ANTA-DOLMEN A MÁMOA DO REI. Vilaboa
A Anta Mámoa do Rei forma parte dunha necrópole composta por unhas nove mámoas. A primeira vez que visitei o lugar, a Anta estaba nun lamentable estaco de conservación. Desde a estrada apreciábase fácilmente unha gran mámoa cuberta de toxo e silvas. Só se apreciaban, no medio dun gran funil de violación, catro esteos dos cales nun aínda se podía ver as gravuras ondeadas e o cruciforme. O corredor parecía corto e orientado ao leste. Tampouco se apreciaban restos da pedra cobertora e sí unha forte inclinación dos esteos cara ao interior.
Esteo con ondulados e cruciforme no ano 1994. Foto de Ramón Boga Moscoso. |
A mámoa fora xa explorada e obxecto de diversas prospeccións arqueolóxicas na década de 1950 realizadas por Ramón Sobrino Lorenzo.Ruza que exhumara varias puntas de frecha, unha bola de granito, un microlito e un disco de pizarra. A mámoa e a súa anta, a partir desas datas, permaneceron nun estado de abandono total ata que, no verán do ano 2001, os arqueólogos Castro Carrera e Vázquez Collazo acometeron unha campaña de escavacións e restauración ao meu xuizo, modélicas. Así, reconstruiuse a anta, uniuse a pedra cobertora que estaba partida en dúas metades e tornouse ao seu lugar orixinal, etc.
A Anta Mámoa do Rei despois da súa escavación e restauración. Foto Tomos. |
A mámoa na que se insire a cámara acada uns 25 ms de diámetro e dous ms de altura conformándose cun anel peristalítico perimetral e unha coiraza pétrea que recubría en orixen toda a superficie.
A Anta Mámoa do Rei no ano 2010. Foto de Ramón Boga Moscoso |
Tipolóxicamente a anta é das do tipo poligonal con corredor desenvolvido, e está composta por catorce esteos que soportan catro pedras cobertoras.
A loxitude total da cámara é duns tres metros de diámetro. O corredor, que está orientado ao leste, acada unha lonxitude duns tres metros. Está cuberto por tres pedras cobertoras. Un dos esteos da cámara atópase gravado con liñas onduladas e unha figura cruciforme, como viamos máis arriba. Tamén conserva restos de pintura.
Fotos de Ramón Boga Moscoso |
ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO CHAN DE CASTIÑEIRAS nº 2, Vilaboa.
Atópase moi cerquiña da mámoa do Rei (a uns sesetna metros ao notre) e polo tanto forma parte da necrópole megalítica do Chan de Castiñeiras.
Trátase dunha mámoa moi achanzada que non sobresae máis de cincuenta centímetros. No medio da mámoa aparece unha cista megalítica construida con esteos moi grandes de granito. A planta é trapezoidal e as dimensións son duns dous metros de lonxitude e un metro e vinte centímetros aproximadamente de anchura. Como na Mámoa do Rei, esta cista foi restaurada polos mesmos arqueólogos.
ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO CHAN DE CASTIÑEIRAS nº 3, Vilaboa.
Trátase dunha mámoa que mide máis de quince ms de diámetro e a súa altura aproximada é dun metros. Aínda que se realizaron algunha prospeccións antigas, as afeccións máis importantes proceden das violacións sistemáticas dos buscadores de tesouros. No centro da mámoa hai un gran funil de violación onde aparece só un esteo que seguramente formaba parte da estrutura arquitectónica. Diversos esteos polos arredores poden formar parte da coiraza ou mesmo da cámara.
Fotografía do ano 2010. Foto de Ramón Boga |
ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO CHAN DE CASTIÑEIRAS nº 4. Vilaboa, Pontevedra.
Trátase dunha mámoa que foi escavada clandestinamente en repetidas ocasións, de xeito que a cámara quedou en bastante mal estado.
Por iso foi restaurada hai uns poucos anos restituíndo a súa imaxe orixinal. A planta corresponde ás do tipo poligonal sen corredor, pero alargada. Mide de longo uns dous metros e de ancho aproximadamente un metro. Consérvanse oito esteos da cámara e fáltalle a pedra cobertora.
ANTA-DOLMEN DA MÁMOA nº 5 do Chan de Castiñeiras. Vilaboa.
Conserva restos de tres esteos ao redor do funil de violación que están enriba dunha mámoa case circular que mide cerca de 19 ms no eixo leste-oeste e 13 ms no eixo N-S. Sobresae uns cincuenta cms de xeito que parece que foi moi rebaixada, posiblemente debido ás actividades forestais. Como dícía, no funil de violacón conserva tres esteos fóra do seu sitio. Hai tamén algunhas pedras máis cativas que seguramente formaban parte da coiraza.
ANTA-DOLMEN DE PEDRALONGA ou de Castiñeiras, Marín.
Atópase preto da Lagoa de Castiñeiras pegada á estrada que vai desde a Lagoa ata o lugar de Cadro.
Fotografía da década de 1990. |
Quedou lamentablemente afectada pola construción da estrada de Cadro a Castiñeiras, a pesar de ser unha anta moi coñecida na bibliografía galega sobre o tema, sobre todo polas escavacións que realizou Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza na década de 1950.
Fotografía da década de 1990. |
Da mámoa na que se insire a anta, só se está a conservar a metade, posto que o resto foi destruído pola construción da devandita estrada que tamén causou graves estragos na cámara ao deixar fóra do seu lugar a uns cantos esteos da estrutura arquitectónica. Antes dete lamentable suceso, as dimensións da mámoa acadaban os 15 ms de diámetro e sobresaía pouco máis de metro e medio.
Fotografía do ano 2010 |
A cámara conserva dez ortostatos que acadan máis dun metro de altura. Tipolóxicamente describe planta poligonal e corredor que se orienta cara ao leste. Acada os dous metros e medio de lonxitude.
Fotografía do ano 2010 |
Unha das notas máis salientables desta anta é a pervivencia nalgún dos seus esteos de pinturas e de gravados. Éstes son maiormente liñas ondulades e figuras antropomorfas moi esquemáticas.
ANTA-DOLMEN DO CHAN DE ARMADA nº 1, Marín.
Para chegar. Desde a Lagoa de Castiñeiras tomaremos a estrada que leva a Domaio. Aos oito quilómetros hai que coller o camiño que segue á esquerda. A anta está a uns cincuenta metros.
Fotografía realizada no ano 1993 por Ramón Boga |
Trátase dunha anta que ata hai uns anos estaba á beira dunha pista forestal que non facía máis que estragala pouco a pouco. Precisamente, o transo de maquinaria pesada fixo que a estrutura arquitectónica e tumular se v ise seriamente danada. A partir daí decidiuse a súa escavación e a posterior restauración.
Anteriormente a anta xa fora obxecto dunha reconstrución na que se lle colocara unha pedra cobertora, de xeito que non se sabe si aquila era a súa posición orixinal.
A mámoa conserva uns dez metros de diámetro e a estrutura arquitectónica da anta que conserva no interior corresponde ás de tipo poligonal con corredor orientado ao leste ben delimitado con tres esteos a cada lado. A cámara acada uns dous metros de diámetro e o corredor os dous metros e medio. A pedra que fixo de cobertora durante anos atópase colocada a un lado e, como dicíamos, non se sabe si era a orixinal.
A maior parte dos esteos están imbricados entre sí amosando unha lixeira inclinación cara ao interior, o que provoca unha forte presión que se soluciona cunhas cuñas de pedra.
Na escavación realizada na década de 1950 o enxoval exhumado consistíu en varias puntas de flecha, coitelos, machados, bolas de granito e anacos de cerámica. Recentemente atopáronse restos de pintura e tamén hai restos de gravados.
Na outra beira da estrada sitúase esta mámoa que mide uns quince metros para o diámetro e sobresae case un metro.
No centro da mámoa aparecen os restos dunha anta da que só se están a conservar cinco esteos en moi mal estado de conservación. Está anta tamén foi escavada na década de 1950 por Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza.
Fotografía do ano 1991, por Ramón Boga. |
ANTA-DOLMEN DO CHAN DE ARQUIÑA. Moaña.
Para chegar. Partindo da encrucillada que quedou aos oito quilómetros, seguiremos ata o desvío pola esquerda cara a Domaio. Tomando isa dirección, a anta está nunha área recreativa repoboada de carballos. A pouco menos de trinta metros está á dereita da pista.
Versión da planta segundo Ramón Boga |
Trátase dun fermoso exemplar de anta megalítica que se adscribe ao conxunto do tiop de cámara poligonal e corredor incipiente, que se estreita pouco a pouco na medida en que se alexa da cámara. Conserva dezaseis esteos dos que once forman parte da cámara e cinco do corredor. A pedra cobertora principal mide dous metros. As pedras cobertoras secundarias son catro e están sobre o corredor, atopándose montadas unhas sobre as outras.
Fotografías de Ramón Boga |
A lonxitude total chega aos cinco metros e vinte centímetros, sendo o ancho da cámara de tres metros e corenta e cinco centímetros. A altura é de dous metros e vinte centímetros. Todos os esteos están imbricados e e amosan unha apreciable inclinación cara ao interior.
No enxoval destacan algúns machados, un microlito, un anaco de sílex e cerámica campaniforme. Recentemente atopáronse restos de pintura.
Fotografías realizadas no verán de 2009 por Ramón Boga Moscoso. |
No hay comentarios:
Publicar un comentario