Amosando publicacións coa etiqueta Terra da Paradanta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra da Paradanta. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de abril de 2026

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DAS ESTANTEGAS OU MARCO DAS TRANTAS. Santa Mariña do Covelo, Covelo.

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DAS ESTANTEGAS OU MARCO DAS TRANTAS

PEDRAFITA DO COTO DE ALDIR II

"¿Puede haber algo más ridículo que la pretensión de que un hombre tenga derecho a matarme porque habita al otro lado del agua y su príncipe tiene una querella con el mío aunque yo no la tenga con él?".

Blaise Pascal



Debuxo de Moncho Boga, 2026.

E sigo nas agarimosas terras de Covelo, nas a veces abruptas terras de fronteira, nas a veces rudas estampas dunha naturaleza case salvaxe, humanizada e representativa, de numerosos elementos arquitectónicos, prehistóricos, naturais, que caracterizan a antiga e case desaparecida Galicia rural.


De mapcarta.

Sigo no Coto de Aldir, lugar de pleitos desde sempre, lugar de loitas enconadas polos límites, polos lindeiros, polos marcos... Loita pola pertenza, pola posesión entre varias parroquias, como acontece en toda Galicia. Sen embargo non é a miña misión decidir o lugar de pertenza deste pequeno anaco do Coto de Aldir, desta penecharia onde se asentan dúas características pedrafitas. Un outeiro talvez máxico, sagrado, rodeado de penedos con cazoliñas de diverso tamaño, de penas como tronos, de penas de reis, de minas de auga, mananciais, de necrópoles megalíticas, de poboados castrexos e, por suposto, de dúas pedrafitas que caracterizan este sobranceiro santuario.


De Alberte Reboreda, ver bibl.

Como estaba a relatar na entrada anterior, a chaira con lixeira inclinación, onde se asentan estas dúas e mais que probables pedrafitas, forma parte dun gran outeiro sagrado (de altarius), un santuario ao aire libre onde se amosan todos os ingredientes que permiten a afirmación desta paraxe coma un santuario prehistórico que se mantivo como un fósil desde a prehistoria ata hoxe en día.


Unha vista da Casa Museo Pazo da Cruz.

A segunda pedrafita desta pequena chaira conservouse ergueita debido á súa reutilización como marco de término, probablemente como as "petra fictas" que aparecen profusamente na documentación medieval galega. E, posiblemente tamén, reutilizouse neste senso debido ao seu carácter simbólico, debido a que constituiuse como un referente para as mentalidades desde a prehistoria, desde os homes que a chantaron nese lugar: mesmo referente, diferentes funcións, distintos significados.


Fotografía do Libo de Alberte Reboreda
sobre a parroquia de Santa Mariña. Ver bibl.

Como apostillaba con respecto á Pedrafita do Coto de Aldir I (e segundo os estudos de Alberte Reboreda) o topónimo Aldir aparece documentado por vez primeira no ano 1151, contituíndose nun Couto medieval situado en Santa Mariña de Covelo, dando nome ao "principal outeiro da nosa parroquia", nun documento do mosteiro cisterciense de Melón. Non é descabelado pensar que a nosa pedrafita xa funcionase daquila como marco delimitador do Couto.


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

No ano 1756, nun apeo parroquial entre as parroquias de Santiago e Santa Mariña de Covelo co título "Demarcacións que circundan esta Feligresía de Santiago de Covelo y su anejo San Bartolomé de la Lamosa. Por Cuevas ano de 1756",  aparece por vez primeira a pedrafita con nome propio: 

"Comienza esta Feligresía de Santiago de Covelo a demarcar por la esquina del Norte con la de / Santa Marina, mas abajo del Coto ó piedra llamada de las Estantegas, en el que se junta con la de Maceira con Covelo."


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Noutro documento de deslinde do ano 1850 entre as mesmas parroquias (promovido polo Alcalde-Pedáneo de Santiago de Covelo) sinálanse os marcos ou mollóns que delimitan ambas as dúas parroquias: "...Piedra de las Estantegas y Coto del Monumento..." Segundo Alberte Reboreda, hoxe en día coñécese co nome deturpado de Marco das Trantas.


Gravura coa "P" de Parada.
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Seguindo a Martinón Torres (ver bibl.) os megálitos de término carcterízanse ou teñen asociados tres grandes valores apreciados con distinta intensidade en función dos diversos contextos territoriais a saber, un valor simbóico-mítico, un  papel histórico-arqueolóxico e un valor social-territorial. Este emprego como marcadores dun territorio foise perdendo ao longo do tempo ata que quedou case exclusivamente circunscrito ás delimitacións das parroquias, concellos e incluso provincias. Martinón destaca a particular evolución desa consideración social-territorial sobre todo desde a Idade Media: o labrego medieval empregaba como demarcadores uns fitos que xa estruturaban a paisaxe, o territorio, desde sempre. Polo tanto tamén tiña, ese fito reutilizado, un valor mítico, un referente máxico. 


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Malia que a partir do século XVII a función territorial foi desaparecendo, moitos monumentos megalíticos -engadindo ás mámoas- foron perdendo eses valores e polo tanto xa deixaron de ser imprescindibles. A nosa pedrafita constitúe un exemplo da persistencia do aproveitamento ao longo da noite dos tempos. Aínda  que os que construiron os megálitos desapareceron fai miles de anos, as súas construcións permaneceron na paisaxe impertérritas e, polo tanto, foron obxecto de novos usos: novas sociedades e novas culturas foron outorgándolles outros significados e diferentes funcións. Por todo iso non podemos estar mais de acordo con Martinón cando considera que estes singulares monumentos son depositarios de memorias colectivas ancestrais e acumulativas.



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

A Pedrafita-menhir das Estantegas ou Marco das Trantas mide ao redor un metro e setenta e cinco centímetros. Este marco, este mollón, froito da reconversión dunha pedrafita megalítica nun elemento para acoutar un territorio (valor social-territorial), amosa nas súas caras as letras "C", "M" e "P" que posiblemente se correspondan coas parroquias de Covelo, Maceiras e Pazos. Tamén hai inscrita unha data: 1871. 



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Trátase dun esteo de tipo medio coa base cadrangular (moi achanzada nas arestas) que se vai convertendo en triangular e vaise continuando ata diminuir na croa para adquirir unha forma mais redondeada, case cónica. O mais interesante ao meu xuizo é o claro aspecto fálico que se debe á forma da croa e ás pequenas escotaduras que formarían ou darían lugar ao glande. Na base, unha protuberancia talvez represente os testículos,  como acontece no Marco da Anta no concello coruñés de A Laracha. As características mais salientables das pedrafitas de "tipo fálico" son: a curvatura da croa; caras rectas e convexas (norte e sur respectivamente); gravuras como coviñas, cruciformes, ferraduras e antropomorfos. Malia todas istas características, as pedrafitas poden tamén participar de varias manifestacións simbólicas e tamén funcionais e dicir, participan de varias tipoloxías.



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Recompilando: o testículo na base (a raíz, unida á pelvis), logo a parte principal ou corpo (parte cilíndrica) cunha parte cóncava e a outra lixeirramente convexa, case recta e, por último, o glande (a punta) ou parte redondeada, cónica. Todo elo confírelle unha espectacular apariencia de falo.

Seguindo as minuciosas investigacións de Alberte Alonso, os cultos que xiran ao redor da fertilidade son de orixe prehistórico: a práctica dunha xeira de rituais para estimular e protexer a fecundidade vexetal, animal e humana. As pedrafitas fálicas estaban a cumplir funcións relixiosas e a súa finonomía asóciase ao culto da fertilidade: xenera renacemento, vida e fertilidade; a forza creativa e fecundadora. 


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Debido á situación desta pedrafita, á beira dunha anta desaparecida, á cercanía doutras tres e ao discorrer dun camaiño primitivo, tamén considero que pode adscribirse á función de pedrafita anunciadora da necrópole megalítica, coma un fito que nos anuncia o lugar da morte, o solar dos ancestros.

Redundando no carácter máxico do outeiro do Coto de Aldir, engadir a cercanía do manancial chamado Mina do Coto de Aldir, as numerosas penedas con cazoliñas de diverso tamaño que delimitan todo o contorno inmediato, as formacións rochosas de formas caprichosas, a necrópole megalítica, o castro, os camiños prehistóricos..., todo iso fai que, á beira destas dúas fermosas pedrafitas, lle confiran a esta paraxe unha cualidade con carácter de seu.


No outro lado da estrada pódese ver a Pedrafita
de Aldir I.
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Para rematar, unhas breves consideracións toponímicas.  Con respecto ao topónimo "Estantegas"  pódese presumir que procede da base "estant-", vencellado con "estar", "permanecer", sitio onde algo se mantén. Mais o sufixo abundancial "-egas", o que viría a dar "lugar onde algo está asentado ou que se mantén". Significaría algo así como aquilo que está de pé, estable. Si o vencellamos co cercano manancial da Mina do Coto poderíamos aventurar que significa zona de rechán onde a auga do manancial queda retida ou rezuma, como terras estancadas. En suma, terras de ladeira onde a auga do manancial permanece, formando un terreo húmido ou encharcado. Pero tamén onde as pedrafitas permanecen, duradeiras e silentes. O topónimo "Trantas" co que tamén se coñece esta pedrafita, é probable que se forme coa raíz "tras- / trans-" que significa "ao outro lado de" ou "mais aló de". A terminación "-as" moitas veces é un plural típico de zonas ou terreos determinados, polo que o topónimo significaría "terreno que está ao outro lade de..."


Fonte Mina do Coto de Aldir.
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Un sinceiro agradecemento ás informacións de Maximino Fernández Sendín sobre esta sobranceira zona e un silencioso grito de ánimo na súa  teimuda procura para erguer no seu estado vertical a pedrafita do Coto de Aldir I, feito que por fin semella que vai por bo camiño, segundo as propias informacións de Maximino. Saúdos Maximino e moitas grazas por todo.


EN SIGRÁS, COAS PRIMEIRAS RAIOLAS DOS SOL DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!



BIBLIOGRAFÍA E ENLACES INSOSLAIABLES


Marcos Martinón-Torres: "Los megalitos de término. Crónica del valor territorial de los monumento megalíticos a partir de las fuentes escritas." Trabajos de Prehistoria 58, nº 1, 2001, pp. 95 a 108.

Alberte Reboreda, 2022: "Santa Mariña de Covelo. Notas de toponimia, historia e Patrimonio". Imprime: Aceroplus-Ponteareas. Concello de Covelo e Deputación de Pontevedra.

Parcero Oubiña, César: " Lectura de la transición Bronce Final-Edad del Hierro en el NO ibérico. Dinámicas sociales y surgimiento del poblamiento fortificado". CSIC-INCIPIT.

http://www.casamuseopazodacruz.com/

https://www.facebook.com/CasaMuseoPazoDaCruz/?locale=es_ES

https://www.facebook.com/search/top/?q=Maximino%20Fernadez%20Send%C3%ADn

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://mapcarta.com/es/N1242456128

https://www.facebook.com/maximino.fernandezsendin/videos/coto-de-aldiri-covelo-pontevedra-santuario-prehist%C3%B3rico-en-%C3%A9l-se-registran-un-gr/1652135302623400/

https://www.facebook.com/groups/250663839378459/posts/1596498818128281/

https://www.diarioluso-galaico.com/articulo/area-metropolitana/covelo-municipio-entre-montanas-que-conserva-esencia-rural-galicia/20260316171254062745.html

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Cruz+outa


mércores, 1 de abril de 2026

PEDRAFITA-MENHIR DO COTO DE ALDIR I. Santa Mariña de Covelo. Covelo

PEDRAFITA-MENHIR DO COTO DE ALDIR I

PEDRAFITA DO COTO DE ALDIR I

"No sé con qué armas se luchará en la Tercera Guerra Mundial, pero sí sé con cuáles lo harán en la Cuarta Guerra Mundial: palos y mazas".

Albert Einstein


                                     Debuxo de Moncho Boga, 2026.



Unha vez mais, outra, volto ás sureñas terras da Paradanta, volto ao Concello de Covelo. Dicía ao sur: no sur de Galicia, no sur da provincia de Pontevedra, custodiado entre os cordais montesios dos Montes de Paradanta, da Serra do Suído e o Faro de Avión..., Covelo aparece incrustado como unha illa que amosa unha inxente e interesante riqueza tanto natural coma do patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico.


Mapa extraído de: www.diarioluso-galaico

Nalgunhas páxinas adicadas a ensalzar estes valores dise que mantén viva a esencia do mundo rural galego así coma un legado histórico de especial relevancia. E é certo.


Fotografía do libro de Alberte Reboreda, ver bibl.

Na seguinte entrada deste blogue refexionarei sobre outra pedrafita moi pretiño desta e así tentarei completar unha visión de conxunto ao redor deste singular emprazamento.

Como prácticamente todos os actuais concellos galegos, Covelo creouse como tal no ano 1836 e aglutina ou confórmase perante catorce parroquias. A capital municipal, onde está a Casa do Concello, é a parroquia de Santiago de Covelo.



Portalón de entrada do Museo etnográfico do Pazo da Cruz.

Ao longo da historia, aparte dos interesantes vestixios prehistóricos, o territorio que hoxe abrangue Covelo, estivo suxeito a diversas xurisdicións, pertencentes aos Condes de Amarante, ao Marqués de Sobroso e a distintos mosteiros como os de Melón ou A Franqueira.



Mapa 1:25000 onde aparede o Coto de Altir. Topográfico Nacional.

A parroquia de Santa Mariña, segundo os estudos de Alberte Reboreda, atópase ou serve de transición estre as terras do Alto Tea ou Val de Tielas e o curso medio deste fermoso e espectacular río. É polo tanto unha terra de tránsito desde sempre e para sempre: sucada por vías e camiños, camiños e vías prehistóricas, roteiros dos mais importantes da antiga provincia de Tui. Destaca o camiño que levaba desde o Peirao de Redondela ata Ribadavia a través da Ponte de Cernadelas e A Caniza. Hoxe en día as vías de comunicación mais importantes son a estrada PO-261 (Mondariz-Maceira) e a N-12 (Vigo-Logroño).


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2024.

O Coto de Aldir, onde se ubica a nosa pedrafita, atópase documentado por primeira vez no ano 1151 e Santa Mariña, desde o ano 1198 cando pertencía ao Mosteiro de Melón. Na Idade Moderna aparece adscrita ao Mosteiro de A Franqueira. Aldir, neste senso, foi un auténtico omphalos, embigo, do Couto que se atopa no Outeiro ou Couto de Aldir: na actualidade é todo un xacemento arqueolóxico. O Couto foi así, segundo Reboreda, en orixe un Castro, para logo converterse nunha fortaleza medieval. Aldir non só nomea a ise máxico e lexendario lugar, senón que tamén constitúe un topónimo único.


As hipotéticas gravuras. Foto de Sendín, 2024.

A posible e probable pedrafita da que hoxe me estou a ocupar, atópase abatida, tirada no chan, entre outras pedras, nunha paraxe chaira do Coto de Aldir, na parroquia de Santa Mariña de Covelo. Foi atopada por Maximino Fernández Sendín: este incansable loitador pola conservación das cousas de antes, rexenta a Casa-museo Etnográfico do Pazo da Cruz, onde se atopa a sé do Centro de Estudos de A Paradanta e O Condado. 



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2024.

Segundo a descrición de Maximino Fernández, estamos diante dun enorme monolito de mais de tres metros de altura que se atopa hoxe en día (ano 2024) tumbado e facendo de peche dunha finca. Nas súas minuciosas pescudas averiguou que a pedrafita (segundo relato do presidente da Comunidade de Montes de Covelo Alex Cendón) foi trasladada no ano 2007 desde un lugar a menos de cen metros cando se estaban a realizar as obras de mellora e ensanchamento da estrada Covelo-Maceira.



As hipotéticas gravuras. Foto de Sendín, 2024.

A pedrafita do Coto de Aldir amosa forma cadrangular moi redondeada nas esquinas conferíndolle un aspecto cilíndrico a medida que vai chegando á croa: a feitura aé moi basta e é probale que nalgunha das súas caras apareza algunha gravura. Polas fotos de que dispoño non se aprecia cazoliña algunha, pero sí algunhas liñas que talvez sexan prehistóricas, á beira doutras modernas. 



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2024.

A súa situación nunha pequena chaira, preto dun panel de petróglifos e dunha necrópole megalítica a menos de cincoenta metros, un castro (exemplo de recinto de transición  entre o Bronce Final e a Idade do Ferro), a presenza dun camiño prehistórico, a existencia dun manancial (Mina de Auga)..., todo iso fala elocuentemente dunha área vista como lugar sagrado desde sempre, como un referente para as xentes de todas as épocas e idades. 


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Conta Maximino que hai xa algúns anos, moi preto da pedrafita, aparecía unha mámoa con tres ou catro chantos da cámara que era coñecida como a "Tumba dos Mouros". Así mesmo recolleu a seguite lenda ou copliña da zona: "Coto de Aldir, camiño de carro, hai ouro para sete reinados". Polo tanto, segundo Maximino, a pedrafita segue a atoparse en pleno contexto arqueolóxico, un probable "santuario prehistórico", como se defende desde diversos ámbitos e desde diversas consideracións doutros tantos estudosos do tema. 


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Como acontece en tantas outras pedrafitas galegas, a do Coto de Adir podería funcionar, na súa orixe megalítica, como unha especie de fito anunciador da necrópole megalítica. Tamén, ao estar á beira do Castro do Coto de Adir, podería talvez marcar un cruzamento viario dos posibles camiños que partirían do castro. Só si a pedrafita volta a estar erqueita, poderíamos saber algo mais sobre a súa fasquía, e debuxar un esquema xeral para achegarmonos a un coñecemento pormenorizado ao redor da forma, función, estrutura...


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Estamos, como ben mantén o descubridor da pedrafita, diante dun lugar especial, no contorno dun contexto arqueolóxico de relevancia sustancial. Por iso non podemos permanecer impasibles diante dos denodados esforzos deste incansable loitador para voltar a erguer a pedrafita na posición vertical. Non entendemos como nin as autoridades municipais nin os comuneiros son tan reaccios a erixir novamente a pedrafita: podería ser mais doado o seu estudo e converteríase nun elemento espectacular como recurso arqueolóxico visitable. Non debemos esquecernos que o turismo arqueolóxico (e sobre todo o megalítico) ten cada vez mais demanda entre o denominado "turismo cultural". Estou convencido que sería un elemento de primeiro orde que pasaría a engrosar o xa de por sí inxente patrimonio deste recuncho das Terras da Paradanta. Unha mágoa.



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Desde aquí, desde este humilde foro, non podemos mais que animar os esforzos deste incansable loitador pola defensa destes esquecidos e humildes elementos que xalonan por centos a nosa terra.

Coma noutras pedrafitas ggalegas, é interesante a relación directa coa máxica sacralidade dos mananciais e do nacemento dos ríos, acompañadas das fontes: a sacralidade do culto ás fontes está ben documentada en Galicia a saber, son os lugares sacros por antonomasia. Os ríos, as fontes, artellaron tanto os hábitats como as vías de comunicación desde a prehistoria. Por iso a relación directa da nosa pedrafita coa Mina de Auga cercana e a importante vía de comunicación que circula ao seu carón.


Posible panel de petróglifos.
Foto de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Para case rematar, aí vai unha interpretación hipotética do significado do topónimo "aldir": é probable que teña orixe prerromana de xeito que se fai proceder da raíz "ald-" ou ben "alt-", vencellada a un lugar alto, a unha elevación, a un outeiro..., e dicir, un emprazamento prominente, elevado do terreno, feito que encaixa perfectamente coa configuración orográfica do contorno.


Planta do Castro do Coto de Aldir.
En César Parcero Oubiña, ver bibl.

Debo agradecer a mediación do querido amigo Alberte Alonso para conseguir nun prazo de tempo "record" as fotografías que tomou o señor Maximino Fernández e, así mesmo, como non, agradecer a éste o permiso para publicar esas fotografías no presente blogue. Grazas a ambos os dous.


EN SIGRÁS, NAS AUGAS MIL DE 2026.
SAUDE, SORTE E LIBROS!!!

NON Á GUERRA!!!

BIBLIOGRAFÍA E ENLACES

Alberte Reboreda, 2022: "Santa Mariña de Covelo. Notas de toponimia, historia e Patrimonio". Imprime: Aceroplus-Ponteareas. Concello de Covelo e Deputación de Pontevedra.

Parcero Oubiña, César: " Lectura de la transición Bronce Final-Edad del Hierro en el NO ibérico. Dinámicas sociales y surgimiento del poblamiento fortificado". CSIC-INCIPIT.

http://www.casamuseopazodacruz.com/

https://www.facebook.com/CasaMuseoPazoDaCruz/?locale=es_ES

https://www.facebook.com/search/top/?q=Maximino%20Fernadez%20Send%C3%ADn

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://mapcarta.com/es/N1242456128

https://www.facebook.com/maximino.fernandezsendin/videos/coto-de-aldiri-covelo-pontevedra-santuario-prehist%C3%B3rico-en-%C3%A9l-se-registran-un-gr/1652135302623400/

https://www.facebook.com/groups/250663839378459/posts/1596498818128281/

https://www.diarioluso-galaico.com/articulo/area-metropolitana/covelo-municipio-entre-montanas-que-conserva-esencia-rural-galicia/20260316171254062745.html

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Cruz+outa

venres, 7 de febreiro de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA PEDRA POUSADEIRA- San Miguel de Cequeliños, Arbo.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA PEDRA POUSADEIRA

"El sentido del conocimiento, y, por tanto, también la medida de su autonomía, no se puede explicar de ningún modo si no es mediante el recurso a su relación con el interés."

Jürgen Habermas: "Conocimiento e interés". Ed. Taurus.



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.
                                                                                                                                                  
                
Hoxe vou retornar á Terra da Paradanta, ao Concello de Arbo, territorio vagoroso, entre montañas e grandes vales encaixonados ao redor do río Miño, do noso río, do Río por antonomasia.




Fotografía de megaliticiablogspot.com

O Concello de Arbo atópase, no entanto, entre os Montes da Paradanta e a ribeira do Miño, que fai de fronteira natural e administrativa entre Portugal e España. Trátase do curso baixo do Miño, entre Salvaterra e Crecente, ao redor de vintecinco quilómetros, no sureste da Provincia de Pontevedra. Os outros lindeiros do Concello de Arbo son os concellos de As Neves, A Cañiza e Crecente.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

Os restos maltratados da Anta Mámoa da Pousadeira atópanse nunha zona  montesía e a eles accédese por unha pista sen asfaltar, polo que chegar a ela é moi dificultoso. Para non perderse, o mellor é dispoñer dun XPS. Aínda así, malia complicación  para atopala, o último tramo hai que facelo andando: desde a estrada PO-400 hai que desviarse cara á estrada E-5204 á esquerda. Pouco mais ou menos ubícase entre os lugares de A Fenteira ao norte e A Muraña ao oeste; a Cigarreira cara ao leste. En definitiva, aínda que pertence á parroquia de San Miguel de Cequeliños, ben puido funcionar, noutrora, como fito demarcatorio entre a devandita parroquia e San Cristrovo de Mourentán.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

A Anta atópase moi esnaquizada e chea de silvas e vexetación invasiva e está circundada por un valo de madeira para protexela. O estado de conservación é extremadamente malo. Polas fotografías de que dispoño pódese inferir que se están a conservar cinco esteos descolocados nun gran funil de violación que debe afectar a toda a estrutura tumular e arquitectónica. Toda esta área atópase ben representada a nivel toponímico con términos como Mourentán ou A Moura, que se aplica a unha parroquia, a camiños, a montes e a petróglifos.

O topónimo pousadoira ou pousadeira fai xeralmente referencia a terrenos especialmente preparados, algo así como unha plataforma, unha pequena chaira. Pola situación orográfica considero que neste caso pode facer referencia a lugares de pasto, asentamentos de verán, cuxo significado sería equivalente ao de "brañas". Tamén pode aludir a un lugar de descanso, como adoitaba acontecer nas vías transitadas, onde había lugares onde descansar, onde "pousar" as mercadurías.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

                  
En toda esta área hai unha boa representación de petróglifos, unha mámoa mais e, no Concello, a necrópole megalítica de Chan do Rei. O camiño-pista que serpentea preto da anta denomínase Sendeiro da Moura e, non moi lonxe, atópase o Couto da Moura.  Petróglifos como os de Fentiño Verde, Couto da Moura, Fanacabritos ou Pousadeira falan elocuentemente da potencia arqueolóxica desta zona. Desde o Coto da Moura unhas extraordinarias panorámicas permiten vislumbrar boa parte do Val do Río Deva e un extenso horizonte das paisaxes da beira portuguesa.



Ruta da Moura. Concello de Arbo.

Precisamente, polos lugares aledaños serpentea a Ruta da Moura: trátase dun sendeiro circular de dificultade media. Entre os nove quilómetros e medio e os once, si se sigue a derivación que leva  ás ribeiras do río Deva, tributario do Miño. Aldeas abandonadas, muíños, fragas de ribeira... Comenza e finaliza na Ponte de Mourentán. Nun dos tramos mais maltratados paisaxísticamente, atópase o Couto da moura, plagado de petróglifos, así como a Mámoa da Pousadoira, que non se inclúe no percorrido. 



Sendeiro da Moura, pdf do Concello de Arbo.



Museo Arabo. Foto Concello de Arbo.

Arbo, un concello talvez sublime, talvez fermoso, espléndido sen dúbida, amosa certamente valores incontestables e, nos últimos anos, está loitando denodadamente por recuperar poboación e por poñer en valor os múltiples valores e recursos dos que dispón con profusión, a través do patrimonio histórico-artístico, natural, arqueolóxico, paisaxístico, antropolóxico... Entre os roteiros para coñecer este excelente patrimonio, destacamos os seguintes: Ruta dos Pescadores, Ruta das Pesqueiras, Paseo Fluvial do río Miño-Deva e o xa sinalado Sendeiro da Moura. 



Petróglifo de Fanacabritos.
Fotografía de megaliticiablogspot.com


Terra de Albariños e Condados e, sobre todo, capital mundial da Lamprea. O Museo Arabo está adicado precisamente a amosar o mundo do viño e da lamprea, ensinando un variado universo enogastronómico vencellado a unha milenaria cultura. É así que o río Miño e a Lamprea seguen a ocupar un lugar central: as Pesqueiras ou Pescos, que aínda se están a conservar e a utilizar, son o prototipo de construción como síntesis perfecta entre arquitectura e enxeñería, un modo de vida para a economía local. Séguese, hoxendía, a empregar na pesca da lamprea esa técnica ancestral.



Unha Pesqueira no río Miño en Arbo. 
Foto, Concello de Arbo


Sempre merece a pena voltar ás profundas terras da Paradanta, ás terras do Miño, ao Concello de Arbo.

En Sigrás, nos turbulentos tempos de febreiro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



ONDE CONSULTAR ALGO MAIS

pousadeira.htmlhttps://megaliticia.blogspot.com/2015/11/mamoa-da-pedra-pousadeira.html
https://concellodearbo.es/eportal/portal/?id_seccion=110
https://concellodearbo.es/eportal/portal/?id_seccion=6
https://es.wikipedia.org/wiki/Arbo
https://concellodearbo.es/eportal/portal/?id_seccion=114
https://www.queverengalicia.com/2012/08/que-ver-en-arbo.html
file:///C:/Users/monchoboga/Downloads/Sendeiro%20da%20Moura%20Exterior%20(1).pdf
https://concellodearbo.es/eportal/portal/index.php?id_seccion=143
https://concellodearbo.es/eportal/portal/index.php?id_seccion=114
Planeamento urbanístico Arbo

venres, 26 de xullo de 2024

ANTA-DOLMEN MÁMOA DAS ACHAS. San Sebastián de As Achas, A Cañiza.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DAS ACHAS.

"Dicho contexto vuelve a situar esta fotografía en el tiempo, no en su propio tiempo original, pues eso es imposible, sino en el tiempo narrado. Este tiempo narrado construido ha de respetar el proceso de la memoria que pretende estimular"

John Berger: "Mirar". Ed. Hermann blume, Madrid 1987.



Debuxo idealizado da Anta Mámoa das Achas.
Ramón Boga Moscoso


As Achas, A Cañiza, Terra da Paradanta, Serra da Groba..., terras e xentes e paisaxes, e ríos e montes; terras soñadoras, talvez bucólicas, talvez recias e rudas, como as mulleres e os homes que mantiveron e humanizaron unhas paraxes que chegaron ata hoxe case sen cambios, fosilizados no tempo e no espazo. E tamén souberon adaptarse aos tempos. Terra de costumes arraigadas, terras de paso, case de fronteira, terras de montes. Terra tamén de romarías, de santuarios, de ritos suavizados polo cristianismo, de fontes e regatos milagreiros, cantaríns, rumorosos.



https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/a-caniza-116676186/photo-74870451


E aí, nun curruncho escondido, recóndito, atópase humilde, entre carballos, fentos, castiñeiros, musgo e bidueiros, a Anta das Achas. A Anta, compañeira doutros moitos elementos megalíticos destas lexendarias terras, fai honra á Paradanta, lugar de antas, pedra de pedra.



https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/a-caniza-116676186/photo-74870451


Antóxaseme curioso e sempre me pareceu chamativo (aínda que eu non son esperto nestes temas) que o topónimo "achas" faga referencia a un anaco de madeira "groso que resulta de fender un toro", segundo o diccionario da Real Academia Galega, e segundo a ancestral costume de todas as parroquias de Galicia. Sen dúbida "acha" significa eso e sempre foi así como nome común. Outra cousa é a súa idiosincrasia como topónimo: dentro dos meus cativos coñecementos ao redor da evolución toponímica, sempre pensei que si este lugar se denomina As Achas porque fendían moitos toros, entón en Galicia tería que haber centos de topónimos "achas", e isto non é así.




Foto Turismo A Cañiza.


Insisto, o que vou a expoñer aquí non é mais que unha simple intuición, talvez unha barbaridade, non ten base etimolóxico-científica algunha. Aí vou, de cabeza, sen paracaídas: se cadra este topónimo podería proceder de "archa", "d´archas" e por un lado derivou en "arcas"; polo outro, "archas" puido perder polo longo camiño da evolución o "r" para rematar converténdose en "achas". Polo tanto, segundo esta "estupenda" deducción, o topónimo Achas viría a significar Arcas e dicir, referiríase a antas, aos monumentos megalíticos funerarios.



Foto Turismo A Cañiza.


Son conscente do aventurado desta opinión e barrunto que podo estar a arroxarme polos procelosos e ignotos mundos siderais, nunha especie de ciencia ficción na interpretación do topónimo. Si é así, o sinto, non se voltará a repetir... Como diría Ana Boullón Agrelo, e seguro que con acerto sublime, probablemente este pode ser un bo exemplo de uso e abuso na interpretación dos topónimos. Por outra parte, despois de investigar por aquí e por alí, non atopei ningún investigador que manteña esta opinión. Que non o atopase, tampouco quere dicir que non exista... Excepto Navaza que considera moi probable que, pola súa morfoloxía, non sexa un fitotopónimo, o que parece conter a forma simple "acha".

Como estaba a dicir mais enriba, esta marabillosa anta atópase aloxada nunha preciosa paraxe, cuberta dunha frondosa vexetación adscrita ao bosque atlántico. Nas informacións do Concello diseño que foi escavada, pero podo confirmar indicutiblemente que no n foi obxecto de escavación arqueolóxica algunha. Probablemente refírense a que foi obxecto de violacións furtivas por parte dos piratas-filibusteiros buscadores de tesouros. 

Atópase sinalizada e forma parte da coñecida como Ruta de Petán, un senderio circular que percorre a zona do norte cara ao sur.

É probable que forme parte do grupo de monumentos megalíticos con pla9nta de forma poligonal e corredor desenvolvido, diferenciados tanto na planta como no alzado. Probablemente está a conservar seis ou sete esteos da cámara e algún outro do corredor. A mámoa debe acadar mais de trinta metros de diámetro, sendo das do tipo medio-grande.

En definitiva, e para rematar, unhas terras, as da Paradanta, que sempre merecerán unha visita, e non só polos monumentos megalíticos.


Saúde, sorte e libros!!!!!


PARA SABER ALGO MAIS, PERO POUCO MAIS

Gonzalo Navaza: "Fitotoponimia Galega", 2006 Fundación Barrié de la Maza. Tórculo Artes Gráficas, S.A.

https://www.caniza.org/es/turismo/ruta-de-senderismo/ruta-de-senderismo-da-cidade-castrexa-das-grades

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/a-caniza-116676186/photo-74870451 

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/prg-207-ruta-da-cidade-castrexa-das-grades-116985519

https://www.caniza.org/index.php/es/turismo/recunchos/mamoa-das-achas