208113

En algunhas das mámoas chantaron vértices xeodésicos e diversos moxóns que van sinalando a fronteira; tamén algunha mámoa fai por si mesma de moxón fronteirizo como a Mota Grande. É evidente que no caso deste esteo, nin se trata dun vértice xeodísico nin se parece en nada aos diversos marcos que van sinalando a fronteira entre os dous países.




Por iso, neste contexto tumular, onde se erixen mais de cento trinta mámoas en ambos os dous lados da fronteira,  e onde se alza este novo exemplar, considero  que ben poidera ser engadido ao catálogo das pedrafitas-menhires do país galego.

Tanto o contexto como a morfoloxía suxiren a posibilidade nada desdeñable de constatar a súa cualidade megalítica.


En Sigrás, saúde, sorte e  libros!!!

ENLACES

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/outeiro-de-augas-a-mota-v-xeodesico-pau-mamoas-alto-da-portela-do-pau-peneda-geres-serra-do-laborei-21601500/photo-13595546

https://carris-geres.blogspot.com/2020/02/mapa-do-circuito-dolmenico-da-serra-do.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/circular-serra-do-leboreiro-28208113

https://carris-geres.blogspot.com/2020/03/o-megalitismo-da-serra-do-leboreiro.html

martes, 22 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA DE PENA SERRADA. San Xoán de Parada, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN DE PENA SERRADA

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO VI

"La masa masiva de la tierra en realidad se reduce a la insignificancia en comparación con el tamaño de los cielos."

Nicolás Copérnico



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

A necrópole de Pena Serrada conta con seis mámoas e só dúas delas presentan algún resto de estrutura arquitectónica megalítica ou cámara. Está preto da necrópole de Jolfa, tamén constituida por seis mámoas. 



Fotografía de megaliticia.

Pouco teño que dicir da anta que presento nesta entrada, mais que se trata dunha  enorme mámoa e que conserva dous esteos da cámara. Baixando un pouco mais pola ruta arqueolóxica, atópanse as mámoas de Pascuais.



Outra vista, moitos anos antes.


OS PETRÓGLIFOS DE PENA SERRADA



Afloramento rochoso de Pena Serrada.
Foto, Concello de Outeiro de Rei.

Os petróglifos ou gravados rupestres de Pena Serrada foron documentados no ano 2016 polos arqueólogos Meijide Cameselle e Senín Fernández, que catalogaron o gran panel de petróglifos gravados nun afloramento rochoso de grandes dimensións e definiron dous motivos diferentes de gravuras rupestres. Atópanse a quinientos trinta e dous metros de altitude. O conxunto foi decladado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 2017.


Cazoliñas de Pena Serrada. Foto de Xabier Moure


Dicía que os arqueólogos identificaron dous motivos diferentes de gravuras. Por unha banda, no extremo do oeste, unha combinación circular composta por tres círculos concéntricos cunha cazoliña no centro. Atópase moi desgastado pola acción erosiva dos elementos. Pola outra, na parte central da rocha, aparece un grupo de quince cazoliñas entre diaclasas de granito, e agrúpanse nunha superficie de dous metros por un metro e trinta centímetros. Tamén aparecen varias gravuras que parecen debuxar ferraduras. As cazoliñas e os círculos concéntricos adoitan datarse na Idade do Bronce e as ferraduras talvez sexan da Idade Media.



Concéntricos de Pena Serrada.
Fotografía, megaliticiablogspot.com

Dentro do imaxinario popular destaca a lenda que recolle Meijide Cameselle: as gravuras con forma de ferradura non son outras senon as pegadas que deixou o cabalo de Santiago (que se supón blanco) cando pasou pola bisbarra.



En Sigás, saúde, sorte e libros!!!


ENLACES

https://megaliticia.blogspot.com/2015/12/mamoa-da-pena-serrada.htmlhttps://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo/
https://eu.wikiloc.com/ibilbide-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883
https://eu.wikiloc.com/ibilbide-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883/photo-45584628
https://patrimoniogalego.net/index.php/90088/2016/11/petroglifos-da-pena-serrada/
https://outeiroderei.gal/turismo/patrimonio-historico-artistico/petroglifos/
https://megaliticia.blogspot.com/2015/12/petroglifos-da-pena-serrada.html
https://outeiroderei.gal/turismo/patrimonio-historico-artistico/petroglifos/

xoves, 17 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA NECRÓPOLE DE PROVINCE. San Cibrao de Aspai, Outeiro de Rei

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA NECRÓPOLE DE PROVINCE

RUTA ARQUEOLÓXICO DE O ACEVEDO VI

"Gente hay que tiene sus ideas por originales como si nadie las hubiese tenido antes, como si el mundo estuviera recién terminado y el hombre aún no hubiese tenido tiempo de pensar."

Honorè de Balzac




Debuxo de Moncho Boga, 2024.

A Anta-dolmen de Province (catalogada con nome de "Pico das Pallas 3, GA27039103) atópase nunha área achairada a unha altitude de quinientos vinte metros, formando parte dun conxunto de tres ou catro mámoas situadas no Couto de Province, da parroquia outeirense de San Cibrao de Aspai.



Fotografía de: https://gl.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-outeiro-de-rei-119202348/photo-76429242

Como unha maioría silenciosa de mámoas e pedrafitas do noso país, as mámoas de Province aséntanse á beira dun antigo Camiño. Segundo conta Núñez Jato, un moi elevado número das mámoas de Outeiro de Rei atópanse xalonando antigas rotas, que seguiron utilizándose ao longo dos tempos. Nas proximidades do primitivo camiño que comunicaba Friol con Outeiro de Rei, que transitaba por Bravos, Golfa e Pascuais, que remataba moi preto da capital municipal, aséntanse as principais mámoas desta ruta. Algúns veciños da aldea de Province recordaban aínda o paso por este camiño das cabalerías que se dirixían a Outeiro de Rei.



A mámoa cuberta de monte baixo.

A mámoa na que se insiren os poucos restos da anta ten forma semiesférica e está moitas veces cuberta de monte baixo, feito propio destes montesíos paraxes. Na croa, no centro mesmo da mámoa, aparece un gran funil ou cono froito do espolio a que foi sometida: do seu interior asoman dous tímidos esteos que constitúen o que queda da cámara megalítica ou anta. Parece que hai un esteo mais, pero é imposible definilo debido á colmatación. Os dous esteos son semellantes en altura (sesenta e setenta centímetros), na anchura setenta e sesenta e cinco centímetros respectivamente e, para o grosor, vintesete e dezaoito centímetros.



Outra vista antiga da Anta de Province.

Por enriba da superficie da mámoa aparecen algunhas pedras que poideran formar parte dos restos da coiraza pétrea.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ENLACES

https://gl.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-outeiro-de-rei-119202348/photo-76429242

https://www.youtube.com/watch?v=7Wy_MS8kbbQ


mércores, 16 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DA VEIGA DA NATA. O Bidueiral, San Xoán do Freixo. As Pontes

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DA VEIGA DA NATA.

"Nada será que no haya sido antes. Nada será para no ser mañana. Eternidad son todos los instantes, que mide el grano que el reloj desgrana."

Ramón María del Valle Inclán



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Pouco sei desta poderosa mámoa na que se insiren dous esteos magníficos e toda unha xeira de pequenas pedras espalladas polo funil de violación. É imposible determinar as características morfolóxicas da cámara megalítica a partir dos poucos datos de que dispoño. Aínda así, dedúcese unha gran mámoa cun profundo e concienzudo remexido para chegar ao interior e esnaquizar ou reaproveitar os esteos que faltan.

A Necrópole atópase moi afectada polo impacto brutal do Parque Eólico, e a mámoa tamén está moi alterada debido ás continuas remocións estractivas.



Fotografía de Xabier Moure

A comarca do Eume, co Monte Caxado e a Serra da Faladoira, aínda segue a proporcionar estupendos resultados no edio megalítico. Só unha pequena ou gran mágoa: a enorme desfeita de magnitudes bíblicas que fixo a mina de lignitos na Cubeta de As Pontes, unha das grandes e desaparecidas estacións do megalitismo galego.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ENLACES

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-e-antas-de-galiza.html

luns, 14 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA DO COUSO. Lugar O Foxo, San Miguel de Barcela. Negueira de Muñíz

ANTA-DOLMEN MÁMOA DO COUSO. 



"La filosofía es el arte de descubrir la verdad y trascender los límites de la realidad."

Giovanni Pico Della Mirandola



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Hai xa algúns anos, curioseando por aquí e por aló, atopei un pequeno artigo de Xabier Moure na páxina web Historia de Galicia. Era, e é, un pequeno artigo informando das súas andanzas co Colectivo Patrimonio dos Ancares, ao xeito dos exploradores do século XIX. Son contínuas as incursións e os descubrimentos de Moure e do Colectivo no mais "profundo" das altas serras galegas e no mais "alto" dos silenciosos vales do país, no mais espectacular da nosa terra: exploradores con causa, defensores e descubridores de novos elementos patrimoniais que pasan a engrosar e incrementar o noso inmenso legado arqueolóxico.



Fotografía de Xabier Moure.

No devandito artigo informaba da nova do descubrimento, no mes de outubro de 2019, dunha mámoa non catalogada e polo tanto inédita (perdoade a obviedade), no Concello de Negueira de Muñiz. A anta atópase, segundo a súas informacións, no Monte do Teso do Espiñeiro, entre os lugares-aldeas de O Foxo e do Vilar. Aséntase a uns seiscentos cincoenta metros de altitude e limita cun camiño primitivo, antiga vía de comunicación entre Vilar e Castelo.

A mámoa acada ao redor dos vinte metros de diámetro e case os dous metros de altura. O lugar do asentamento está completamente cuberto de monte baixo, sobre todo de xestas. A característica mais salientable da mámoa é que no seu interior eríxese unha construcción circular de case dous metros de diámetro e un metro de altura, construida a base de lousas de grandes dimensións.



Fotografía de Xabier Moure.

Segundo Moure, semella que a mámoa foi reutilizada para construir unha especie de chozo, feito pouco común nas mámoas galegas, aínda que non illado. Para o noso amigo, esa estrutura pétrea circular é un antigo chozo onde se recollían os pastores nas longas noites do inverno ou diante de fenómenos atmosféricos adversos, posto que nestas montesías paraxes practicábase a ancestral actividade pecuaria do pastoreo, sobre todo da especie caprina. Apoiase, para fundamentar esta hipótese, na constatación de que o lugar onde se asenta a mámoa denomínase "Couso" que, na zona, fai alusión a un depósito de pedra onde se gardaban os cereais, ou ben a un foxo para cazar alimañas... Por outra banda, tamén se pode identificar cos términos "arca" e "ucha", denominación, como sabemos, que cadra coas antas galegas.



Fotografía de Xabier Moure.

Abundando na boa nova deste descubrimento, a mámoa tamén ten lenda. É unha dos feitos polos que me chamou poderosamente a atención e que define esta mámoa dun xeito cualitativo e cuantitativo. O minucioso traballo de campo de Moure sempre arroxa resultados espectaculares, polo tanto. Parece ser que un veciño informente de Ouviñao, contoulle a existencia da mámoa e tamén, seguindo a ancestral costume dos galegos de contar contos ao calor da lareira, a lenda do Pozo Encantado.



Mapa de mapcarta.com

Cando este galego das Terras de Nogueira era un meniño, oiulle a un home de Vilauxín contar que debaixo da mámoa do Couso había un pozo negro, un pozo negro que estaba encantado, que tiña un encantamento. Parece ser, segundo o de Vilauxín, que deste profundo burato saía unha voz que chamaba á xente e aos animais e, cando se achegaban atraidos pola voz, remataban engulidos nas profundidades, desaparecendo para sempre. Por iso os veciños, diante deste tráxico fenómeno, decidiron construir un muro ao redor do pozo para que, incluso oindo a voz, niguén desaparecese dentro do pozo víctima de tan taimada chamada. 


CONCELLO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ: NON VISITALO É UNHA NEGLIXENCIA

ALGUNHAS POUCAS IMAXES



Un recuncho de Negueira.
Fotografía: Concello de Negueira.



O río Navia.
Fotografía Concello de Negueira



Unha ruta.
Fotografía: visitarlugo.com


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ENLACES

https://historiadegalicia.gal/2019/10/a-mamoa-que-engulia-nas-suas-profundidades-aos-que-se-achegaban-a-ela/

https://patrimoniogalego.net/index.php/103287/2019/10/mamoa-do-couso/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/negueira-de-muniz/2019/10/28/atopan-unha-mamoa-negueira-muniz/00031572262073022407492.htm

https://patrimoniodenegueira.blogspot.com/2013/06/patrimonio-arqueoloxico.html

https://mapcarta.com/es/N10562951057

https://concellodenegueira.es/turismo/rio-navia/

https://concellodenegueira.es/municipio/

https://www.visitarlugo.com/fonsagrada/

domingo, 13 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN DAS RIPAS. San Tirso de Vilanova de Santiso, Malpica.

ANTA-DOLMEN DAS RIPAS

"El imperativo práctico será por lo tanto éste: obra de tal modo que uses a la humanidad, tanto en tu persona como en la persona de cualquier otro, siempre al mismo tiempo como fin y nunca simplemente como medio."

Inmanuel Kan: "Fundamentación de la metafísica de las costumbres".



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

A Anta-dolmen das Ripas atópase ubicada en Vilanova de Santiso, e tranquilamente podería pasar a formar parte do futuro Parque do Megalitismo da Costa da Morte. Desde hai anos, malia que está inventariada, é practicamente descoñecida para o público en xeral, sobre todo porque se atopa escondida no medio dun piñeiral cuberto de espesa vexetacióñn, durante boa parte do ano. A limpeza ía engadida á que os donos facían e fan regularmente todos os anos, cousa que se relataba nunha noticia de La Voz de Galicia onde se facía fincapé en que era o propietario da finca José María Lista o que se encarga de desbrozar os fentos e os toxos que prosperan no monte con proverbial rapidez.



Fotos extraídas do vídeo de Xosé Manuel Varela Varela en youtube: 
https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi

A área onde se ubica é coñecida desde sempre pola alta densidade de mámoas, unhas todavía visibles e outras lamentablemente destruídas: Pedra da Arca, Mámoa do Marco, Taraío (berce da cista do mesmo nome custoidada no Museu Arqueolóxico de San Antón na Coruña) as mámoas do Marco 1 e 2 que  desapareceron (Taraio) e, despois de Limiñoa, a mámoa das Lagoas de Cachón. Logo aparecen as mámoas do Quente 1 e 2, ata chegar á mámoa das Ripas 1 e 2.



Fotos extraídas do vídeo de Xosé Manuel Varela Varela en youtube: 
https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi

A Anta-dolmen Mámoa das Ripas atópase cara  a Vilanova de Santiso desde Pedra da Arca e probablemente sexa o segundo monumento megalítico mais importante que se está a conservar en Malpica, despois de Pedra da Arca, por suposto. Xosé Manuel Varela opina que algún dos esteos  da cámara atópanse formando parte da entrada da finca e outros están enfoscados nos muros perimetrais.



Fotos extraídas do vídeo de Xosé Manuel Varela Varela en youtube: 
https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi

O que hoxe podemos contemplar da estrutura arquitectónica megalítica son dous esteos que se conservan completos e a metade dun terceiro chanto tamén in situ. En canto á estrutura tumular ou mámoa constatar que é de grandes dimensións (mais de 20 metros de diámetro) e amosa un enorme funil de violación de onde arrincan os tres esteos que se están a conservar.



Fotografía de La Voz de Galicia.

Cando observo as fotografías destes pequechos restos, non podo deixar de pensar no furibundo traballo dos buscadores de tesouros e dos canteiros que aproveitaban estes grandes esteos para que os seus quefaceres fosen mais doados: os esteos xa estaban ben desbastados, regularizados. Os buscadores de tesouros, ao profundizar no interior da cámara, talvez lles facilitaron o traballo de extracción. Tampouco podo deixar de pensar en que a cercana Pedra da Arca, que  conserva todos os chantos da estrutura arquitectónica (incluso a tampa), tamén foi obxecto dese menesteroso traballo dos canteiros posto que aínda podemos albiscar o resto do  furado para esnaquizar a pedra cobertora.



Fotos extraídas do vídeo de Xosé Manuel Varela Varela en youtube: 
https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi

Tampouco podo deixar de pensar en que moitos monumentos megalíticos hoxe estanse a conservar e pódense visitar grazas ao labor dos propietarios das fincas nas que se acubillan. Malia que sexa unha laboura que farían si non houbese unha anta, hai que agradecer eses traballos que non acometen nin vixilan as administracións competentes.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ENLACES

https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi
https://www.facebook.com/culxeo/posts/en-malpica-hay-un-dolmen-muy-conocido-y-otro-situado-en-vilanova-de-santiso-en-p/835320824679653/