jueves, 5 de junio de 2014

ESTATUA-MENHIR DE MAZAIRA. Castro Caldelas

ESTATUA-MENHIR DE MAZAIRA. Castro Caldelas.

Trátase dunha máis que probable "estatua-menhir" descuberta por Xabier Moure Salgado no mes de maio de 2014.

Atópase ubicada nos altos montes da parroquia de Mazaira, a uns novecentos metros de altitude, nunha extensa penechaira.  Segundo Xabier, atópase medio perdida ou acochada -talvez salvagardada- por unha frondosa matoxeira. Tanto a súa forma antropomorfa como a súa ubicación no ámbito dunha necrópole magalítica lévanos a considerala  como un elemento máis a engadir dentro do inventario do megalitismo galego. A situación xeográfica tamén nos leva a contextualizala dentro do conxunto de  exemplares -xa bastante numerosos- do sur de Galicia e norte de Portugal.




Sexa como sexa, a posible e máis que probable estatua-menhir non forma parte de ningún afloramento rochoxo e ademáis atópase fondamente chantada, utilizando incluso calzos de cuarzo  na súa base.

Formalmente a estatua-menhir de Mazaira adoita unha esquemática forma xeral en cruz, de xeito que debuxa claramente un antropomorfo. En canto ás medidas, sobresae un metro e o cruceiro (de ombro a ombro)  mide ao redor de oitenta e catro centímetros.

Non sabemos si o monumento presenta algún tipo de gravuras ou adornos. Parece, con todo, que, a simple vista, foi tallado para conferirlle unha dimensión antropomórfica-cruciforme. Amosa cabeza, cadrangular, alongando logo a zona do peito (ombreiros) para voltar a estreitar un pouco o tronco ata a base, que é máis longa e de configuración rectangular.

En xeral as estatuas menhires constitúense nun vasto e heteroxéneo grupo de monumentos onde se verifica un sistema idéntico de representacións antropomórficas esculpidas. Estas pezas eran concebidas para ser contempladas tridimensionalmente e para seren chantadas verticalmente no chan.

Atopamos paralelos no norte de Portugal sobre todo coa estatua-menhir do Marco en Jales (Distrito de Vila Real).

Este tipo de monumentos adoitanse adscribir crono-culturalmente a unha franxa temporal que vai desde a Idade do Bronce ata a Idade do Ferro.

Para rematar, Xabier Moure engade que esta pedrafita non fixo nunca de marco de termo, o que permite concluir que non se trata dun marco divisorio reutilizado.


Fotografía e información do blogue onosopatrimonio de Xabier Moure.


No hay comentarios:

Publicar un comentario