sábado, 9 de junio de 2012

Antas-dolmenes dos Chans do Iroite. Serra do Barbanza.

ANTAS-DOLMENES DOS CHANS DO IROITE. Serra do Barbanza

O horizonte tumular na Serra da Barbanza foi estudado desde hai xa moitos anos. A primeira catalogación de mámoas foi realizada por Florentino Cuevillas e Fermín bouza Brey  no libro conxunto "Prehistoria e Folclore do Barbanza" no ano 1927, aínda que hai estudos parciais anteriores. Coñécense máis de setenta mámoas, atopándose a concentración máis importante no alto da Serra do Barbanza, ocupando unha gran penechaira coñecida como Chans do Iroite. Nesta comarca existen megalitos considerados, tanto polas súas proporcións como polo seu estado de conservación, os mellores exemplares da arquitectura megalítica galega.

Para chegar aos Chans do Iroite. A gran necrópole magalítica dos Chans do Iroite está emprazada na penechaira do Barbanza e, para chegar, hai que coller a estrada de oito quilómetros que, virando á dereita en Moimenta (estrada de Noia a Boiro), leva ata a Base Aérea. Desde aí parte unha pista que leva ás aldeas de Balteiro e Noceda.

ANTA-DOLMEN CASOTA DO PÁRAMO

Para chegar. Seguindo a dirección Balteiro-Noceda, a dous quilómetros, atopamos unha encrucillada: á esquerda está a anta.

A cámara está moi derrubada. É un sepulcro poligonal con porta e corredor curto. Mide, no interior, tres metros e trinta e nove centímetros por tres metros e cincoenta centímetros i está formada por sete esteios, unha cabeceira, catro intermedias e dúas na entrada, que están orientadas ao Suleste.



Anta Casota do Páramo
no ano 1994. Foto Ramón Boga.

Nun esteio do corredor hai unhas gravuras a xeito de inscultura soliforme: un círculo con catro radios do que, das bandas laterais e da parte superior, saen outros diverxentes. A figura da parte superior é unha representación antropomorfa de problemático siñificado.



  Gravuras antropomorfas da Casota do Páramo segundo Agrafoxo.



Anta Casota do Páramo
no ano 1994. Foto Ramón Boga.

No ano 1983 Felipe Criado realizou unhas catas por medio das que se descubriron varios elementos importantes para completaren o estudo da estructura arquitectónica: existencia da lousa meridional do corredor, muro de mampostería para alongar o corredor e a aparición dun rego para asenta‑las lousas de suxección. Recentemente descubríronse restos de pintura.


Anta Casota do Páramo
no ano 1994. Foto Ramón Boga.



Planta segundo versión de Ramón Boga.


ANTA-DOLMEN DO ARMADOIRO nº 1

Para chegar. Atópase asentada nun penichán a trescentos metros ao Suleste da Casota do Páramo.



Planta segundo versión de Ramón Boga.



Vista da Anta do Armadoiro nº 1.
 Fotografía do ano 1994, Ramón Boga.

Está formado por catro esteios dos que o meirande mide un metro de cincoenta e seis centímetros na altura. É doado dicir que probablemente non tería porta de acceso e que quizáis non sobresaíse da mámoa. Pertence ao tipo de moimentos de cámara poligonal pechada.



Fotografía do ano 1994, Ramón Boga.


ANTA-DOLMEN DO ARMADOIRO nº 2

Atópase nunha mámoa de tamaño medio que acada unha altura máxima de 90 cms.  O aspecto exterior caracterízase pola presenza dunha espesa vexetación de toxo baixo. Espalladas pola aba da mámoa hai abundantes esteos graníticos de tamaño mediano nos tramos inferiores do túmolo o que posiblemente sexa indicio da presenza dunha coiraza pétres de recubrimento.





A camara: do túmulo sobresae a cabeceira de dous esteos que forman ángulo recto entre sí. Debido a esto é moi dificultoso deducir unha tipoloxía da anta de xeito que podemos estar diante dunha cámara cun acceso de atípica orientación.



Planta segundo versión de Ramón Boga.


ANTA-DOLMEN PEDRA DA XESTA nº 1

Atópase na parte meridional do penechán, nunha pequena depresión. Desde o Armadoiro hai que seguire camiñando cara ao tendido eléctrico.



Planta da Anta Pedra da Xesta nº 1 segundo Agrafoxo,
versión de  Ramón Boga.


Amosa cinco esteos pousados de canto, e unha lousa da cámara. Pertence ao grupo de megalitos rectángulares tipo cistas. Segundo Criado Boado, as lousas da periferia da mámoa non teñen función práctica. Entre as características máis salientabeis cabe destacar a coiraza exterior en torno á cámara a xeito de contraforte.



Anta Pedra da Xesta nº 1 na década de 1980.
 Fotografía de Agrafoxo.
 


Fotografía da Anta Pedra da Xesta nº 1. Méndez, 2010.

A mámoa está bastante destruida; sen embargo, como se dicía, conserva restos que parecen formar parte tanto da coiraza como do anel pétreo perimetral.


ANTA-DOLMEN PEDRA DA XESTA nº 2


Pedra da Xesta nº 2 no ano 2010.
Fidel Méndez Fernández.

Estamos diante dunha mámoa de pequenas dimensións cunha altura mámxima de 50 cms que acocha no interior unha cista de lousas de granito de mediano tamaño. O aspecto externo caracterízase por estar cuberta por unha espesa vexetación de monte baixo o que dificulta a apreciación das características arquitectónicas primitivas.



Planta segundo versión de Ramón Boga

A cámara megalítica do tipo cista consta posiblemente de seis esteos dos que tan só se conservan dous. Ao redor e parellas a un dos esteos hai unha serie de pedras que talvez formarían parte do sistema de contraforte do conxunto arquitectónico.





ANTAS-DOLMENES DE A CAVADA: nº 1 e nº 2

Son dúas pequenas antas emprazadas nun chan ao que se chega po‑lo camiño que pasa a carón da Casota do Páramo, a unhos quinientos metros.

A anta da Cavada nº 2 atópase á dereita do camiño.



Planta da Anta da Cavada nº 2 segundo Agrafoxo.
 

A estructura tumular está composta por moitas pedras miudas, contendo unha cámara de tipo irregular con corredor de acceso que se diferencia no alzado. 



A Anta da Cavada nº 2 no ano 1994.
Foto de Ramón Boga

A  cámara posúe unha profundidade de un metro e corenta e oito centímetros, tendo unha anchura máxima no senso Oeste-Leste de cincuenta e oito centímetros. Tódos os esteos sobresaen por enriba de masa tumular. Está en bastante bo estado de conservación.

A cámara é das do tipo poligonal irregular con corredor mal conservado do que só se deixa ver un esteo. O interior da cámara é de escasas dimensións e o seu chan está cuberto por unha densa capa de musgo, baixo o que se acumulan depósitos de terra e pedras. O número de esteos aparente é de oito.



A Anta da Cavada nº 2 no ano 1993.

O corredor de aceso está perfectamente diferenciado no alzado, pero non tanto na planta. Só conserva o esteo septentrional que está desprazado lixeiramente da súa ubicación orixinal. Descoñécese o tamaño do corredor, pero é posible que segundo as dimensións da cámara, trátese dun corredor cun só tramo.

A Anta da Cavada nº 1. coñecese polo nome de Mámoa do Carcaixal e atópase a cen ms en dirección suleste da anterior. 



Planta segundo Agrafoxo (ver bibliografía).
 Debuxo de Ramón Boga.

Só amosa catro esteios, faltando os da cara Sul, polo que é moi difícil recoñecer a forma da cámara megalítica. O esteo que aquí se sinala co número cinco, seguindo as agullas do reloxo, do que se pode aventurar que probablemente formase a cabeceira da cámara tendo en conta a orientación, acada un máximo de un metro e corenta e dous centímetros, e sobresae noventa e catro centímetros.

 
A Anta da Cavada nº 2 no ano 1993. Ramón Boga

O esteo número catro, situado a continuación do anterior, superponse con aquel no senso lonxitudinal, e sobresae cento dous centímetros. No ancho mide ao redor de noventa e nove centímetros.



A Anta da Cavada nº 1 no ano 1994.
Ramón Boga 



ANTA-DOLMEN ARCA DO BARBANZA

Atópase un quilómetro cara ao Sul, seguendo o leito do río Barbanza, no fondo dun val estreito.



Planta da Arca do Barbanza segundo Agrafoxo.
Debuxo de Ramón Boga.
  
A estrutura da cámara é poligonal regular con corredor de entrada. A planta ten forma triangular diferenciándose no alzado e na planta a cámara do corredor. Mide cáseque oito metros de lonxitude, dos que tres metros e corenta centímetros pertencen á cámara.



A Arca do Barbanza, fotografía de Ramón Boga

Aparte das pedras cobertoras, conserva trece esteios e unha coiraza de pedra que serve para suxeita‑las pedras do megalito. O esteio meirande da cámara sobresae un metro e oitenta e sete centímetros, e no ancho posúe un metro e oitenta e nove centímetros aproximadamente. Falta o esteio da cabeceira. Recentemente descubríronse restos de pintura.



A Arca do Barbanza, fotografía de Ramón Boga



A Arca do Barbanza, fotografía de Ramón Boga



Fotografías realizadas no ano 1993
por Ramón Boga Moscoso. 



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.


ANTA-DOLMEN DO OUTEIRO REDONDO DA BRAÑA DE PRADOS

Atópase a unhos seiscentos metros en liña recta da Arca. Hai que subir en dirección Leste ata unha meseta na que hai unha gran rocha oval: a corenta metros emprázase a mámoa.




Está formada por sete esteos e atópase bastante esnaquiza­da. Conserva restos da coiraza de pedra compactada e existe un contraforte sobre o que se apoian os esteos da cámara. Ista anta posúe dimensións máis ben pequenas: o primeiro chanto acada no alto os corenta centímetros e no ancho cerca de oitenta e cinco. O esteo meirande acada para a altura os oitenta e catro metros e na anchura cerca de oitenta e cinco centímetros A mámoa, que acada unha dimensións máis grandes que a media, cubriría o megalito cuia clasificación tipolóxica é dificultosa debido ao grado de alteración no que se atopa.


 
Fotografías realizadas no ano 1994 por Ramón Boga Moscoso.



Planta da Anta Outeiro Redondo das
Brañas de Prado, segundo Agrafoxo.


ANTA-DOLMEN CASOTA DO FUSIÑO

Unha vez na Portela, hai que pasar a ponte con dirección ao parque eólico, e ir por unha corredoira á dereita: a pouco menos de medio quilómetro vese o Outeiro e os esteios da Anta.



Fotografías do ano 1994 por Ramón Boga.

Sitúase a dous quilómetros e medio da Arca, seguendo o curso do río Barbanza. Pódese chegar tamén po‑lo camiño que vai de Noceda a Montañó. Sen embargo é máis doado coller a pista que atravesa o penechán desde o Cruceiro de Moldes ata a estrada xeral de A Póboa‑Boiro.



Fotografías do ano 1994 por Ramón Boga.

A estrutura tumular é de forma ovalada composta de terra e pedras pequenas. Está formada por once esteos e a forma é poligonal na cámara e no corredor. Os esteios non sobresaen, en xeral, máis dun metro e cincoenta centímetros. Aquila mide catro metros e cinco centímetros por tres metros e dez centímetros, tendo a entrada polo Noroeste. No eixo cámara‑corredor mide sete metros e corenta e catro centímetros po‑o que é, despóis da Arca, o megalito meirande do Barbanza.



Planta da Anta Casota do Fusiño,
segundo Agrafoxo. Debuxo de Ramón  Boga



ETNOGRAFÍA DOS CHANS DO IROITE.

 Seguindo a Agrafoxo Pérez, vou a sinalar un dos fitos que contribúe a caracterizar a semblanza arqueolóxica-lexendaria-etnográfica da extraordinaria necrópole megalítica dos Chans do Iroite. Agrafoxo, á parte de recoller as lendas dos propios veciños da zona, tivo en conta tamén os traballos de recolleita elaborados por Cuevillas e Bouza Brey no ano 1927. Como veremos, os relatos anotados non fan máis que afondar na inmensa riqueza de seres mitolóxicos que poboan todo o noso universo imaxinario. 

Por un lado, Agrafoxo organiza toda a bagaxe mitolóxica seguindo os criterios de "quenes son os moradores",  " os tesouros",  "a galiña dos pitos de ouro" e a "orientación das cámaras megalíticas". 

Elaborando un pequeno resumo sabemos, a través da sabia cultura tradicional, que os mouros vivían nas mámoas, que os mouros votounos de aquí Santiago Apósto e choraban polos seus tesouros que quedaron aquí.  Os haberes de sete reinados (riquezas, tesouros) están entre Brañiñas e Brañas de Prados ou: de Mazaricos a Braña de Prados hai os haberes de sete reinados. Ou ben: "Debaixo do Outeiro Redondo da Braña de Prados hai tres cabalos de ouro".  Unha ola de ouro na Braña do Carcaixal ou os tesouros que gradan as mámoas postos alí polos románs ou polos mouros, son outras das características das enormes riquezas que se gardan debaixo das nosas mámoas segundo os nosos maiores.

A Galiña dos pitos de ouro: na mámoa da Cavada había unha galiña con quince pitos de ouro, pero aínda que se intentase, non se podían coller (aparecían sempre na primaveira).

Saúdos e sorte!!! 
Desde Sigrás.

 



 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario