sábado, 14 de julio de 2012

Pedrafita-menir Fuso da Moura. Asalos-Mens, Malpica

PEDRAFITA-MENHIR O FUSO DA MOURA. Asalo-Mens, Malpica. A Coruña

Esta sobranceira pedrafita atópase ergueita grazas a que fai de lindeiro entre os concellos de Malpica e Ponteceso. Como moitas outras pedrafitas galegas esta ubicada formando parte dunha necrópole megalítica e seguramente fai de fito anunciador, posto que se erixe moi cerca do cambio de vertente desde onde se albiscan amplos horizontes. Dicir tamén que hoxe o lugar está ocupado polo Parque Eólico de Malpica.


Ángel e Ramón Boga Moscoso no Fuso da Moura.
4 de novembro de 1997


Para chegar. Débese coller a estrada que vai de Malpica a Ponteceso. Ao chegar ao cruzamento no lugar de Ponte Berrón, débese coller esa estrada ata chegar á igrexa parroquial de San Pedro de Barizo: desde alí hai que coller a estrada que leva ao Parque Eólico, na cima do monte. O punto de partida será o edificio da subestación do Parque Eólico. Ata a pedrafita hai aproximadamente dous quilómetros. Débemos chegar ata o muíño sinalado co número 711 que está orientado cara ao suleste (polo menos era así no ano 1997). Antes de chegar á pedrafita, uns metros antes, pódese ver unha mámoa de tamaño medio.


Ángel Boga Moscoso no Fuso da Moura,
4 de novembro de 1997


Trátase dunha pedra de granito colocada verticalmente que mide dous metros e medio de altura e un perímetro máximo de un metro e 30 centímetros. Ten base cadrangular que se vai estreitando cara ao alto ata rematar dun xeito bastante estreito. A media altura ten unha profunda fenda ou escotadura que lle da un aspecto de lanza. As catro caras miden unha media de corenta centímetros na base; cara ao alto o aspecto xa é dun cilindro.  


O Fuso da Moura, 4 de novembro de 1997


Na base ten varias partes moi rebaixadas cun desbastado bastante tosco e a pedrafita atópase calzada con varios chantos que non sabemos si son os orixinais ou foron colocados de novo. Todos os líquens que cubren as súas caras non deixan ver si hai algún tipo de cazoleta ou calquera outra gravura.

O topónimo aparece no mapa topográfico nacional 1:25000 e seguramente non só fai referencia á pedrafita, senón tamén a toda a zona.















Fotografías do Fuso da Moura, realizadas o 4 de novembro de 1997 por Moncho e Ángel Boga Moscoso.

1 comentario:

  1. Segundo http://croasdeninhons.net/index.php/project/o-fuso-da-moura/ a pedra que está agora non é a orixinal
    ..."Fai tempo, a un canteiro da zona deulle por decotar e rabanar o Fuso da Moura. Pouco despois, ese mesmo canteiro arrepentiuse e quizabes se decatou da falcatruada que cometera contra a pedra sagrada. Movido polo arrepentimento, chantou no mesmo sitio un novo mollón en lembranza dun menhir que hoxendía igual forma parte dun cabazo, unha escada ou un alboio".

    ResponderEliminar