miércoles, 25 de septiembre de 2024

PEDRAFITA-MENHIR CRUZ DE BASCUAS. San Salvador de Parga, Guitiriz

PEDRAFITA-MENHIR CRUZ DE BASCUAS

Sospeitosos Habituais-2


"¿Quién duda que vive, recuerda, entiende, quiere, piensa, conoce y juzga?; puesto que, si duda vive; si duda, recuerda su duda; si duda, entiende que duda; si duda, quiere estar cierto; si duda, piensa; si duda, sabe que no sabe; si duda, juzga que no conviene asentir temerariamente. Y aunque dude de todas las demás cosas, de éstas jamás debe dudar; porque, si no existiesen, sería imposible la duda."

Agustín de Hipona, "Tratado de la santísima trinidad", l X, cap. 3 (en C. Fernández, "Los filósofos medievales". Selección de textos, BAC, Madrid 1989, vol. 2, p. 422).



Pedrafita-Menhir de Bascuas, segundo
versión idealizada de Moncho Boga, 2024.

Sen lugar a dúbidas (dubido, sen dúbida), a priori, despois da correspondente incoación do expedente para dilucidar a súa culpabilidade, considero o meu deber, con todo o peso da subxectiva autoridade que me confiren os desexos, proceder a declarar culpable da súa adscrición ao extraordinario universo das pedrafitas galegas, con todas as da lei,  o Cruceiro de Bascuas como "pedrafita-menhir", sen dúbida.

Os antecedentes son os que a continuación vou a expoñer, deixando falar ás testemuñas, oindo a profunda fala das pedras, fala que discorre a través da inmensidade dos tempos.


Camiño de acceso á Cruz e á Ermida de Nosa Señora de Bascuas.
Foto de Moncho Boga.

Atópase encravada moi preto da ermida da Nosa Señora de Bascuas, lugar da parroquia de San Salvador de Parga, no Concello de Guitiriz. Aínda a finais do século XIX chegaban peregrinos e, no día de San Marcos, procedíase á bendición de terras e animais, talvez para celebrar a chegada da primavera, rogando para que as colleitas fosen abondosas e pedindo pola saúde do gando.


Ermida da Nosa Señora de Bascuas.
Foto de Moncho Boga, 2024.

Coñecín este máxico lugar a partir dunha entrada do fenomenal blogue de Dolores González de La Peña denominado arqueotoponimia, quen me proporcionou  novedosas consideracións para interpretar o horizonte megalítico desde outras e variadas perspectivas, que veñen a complementar as existentes. 


Outra vista da Ermida, rodeada de carballos.
Foto de Moncho Boga, 2024.

O emprazamento debuxa unha liña do tempo que engade a Cruz, a Ermida (cunha estela funeraria romana reaproveitada) e o Castro de Monelos, feito importante para a contextualización deste singular elemento. 



A Cruz de Bascuas, vista frontal. 
Foto de Moncho Boga, 2024.

A Cruz que me ocupa hoxe está traballada, esculpida, nun só bloque de pedra granítica, polo que eu tamén considero (seguindo a Castelao) que ben puidera ser unha pedrafita reutilizada polo cristianismo: labrada novamente de forma cruciforme. Por eso non se pode desbotar a posibilidade de que se trate dunha antiga cruz dos camiños, tamén de orixe non cristiana. Estes monolitos, esteos, chantos, ás veces cunha cruz apenas esbozada, son probablemente figuras antropomorfas de época prehistórica e dicir: sospeitosos habituais, culpables confesos. 



Detalle da  Cruz de Bascuas.
Foto de Moncho Boga, 2024.

En Galicia, como xa sinalou Castelao ou como ben clarifica Dolores González de la Peña, temos moitos e variados exemplos: Pau da Vella, Cristo da Lagoa, Cruz do Campo, Mazaira... Precisamente, segundo Dolores, no seu tan admirado blogue, son o que se coñecen como HERMAE: as características e sempiternas "herma antropomorfas" que adoitan situarse nos cruzamentos e que posteriormente evolucionaron ao cruceiro cristiano. 



Outra vista frontal. 
Foto Moncho Boga, 2024.

As hermae refírense ao piar cadrado de pedra sobre o que se colocaba un busto nos camiños, normalmente de Hermes: a súa era unha función apotropaica, e dicir, de proteción contra os malos espíritus, os enimigos, os facinerosos... Era o deus mensaxeiro, mensaxeiro dos deuses, deus das fronteiras e dos viaxeiros; era tamén o encargado de guiar as ánimas cara ao inframundo, ao Hades. Penso e manteño que estas pedrafita-estelas antropomorfas estaban a cumplir a mesma misión-función que o Hermes da mitoloxía clásica. 



Vista lateral. 
Foto Moncho Boga, 2024.

Como veremos mais abaixo a inscrición que alude aos deuses Manes, aqueles que eran considerados as ánimas dos mortos errantes que transitaban eternamente dun lugar a outro..., aquí as hermae, o deus Hermes-Mercurio dos clásicos, personalizado na cruz, sería o encargado de acompañar estas almas ao inframundo.



Vista lateral. 
Foto Moncho Boga, 2024.

A pedrafita-menhir acada mais de dous metros de altura, con sección casi rectangular e mais grosa na base, e vaise estreitando pouco a pouco ata a intersección cos brazos do cruceiro. Estes debuxan unha forma lixeiramente patada e son un pouco mais longos que o cumio. Ao seus pés, unha pía. A uns poucos metros nace unha fonte que se atopa encofrada (outra liña de investigación sería o emprazamento no lugar de nacimento dun río...) Todo o terreno onde se empraza a pedrafita-menhir é unha gran braña.

 

A Cruz vista desde o camiño da ermida.
Foto Moncho Boga, 2024.

Neste momento podemos considerar e consideramos, con todas as dificultades explicativas que conleva, que a súa situación preto da Ermida e do Castro de Monelos, foi un preciso e programático intento de cristianización dun lugar de culto pagano anterior, talvez desde a prehistoria. Ademais, deste xeito pódese subliñar e coaligar co deus mensaxeiro, porque posiblemente este fose un cruzamento importante de camiños, ruta transitada desde sempre e vencellada ao xacemento castrexo, que reflicte o medo eterno daquel que camiña. 



Outra perspectiva coa pía.
Foto Moncho Boga, 2024.

Por todo iso, hai que relacionar a Cruz de Bascuas, inevitable e necesariamente, coa Ermida próxima, como dicía antes. Esta vella Cruz, no Campo da Festa, está vencellada con todas as tradicións da romaría que se celebraba na Ermida: pedrafita reconvertida en cruz que acompaña-vixía-custodia unha pía de augas con propiedades milagreiras para cumplir desexos. O ríto consiste en arroxar unha miga de pan na pía que está aos pés da Cruz e, si non se afunde, as cousas irán ben e cumpliranse os desexos; si se afunde, as peticións desgraciadamente non se estarán a cumplir.


A ERMIDA-MUSEO DA NOSA SEÑORA DE BASCUAS.

A capela-ermida da Nosa Señora de Bascuas é hoxe un pequeno e curioso museo de arte sacro, enclavado no medio da "nada": nel custódianse en exposición permanente diversas vestimentas relixiosas, pinturas murais, exvotos, imaxinería, cruces e moitas chaves. Sobre todo destaca a chamada "Chave de Bascuas" que non abre portas, senon que abre a porta da sanación: era e é o método para marcar, coa chave ao roxo vivo, tanto a animais como a persoas que sufrían-sufren a doenza da rabia. 



Unha chave de pedra no museo da ermida.
Foto Moncho Boga, 2024.

Potente ensalmo o da chave, que temos que  conectar coa Pedrafita-Cruz do campo da festa en relación a todas esas tradicións: a pedrafita reconvertida en cruz  cunha pía chea de auga bendecida,  con propiedades adivinatorias ou mais ben para cumprir todos os desexos e ilusións. É por iso que a pedrafita, preto dun posible cruzamento e dun manancial, fai de faro protector, como símbolo máxico, para atender aos camiñantes de todas as épocas. Supoño que o desexo da miga de pan era un complemento, por si a marca a ferro candente da chave non fose suficiente.



A pía milagreira.
Foto Moncho Boga, 2024.


Manteño, como hipótese, que a construción  da ermida nese lugar precisamente, non é mais que un dos constantes intentos do catolicismo para cristianizar un lugar de poderosas propiedades e fenomenales-poderosos deuses paganos, un  reaproveitamento dese lugar sacro, cousa que non conseguiran nin con excomunións nin con penas de morte. Polo tanto o rito continuou sendo o mesmo pero baixo a vestimenta dunha nova relixión. 



As chaves... Fotografía de Galicia Pueblo a Pueblo.

Para concluir, na ermida de Bascuas estase a conservar unha estela romana reaproveitada como lintel na porta que da acceso desde a capela á sacristía. Trátase dunha estela funeraria (s. III) que amosa sobre a inscrición o círculo solar, a media lúa e varios círculos dispostos simetricamente. A inscrición traducida (segundo versión de Xabier Moure): "Consagrada aos deuses Manes. Severina morta á idade de 91 anos".



Estela funeraria de Bascuas.
Fotografía de Xabier Moure en O Noso Patrimonio.

En definitiva, este emprazamento co Castro de Monelos, a Cruz Outa, a estela romana e a ermida, estanos a falar elocuentemente dun lugar máxico, dun lugar de transo e de ocupación desde a prehistoria, pasando pola Idade do Ferro, a romanización, ata épocas históricas..., un lugar sagrado, místico, desde sempre e para sempre; os mesmos ritos pero con distintos saios.



Outra vista da Ermida.
Foto Moncho Boga, 2024.



ALGUNHAS COUSAS QUE VISITAR EN TERRAS DE GUITIRIZ

O Concello de Guitiriz pódese considerar a porta de entrada á  comarca de Terra Cha desde o occidente, desde unha boa parte do Golfo Ártabro, facendo de límite natural entre as actuais provincias de A Coruña e Lugo. Neste característico e singular lindeiro exténdense, ao oeste de Guitirirz, a Serra da Loba e o Cordal de Montouto (terras de megálitos e antigas tradicións); polo sur, a Serra da Cova da Serpe.


Cova da Serpe. Foto: 
vi-ruta-btteiros-cova-da-serpe-cicloturista

O Concello componse de 18 parroquias e, entre os moitos recursos culturais a destacar, pola súa singularidade, a Feira de Parga cos seus tradicionais pendellos, a carballeira na que se empraza e o paseo  fluvial..., así coma os restos da Torre medieval de Parga. Unha mención particular para o paseo fluvial que leva ata a Ponte e ermida medievais de San Alberte. 



Ponte de San Alberte. Foto: 

Xoán Arco da Vella, blog.

No Buriz, perto de Bascuas, hai que sinalar o extraordinario petróglifo das Calzadas ou do Buriz, gran penedo abombado cuberto de cazoliñas  e cadrículas que poden representar a porta de entrada ao alén.



Petróglifo das Calzadas ou do Buriz. Foto: 

La Iberia Mágica, Blog.

As augas termais que "infestan" o territorio seguen a atraer usuarios, sendo esta unha estación termal famosa desde tempos pretéritos. Chegou a haber dous balnearios e diversos mananciais ao aire libre. Nun deles, en Pardiñas, celébrase, desde hai mais de 40 anos, o Festival Internacional Folk...



A Feira de Parga. Foto: 

La  Voz de Galicia.

Para rematar incidir que por estas impresionantes terras transcurre a ruta xacobea denominada Camiño Norte de Santiago.


Moncho Boga, en Sigrás, esperando cousas. 2024.
Saúde, sorte e moita lectura!!!!


PARA UN SABER PROVEITOSO E FECUNDO

https://arqueotoponimia.blogspot.com/2022/03/castro-monelos-bascuas.html

http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/2011/07/romanizacion-de-galiza.html

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2019/12/nosa-senora-de-bascuas-guitiriz.html

https://turismo.concellodeguitiriz.com/

https://turismo.concellodeguitiriz.com/parroquias/san-salvador/#conoce

https://www.elprogreso.es/articulo/a-chaira/capela-museo-bascuas-chave-porta-que-custodia-tesouros/202201172046331552209.html

https://es.wikiloc.com/rutas-mountain-bike/vi-ruta-btteiros-cova-da-serpe-cicloturista-111011135/photo-71545808

http://www.xoanarcodavella.com/2016/07/ponte-de-san-alberte-rio-parga-guitiriz.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2020/11/18/facer-feira-e-da-traballo-enorme/0003_202011L18C5992.htm

https://iberiamagica.blogspot.com/2016/08/petroglifo-de-las-calzadas-o-buriz.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario