ANTA-DOLMEN DO GUIDOIRO AREOSO
"La ecología no es sólo una moda. La salvación de la biosfera no es un programa que hay que dejarse para los ingenuos filántropos o los profetas desarmados; podrá ser eficaz -o no serlo- en la medida en que sea un cálculo responsable, nacido del conocimiento científico y la sabiduría política de todos los que participen en el juego".
PAOLO CASINI: "Naturaleza" Editorial Labor, S.A. Barcelona 1977.
|
Anta-dolmen do Guidoiro Areoso, segundo versión de Moncho Boga, 2024.
|
Atópase nunha paraxe marítima espectacular á beira da Illa de Arousa, Illa mítica onde as haia, da que o continente estaba illado, pero ao que se uniu artificialmente na década de 1980 coa construción dunha ponte que rematou con esa separación milenaria en que estaban sumidas as xentes de terra firme.
O Illote do Guidoiro Areoso (ou Ghidoiro ou Xidoiro) atópase a pouco mais dun quilómetro da Illa. O lugar mais cercano é a Punta Quilma, desde onde se poden reservar embarcacións para achegarse a este idílico e cativo promontorio de pouco mais de 600 metros de longo e douscentos no mais ancho. Un pequeno itsmo está a separar pouco a pouco a parte mais rochosa da área dunar: é un indicio claro da subida do nivel das augas do mar e da erosión que ese evento provoca.
|
Illote Guidoiro Areoso. Foto: Historia de Galicia |
Non me agradan moito os epítetos con que se ven alcumando este precioso illote desde hai xa algún tempo: illa dos mortos, o caribe galego..., que malia que teñan razón e base suficiente para chegar a estes alcumes, para mín é a illa dos dólmenes, a illa das antas, das cistas, das mámoas: a illa da prehistoria.
|
A Illa de Arousa. Abaixo, o Illote do Guidoiro. Fotografía: https://x.com/SabiasGalicia/status/ |
Pero non só o Illote: si temos en conta que hai milleiros de anos a Illa de Arousa e os seus satélites illotes estaban unidos a terra firme, como unha especie de barra ou península, probablemente debamos considerar a Illa e os seus illotes coma un todo. O xacemento de Riasón, diversos descubrimentos, a posible pedrafita de Pedra Quilma (de dubidosa adscrición prehistórica) e a gran cantidade de dólmenes do Illote do Guidoiro, fannos pensar non só que esta bisbarra foi habitada desde datas remotas, senon tamén que o fenómeno megalítico non debe ser únicamente cousa do Illote que nos ocupa.
|
A Anta nº 4 antes da escavación, despois da construción do muro de contención, no ano 2011. Foto: Patrimonio Galego |
Nada menos que cinco antas e catro cistas nun espazo tan reducido..., todo esto permite deducir que a acción do mar deixará á vista novos elementos. Aparecen de vez en cando, ciscallados por aquí e por alá, restos de ósos humanos, de animais, restos de cerámica, de metáis, útiles líticos, etc.
|
Mámoa 4 segundo versión de Moncho Boga, 2024 |
Ata o de agora, absolutamente todos os xacementos megalíticos do Guidoiro sitúanse nunha área intermareal onde a implacable acción do mar vainos deixando ao descuberto e/ou destruindoos directamente; o interior está case completamente ocupado por un complexo dunar. Hai cinco monumentos megalíticos identificados, todos eles na metade sul da illa. En toda a extensión da praia foi aparecendo abondoso material arqueolóxico do Calcolítico, da Idade do Bronce (cerámica e restos de comida), da Idade do Ferro e romano. Seguramente nos vindeiros tempos aparecerán moitos mais restos que os temporais irán descubrindo.
A historia das actuacións arqueolóxicas comenzou a finais dos anos oitenta do século XX, cando o arqueólogo Xosé Manuel Rey levou a cabo actuacións en dúas antas e rexistrou-catalogou a anta número 4, que daquela aínda estaba cuberta con toda a masa tumular.
|
Muro de contención, anta e mámoa antes da escavación de 2017. Fotografía: Xoán Arco da Vella.
|
No ano 2010, diante do tan repetido avance das mareas, comezáronse unha xeira de intervencións sistemáticas posto que quedou á vista parte da anta nº 4 (antes toalmente cuberta polo túmulo) e destruiuse totalmente a nº 5. Nestas datas construiuse o muro de contención para protexer a mámoa 4. Unha publicación, do ano 2012, asinada por Xosé Manuel Rey García e de Xosé L. Vilaseco, estúda as cinco mámoas do illote, dando conta das súas caracteristicas, dos materiais atopados ata entón e do grao en que estaban e están sendo afectadas polas mareas.
|
Muro de contención e mámoa. Fot: xoán Arco da Vella |
No ano 2015 levouse a cabo unha intervención arqueolóxica, sondaxes valorativas e labouras de conservación (nos últimoas 25 anos realizáronse catro campañas arqueolóxicas). Como estaba a expor antes, a acción do mar segue deparando novos achádegos (dúas cistas pequenas) e, a Asociación Pendulleiros" (activo colectivo que entre os seus obxectivos están a preservación de todos os valores da Illa), descubriu restos óseos e alertou sobre a fraxilidade deste cativo territorio insular e da necesidade de protección, tanto da acción natural como da acción antrópica.
Outro feito importante que se debe subliñar, é que debido á súa ubicación insular, só se pode acceder en lancha, feito que probablemente posibilitou que estas mámoas non fosen expoliadas en datas históricas, o que fai que sexa un dos xacementos megalíticos mais importantes de Galicia.
|
A Anta nº 4 antes da escavación arqueolóxica. co muro de proteción de 2011. Foto: https://lamagiadelaspiedras.blogspot.com/2013/08/guidoiro-areoso-pontevedra.html
|
Durante a escavación sistemática da mámoa nº 4, que se iniciou no ano 2017, contabilizáronse cinco mámoas (unha delas desaparecida pola acción do mar) e atopáronse restos de diversas épocas. A mámoa nº 5 era un túmulo duns nove metros de diámetro recuberto con coiraza pétrea e a súa estrutura arquitectónica compoñíase con seis esteos, feito que tamén a singulariza con respecto ao resto do megalitismo galego, que adoita posuir entre 5 e 7.
|
Foto aérea da M4 durante a intervención arqueolóxica. Fotografía procedende de Xidoiro-Dixital.
|
A mámoa nº 4, catalogada nos anos oitenta, conservaba toda a súa estrutura tumular, enteira, e puidose documentar unha parte da coiraza que a estaba a recubrir. Foi no ano 2011 cando se comprobou que a acción marítima estaba a destruir boa parte da mámoa que ata entón estaba completa: esta acción provocou un corte transversal no perfil do norte, o que deixou á vista a anta que hoxe podemos contemplar escavada, consolidada e reconstruida.
A análise da estrutura que quedou á vista foi o seguinte: a planta da cámara megalítica semellaba alongada, tendendo ao rectángulo e mide dous metros e sesenta centímetros de longo por un metro e cincoenta centímetros de alto; o largo non se coñecía porque estaba acochado no interior mámoa. Esta, pequena, acadaba uns dez metros de diámetro por un metro e vinte centímetros de altura: probablemente a cámara afroraría en altura. A composición da mámoa era de terra negra recuberta por unha coiraza de pedras de granito. Foi así, diante destas conclusións, e logo da análise correspondente, que o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, acometeu as obras de construción dun gran muro de contención para protexer a anta da acción das mareas.
|
Foto da escavación extraida da publicación "Lo que nos cuenta la marea" (Ver bibliografía) |
E chegammos ás escavacións do ano 2017. Unha vez rematada esa escavación comprobouse que a cámara megalítica estaba conformada por oito esteos de granito, cun espazo interior de dous metros e vintecinco centímetros por dous metros con 60 centímetros. Debuxa unha planta lixeiramente alongada e aberta ao leste-suleste. Un par de lousas, nesa mesma orientación, delimitan o corredor dun só tramo, que non supera o metro de anchura. A cámara estaba cuberta por unha tampa, aínda que unha soa lousa estaba en posición similar á orixinal. Segundo as evidencias, outra lousa cubriría o corredor, e dúas lousas a cámara.
|
Fotografía José Blaco do Colectivo A Rula. Extraída do blog megaliticia. |
O feito de que non fose expoliada en datas históricas posibilitou o achado de significativos restos arqueolóxicos in situ: pezas líticas, machados, esferas de granito, esferas circulares de xisto..., en total case 3000 fragmentos cerámicos, ao redor de 650 líticos e 7 pezas metálicas. Por iso o interior da cámara é de extraordinario valor debido a que poucas veces en Galicia foi posible realizar unha escavación arqueolóxica nun xacemento non alterado desde épocas prehistóricas. Neses estratos arqueolóxicos sen alterar atopáronse obxectos en posición primaria e dicir, na mesma posición e colocación na que foron postas aí, destacando, como dicía, varias machadas de pedra e algunha cerámica, coma unha cunca enteira completamente decorada. A todo isto hai que engadir mais de 70 mostras, malacofauna, carbóns...
|
Fotografía do blog Historia de Galicia |
Especialmente salientable foi a aparición dun cuncheiro na marxe surleste, na zona do corredor de acceso. Este cuncheiro probablemente foi formado durante a Idade do Bronce. Grandes bloques graníticos e alongados desprazados á esquerda da entrada da cámara indican que posiblemente nesas datas prodúxose o primeiro expolio: alterouse parte da estrutura central e da coiraza, descolocando todas as grandes pedras, algunhas do sistema de peche da cámara. Neste cuncheiro apareceron sobre todo restos de lapas, mexilóns e ostras. Tamén restos de dourada e farro, ósos de gando vacún, de ovella e de cabra. Así mesmo a prospección sistemática do illote permiiu rexistrar tres novas cistas (escaváronse dúas), unha mandíbula humana e unha fíbula: a mandíbula é o único resto humano da Idade do Ferro achado en Galicia.
|
Fotografía do páxina web Xidoiro dixital. |
Outro dos aspectos que se estudou durante a escavación foi a orientación da cámara. En xeral, en Galicia a orientación sempre é ao surleste, orientación que adoita coincidir coa saída do sol nos meses do outono-inverno, momento nos que as raiolas do noso astro iluminarían a maior superficie do interior da cámara. Sen embargo, a orientación da M4 é leste-surleste: non está precisamente orientada ao solsticio de inverno, senón a uns meses antes e despois desas datas. Polo tanto a súa orientación é singular posto que a iluminación do interior non está centrada no solsticio do inverno como é habitual nas cámaras megalíticas galegas.
A empresa TOMOS, S.L. foi a encargada da escavación, consolidación e restauración da Anta da Mámoa nº 4 do Guidoiro, traballos que combinaron coa colaboración de diversos expertos nas mais diversas disciplinas, o que converteu a escavación nun auténtico traballo interdisciplinar: edafólogos e xeomorfólogos (Ramón Blanco e Manuela Costa), especialistas en metalurxia (Beatriz Comendador), bioloxía (Teresa Rivas), canteiros, zooarqueoloxía (Carlos Fernández), xeocronoloxía (Elías López e Jorge Sanjurjo), fotogrametría Dixital Xeorreferenciada, especialistas en pintura parietal (Fernando Carrera), arqueosatronomía (César González-García). A directora da escavación foi a arqueóloga Patricia Mañana Borrazás.
|
Foto José Blanco-Colectivo a Rula. Extraído do blog megaliticia. |
Para rematar, vou a introducir unha sempre interesante e produtiva consideración toponímica resumida dos estupendos estudos de Dolores González de la Peña. Segundo argumenta no seu blogue arqueotoponimia, a etimoloxía de Moralejo Laso da forma Guidoiros (Ghidoiros, con gheada), se explica polo gótico "wida: guía". Desde esta posición explicativa, serían ou servirían de auténticos faros, guías ou guidoiros e dicir, referencias de navegación para ubicar elementos de singular importancia. Sen embargo, Dolores inclínase por un caso de castelanización, sendo Xidoiro o topónimo orixinario, talvez do latín "adjutorium" (protección, amparo, auxilio). Por iso vencella o topónimo coa necrópole: atopa o étimo galaico-romano "sciterium" ou "scitorium" que procede do latino "asciterium", homólogo de "monasterium", término que en moitos lugares da Europa Atlántica se asocia con megalitos, se aplica aos lugares con antas. Serían, os dólmenes, considerados monasterios ou asciterios, templos pequenos, lugares de contemplación habitados por ascetas.
|
Mámoa 4 despois da escavación e reconstrución. Debuxo versión de Moncho Boga, 2024. |
Un dos aspectos mais interesantes e posiblemente fructíferos do equipo que acometeu a intervención arqueolóxica no Guidoiro, atañe á vulnerabilidade dos xacementos costeiros diante do cambio climático, sobre todo con respecto ao nivel do mar: estes efectos están sendo dramáticos, senon desastrosos, no Guidoiro Areoso. A diagnose do equipo de investigación corrobora e asegura que a erosión continuará nos vindeiros anos, especialmente baixo as condicións de ascenso actual do nivel do mar que afectará lamentablemente ao rexistro arqueolóxico do illote.
O patrimonio cultural e natural do Illote do Guidoiro e/ou Xidoiro, así como todo o patrimonio da Illa de Arousa, debe ser estrictamente protexido, respetado e preservado, posto que non só é un singular espazo, senon que tamén é perigosamente vulnerable.
En Sigrás, no mes do magosto e do San Martiño de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!!
PÓDESE VISITAR ALGO MELLOR QUE A ILLA?
A Illa de Arousa (A Illa) é un concello ao que sempre hai que voltar: non ten nada sobresaínte e, sen embargo, todo é sobresaínte: é un TODO HARMÓNICO. Calquera rúa, calquera recuncho, cabo, golfo, reviravolta, praia, cala ou monte, ofrecen unhas estampas panorámicas difíciles de superar. O seu illamento milenario fixo que estas xentes e estas paisaxes adquirisen unha forte concencia de seu, unha forte raigame e unha sabiduría propia das xentes con identidade propia.
ONDE MIRAR E APRENDER MAIS
Patricia Mañana-Borrazás, Ramón blanco-Chao, Mª José Bóveda Frenández, Daniel Cajade-Pascual, Manuela Costa-Casais, Alejandro Güimil-Fariña, Elías López-Romero, Santiago Vázquez Collazo e Xosé L. Vilaseco-Vázquez: "Lo que nos cuenta la marea. Prehistoria en el islote de Guidoiro Areoso (A Illa de Arousa, Galicia) a la luz de las últimas intervenciones" 2020. En "Actualidad de la Investigación Arqueológica en España I. (2018-2019)" Conferencias impartidas en el Museo Arqueológico Nacional. (PDF)
María Guadalupe Castro González: "La cerámica del Bronce Antiguo en la Mámoa 4 de Guidoiro Areoso (A Illa de Arousa, Pontevedra). 2020 (PDF).
"Arqueoloxía/Informes". Xunta de Galicia, 1991, 1995.
(PDF) Ocupación humana y monumentalidad durante la Prehistoria Reciente en el islote de Guidoiro Areoso (Ría de Arousa, Pontevedra): investigaciones en el marco de las dinámicas litorales atlánticas actuales. 2015.
https://guidoirodixital.wordpress.com/los-yacimientos-arqueologicos/
http://apedradoencanto.blogspot.com, de Beatriz Comendador Rey.
https://www.manuelgago.org/blog/2012/01/14/unha-viaxe-a-illa-dos-mortos/
https://arqueotoponimia.blogspot.com/2013/02/xidoiros.html?m=1
https://www.raidoviajeros.com/visitar-la-isla-de-areoso/
https://www.isloteareoso.com/tesoros-ocultos-del-islote-de-areoso/
https://www.nobbot.com/entrevista-arqueologa-patricia-manana/
http://patrimoniogalego.net/index.php/78211/2015/09/ghidoiro-areoso/
https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/dolmenes-guidoiro-areoso.html
https://historiadegalicia.gal/2019/02/xa-podes-conecer-todos-os-segredos-dos-dolmenes-na-conecida-como-illa-dos-mortos-na-ria-de-arousa/
https://gazeta.gal/web/a-illa-guidoiro-areoso-a-illa-das-mamoas-parte-2-ria-arousa-pontevedra/
https://estonoesloquepareze.com/visitar-islote-areoso-ria-arousa/
https://lamagiadelaspiedras.blogspot.com/2013/08/guidoiro-areoso-pontevedra.html
http://www.xoanarcodavella.com/2012/10/mamoa-do-guidoiro.html
https://x.com/SabiasGalicia/status/1575206289092886545
https://www.bing.com/images/search?
view=detailV2&ccid=CB8%2Bhc39&id=7E8836CAEB49B0EF27988B87D4223AF79E847E36&thid=OIP.CB8-
hc39tUUsECBVgVKJSwHaFz&mediaurl=https%3A%2F%2Fpbs.twimg.com%2Fmedia%2FFdxBxFOX0AAoHC5.jpg&exph=533&expw=680&q=Fotos+a%C3%A9reas+do+Guidoiro+Areoso&simid=6080167
No hay comentarios:
Publicar un comentario