domingo, 8 de julio de 2012

ANTAS-DOLMENES EN Rodeiro, Lalín, Vila de Cruces e Silleda.

ANTA-DOLMEN COUTO DOS MOUROS. Alemparte, Rodeiro

Atópase na parroquia de Alemparte (Concello de Rodeiro), nunha penechaira na que se ubican unhas cantas antas máis.

A anta de Coto dos Mouros ubícase nunha mámoa de tipo medio grande moi coberta de vexetación, e é fácil de localizar porque se insire case como unha illa no medio de pradeiras gañadas ao monte.

Obviamente a anta aínda non foi obxecto de ningunha escavación arqueolóxica, pero parece, a simple vista que se conserva en bantante bo estado.

Segundo informacións de Manuel Lestón, no interior da mámoa consérvase unha anta que describe planta poligonal composta por oito esteos. O esteo que fai de cabeceira atópase algo inclinado cara ao interior e nel vense restos de pintura parietal que forman zigue-zagues e unha gravura, noutro esteo, que representa un antropomorfo.

O corredor ten á vista un tramo corto e conserva dúas pedras cobertoras grandes. 



Fotografías de Ramón Boga Moscoso, 2010.




ANTA-DOLMEN DO MONTE DOS MARXÓS. Rodeiro

A primeira noticia que me chegou acerca desta anta foi a través de Manuel Lestón. Efectivamente, cando por encargo da Xunta de Calicia este arqueólogo dirixíase a recoñecer a Anta de Couto dos Mouros para eleborar un informe, polo camiño atopou uns cantos esteos esnaquizados que formaban parte dunha mámoa que fora destruida  recentemente. O primeiro que lle chamou a atención, á parte da magnitude dos esteos, foi que todos eles estaban decorados con pinturas megalíticas. 


Esteo da Anta de Monte dos Marxós. Calco de Fernando Carrera.

Hoxe en día os esteos da anta de Monte dos Marxós atópanse depositados no Museo de Pontevedra. Segundo Fernando Carrera, que realizou os traballos de limpeza e documentación das pinturas prehistóricas, formarían parte dunha cámara poligonal composta por sete esteos e corredor corto formado por outros catro esteos así como un anaco da pedra cobertora. Todos estes esteos aparecen enlucidos cunha preparación de cor branca. Os esteos verticais da cámara e corredor están decorados con pintura roxa e negra. 


Planta hipotética da Anta de Monte dos Marxós, segundo Fernando Carrera

Bibliografía

Fernando Carrera: "Informe sobre los trabajos de limpieza y documentación de la pintura prehistórica conservada en los ortostadot de la mámoa de Monte dos Marxós (Rodeiro, Pontevedra), depositados en el Museo de Pontevedra".


Outros elementos nos arredores:


Moi preto da anta Coto dos Mouros aparecen unha serie de pedras fincadas de tipoloxía semellante ás pedras que forman as cámaras das antas. Esta en concreto, xunto a outras, aparece formando un poste ao que se enroscan os arames para formar un cercado. Polas súas características semella unha pedrafita, feito que non se debería esgotar tendo en conta as características chairas da zona. Posiblemente, si é o caso, funcionarían como fitos anunciadores da necrópole, sempre en zonas de cambio de vertente, e en lugares moi visibles a longa distancia.

Estrada Lalín-Rodeiro:

Cando ía na busca da anta de Couto dos Mouros, pola estrada que leva a Rodeiro desde Lalín, na dereita da estrada, un curioso monolito chamou a miña atención. Trátase dunha pedra cilíndrica asentada sobre un pedestal de cemento que foi colocada alí non se sabe por quen nin porqué. Engado neste apartado polo curioso da situación.


Fotografías realizadas por Ramón Boga, 2010.


CISTA DE RODEIRO

Foti atopada durante a realización de labores agrarias e consérvase unha soa lousa con gravuras no lugar de A Tiza, noa arredores de Rodeiro.

A forma do único esteo conservado é paralelepípeda con decoración de liñas e trazos xeométricos de non doada interpretación. Existe a nova de que na cista foi exhumado un puñal pequeno de tamaño que se extraviou misteriosamente, así como una vaso cerámico, tamén moi pequeno e esnaquizado, ao que lle faltaba o bordo: posuía un fondo plano con un suave gollete que tiña a bordura pouco sainte.


ANTA-DOLMEN DO AGRO DA PENA. Dozón.

Trátase de cinco esteos que se atoparon ao destruir unha mámoa no concello de Dozón. Son esteos de pequeno tamaño mais ou menos completos e fracturados.


Esteos do Agro da Pena. Fotografía Fernando Carrera


Fernando Carrera foi o encargado de analizar os cinco elementos megalíticos posto que case todos os esteos conservan pinturas prehistóricas. Á beira doutros dos esteos que quedaron na mámoa destruida, todas elas formaban parte do conxunto arquitectónico.

O estado dos esteos e o grao de destrución do xacemento impiden aventurar a ubicación orixinal dos mesmos e reconstruir unha cámara megalítica.

Aínda que non se conserva ningún gravado, en catro dos cinco esteos do monumento consérvanse pinturas prehistóricas. Hoxe en día os esteo da anta do Agro da Pena están depositados no Museo de Pontevedra.


Esteo do Agro da Pena. Fotografía de Fernando Carrera



Bibliografía

Fernando Carrera Ramírez: "Informe sobre los trabajos de documentación y conservación de la pintura megalítica existente en los ortostatos de la Mámoa do Agro da Pena" (Dozón, Pontevedra).


ANTA-DOLMEN DA CHOUSA NOVA.

Trátase dunha anta que aínda non puiden visitar. A información así como as fotografías foron extraidas da páxina patrimoniogalego.net e o autor das fotografías firma co seudónimo xandlinathry.



A mámoa na que se acocha a anta foi destruida parcialmente debido á construción dunha pista forestal así como polas labouras agrarias recentes, como en tantos outros sitios do noso país. 

A estrutura tumular atópase ben delimitada por unha gabia externa e por un anel pétreo. No centro da mámoa ubícase unha anta que se conforma a través de cinco esteos e un espazo aberto cara ao leste. A anta é de escasa altura e ten o aspecto dunha cista.



O conxunto megalítico foi afectado pola construción da líña férrea do AVE entre Santiago e Ourense. Foi así que se procedeu a unha completa escavación arqueolóxica na que apareceu a cámara prácticamente intacta. Na devandita escavación exhumouse un bo enxoval con varios uteis de pedra pulida  eun colar de doas de ámbar e variscita. Despois da construción da liña férrea soterrada, o conxunto megalítico foi reconstruido no seu lugar orixinal.


BIBLIOGRAFÍA

Bóveda Fernández, María José: "Intenvención arqueolóxica na Mámoa de Chousa Nova e no seu contorno, Silleda (Pontevedra). Actuacións Arqueolóxicas. Ano 2007. Xunta de Galicia.


ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DA BRAÑA. San Paio de Refoxos, Silleda

Os restos conservados desta gran anta consérvanse no Museo de Pontevedra. Proceden dunha mámoa destruida hai xa algúns anos debido a labores agrícolas.


Calco dun dos esteos da Mámoa da Braña. Autor, ver bibliografía.


Da destrución salváronse varios esteos da cámara que amosan interesantes gravuras que de debuxan a través de vairas series de liñas ondeantes e un rego central, unha fiada de sete círculos, un motivo solar e oito ondeantes verticais.


Autor, ver bibliografía.


Estes motivos repítense con naturalidade en moitas antas galegas.


Autor, ver bibliografía.




BIBLIOGRAFÍA

Carballo Arceo, L.X. e Vázquez Varela, J.M.: "Nuevos hallazgos de arte megalítico en la provincia de Pontevedra: a Mámoa da Braña". Gallaecia, nº 7/8. Ediciós do Castro  1984.


NECRÓPOLE DO MARCO DO CAMBALLÓN. Oirós, Vila de Cruces

Entre Silleda e Lalín, na parroquia de Prado, hai que coller a estrada ata Oirós e, en Bodaño, hai que virar á dereita, ata chegar á penechaira.

Forman parte dunha necrópole de quince mámoas, das que tres están a conservar restos da cámara, e outras tres amosan restos do anel periférico pétreo. Aínda que parece que non corren perigo inminente de desaparición, se non se acometen traballos de consolidación urxentes, tanto os axentes metereolóxicos  como a acción antrópica están a erosionalas de xeito  que pode resultar inexorable.


ANTA-DOLMEN Nº 5 DO MARCO DO CAMBALLÓN, Vila de Cruces.

A primeira anta, que se sinala co número cinco, conserva sete esteos imbricados, formando unha cámara poligonal que tende ao círculo, e non amosa restos do corredor. O esteo meirande atinxe unha altura dun metro e cincoenta centímetros por setenta e catro centímetros de ancho. Non conserva pedra cobertora nen amosa, a simple vista, restos do anel peristalítico: moi pretiño dela hai outra mámoa, tamén escavada, da que só se conserva un anel de pedra. Nun dos esteos da anta apareceron unhas gravuras de liñas sinuosas, liñas serpentiformes e un motivo solar ou helioforme. O enxoval exhumado nas escavacións, das que non hai memorias publicadas, consistiu en diverso material lítico pulimentado e lascado, un disco perforado e cerámica lisa e campaniforme.



Anta nº 5. Fotografía do ano 1994.
Fotografía de Ramón Boga Moscoso


 
ANTA-DOLMEN Nº 2 DO MARCO DO CAMBALLÓN. Vila de Cruces.

A segunda anta, acochada dentro dunha gran mámoa, conserva cinco esteos. Atópase moi esmorecida con dous esteos pousados no chan. O meirande atinxe unha lonxitude dun metro e trinta e cinco centímetros e no ancho un metro e vintecinco centímetros. A mámoa está completamente cuberta de toxos  silvas..., posuíndo un tamaño de tipo medio.


Anta nº 5. Fotografía do ano 1994. 
Fotografía de Ramón Boga Moscoso



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.


ANTA-DOLMEN Nº 3 DO MARCO DO CAMBALLÓN. Vila de Cruces.

A teceira anta consiste nuns probes restos moi esnaquizados : un esteo chantado dun metro e cincoenta centímetros de altura con noventa e tres de ancho,  e dous esteos máis, tamén chantados, que non sobresaen máis de sesenta e cinco centímetros. Hai varios esteos de menor tamaño ciscallados ao seu redor. Semella imposible reconstruir a cámara. Foi escavada, deixando á vista, aparte daquiles restos da cámara, un anel de pedra circular de conside­rables dimensións, e dúas partes da mámoa que debeu ser unha das meirandes da necrópole.





 
Fotografías do ano 1994. Autor Ramón Boga Moscoso


Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.


ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DA CRUZ. Parada de Alperiz, Lalín

Esteo gravado.
Debuxo de Moncho Boga, 1996

                                        
Para chegar. Na estrada que vai de Lalín a A Golada, hai dúas desviacións que levan directamente a Parada. Está á beira da estrada, nun cruzamento.





Fotografías da Anta da Mámoa da Cruz no ano 1995.
Por Ramón Boga


Atópase nunha necrópole de seis mámoas que se coñecen como as Mámoas da Cruz. Nas datas en que Filgueria Valverde e García Alén fixeron o inventario de antas da provincia de Pontevedra, todas elas contaban con cámara dolménicas compostas, tamén todas elas, por sete ortostatos.   


 
Vista da Anta da Mámoa da Cruz no ano 2008.
 Autor, Ramón Boga


A Anta da Cruz confórmase por un esteo, que mide case un metro e medio, e que ten gravuras serpentiformes que representan auténticas serpes xa que aínda se poden distinguir as súas cabezas. O resto dos esteos da cámara apenas sobresaen. Foi obxecto dunha escavación hai unhos anos, e a súa disposición nunha encrucillada, a beira dunha estrada, fixo que a mámoa que a contén permaneza en lamentables condicións de conservación.



Vistas da Anta da Mámoa da Cruz no ano 2008.
 Autor: Ramón Boga


ALTAR DO SOL. Parada de Alperiz

Aínda que non o puiden atopar por falta de tempo, próximo a esta necrópole, atópase unha grupación de pedras con forma de recinto pechado que parece ser -segundo Filgueira- está presidida por unha gran pedra con dúas oquedades en forma de círculo que os veciños coñecen co nome de Altar do Sol. 

A devandita construción atópase a uns 40 ms da mámoa nº 3 de Parada, dentro dunha finca con monte raso de uces e toxos. O esteo sobresaía un metro e sesenta centímetros.

Como dicía, non atopei o Altar do Sol, pero nunha publicación do Concello de Lalín atopei a fotografía que amoso a continuación: 




BIBLIOGRAFÍA


Fernando Carrera: "Informe sobre los trabajos de limpieza y documentación de la pintura prehistórica conservada en los ortostadot de la mámoa de Monte dos Marxós (Rodeiro, Pontevedra), depositados en el Museo de Pontevedra".

Carballo Arceo, L.X. e Vázquez Varela, J.M.: "Nuevos hallazgos de arte megalítico en la provincia de Pontevedra: a Mámoa da Braña". Gallaecia, nº 7/8. Ediciós do Castro  1984.

Bóveda Fernández, María José: "Intenvención arqueolóxica na Mámoa de Chousa Nova e no seu contorno, Silleda (Pontevedra). Actuacións Arqueolóxicas. Ano 2007. Xunta de Galicia.

5 comentarios:

  1. En qué estado se atopan os do marco do camballón na actualidade? Sabes algo dos mesmos? Quíxenos visitar o ano pasado pero no concello recomendaronme non ir e despois preguntando por alí puiden ver que os campos estaban limpos agás das mámoas completamente cubertas de herbas. Saudos

    Alex

    ResponderEliminar
  2. As tres antas que se conservan desta necrópole atopanse máis ou menos como vesnas fotografías, e dicir, bastante ben tendo en conta o estado de abandono total no que se encontran. Nunca se debe preguntar un Concello: non teñen nin puta idea e ademas lles importa unha merda, incríblemente. Sexa como sexa, esta necrópole
    é estupenda para visitar, sobre todo nesta época si fai bo tempo, posto que as silvas e os matoxos están medio mortos. Facede a visita, ánimo.

    ResponderEliminar
  3. O que dis dos concellos e ben certo. Recordo que cando lles preguntei contestáronme en plan bastante agresivo coma se estivese preguntando por algo malo. O final pasaron bastante do tema e so me dixeron que non as fose a visitar. E unha magoa ver como se tratan estas cousas por aquí. Saudos.

    ResponderEliminar
  4. Saudos, estiven hoxe pola zoa e sinto darche malas novas, pero non hai maneira de entrar a elas. Por se acaso cóntoche non vaia a ser que non sexa o mesmo lugar. Dende Oirós subín por unha pista onde hai un bar e despois continuei ata arriba a chegar a zoa onde están as pacas de herba grandes. O campo non tiña a herba moi alta e as mámoas vense ben porque son o único con maleza e están rodeadas con postes e alambradas.

    E aínda que tes razón que os matoxos non están fortes era imposible entrar. Se estás no facebook vou subir unha foto no grupo "Dolmenes de Galicia". A única que tiña pinta de poderse entrar algo era a número 3, pero as outras dúas hai que limpar o camiño para poder pasar e con coidado porque non se ve nada o pisar.

    Por contra a da Chousa Nova volveron a limpala e agora está impecable. Había carteis pola zoa indicando unha ruta de sendeirismo (ruta do baixo Deza) así que supoño que lle poñerán máis atención que a outras. Un saudo

    Alex

    ResponderEliminar
  5. Por desgracia, a estampa que me contas é a habitual. Neste caso se cadra aínda máis dramático: a necrópole é sen dúbida unha das máis importantes do país, foi declarada BIC e os resulados da escavacóns foron prodixiosos. Sen embargo aínda non hai publicado practicamente nada sobre elas. Para os Concellos, case sempre este tipo de recursos son un problema. Menos mal que nos quea a Chousa Nova!

    ResponderEliminar