viernes, 26 de julio de 2024

ANTA-DOLMEN MÁMOA DAS ACHAS. San Sebastián de As Achas, A Cañiza.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DAS ACHAS.

"Dicho contexto vuelve a situar esta fotografía en el tiempo, no en su propio tiempo original, pues eso es imposible, sino en el tiempo narrado. Este tiempo narrado construido ha de respetar el proceso de la memoria que pretende estimular"

John Berger: "Mirar". Ed. Hermann blume, Madrid 1987.



Debuxo idealizado da Anta Mámoa das Achas.
Ramón Boga Moscoso


As Achas, A Cañiza, Terra da Paradanta, Serra da Groba..., terras e xentes e paisaxes, e ríos e montes; terras soñadoras, talvez bucólicas, talvez recias e rudas, como as mulleres e os homes que mantiveron e humanizaron unhas paraxes que chegaron ata hoxe case sen cambios, fosilizados no tempo e no espazo. E tamén souberon adaptarse aos tempos. Terra de costumes arraigadas, terras de paso, case de fronteira, terras de montes. Terra tamén de romarías, de santuarios, de ritos suavizados polo cristianismo, de fontes e regatos milagreiros, cantaríns, rumorosos.



https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/a-caniza-116676186/photo-74870451


E aí, nun curruncho escondido, recóndito, atópase humilde, entre carballos, fentos, castiñeiros, musgo e bidueiros, a Anta das Achas. A Anta, compañeira doutros moitos elementos megalíticos destas lexendarias terras, fai honra á Paradanta, lugar de antas, pedra de pedra.



https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/a-caniza-116676186/photo-74870451


Antóxaseme curioso e sempre me pareceu chamativo (aínda que eu non son esperto nestes temas) que o topónimo "achas" faga referencia a un anaco de madeira "groso que resulta de fender un toro", segundo o diccionario da Real Academia Galega, e segundo a ancestral costume de todas as parroquias de Galicia. Sen dúbida "acha" significa eso e sempre foi así como nome común. Outra cousa é a súa idiosincrasia como topónimo: dentro dos meus cativos coñecementos ao redor da evolución toponímica, sempre pensei que si este lugar se denomina As Achas porque fendían moitos toros, entón en Galicia tería que haber centos de topónimos "achas", e isto non é así.




Foto Turismo A Cañiza.


Insisto, o que vou a expoñer aquí non é mais que unha simple intuición, talvez unha barbaridade, non ten base etimolóxico-científica algunha. Aí vou, de cabeza, sen paracaídas: se cadra este topónimo podería proceder de "archa", "d´archas" e por un lado derivou en "arcas"; polo outro, "archas" puido perder polo longo camiño da evolución o "r" para rematar converténdose en "achas". Polo tanto, segundo esta "estupenda" deducción, o topónimo Achas viría a significar Arcas e dicir, referiríase a antas, aos monumentos megalíticos funerarios.



Foto Turismo A Cañiza.


Son conscente do aventurado desta opinión e barrunto que podo estar a arroxarme polos procelosos e ignotos mundos siderais, nunha especie de ciencia ficción na interpretación do topónimo. Si é así, o sinto, non se voltará a repetir... Como diría Ana Boullón Agrelo, e seguro que con acerto sublime, probablemente este pode ser un bo exemplo de uso e abuso na interpretación dos topónimos. Por outra parte, despois de investigar por aquí e por alí, non atopei ningún investigador que manteña esta opinión. Que non o atopase, tampouco quere dicir que non exista... Excepto Navaza que considera moi probable que, pola súa morfoloxía, non sexa un fitotopónimo, o que parece conter a forma simple "acha".

Como estaba a dicir mais enriba, esta marabillosa anta atópase aloxada nunha preciosa paraxe, cuberta dunha frondosa vexetación adscrita ao bosque atlántico. Parece ser que foi escavada, cousa que non puiden confirmar. Atópase sinalizada e forma parte da coñecida como Ruta de Petán, un senderio circular que percorre a zona do norte cara ao sur.

É probable que forme parte do grupo de monumentos megalíticos con planta de forma poligonal e corredor desenvolvido, diferenciados tanto na planta como no alzado. Probablemente está a conservar seis ou sete esteos da cámara e algún outro do corredor. A mámoa debe acadar mais de trinta metros de diámetro, sendo das do tipo medio-grande.

En definitiva, e para rematar, unhas terras, as da Paradanta, que sempre merecerán unha visita, e non só polos monumentos megalíticos.


Saúde, sorte e libros!!!!!


PARA SABER ALGO MAIS, PERO POUCO MAIS

Gonzalo Navaza: "Fitotoponimia Galega", 2006 Fundación Barrié de la Maza. Tórculo Artes Gráficas, S.A.

https://www.caniza.org/es/turismo/ruta-de-senderismo/ruta-de-senderismo-da-cidade-castrexa-das-grades

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/a-caniza-116676186/photo-74870451 

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/prg-207-ruta-da-cidade-castrexa-das-grades-116985519

https://www.caniza.org/index.php/es/turismo/recunchos/mamoa-das-achas

No hay comentarios:

Publicar un comentario